Venres, 8 Agosto de 2025

Ponteareas asina o convenio para a mellora e mantemento do espazo público e xardíns de Covitea

A concelleira socialista de Vías e Obras, Chus Garrote, deu a coñecer que o pasado martes 13 de abril tivo lugar a sinatura do convenio entre o Concello de Ponteareas e a Comunidade de Propietarios na zona de Avenida Castelao, volta con rúa dos Amieiros e rúa das Lavandeiras, co obxecto de regular os dereitos e obrigas de ambas partes nos terreos ofertados pola Cooperativa Covitea, un espazo que agora pasará a ser de uso público.

A superficie alcanza 3.500 metros cadrados para a utilización pública de zonas interiores e xardíns. Trala sinatura do convenio o Concello de Ponteareas farase cargo do mantemento da praza pública e da zona axardinada, limpeza urbana, conservación do alumeado, así como dos elementos auxiliares de seguridade (varandas), incluída a cuberta xa existente na zona cedida.

Chus Garrote supervisou o avance das obras de recuperación e restauración desta nova praza praza pública, que foron adxudicadas por un importe de 10.974,57 euros de fondos propios, e que comprenden entre outras actuacións: lixado e pintado do soporte da estrutura de madeira, retirada e cuberta de tella, limpeza de solo, reparación de lousas de pavimento rotas así como rodapés.

“Agradezo a colaboración da veciñanza da urbanización Covitea e a súa paciencia ao longo tanto do proceso como do desenvolvemento das obras”, afirmou a concelleira socialista quen asegurou que, dende a súa área traballan “para que os veciños e veciñas, os nosos pequenos e os nosos maiores gocen do espazo público en consonancia coas liña marcadas polo Goberno de España e tamén pola Unión Europea. En colaboración coa cidadanía Ponteareas avanza e progresa en calidade de vida”.

Con esta actuación, Ponteareas mellora un espazo público para o encontro de veciñas e veciños que convida ao goce do tempo de lecer. A recuperación desta praza complétase con mobiliario urbano.

Medio Ambiente de Redondela pide a colaboración veciñal para dar co autor dun delito de maltrato animal na parroquia de Quintela

0

O Departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela vén de solicitar a colaboración da veciñanza para dar co paradeiro da persoa ou persoas que introduciron nunha bolsa de plástico 5 crías de gato recen nacidas e as tiraron dentro dun contedor do lixo do Camiño Verdeal da parroquia de Quintela.

Os animais foron atopados por unha veciña da zona que chamou a policía local poñendo estes o caso en coñecemento do departamento de Medio Ambiente. A veciña alértante indicou que dentro do contedor había tan só tres bolsas de lixo xunto a bolsa de cor azul que contiña os gatos.

click para ampliar

Con este dato e ao estar baleiro o contedor consultouse a hora no GPS do camión que recolleu ese contedor do lixo. Marcando a recollida do lixo está maña de 16 de abril as 10:06 horas. Tendo en conta que a veciña atopou os gatos as tres da tarde nun contedor baleiro o delito de maltrato animal produciuse a plena luz do día entre as 10 horas da mañá e as 15 horas da tar cando os animais foron atopados.

Dende a concellería de Medio Ambiente que xestiona Roberto Villar, solicitase a veciñanza “calquera información que puidera axudar sobre algún vehículo ou persoa a pé , que parara o lado do contedor do lixo situado no Camiño Verdeal en Quintal na franxa horaria dás 10 h as 15 horas”.

Dende o departamento de Medio Ambiente subliñan que este tipo de actos “son de especial gravidade e da máis baixa moral humana, estamos a falar de que eses animais de non ser atopados por persoas marabillosas acabarían afogados, esmagados, triturados no camión e incluso incinerados vivos”.

“Temos que usar estas palabras tan duras –sinala a Concellería– porque non estamos a falar dun abandono dos animais, estamos a falar de que as persoas que realizaron este acto atroz foi coa intención de matar. Resulta alarmante para o departamento deste Concello que coa situación que estamos a vivir nestes instantes toda a sociedade, aínda queden persoas capaces de realizar accións desprezables coma esta”.

Medio Ambiente pide a calquera persoa que poida ter información, que chame a policía local 986 40 26 10

Os animais foron trasladados a unha clínica veterinaria do municipio na que foron atendidos por orde do Departamento de Medio Ambiente e recollidos pola protectora Animais Sen Fronteiras que se fará cargo do seu coidado.

A Policía Local de Tui conta un vehículo eléctrico financiado cunha achega do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta

0

O alcalde de Tui, Enrique  Cabaleiro, recibiu esta semana, na Casa do Concello, á directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto ao membros da corporación municipal de Tui. O obxecto da visita foi comprobar o funcionamento do vehículo eléctrico, un Hyundai Kona, adquirido polo Concello de Tui grazas á achega de 38.349,74 € deste departamento autonómico. O investimento realizado inclúe tanto o importe da adquisición do vehículo coma a instalación dun punto de recarga na nave municipal en Guillarei.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradecía a colaboración da Xunta de Galicia co Concello de Tui na compra deste vehículo eléctrico destinado á Policía Local. Con esta adquisición, dicía o rexedor “buscamos renovar o parque móbil e adaptarnos á nova normativa medioambiental”. Salientaba coma a colaboración doutras administración, neste caso a autonómica, “é fundamental para mellorar o servizos públicos”. Agradecía Enrique Cabaleiro a xestión realizada pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e amosaba a disposición municipal a colaboración en todo aquilo que sexa necesario.

Novo vehículo eléctrico da Policía Local de Tui

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, explicaba que a axuda para a adquisición deste vehículo eléctrico financiouse con cargo ao fondo de compensación Ambiental. 

O mandatario tudense e a directora xeral aproveitaron tamén o encontro para abordar outros temas de índole local relacionados coa xestión deste departamento autonómico.

O Concello de Nigrán contrata a 18 peóns forestais a través do Plan Concellos da Deputación

0

O Concello de Nigrán incorporou onte, a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a 18 peóns forestais a xornada completa durante 8 meses (a maiores, dentro desta mesma subvención, xa iniciaron o seu traballo dous conserxes para os colexios). Todos eles son veciños do municipio que se atopaban en situación de desemprego.

“Agora, máis que nunca, é preciso xerar emprego entre a veciñanza,  é un asunto prioritario” sinala o alcalde, Juan González, quen engade que hoxe mesmo iniciaron o seu traballo rozando as marxes do río Muíños ou o parque de Poutón en Vilariño. Así, estas brigadas contribuirán de xeito claro á mellora dos servizos municipais, ademais de que a súa contratación permitirá aumentar a súa capacitación profesional, o que facilitará a súa incorporación ao mercado laboral ordinario unha vez que rematen no Concello.

O proceso selectivo, que se levou a cabo a través da oficina de Baiona dentro da máis absoluta transparencia e respectando escrupulosamente as medidas Covid-19, foi acorde ás bases establecidas, dándose prioridade ás  vítimas da violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas con familia monoparental con fillos ao seu cargo, persoas cos niveis de renda máis baixas ou ás que teñen cargas familiares.

Entre as labores que desenvolverán a xornada completa atópase a conservación dos bens municipais, o mantemento das estradas, camiños e roteiros en perfecto estado, poda de árbores ou arbustos, a protección do medio ambiente ou a preservación das instalación escolares ou zonas verdes.

A elección deste perfil fundaméntase na necesidade do Concello de manter axeitadamente os servizos municipais nun tipo de áreas no que o persoal fixo do Concello resulta insuficiente. O obxectivo pararelo é que os beneficiarios melloren a súa capacitación e, con elo, as posibilidades de incorporarse ao mercado de traballo ordinario tras rematar no Concello.

A Xunta licita a mellora da contorna da Igrexa de Torroso en Mos

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita por un importe de 390.000 euros as obras de mellora da contorna da Igrexa de Torroso, no municipio de Mos.

Trátase dunha obra que se executará no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello, e cuxa obra prevé un prazo de execución máximo de nove meses.

Con esta actuación quérese mellorar a funcionalidade e accesibilidade dun ámbito de 2.750 m2 da parroquia de San Mamede. Os traballos comprenden a substitución do pavimento asfáltico por un pétreo, máis acorde coa contorna, que implicará a dotación de novas ou renovación de instalacións, e a reordenación do conxunto dos espazos adxacentes da igrexa; así como unha intervención na estrada Puxeiros-Mos.

Así, realizaranse traballos de pavimentación de enlousado, definirase un muro de contención, e a substitución do pavimento de pedra na entrada principal do templo. Tamén se prevén a mellora da drenaxe, a instalación de alumeado público, a retirada de liñas aéreas existentes, a execución do axardinamento e a ampliación da masa arbórea do Campo da Festa.

A execución desta obra cumpre con obxectivos do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais na execución de diferentes intervencións e proxectos, co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo.

Baiona fomenta a lectura entre as persoas deportistas para conmemorar o Día Internacional do Libro 2021

0

A Concellería de Deportes organizou a “Semana do Libro” co obxectivo de fomentar a lectura e combinala co deporte para conmemorar o Día Internacional do Libro 2021, xunto aos distintos clubs deportivos locais que teñen escolas deportivas e campus co Concello de Baiona.

Durante a próximo semana, do 19 ao 25 de abril, instalarase unha mesa con libros no pavillón municipal para que os socios e socias dos clubs intercambien entre si exemplares de lectura. O resto de usuarios e usuarias das instalacións tamén poderán sumarse ao proxecto. O intercambio de libros levará a cabo seguindo un protocolo anti Covid e as persoas interesadas poderán acudir a realizar os intercambios en horario de 8:00 a 23:00 h de forma ininterrompida, o horario habitual de funcionamento das instalacións municipais.

Baixo o lema “ Troca novas experiencias, troca por dentro e por fora. Ou deporte de Baiona coa lectura”, o obxectivo da iniciativa, non é outro que incentivar a lectura, especialmente entre os máis novos, para converter ler libros nun hábito dos nenos e nenas baioneses desde a idade máis temperá. A este obxectivo principal súmase a importancia e os beneficios da combinación da práctica do deporte cos hábitos de lectura.

Últimos día para que os establecementos de hostalería formalicen a inscrición nas ‘Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela’

0

O vindeiro 19 de abril, ás 14 horas, pecharase o prazo para que os establecementos hostaleiros de Redondela poidan formalizar a súa inscrición nas ‘Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela’. Tanto as bases como o formulario de solicitude poden consultarse na páxina web do Concello, http://redondela.gal/.

As xornadas, organizadas polo Concello de Redondela a través da Concellería de Promoción Económica e Emprego, que xestiona María Castro, en colaboración coa Asociación de Hostaleir@s ‘Rías Baixas’, buscan o dobre obxectivo “de contribuír á dinamización do sector da hostalaría e restauración, un dos máis duramente golpeados nesta crise sanitaria, e ao mesmo tempo poñer en valor un produto de excelencia como é o choco”, explica a concelleira.

Trátase, polo tanto, que pese a suspensión neste ano da Festa do Choco como tal, “non se teña que renunciar a celebración dun evento que supón unha importante inxección económica para o sector”. Cómpre lembrar que a Festa do Choco, tal e como subliña a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “ten unhas características propias de celebración multitudinaria, compartida, de festa na rúa e de degustacións en carpa, que este ano, por razóns obvias, sería imposible realizar”.

As bases establecen, entre outros puntos, que os establecementos participantes incluirán propostas gastronómicas –en salgado ou doce– nas que o produto principal sexa o choco de Redondela que será subministrado pola Confraría de Pescadores e subvencionado polo Concello.

Durante os días que duren as xornadas, que se celebrarán entre o 7 e 16 de maio, os establecementos terán un menú cun prezo pactado e se potenciará o servizo a domicilio, que será gratuíto, e a recollida no local para consumir na casa.

Para máis información os interesados e interesadas poden poñerse en contacto co Concello de Redondela a través do teléfono 986 400 300 ou do enderezo de correo electrónico [email protected].

A deputada Ángeles Marra vista Baiona para trasladar o compromiso do Goberno central co municipio

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e concelleiras e concelleiros do grupo municipal socialista de Baiona mantivero no día de onte unha reunión de traballo coa deputada pola provincia de Pontevedra e portavoz de o PSOE na área de Transformacion Dixital no Congreso, Ángeles Marra. Durante o encontro, ambas as partes repasaron os investimentos aprobados este ano polo Estado en Baiona á vez que o grupo socialista local trasladáballe novas reivindicacións a Marra.

Marra trasladou e reiterou o compromiso do Goberno de España con Baiona e como exemplo diso mencióno a primeira obra comprometida en Baiona nos orzamentos do Estado este ano como é a posta en marcha da reparación do Paseo da Foz, caído desde 2018, e que en breve comezará o proceso de licitación; unhas obras que supoñen un investimento de 199.144 euros cun prazo de execución estimado de tres meses.

“A visita foi en dúas direccións. Para coñecer ou estado dá marcha dous investimentos do Estado deste ano en Baiona. E para trasladarlle tamén algunha cousa nova pola nosa banda”, indicou o alcalde Carlos Gómez.

Así, Ángeles Marra volve a Madrid coa encomenda de informar ao Goberno central do interese do executivo municipal que encabeza Carlos Gómez de “desafectar os terreos de Costas que ocupan a coñecida como «Casa Rosa»”. A intención é que devanditos espazos, hoxe titularidade do Estado, “pasen a ser de titularidade municipal para darlle unha utilidade cultural ás instalacións que levan ao redor de cinco anos en desuso”, declara o rexedor.

Na reunión, tamén se fixo mención á futura adquisición da batería militar de Cabo Silleiro por 370.000 euros.

Neste punto, Carlos Gómez explicou que se trata “dun espazo estratéxico desde todos os puntos de vista para o noso concello. Un espazo que leva moitos anos tentando ser adquirido polos diferentes gobernos pero que finalmente foi este Goberno quen logrou materializalo”. O alcalde de Baiona salientou a “obriga moral e a responsabilidade política de que ese espazo desenvólvase na maior brevidade posible. Estamos ante un reto importante pero non só polo uso en se, senón o espazo en se, e polo investimento que hai que levar a cabo. Temos que ser ambiciosos para que este espazo incorpórese ao resto de atractivos que ten o noso concellos.”

Axenda Urbana 2030

O á socialista do goberno de coalición baionés non quixo desaproveitar a visita de quen tería conexión directa co goberno central para “trasladarlle a nosa aposta pola Axenda Urbana 2030”.
Neste sentido, o rexedor declarou que “O futuro pasa por subirse a este tren e hai que recalcar o traballo que estamos a facer para a Axenda Urbana. Iso é facerlle entender non só aos Baioneses e Baionesas, senón, a todo o mundo, que Baiona está comprometida con Europa e que non vai a desapobrechar a oportunidade de subirse a este tren e que, con toda a ambición e a humildade procuraremos aproveitar todas as oportunidades que nos brinde desde eses fondos, queda moito traballo por facer e moitas ganas de traballar e estar á altura das circunstancias.”.

Fondos Next Generation

Tamén se puxo en coñecemento do alcalde e os concelleiros outros plans que se van a executar cos plans “ Next Generation”. O rexedor fixo especial fincapé na rehabilitación de vivendas e contornas do concello. “ Básicos para o desenvolvemento do pobo, que se van a poder cubrir a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.

Goméz aproveitou a ocasión para informar da adhesión ao Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. “Outra gran oportunidade para traballar na transformación na mobilidade e a accesibilidade da vila. Nel faise referencia ao plan de mobilidade que estamos a desenvolver e que xa está aprobado desde este luns e que isto nos vai a garantir que neste primeiro período de 2021 podamos acceder ás contías para a elaboración de proxectos e a execución dos mesmos”.

Ponteareas acollerá un cribado masivo ante o aumento de casos dos últimos días

A alcaldesa de Ponteareas en funcións, Cristina Fernández Davila, informou que nos últimos días vense detectando un aumento de novos casos diagnosticados de COVID-19 na localidade, achegándose progresivamente nos últimos catorce días a unha incidencia acumulada de 100. Por este motivo, Ponteareas acollerá un cribado masivo do Sergas o vindeiro luns 19 no Complexo Polideportivo Municipal Álvaro Pino.

En conversas co Xerente da Área Sanitaria de Vigo, a alcaldesa en funcións puxo á disposición do Sergas as instalacións que fosen precisas, así como os recursos humanos para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento das probas.

“A realización deste cribado masivo, que xa tiñamos solicitado en anteriores ocasións nas que aumentara a incidencia acumulada, permitirá detectar ás persoas asintomáticas que, sen sabelo, poidan estar contribuíndo á expansión da COVID-19 na localidade de Ponteareas. É fundamental detectalo a tempo para frear a cadea de contaxios”, sinalou Fdez. Davila.

A alcaldesa en funcións e concelleira de Saúde apela á responsabilidade da veciñanza que sexa convocada para a realización destas probas. “As persoas que a Xunta seleccione recibirán un aviso coa hora á que se deben presentar na instalación. Pregamos que toda a veciñanza acuda á cita e cumpra escrupulosamente coa hora de convocatoria, sen adiantarse nin atrasarse, xa que isto será fundamental para a organización e bo desenvolvemento da xornada”, subliñou Davila.

Ponteareas continúa no nivel medio-baixo de restricións, o que implica que dende este venres a hostalaría continuará permanecendo aberta até as 21 h cun aforo interior do 50% e do 75% no caso das terrazas. Os restaurantes poderán servir ceas até as 23:00, hora na que se establece o toque de recollida.

A Deputación pecha a Liña 3 do Plan Concellos 2021 coa creación de 900 postos de emprego

A Deputación de Pontevedra completou a adxudicación da Liña 3 do Plan Concellos 2021 que se traduce na creación de case 900 postos de emprego nos municipios da provincia. Cun investimento de 9,2 millóns de euros un total de 56 concellos poderán financiar a contratación de 876 persoas para traballar en postos municipais nun momento de crise no que a xeración de emprego cobra especial relevancia, tal e como sinalou a presidenta provincial Carmela Silva.

A presidenta da Deputación mostrou a súa satisfacción “porque ademais estes empregos son fundamentais para garantir a prestación de servizos á veciñanza da provincia”, dado que gran parte dos contratos que se van crear teñen que ver “co procedemento administrativo, a atención ao sector de turismo, a política social ou o mantemento de beirarrúas, parques e xardíns”.

A liña 3 de Emprego completouse ao ser aprobada a última achega para Dozón de 36.000 euros. Con ela, este concello da comarca do Deza levará a cabo a contratación de cinco persoas: un operario ou operaria condutora e catro peóns ou peoas.

O Servizo de Orientación para o Emprego xestionou no primeiro trimestre do ano 50 ofertas de emprego

0

O Servizo de Orientación para o Emprego en Tui xestionou no primeiro trimestre deste ano 50 ofertas de emprego, ao tempo que no servizo de intermediación contactaron con preto de 30 empresas. Outra das actividades desenvolvidas foi a impartición de obradoiros orientados a mellorar a busca de emprego.

Este servizo de orientación, situado no Centro Municipal de Formación en Guillarei, préstase previa cita. Nunha entrevista inicial realizan unha diagnose da situación persoal e profesional da persoa que acode, para orientala ben cara á Bolsa de Emprego Municipal ou cara outros recursos.  Precisamente nos tres primeiros meses do ano 50 persoas en busca activa de emprego se incorporaron a esta bolsa. Deste total 5 persoas accederon neste trimestre ao mercado laboral.

A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui explicaba que “nestes momentos tan difíciles para o emprego o goberno municipal propúxose diminuír a taxa de desemprego do municipio”. En marzo produciuse un descenso no número de desempregados en Tui de 8 persoas con respecto ao mes de febreiro, situándose en 1.301 persoas das que  791 son mulleres e 510 son homes.

Dende o departamento de Formación neste trimestre – até o mes de xuño – teñen previsto impartir novos obradoiros dirixidos a persoas desempregadas empadroadas no municipio. En concreto serán Taller “Obxectivo profesional”; Taller “O Curriculum Vitae”; Taller “A entrevista de Traballo”  e Taller de “Ferramentas dixitais para a busca de Emprego”. As persoas interesadas nestes obradoiros, en formar parte da bolsa de emprego municipal ou en solicitar cita para o servizo de orientación poden contactar co teléfono 986 60 32 28 ou co correo orientació[email protected].

A Xunta pon en valor o papel da planta de ultraconxelado de produtos do mar situada en Mos durante a alerta sanitaria

0

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou a importancia de contar con instalacións innovadoras adaptadas á realidade dos profesionais do mar para facilitar a súa actividade e facela máis competitiva. Nesta liña puxo en valor o papel que desempeñou a planta de frío e elaboración de produtos do mar que ten en Mos a empresa Hermanos Fernández Ibáñez Consignatarios de Pesca durante varios meses da pandemia do coronavirus e a súa capacidade de adaptación a este contexto.

Así o sinalou na visita de onte a estas instalacións, onde estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Alí a titular de Mar explicou que grazas a esta infraestrutura a frota de palangre de superficie puido almacenar as súas capturas durante moitos meses de pandemia, pois no inicio da alerta sanitaria e ante as dificultades de comercialización, a empresa incluso ampliou a capacidade de frío da que dispoñía a planta.

Ademais expuxo que esta instalación conta con cámaras de -50ºC que permiten manter o produto ultraconxelado, en particular atún procedente do océano Índico con todas as súas propiedades organolépticas desde a súa recepción ata a súa distribución. Deste xeito esta planta, deseñada con características de eficiencia enerxética, dedícase á preparación, clasificación e almacenamento de peixe para a súa elaboración e venda, unha parte del para o consumidor final en grandes superficies. Isto convértena na primeira deste planta deste tipo en Galicia e na máis innovadora de España.

Neste sentido, Rosa Quintana destacou a importancia de brindar apoios ao sector para dotar a actividade de instalacións que faciliten o seu labor. Máis aínda se cabe, incidiu, nun contexto marcado polas dificultades derivadas da covid-19 no que o sector marítimo-pesqueiro foi declarado esencial.

A conselleira do Mar lembrou que esta planta recibiu unha axuda da Xunta de máis de 5,3 millóns de euros na convocatoria de achegas de 2019 a pemes de transformación de produtos do mar. Tamén sinalou que na convocatoria deste ano o Executivo galego destina a estes apoios un total de 16 millóns de euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Con elas, subliñou, o Goberno autonómico apoia ata o 50% dos investimentos que fagan as pemes que fomenten a sustentabilidade ambiental e son subvencionables, entre outros proxectos, aqueles que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poidan destinar ao consumo humano. Tamén son subvencionables aquelas actuacións relacionadas coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización.

A titular de Mar tamén expuxo que na convocatoria do ano pasado beneficiáronse destas achegas máis de 40 proxectos por un importe de preto de preto de 15 millóns de euros e que desde 2016 se concederon este tipo de apoios a arredor de 230 iniciativas de transformación de produtos do mar por valor de máis de 57 millóns de euros.

A planta de ultraconxelado  

A planta de frío e elaboración de produtos ultraconxelados do mar aséntase en Mos sobre unha parcela de 12.000 metros cadrados. Con ela Fernández Ibáñez aumenta o espazo frigorífico, superando a capacidade que ten a empresa no porto de Vigo, que é de 8.000 metros cadrados e creou arredor dunha trintena de empregos. Isto permítelle mellorar os procesos produtivos, captar novos tráficos e establecer novos mercados.

O obxectivo é poder atender adecuadamente a crecente demanda de produtos pesqueiros de alta calidade primando a eficiencia enerxética, minimizando o impacto ambiental e mellorando a súa seguridade alimentaria xa que permite desembarcar e almacenar produtos pesqueiros ultraconxelados sen necesidade de elaboralos ou vendelos a curto prazo. Hermanos Fernández Ibáñez Consignatarios de Pesca dedícase ao comercio ao por maior de peixe e marisco fresco e conxelado. Leva 70 anos desempeñando a súa actividade no porto de Vigo, onde están localizadas as súas oficinas centrais e onde tamén dispón dunha planta frigorífica e de elaborado de produtos do mar, entre outras instalacións. A empresa construíu en 2019  en Mos a segunda nave frigorífica e de elaborado.

O Concello de Salceda iniciará accións xudiciais contra Telefónica

O Concello de Salceda de Caselas deu traslado ao seu departamento xurídico da situación do poste de teléfono da estrada Portela-Maceira no que recentemente se produciu un accidente de tráfico, para iniciar as accións xudiciais pertinentes conta Telefónica ante este caso.

No verán do pasado ano 2020, cando o Concello xa tiña aprobado o proxecto de mellora da mencionada estrada, Telefónica procedeu á instalación desta nova liña sen a pertinente licenza municipal, colocando o poste na zona de actuación do proxecto. Unha vez que o Concello quixo iniciar as obras no mes de outubro e se percatou da existencia do mencionado poste, enviou comunicación a Telefónica solicitando a retirada do mesmo, e incidindo na perigosidade da situación, pois co ensanche da estrada o poste quedaba colocado despois dunha curva con moi pouca visibilidade. A mencionada petición non foi atendida, e o Concello tivo que rematar a obra deixando o poste na zona do asfalto mentres se seguía reiterando a petición a Telefónica.

Esta semana, un vehículo chocou co poste, e a imaxe correu polas redes sociais facendo responsable ao Concello do acontecido, descoñecendo a situación verdadeira. Ante este acontecemento, e co obxectivo de evitar que se volva producir outro accidente, o Concello volveu colocar e reforzar a sinalización do lugar, e deu traslado da situación ao departamento xurídico que está a traballar xa nas accións que se poidan levar a cabo.

Por outra banda deuse traslado a Telefónica do acontecido, urxíndolles a solucionar con urxencia unha situación que xa se prolonga durante máis de medio ano. Xa noutras ocasións se tardou meses por parte de Telefónica en mover algúns postes en situacións similares, polo que dende o Concello se está a buscar a mellor solución para que isto non volva acontecer.

Celebración do Día do Libro na Guarda con variadas propostas

0

As estatísticas nos din que na presente pandemia o tempo de lectura veuse incrementado marcando récords históricos, un costume que veu para consolidarse pois mantívose mais aló do tempo do confinamento estrito. Partindo deste feito e da premisa de que a lectura ao igual que o resto de propostas culturais nos aporta intanxibles que alimentan os nosos espírito, alegran o noso día a día e que agora necesitamos tanto ou incluso mais, nace a campaña en torno ao día do libro na Guarda con actividades que conteñen dende o agasallo de libros na rúa, a confección dun mural con choiva de ideas, dous espectáculos para nenos e a I Ruta do libro para premiar o consumo nas nosas librerías.

ESPECTÁCULOS INFANTÍS

As propostas escollidas para o entretemento das familias combinan o humor e a música. Así hoxe estreouse o espectáculo “Riscando o Ceo” con clown, acrobacias e malabares na Praza do Reló. A cargo da compañía Circo Chosco que se inspirou no conto do Principiño porque nos ensina a ver a realidade desde perspectivas diferentes “deixando o importante para ver co corazón” crease unha proposta moi visual e próxima que fai ao público viaxar co perigo e a risa.

A vindeira semana será o momento para os mais pequenos, coa proposta “Contos do Chupete” da compañía Migallas, unha sesión de contos pensada para os mais pequenos da casa (0 a 5 anos) na que se integran música en directo, literatura infantil, expresión dramática e tradición oral. A cita será no Centro Cultural o 24 de abril ás 12.00h. cun aforo moi limitado, precisa a inscrición previa no mail: [email protected] ou no teléfono  649 327 525 (de 17 a 20h), anotando só a un adulto acompañante por cada menor asistente.

AGASALLO DE LIBROS E MURAL NA BIBLIOTECA

Na semana propia do libro, a partir do día 20 iniciarase unha iniciativa de agasallo de libros en diferentes puntos da localidade, concretamente na sede do Concello, na Praza de Abastos e no Centro Cultural instalaranse uns puntos con libros para que os veciños poidan levar como agasallo. Estes puntos de agasallo contan coa colaboración de O Piueiro e a Comisión de Festas da Virxe do Carme, que prestaron e decoraron as tradicionais gamelas do Carme para unir á iniciativa a personalidade mariñeira da vila.

E xa na véspera do día do Libro, o 22 de abril, instalarase un mural no vestíbulo da Biblioteca tamén de temática mariñeira que invitará aos usuarios a completar con frases e mensaxes sobre o significado dos libros e a Biblioteca para os lectores, continuando a iniciativa que tan bo éxito acadara no 2020 a través das Redes Sociais.

I RUTA DO LIBRO

A última das iniciativas centrase xa no aspecto comercial dos libros incentivando o consumo de libros nas nosas librerías. A Guarda conta con 4 librerías o cal supón unha riqueza comercial e cultural e por iso dende o Concello quérese chamar a atención sobre esta importancia e fomentar o consumo de libros no noso pequeno comercio fronte a crecente venta online e recuperar a figura do libreiro como facilitador e asesor de novidades.

A proposta para este fin consiste en premiar a aqueles veciños que consuman un mínimo de 30€ en libros nas librerías guardesas. Estes veciños só terán que xuntar os tickets de compra que acrediten ese gasto e ensinalo na Biblioteca onde poderán recoller unha bonita bolsa para transportar libros.

O gasto de 30€ pode ser en 1 ou mais libros, así como en unha ou mais dunha librería. Iso sí, non se contabilizará o gasto en outro material a vender nas librerías como xornais, revistas, mochilas, material de papelería, etc…

Ademáis desta iniciativa, convén recordar que o mesmo día do Libro, o 23 de abril,  as librerías realizan un 10% de desconto nos libros, polo que sempre é un bo momento para agasallar a un mesmo ou un ser querido.

Aberto o prazo para presentar as solicitudes de axudas económicas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa”

Desde esta mañá xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para recibir axudas económicas directas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa”, que dispón dun fondo de 140.000 € aportados polo Concello e pola Deputación. As bases e os impresos das solicitudes xa están dispoñibles na páxina web do Concello.

Paralelamente esta mañá, o concelleiro de Emprego, David Alonso, presentou as liñas fundamentais deste Plan que se aprobou por unanimidade da corporación no último pleno municipal celebrado.

Acudiron á presentación Juana Pérez e Noelia Conde, pola Asociación de Comerciantes de Porriño (ACIPOR), e José Manuel Fernández, pola Asociación de Hostalería do Porriño (AHOSPOR).

O concelleiro de Emprego lembrou que esta liña de axudas destínase aos establecementos de hostalería, comercio de proximidade, autónomos e microempresas do Porriño, afectados polos peches total ou parciais ocorridos coa ocasión das restricións aplicadas dende xaneiro.

David Alonso ofreceu “o asesoramento gratuíto que a través da técnico da Axencia de Desenvolvemento Local (ADL) prestamos nas oficinas de ‘Porremprego’, para todos aqueles solicitantes que non dispoñan de asesoría para tramitar as solicitudes”.

O concelleiro avogou por que “non teñamos que habilitar novas liñas de axuda pero se chegado o momento hai que asumir outra liña de crédito, haberá que valoralo. Ao mellor non serían axudas económicas directas senón outras medidas de apoio e incentivo ao consumo, por exemplo”, manifestou Alonso Bargiela.

Para rematar a presentación, José Manuel Fernández, presidente de “AHOSPOR” expresou “o agradecemento dos hostaleiros do Porriño ao concelleiro e a toda a corporación municipal por esta liña de axudas e agardemos que non sexan necesarias outras ao longo do ano”.

Do importe total do Plan Porriño Impulsa, a Deputación Provincial autorizou a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros. O resto é a achega que aporta o Concello con recursos propios na cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

O límite por beneficiario das axudas establécese na cantidade de 1.500 euros, para aqueles sectores que sufriron o peche total, e 1.200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.

O Concello de Nigrán resolve as primeiras axudas á hostalería e leva a pleno un segundo plan de axudas para o sector do Taxi

0

O Concello de Nigrán concedeu finalmente axudas directas á hostalería de entre 1.115 € e 1.085 € a un total de 33 a empresas e 23 autónomos, e de 750 € a 2 traballadores por conta allea sen ingresos. A resolución deste primeiro plan de rescate municipal xa foi comunicada esta semana a todos os solicitantes e está pendurada no taboleiro do Concello (tamén en sede electrónica) polo que o ingreso en conta se efectuará nos vindeiros días.  Paralelamente, o goberno local levará ao Pleno ordinario do 26 de abril un segundo plan de rescate tamén por importe de 120.000 € con cargo ao Remanente e que abrangue novamente ao sector hostaleiro e ao do taxi, este último con axudas que se incrementan dos 70 € aos 400 €.

“Este sector sigue a pagar duramente as consecuencias do Covid-19, polo que consideramos que debemos aprobar un segundo plan municipal para eles que, ademais, volva a incluír aos taxistas multiplicando a contía da axuda e flexibilizando os criterios de concesión”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, quen avanza que “a maiores, coa a achega de 60.000 € que realizará a Deputación, subvencionaremos a outros sectores prexudicados especialmente pola Covid-19”. Neste primeiro plan de rescate municipal concedéronse finalmente axudas a todas as empresas solicitantes.

Segundo plan de rescate

As bases deste segundo plan de rescate municipal serán máis ambiciosas cas primeiras ao incrementar de 70 € a 400 € a axuda a cada taxista empadroado en Nigrán (sendo a axuda por cada vehículo ao seu nome e independentemente da localidade onde teña expedida a licencia, a diferencia da anterior convocatoria). Por outra banda, no sector hostaleiro  auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio. “Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría dando así un paso máis”, resume González.

Así, segundo se contempla, as persoas beneficiarias son os autónomos ou empresas do sector hostaleiro afectados polo peche ou limitacións sanitarias de 2021 cunha axuda de 1.000 €; os desempregados sen prestación   que tiveran un contrato neste sector entre o 20/10/2020 e a actualidade novamente con 750 € e, finalmente, os mencionados taxistas empadroados con 400 € por cada vehículo ao seu nome. A principal novidade na restauración é que se teñen en conta como beneficiarios tamén aos autónomos colaboradores nos negocios (independentemente da localidade onde desenvolvan o seu traballo, o requerimento é estar empadroado en Nigrán) e aos diferentes socios dun mesmo negocio situado no termo municipal de Nigrán. Como na anterior convocatoria, as axudas son compatibles con calquera outra concedida polas distintas administracións e mesmo coas primeiras do Concello.

O vindeiro domingo arrinca en Redondela unha nova edición de ‘Artelixo’

0

O vindeiro domingo 18, o colectivo ‘Artelixo’ de Redondela inaugura unha nova edición do seu festival, que se celebrará na vila dos viadutos e parroquias desde o sábado 17 até o venres 23 de abril. Coma todos os anos, este ecofestival creará un museo ao aire libre coas obras inscritas feitas con materiais de refugallo. Todas elas encheran as rúas da vila e os escaparates dos comercios para concienciar sobre a necesidades de coidar o medio ambiente.

As obras poderán visitarse desde o sábado 17 ainda que o acto de inauguración terá lugar o domingo 18 na parroquia de San Martiño de Ventosela, parroquia que xa acolleu a pasada semana unha plantación de mais de 200 frondosas coorganizada por Artelixo, xunto con Lenda (Centro de Saúde Mental de Redondela) e a Comunidade de Montes de Ventosela. A actividade contou coa colaboración do Concello.

Para este domingo Artelixo organiza nun roteiro circular que arrincará ás 11 h da Miñoteira, desde alí subirá ao petróglifo da Pedreira, e logo ás Pedras Agudas, onde se restaurará o cabalo de madeira-mirador, obra indultada que desde hai tres anos loce neste enclave privilexiado sobre a ría. Alí lerase o Manifesto deste ano, que xirará arredor da limpeza dos ríos e dos montes.

Logo baixarase ao monte de Bouces, o lugar onde se fixo a plantación, que se regará e se supervisará, e onde se porá en valor o labor de repoboación forestal. E, por último, o roteiro volverá á Miñoteira, onde o grupo de danza africana ITTZY MOUSSS xunto ao grupo musical WON TA faran unha actuación de baile e música por volta das 13:30h. Para os que queiran, a actividade rematará, a partir das 14h, cun xantar popular na Miñoteira.

A actividade está aberta a todos os públicos e, especialmente indicada para familias que queiran concienciar aos máis novos da necesidade de coidar da natureza para que ela tamén coide de nós.

No marco do Artelixo tamén se poderá visitar a Exposición ‘Re-Composicións’ –do artista redondelán Moisés Iglesias– na Sala 1 do Multiúsos da Xunqueira. Estará aberta ao público desde o 16 de abril até o 17 de maio.

Nesta edición, o Artelixo tamén ten previsto ampliar o seu radio de acción cun obradoiro para os máis cativos que terá lugar en Vilar de Santos (Ourense) o sábado 24 de abril no Espazo Carabuñas.

A foto de Aroa Pérez Cabaleiro do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, entre as mellores do concurso ‘Pegadas do mar e da terra’

0

O Museo de Pontevedra resolveu onte o concurso fotográfico xuvenil dirixido a mozas e mozos de ESO ou Bacharelato ‘Pegadas do mar e da terra’, baseado na exposición de José Suárez. A participación foi todo un éxito xa que inscribíronse un total de 80 estudantes procedentes de 14 centros (13 da provincia de Pontevedra e 1 de Lugo), concretamente de Catoira, Marín, Cangas, Soutomaior, Sanxenxo, Vilaboa, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vigo e Tui.

O xurado estivo formado por técnicos dos departamentos de Educación, Comunicación e Arquivo gráfico do Museo que decidiron, debido a alta participación rexistrada na categoría destinada a estudantes de ESO e a calidade das imaxes presentadas, entregar outro premio nesa categoría en vez de un só, como estaba estipulado nas bases.

[su_image_carousel source=”media: 34697,34698,34699″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Os premios do certame recaeron na sección de Bacharelato para Aroa Pérez Cabaleiro, do IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), pola fotografía ‘Alimentando na ribeira’; e na sección da ESO (apartado Mar) en Cecilia González Padín, do IES Sanxenxo, pola imaxe ‘Redes viuvas’, e no apartado Terra en Evelyn Freiría Conde, do CPI Progreso (Catoira), por ‘A estreita relación entre as persoas e os animais’, e en Daniela González Isorna, do CPI Progreso (Catoira), por ‘Presente atemporal’.

Todas as fotografías participantes exporanse desde mañá nunha pantalla no edificio Castelao e tamén na páxina web do museo. Os agasallos –que se entregarán este sábado nun acto co director do Museo Xosé Manuel Rey- consistirán en cámaras fotográficas Canon IXUS 185 e Fuji Intax Mini 11.

Hai que lembrar que este certame fotográfico xurdiu como unha actividade complementaria á mostra ‘José Suárez 1902-1974’, un creador que inmortalizou coa súa cámara o traballo das galegas e galegos e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas no concurso debían ser en branco e negro e xirar en torno a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais, etc.

O Concello de Tui crea o Foro do Camiño Portugués

0

O Concello de Tui continua avanzando no impulso de iniciativas a prol do Camiño Portugués ao entender que esta ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do concello. Neste senso pon en marcha unha iniciativa denominada ‘Foro do Camiño Portugués’ co obxectivo de realizar cada mes unha charla sobre temáticas xacobeas relacionados coa peregrinación polo Camiño Portugués. Trátase dunha sesión presencial pero retransmitida en liña, en tui.gal, para favorecer o acceso de todos os interesados.

Este ciclo comezará o próximo martes, 20 de abril, ás 19 h na Aula Cemit, no edificio Francisco Sánchez –antiga Área Panorámica– . O responsable da apertura deste foro será Juan Manuel López-Chaves Meléndez, fundador da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo.

López Chaves foi, entre outras moitas iniciativas, o organizador en Tui en 1984 do primeiro Encontro do Camiño Portugués e foi o promotor do recoñecemento do Camiño polo Consello de Europa nese mesmo ano 1984, ao aprobar a ‘recomendación 987’ sobre o Camiño Francés, antecedente da declaración do Camiño de Santiago como ‘primeiro itinerario cultural europeo’. Con esta conferencia de apertura do ‘Foro do Camiño Portugués’ o Concello de Tui quere renderlle un merecido e sinxelo recoñecemento.

O aforo para asistir presencialmente é limitado polo que é preciso realizar inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- no correo electrónico: [email protected]. A conferencia poderá seguirse en director en tui.gal.

O Concello de Tui, sinala o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, está traballando con intensidade dende hai tempo na promoción do Camiño de Santiago polo noso territorio.

A creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de facebook ‘Camiño Portugués. Tui’ con máis de 1700 amigos, etc son mostra deste empeño. Algunhas actuacións quedaron interrompidas pola pandemia, outras se mantiveron adaptándose ás novas circunstancias.

Laureano Alonso sinala que esta iniciativa de creación do ‘Foro do Camiño Portugués’ inxírese na vontade do Concello de Tui de prepararse para o escenario post-covid no ámbito da peregrinación xacobea levando adiante novas iniciativas que contribúan ao posicionamento do Camiño Portugués e de Tui cara ao futuro.

Mos acolle o sábado o Campionato Galego de Solo Danza, Parellas de Danza e Parellas de Artístico 2021

0

Onte tivo lugar no Concello de Mos a presentación do Campionato Galego de Solo Danza, Parellas de Danza e Parellas de Artístico 2021 organizado polo Club de Patinaxe Artístico Rosaleira de Mos (coa colaboración do Club Patín Vagalume Celtamotor) que se celebrará o vindeiro sábado, 17 de abril, ao longo de todo o día no Pavillón Óscar Pereiro.

Asistiron a esta presentación o coordinador de deporte escolar do Servizo Provincial de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Manuel Freire, o presidente da Federación Galega de Patinaxe (Comité de Artístico), Alberto Covelo; Rosa María Davila, presidenta do CPA Rosaleira de Mos, Beatriz Fernández Bahamonde, adestradora do CPA Rosaleira de Mos, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e José Areal, concelleiro de Deportes.

O Campionato realizarase a porta pechada, sen público, e será retransmitido en directo vía streaming. Será unha competición totalmente adaptada e escrupulosa co cumprimento dos actuáis protocolos e medidas de prevención e loita contra a COVID-19.

Ademais do CPA Rosaleira competirán o sábado en Mos o Club Alquimia, o Club Fervello, o Club Balaídos, o Club Patín Vagalume Celtamotor e o Club Ribeira. Todos eles participarán con todas as súas categorías por idades.

Desde o Concello de Mos a rexedora local mosense agradeceulle “á Xunta de Galicia, Deporte Galego e Federación Galega de Patinaxe, a posibilidade brindada de acoller no municipio este Campionato Galego e ao Club Rosaleira polo gran labor como organizador e anfitrión” e aproveitou para mandarlle “moito ánimo aos clubes, así como felicitalos, por soportar estoicamente este último período de inactividade obrigado pola crise sanitaria”, esperando por outra banda, “que este sexa o primeiro de moitos campionatos e competicións e que as circunstancias comecen por fin a mellorar para poder empezar a recuperar pouco a pouco a actividade deportiva normal do Concello de Mos”, declarou Arévalo.

A Deputación facilita que os ‘Concellos Revitaliza’ contraten a novas mestras e mestres compostadores propios

A Deputación de Pontevedra vai aprobar este venres en Xunta de Goberno a terceira liña de axudas para subvencionar a contratación de mestras e mestres compostadores por parte dos ‘Concellos Revitaliza’. Este persoal pasará a formar parte do plantel de traballadores municipal durante un prazo de tres anos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, xestionando os centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteiros individuais, e atendendo á cidadanía.

Segundo adiantou o vicepresidente César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobará mañá venres as bases da convocatoria. Trátase da terceira vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos e catorce na segunda. Nesta ocasión, e tralas consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estímase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 15 novos mestres compostadores.

Os postos cubriranse con persoal preparado en compostaxe. Chamarase en primeiro lugar ás persoas candidatas que forman parte da vixente bolsa de emprego creada no seu día para o nomeamento interino do persoal Revitaliza, mais se é preciso, convocarase un novo proceso selectivo por parte da Deputación para crear outra bolsa de emprego.

Os concellos que soliciten as axudas para contratar mestras e mestres compostadores recibirán un número máximo de traballadores (entre 1 e 4) que se determinará en función da experiencia acumulada no tratamento de residuos orgánicos (ata 60 puntos) –presentando un proxecto de actuación- e da posibilidade de acadar o tratamento progresivo do 100% da materia orgánica. A valoración farase por medio dunha comisión de expertos.

Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100% das retribucións dos mestres e mestras compostadoras o primeiro ano (12 meses). Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2021 abarcará un período de seis meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade de 2021 ascenderá á cantidade de 222.129,90 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50% do custe laboral e o terceiro ano do 30%.

O prazo para presentar as solicitudes dos concellos será de 15 días a contar dende o día seguinte á publicación das bases e do extracto no BOPPO. Na actualidade son un total de 47 concellos da provincia os que están adheridos ao Revitaliza.

A Guarda impulsa o emprego coa contratación de 13 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

0

Na mañá de onte xoves día 15 de abril de 2021 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Persoal, Montserrat Magallanes e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Español; deron a benvida aos 13 novos traballadores que se veñen de incorporar recentemente grazas á Liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais.

Nesta benvida, Antonio Lomba recordoulles que están ao servizo da cidadanía da Guarda, polo que deben de esmerarse nas súas tarefas e realizalas dun xeito correcto para que o conxunto da cidadanía da vila saiba valorar e por en valor os seus respectivos traballos.

O concelleiro de Vías e Obras, pola súa banda, fixo especial fincapé naquelas habilidades especiais que teñen algún deles, como son os coñecementos en soldadura, pintura, carpintería, albañilería… para tentar optimizar ao máximo e organizar axeitadamente os seus traballos.

Finalmente, Montserrat Magallanes, concelleira de Persoal, puxo en valor esta aposta polo emprego de persoas desempregadas que se fai dende o Concello, dando unha oportunidade a moitas persoas para mellorar a súa situación laboral e persoal, agradecendo tamén a achega da Deputación de Pontevedra para este fin.

En total A Guarda conta con 13 novos traballadores que prestarán servizos na recollida de residuos urbanos, limpeza, conserxería, auxiliar para cultura, informática… e con contratos que varían entre 7 e 8 meses de duración.

A reforma integral do mercado do Rosal afronta a súa recta final

0

A reforma integral do mercado municipal do Rosal chega á súa recta final. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, visitou esta semana as obras acompañada dos arquitectos responsables do proxecto para ver in situ a evolución desta primeira fase da remodelación das instalacións, que comezou o pasado mes de xaneiro co obxectivo de recuperar un edificio emblemático dos anos 50 e converter a praza de abastos nun espazo vivo que funcione como locomotora económica e social do núcleo urbano.

[su_image_carousel source=”media: 34671,34670,34668,34667″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Estas obras son un paso máis no compromiso do Concello polo local, investindo na mellora e modernización dunhas instalacións que contribuirán a impulsar a venda de produto de proximidade neste histórico mercado e a promover actuacións que fagan o noso comercio máis atractivo e competitivo ao tempo que dinamizan o núcleo urbano”, destacou a rexedora durante a visita ao recinto.

Tras a remodelación o mercado municipal contará cunhas instalacións adaptadas ás necesidades actuais e convertendo o espazo nun lugar máis humanizado, confortable e atractivo tanto para comerciantes como para usuarios e usuarias. O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita e horta e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e un novo posto en formato de tenda de conveniencia enfocado á venda e promoción de produtos locais.

Os traballos de reforma do edificio contaron cun investimento de máis de 207.000 euros a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.

O Concello mellora o firme do camiño da Pega, en Chapela, atendendo unha demanda da veciñanza da zona

0

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Redondela, que xestionan Vicente Lamas, vén de dar por rematados os traballos de mellora de firme do Camiño da Pega, en Chapela, una obra longamente demandada pola veciñanza da zona é a que agora o Goberno local da cumprida resposta.

Os traballos, –que se desenvolveron nun treito de aproximadamente 200 metros e nos que se utilizou 36 metros cúbicos de formigón– dotan á zona de maior seguridade para as veciñas e veciños ao contar cun firme uniforme. Aproveitando estas obras, mellorouse tamén a accesibilidade do treito coa substitución das escaleiras existentes por unha rampla que facilitará a mobilidade.

Nese mesmo viario procedeuse á optimización da rede de saneamento, traballos desenvolvidos pola Concellería de Medio Ambiente que dirixe Roberto Villar.

Doutra banda, o Concello de Redondela adiantou que nesa mesma zona, e en breve, iniciaránse os traballos na parte traseira do Colexio Igrexa para evitar que nos días de choiva abundante vólvanse a producir episodios de inundacións como os acontecidos neste pasado inverno.

Tanto a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como o concelleiro de Vías e Obras, Vicente Lamas, salientaron a importancia que o Concello lle da “a todas e cada unha das reclamacións que, en materia de obras, formula a veciñanza do municipio e, como neste caso, dámoslle unha resposta o máis rapidamente posible”.

Eva García considera necesaria “unha investigación” por presuto delito “de falsidade” no asunto das firmas dos concelleiros do PP

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre considera que o asunto das firmas dos concelleiros do PP solicitando un pleno extraordinario, precisa dunha investigacón polo que podría ser un delito de falsidade. Cómpre lembrar que o portavoz popular, Alejandro Lorenzo, solicitou un Pleno Extraordinario, que lle foi denegado despois de apreciarse que, segundo o Concello porriñés, “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”.

Un informe emitido polo Secretario Municipal respalda a decisión da alcaldesa de non convocar un pleno extraordinario solicitado polo PP. O informe do Secretario aprecia que a solicitude do PP non cumpre cos requisitos establecidos por lei.

No seu momento Eva García denegou a petición “ao non constar acreditada a autenticidade das firmas nin a vontade dos concelleiros solicitantes”.

Firmas no documento de constitución do Grupo Municipal Popular
Firmas do documento de solicitude de Pleno Extraordinario

Eva Garcia ordenou a difusión de dous documentos públicos “para que a opinión pública e a veciñanza do Porriño coñezan mellor o asunto”. Un deses documentos é o escrito de constitución do Grupo Municipal Popular e o outro é a solicitude deste pleno extraordinario feita o pasado 22 de marzo. Segundo o Concello do Porriño, “as firmas son manifestamente distintas”.

A maiores, o PP presentou un novo escrito ratificándose na súa solicitude, desta vez coas firmas electrónicas dos oito compoñentes do grupo municipal.

A alcaldesa coida que “é necesaria unha investigación máis polo miúdo sobre a posible suplantación das firmas dos concelleiros do PP a través do seu voceiro que, de feito, queda recoñecida claramente co novo escrito no que aportan as firmas de todos eles co seu certificado electrónico”.

Arbo aposta pola compostaxe repartindo de balde 50 composteiros entre a veciñanza

0

O Concello de Arbo, vai a recibir de SOGAMA 50 composteiros que teñen por obxecto estender as prácticas de autocompostaxe a distintas vivendas unifamiliares do municipio de cara a lograr unha xestión máis sostible do lixo. O obxetivo é por unha parte, reforzar a mensaxe dos beneficios do compostaxe caseiro, e por outra banda, apostar polo compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas e reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel.

No ano 2020 o Concello repartiu un total de 60 composteiros entre a poboación, e dado a demanda que existe, pola alcaldía trasladouse a SOGAMA as peticións, o que dende a entidade galega, entregaran 50 composteiros máis.

Para participar no proxecto é requisito residir no Concello de Arbo. As persoas interesadas en obter algún dos composteiros deberán solicitalo nas oficinas municipais do Concello de Arbo, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00horas e serán entregados por orden de Rexistro de Entrada.

A elaboración de compost na casa ten moitas ventaxas, tanto medioambientais como económicas. O compostaxe permite reutilizar os refugallos que de outra maneira acabarían no colector verde convenicional e contribúe a reducir a frecuencia do servizo de recollida.

O Porriño impulsa a recuperación da Memoria Histórica

O Porriño desenvolverá, esta fin de semana, distintos actos no marco da recuperación da Memoria Histórica, iniciativa que está poñer en marcha a Concellería de Cultura dirixida pola nacionalista Cami Moreira. Os actos previstos son, “un punto de partida” cara a outros proxectos dirixidos á recuperación da memoria histórica, como será a realización dun documento sonoro que recolla a narración das persoas que viviron a dura represión franquista.

O primeiro dos actos terá lugar este vindeiro sábado, 17 de abril, e será a proxección de As silenciadas, documental histórico que recupera historias de vida de numerosas mulleres que estiveron na clandestinidade ou apoiaron desde a chaira o movemento guerrilleiro.

O domingo 18, na praza de Antonio Palacios, terá lugar unha lectura de diversos fragmentos dos libros Un cesto de mazás de Montse Fajardo, Non des a esquecemento de Luis Bará e O Porriño 1936 de Xosé Ramón Paz Antón. As lecturas, acompañadas de música de acordeóns, serán realizadas por persoas vinculadas á memoria do Porriño e da contorna, baixo o lema Non deixemos a memoria soterrada nas foxas.

A recuperación, posta en valor e difusión da historia do noso país, a aplicación da Lei de Memoria Histórica co recoñecemento público ás porriñesas e porriñeses que pagaron coa represión e a morte a súa defensa dos valores democráticos son valores defendidos pola Concellería de Cultura que dirixe Cami Moreira; así como apoiar e impulsar todas aquelas actividades que contribúan a dar luz e divulgar aspectos do noso devir histórico.

Entre os actos programados para este mes de abril estará tamén a conmemoración do 25 de Abril, data da Revolución dos Caraveis de Portugal.

O PSOE de Salceda cualifica de “irresponsable” a postura do PP local nun tema “tan serio” como o IBI

O Partido Socialista de Salceda vén de dar resposta ás distintas acusacións que o Partido Popular leva vertidas nas últimas semanas en relación coa postura do grupo socialista no procedemento simplificado do IBI. Verónica Tourón lémbralle ao PP que o PSOE, como parte do actual Goberno de Salceda, “manten a mesma posición e traxectoria dos últimos anos” polo que as acusacións sobre “cambios de posición, son totalmente infundadas”.

A portavoz socialista e tenente de alcaldesa de Salceda, lembra que no procedemento levado a cabo por catastro no ano 2015 “dende o PSOE xa solicitabamos as medidas que agora se están poñendo en marcha dende o Concello: a rebaixa do tipo impositivo, aprazamentos para que Catastro emita os recibos de forma escalonada, bonificacións nos terreos non edificables, bonificacións sociais ou o servizo de información á veciñanza”.

Considera Verónica Tourón que o PP debe “retractarse das súas acusacións sobre o noso grupo” xa que, engade, “estamos facendo o que pedíamos naquel momento e o que debemos facer: xestionar e poñer solucións aos problemas da veciñanza”.

O Grupo Socialista lembra que, en todo caso, “este é un procedemento irreversible” ao mesmo tempo que queren deixar ben claro que “en ningún momento foi solicitado nin iniciado polo Concello, senón que ven avalado por unha modificación lexislativa do Partido Popular no ano 2015”. Tourón recoméndalle ao Partido Popular “que deixe de sementar crispación e que arrimen a ombreira nun problema que foi creado polo seu propio partido e que preocupa as veciñas e veciños de Salceda”.

Recalca Verónica Tourón que dende o Concello “traballouse dende un primeiro momento na procura de solución para paliar os efectos deste procedemento” e mentres “o grupo da oposición dedicouse a moldear a súa mensaxe adaptándoo aos avances de Goberno municipal”. Nese sentido, lembra a portavoz socialista de Salceda de Caselas que os populares “pasaron de solicitar unha paralización da revisión, cousa inviable, a solicitar cuestións que o equipo de Goberno xa ten resoltas ou en estudio. Dedicáronse a ir creando incertidume e dando información incompleta, chegando a felicitarse e presumir dun traballo que realizou o equipo de Goberno”.

Os socialistas de Salceda consideran que o partido da oposición “está actuando con total irresponsabilidade nun tema moi serio e cun discurso que so provoca enfrontamento”. Fai, en todo caso o PSOE un chamamento “a que traballen conxuntamente na procura de solucións e que deixen de colgarse medallas por un traballo que non están facendo eles”.

“A veciñanza merece seriedade e rigorosidade dun grupo que a veces esquece que pertence a corporación local e que mostra unha actitude moi afastada do que debe ser a representación institucional”, conclúe Verónica Tourón.

Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro presentan ‘Bambán de vento’ en Ponteareas

No marco do ciclo de presentacións de libros Abril, mes dos libros, que organiza a Concellaría de Cultura para celebrar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor, a escritora Hortensia Bautista e a pintora Aurora Quinteiro presentarán en Ponteareas o seu último libro, Bambán de vento. O acto terá lugar este sábado 17 de abril, ás 20 horas, na sala multiúsos do Auditorio Municipal, e contará coa presenza e participación das dúas creadoras ponteareás.

Di a contraportada que “é un convite a viaxar pola contorna desde o apego á paisaxe e a cultura propias. Debullando lembranzas, vivencias e soños, a nena anímanos a partillar tesouros agochados na nube da memoria e liberalos do baúl do esquecemento”. Hortensia e Aurora definen este álbum ilustrado como unha conversa interxeracional para que as nenas e os nenos coñezan o val do Tea, as súas lendas, ditos, refráns, historia…

“Neste mes do libro, queremos amosar o bo momento e a calidade das letras ponteareás. Bambán de vento é o segundo dos cinco volumes que temos intención de presentar. Trátase dunha proposta para un dos públicos máis esixentes, as cativas e cativos, mais que cremos que será unha linda sorpresa para todas aquelas persoas que teñan a oportunidade e curiosidade de o ler” comenta o concelleiro da Área de Cultura, Fernando Groba.

Para asistir á presentación, as persoas interesadas deberán reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a [email protected]

Nigrán inclúe a musicoterapia científica no centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas

0

O Concello de Nigrán engade no centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas xestionado por Afaga o tratamento de musicoterapia, que será ofrecido semanalmente pola especialista Montserrat López-Merino, presidenta da Asociación Galega de Musicoterapia e responsable do Modelo Casa Baubo, con máis de dúas décadas de experiencia na nosa comunidade. Este tratamento tamén comprenderá ao alumnado do CEE de Panxón, neste caso ligado ao eido educativo-pedagóxico. O Concello de Nigrán dá deste xeito un paso  máis na aplicación de terapias innovadoras vinculadas á saúde física e emocional no marco de ‘Un Nigrán para todos’. A esta primeira xornada de avaliación e coñecemento dos usuarios para posteriormente definir o tipo de sesións asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado da edil da Terceira Idade, María Mayán.

“Estamos encantados de poder ofrecer experiencias terapéuticas innovadoras e con beneficios científicos contrastados, como o fixemos coa terapia canina no CEE Juan María ou como os paseos terapéuticos en bicicleta para persoas con diversidade cognitiva, polo que estamos igualmente moi agradecidos aos profesionais que nos ofrecen estas posibilidades”, explica o rexedor.

‘No colo de Baubo. Sueno, Sano, Soy’ é un proxecto especialmente pensado para persoas con enfermidades neurodexenerativas e que se aplicará no centro xestionado por Afaga en Panxón para que, a través da musicoterapia, experimenten beneficios fisiolóxicos, psicolóxicos, emocionais e cognitivos. No caso de ‘Salud en la Educación. Pulso y Matriz. Sonando desde la raíz’, pensado para o CEE de Panxón (que acolle a alumnado con trastornos graves de conducta) trátase de axudarlles a que exploren a súa propia identidade e activen capacidades para coñecerse mellor a eles mesmos. “Na adolescencia necesitamos descubrirnos e re-interpretarnos continuamente como acontecementos improvisados ​nun mundo en interacción con outros seres humanos”, explica López-Merino.

De acordo coa Federación Mundial de Musicoterapia (2008): “A musicoterapia consiste no uso da música e/ou dos seus elementos (son, ritmo, melodía, harmonía), por un musicoterapeuta cualificado, cun cliente ou grupo, nun proceso destinado a facilitar e promover a comunicación, ou aprendizaxe, a mobilización…

A concelleira de Educación, entrevistada no CEIP da Ribeira para “Louriña TV escolar”

A concelleira de Educación do Porriño, Lourdes Moure, foi entrevistada por nenos e nenas de 4º de Primaria do CEIP da Ribeira, para a nova canle de “Louriña TV escolar”.

Esta iniciativa, promovida polo Concello, a través da OMIX do Porriño, como un proxecto colectivo de innovación educativa na que poidan estar implicados todos os centros educativos do termo municipal.

A concelleira coñeceu así, de primeira mán, os obradoiros que se están a realizar nos diferentes colexios do Porriño para participar na nova canle municipal de televisión “online” para o alumnado porriñés “Louriña TV escolar”.

De feito xa está disponible un primeiro vídeo feito por alumnos do CEIP de Mosende coa colaboración de alumnos do CPR Hnos Quiroga que puxeron as súas voces. 

Aproveitando a visita ao CEIP da Ribeira, a concelleira Moure Varela, tamén asistiu a unha das sesións de “Ecopercussión”. Consiste en obradoiros para a formación e execución de grupos de percusión formados polos nenos e nenas mediante instrumentos con materiais reciclados como botes de pintura, bidóns ou latas.

Nesta actividade, tamén promovida polo Concello a través da OMIX do Porriño, participan 267 alumnos dos centros de educación primaria, ata o vindeiro 21 de abril.

Ana Abad de Larriva: “Hai que poñer luz nas historias de memoria histórica que forman parte do que somos agora”

“É importante que haxa plataformas para visibilizar historias de memoria histórica, que forman parte da historia de Galiza, do noso común, do que somos agora”. Así o manifestou a dramaturga Ana Abad de Larriva, gañadora do premio do I Certame de Microteatro da Memoria organizado pola Deputación de Pontevedra e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

A peza gañadora foi ‘Un biolo na noite’, escollida entre os 22 traballos presentados pola súa empatía ao abordar a situación das mulleres na guerra e na posguerra en Galicia, así como polos recursos teatrais e o “excelente” tratamento lingüístico. Está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos-  viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, figura que se pon en valor por percorrer os montes para irlle buscar as menciñas ao fillo e vender roscas na feira para poder mantelo.

Ana Abad de Larriva agradeceu á Deputación a creación de certames como o do Microteatro da Memoria pola posibilidade de visibilizar e poñer na luz historias como a de María, “que están no cotiá e que coa súa pequena gran achega abriron moita luz no medio da escuridade”, subliñou. Agradeceu tamén á deputada de Memoria Histórica María Ortega a súa aposta polo teatro como ferramenta para chegar á xente porque “as artes escénicas son un bo medio para traballar dende a palabra e dar vida a estas persoas”.

“Que sigamos tendo máis certames e reivindicando dende todas as facetas da arte a memoria de país”

Pola súa parte, a deputada María Ortega subliñou que o certame de Microteatro naceu dentro do proxecto ‘O Pasado Por Vir’como unha necesidade de buscar outros estilos de comunicación e linguaxes para achegar a temática da memoria histórica sobre todo á xente máis nova. Destacou que é preciso “recuperar as ideas da Galiza de antes do golpe, a súa potencialidade, e o que ese golpe e parálise e dor representou para milleiros de galegaos e galegas e que aínda hoxe estamos a sufrir as consecuencias”.

Ortega salientou que Abad de Larriva, como persoa nova cunha percepción da realidade e linguaxe propia, foi quen de plasmar “os eixos que persegue o departamento de Memoria Histórica da Deputación de ter en conta a perspectiva de clase, de país e de xénero” nun relato curto e ameno na súa lectura. Destacou que a obra Ana logrou expresar a realidade de moitas das mulleres galegas que viviron en anos moi escursos “tamén dende o punto de vista das persoas do común, do noso pobo”. “ Non podo máis que parabenizar a Ana polo seu traballo e agradecer á ESAD o seu compromiso coa memoria por poñer en valor a actual e antigo alumnado”, finalizou.

Texto fermoso, delicado e comprometido

A vicedirectora da ESAD Cristina Domínguez Dapena cualificou o texto de Abad de Larriva de  “fermoso, delicado e comprometido”.  Subliñou que se trata dunha pequena peza chea de emoción “que recomendo ler” e que é un orgullo para a ESAD que sexa unha ex alumna a que teña “esa capacidade técnica e dramática de plasmar a traxedia sufrida por mulleres e homes na guerra civil e na posterior represión. En  verdade é un traballo emocionante que chega ao corazón”.

Domínguez aproveitou tamén para dar as grazas á Deputación polo compromiso coa mocidade que está a crear e que está mellorando técnicamente a escena galega, e polo compromiso tamén coa ESAD. “Nós precisamos ese apoio e penso que a Deputación tamén precisa esa parte técnica para impulsar proxectos escénicos e que teñen que ver coa cultura do país. Agardamos que un proxecto coma este continúe unhas cantas tempadas máis porque fan falta certames coma este que se convirtan en aliciente para a xente nova, para poder chegar a crear con dignidade”, finalizou.

Pola súa banda, a responsable do departamento de Normalización Lingüística da ESAD, Irene Moreira, subliñou a boa acollida deste entre as e os participantes e incidiu en que ‘Un biolo na noite’ fala do “subversivos que son os actos cotiás das mulleres que no golpe militar axudaron a levar a dor que iso provocou”. Salientou o tratamento técnico e dramatúrxico con diálogos brillantes e un moi bo reflexo da atmosfera, “ese monte que é tan noso e que acompañou a ese proceso tan doloroso”. “Que sigamos tendo máis certames e reivindicando dende todas as facetas da arte a memoria de país”, pechou.

Ana Abad de Larriva recibe polo premio de Microteatro 500 euros en metálico e o correspondente diploma acreditativo, que hoxe se completaron coa entrega dun agasallo consistente nunha pluma estilográfica e un caderno de coiro cos datos do certame e o seu nome gravado.

Tomiño anima á veciñanza a participar na creación do Arquivo da Imaxe Municipal

0

O Concello de Tomiño acaba de poñer en marcha a segunda fase do arquivo da imaxe municipal. Logo da conclusión da primeira fase realizada nos últimos meses, que consistiu na recollida de máis de 3.000 fotografías de múltiples fontes tales como hemerotecas de diversas publicacións, arquivos fotográficos ou fundacións, o arquivo inicia agora a súa segunda fase, na que será imprescindible a participación cidadá.

Desde o concello convidan á veciñanza a buscar fotos antigas de Tomiño nas súas casas ou que estean relacionadas co municipio. Só terán que chamar ao concello e desde a institución encargaranse de desprazarse aos domicilios para recollelas. As fotografías serán dixitalizadas e catalogadas, levándoas de volta ao domicilio nun prazo máximo de 72 horas.

Este método de recollida, realizado por persoal do Concello, foi elixido por ser considerado o máis seguro tendo en conta o contexto da pandemia do Covid-19 co fin de evitar o contacto o máximo posible. De todos xeitos, no caso de que algunha familia contase cunha colección de grande importancia e antigüidade e tivesen reparos sobre a súa recollida, desde o Concello valoran a posibilidade de facer excepcións puntuais, realizando desprazamentos ás casas para realizar a dixitalización in situ.

A veciñanza pode poñerse en contacto co Concello para prestar as súas fotos a través do número 986 62 20 01, solicitando a atención do departamento de Cultura. A concelleira encargada da área, Ana Isabel Fernández, destaca a importancia do proxecto. “A creación do arquivo ten unha importancia fundamental para a conservación e a divulgación da historia de Tomiño e agora queremos contar tamén coa colaboración dos veciños e veciñas. O proceso de dixitalización é 100% seguro e as familias terán de volta as súas fotografías nun máximo de tres días”, explica.

Espérase que o arquivo sexa almacenado na futura biblioteca de Tomiño, podendo ser consultado por toda a veciñanza, divulgándoo tamén a través de exposicións temáticas periódicas.

Sete concellos do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta poden recibir axudas para abastecemento, saneamento e depuración

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, ten aberta unha orde de axudas, dotada con 4 millóns de euros, para a execución de obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración que está destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes, polo que dela poderán beneficiarse sete municipios das bisbarras de Baixo Miño, O Condado e A Paradanta.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta liña de subvencións, financiada no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, nunha visita realizada ao concello de Pontecesures co seu alcalde, Manuel Vidal, que lle transmitiu o seu interese pola mesma co obxectivo de poder modernizar estas prestacións para a cidadanía.

“Estamos comprometidos coa mellora dos servizos públicos, con especial interese nos municipios máis pequenos, que en ocasións teñen máis dificultades de financiamento, e por iso abrimos esta liña, da que poderán beneficiarse ata sete municipios do sur da provincia e que pode estender ou ampliar as redes dunha poboación potencial de máis de 19.000 veciños destas bisbarras”, detallou Luis López. Lembrou que o abastecemento e o saneamento “son competencias de carácter municipal, pero Augas de Galicia ten, entre as súas funcións, a adopción de medidas de apoio nesta materia para axudar aos concellos na mellor prestación destes servizos municipais”.

Estas subvencións, ás que se opta en réxime de concorrencia competitiva presentando a correspondente solicitude ata o vindeiro 25 de abril, poden beneficiar aos municipios de Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Oia.

Os concellos interesados poderán presentar senllas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento orientada ao seu funcionamento óptimo e outra para saneamento ou depuración destinada á modernización e aumento da eficacia de instalacións existentes ou a construción de novas infraestruturas, polo que, chegado o caso, poderán recibir ata 100.000 euros de axudas.

A orde de axudas establece, como parámetros para a baremación das solicitudes, a poboación do municipio, primando aqueles con menos habitantes; a corresponsabilidade financeira, favorecendo aos que realicen algunha achega económica á execución da actuación; e o estado da tramitación do proxecto. No caso dos beneficiarios, deberán presentar a correspondente xustificación ata o 30 de novembro deste ano. “Creo que se trata dunha gran oportunidade para os concellos menos poboados, xa que se subvencionarán alomenos 80 actuacións de abastecemento e saneamento en toda Galicia e creo que pode ser unha vía moi aproveitable polos 23 municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes”, concluíu o delegado territorial.

Mos abre mañá un servizo ao cidadán de axuda para a tramitación de solicitudes de subvención para o aluguer

0

Desde o venres 16 e ata o xoves 29 de abril, técnicos municipais de Mos estarán a disposición dos veciños e veciñas interesados en solicitar estas axudas de aluguer; será na Axencia de Colocación (antigo CDL) na estrada de Puxeiros a Peinador, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Para asistir deberán pedir cita previamente chamando ao teléfono 986 487 786.

Axudas

  1. Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas.
  2. Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas MENORES DE 35 ANOS con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

Requisitos

  • Ter contrato de alugamento no momento de presentar a solicitude, tanto na liña A como na liña B.
  • Optar por unha das dúas liñas de axudas.
  • No caso de que seleccione as dúas liñas no formulario de solicitude, a axuda tramitarase pola liña A.
  • No caso de que non se seleccione ningunha liña, o grupo de idade na liña a ou non se indique o importe da renda de alugueiro a solicitude non será admitida a trámite.
  • Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia. No caso de presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, téndose por inadmitidas todas as demais.
  • No caso de contratos de alugamento asinados por máis dunha persoa da unidade de convivencia, só se poderá conceder unha única axuda polo dito contrato.

Outros requisitos

  •  A vivenda ten que constituír a residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria, o que se acreditará cun xustificante de empadroamento conxunto, no que consten, na data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato.
  •  A persoa solicitante e as demais persoas integrantes da unidade de convivencia deben estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

O Concello de Nigrán abre o prazo para presentar ofertas aos quioscos de praia do municipio

0

O Concello de Nigrán abre desde hoxe e ata o 5 de maio o prazo para a presentación de ofertas para explotar os quioscos de praia este verán, retomándose a tempada desde o 1 de maio (o ano pasado por mor do Covid-19 comezara o 1 de xullo) ata o 30 de setembro, tal e como publicou onte o BOP.

O Concello de Nigrán oferta 7 quioscos de venda de xeados, refrescos e alimentos (2 en Patos, 1 en Area Fofa, 1 na Madorra, 1 en Panxón e 3 en Praia América, un destes de venda de churros) e amplía o custe proporcionalmente ao ano pasado, cando só estiveron 3 meses operativos. Os prezos oscilan desde un mínimo de 2.500 € do quiosco de Area Fofa ata o máximo de 24.000 € en Praia América e, como o ano pasado, os pregos obrigan ao adxudicatario a cumprir en todo momento a normativa Covid-19.

Os interesados poden presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello, estándo as bases penduradas na sede electrónica da web municipal (taboleiro de anuncios) ou impresas na Oficina de Información Cidadá.

“Hai que ser optimistas e ter en conta que este verán, fronte ao ano pasado, os quioscos retoman o seu periodo de explotación habitual. Temos que ter en conta que este é un servizo de praia que dá traballo a diferentes familias e que, ao mesmo tempo, os cidadáns agradecen”, indica o alcalde, Juan González.

Bases Quioscos Praia

Galicia rexistra un total de 2.439 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.439, deles 602 son da área da Coruña, 176 da de Lugo, 205 da de Ourense, 375 da de Pontevedra, 625 da área de Vigo, 363 da de Santiago e 93 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 25 están en UCI, 157 en unidades de hospitalización e 2.257 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 114.466 persoas curadas, rexistrándose 2.371 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.936.140.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 803.291.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Poesía contra a lacra machista no programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ en Arbo

0

Coa estrea da acción poética Podo perderme no verde, a artista Xiana Arias escenificou hoxe no Centro Multiusos de Arbo a loita pola igualdade e contra a violencia machista da man do programa da Deputación ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero‘, poñendo a énfase na potencialidade da voz humana como vía de saída nunha situación límite.

O emotivo acto, que contou coa presenza da deputada de Igualdade, Victoria Alonso; do alcalde de Arbo, Horacio Gil, e varios concelleiros e concelleiras, estivo aberto ao público xeral e retransmitiuse en directo a través das canles en liña da Deputación e do Concello.

A acción escénica comezou cunha sorpresa, a voz da presidenta da Deputación, Carmela Silva, que soou no multiusos para definir a Xiana Arias como “un verso libre que permite construír referencias para outras tantas mulleres que son e que serán libres”. Para a presidenta a artista é “unha muller que vive na liberdade na que todas construímos a nosa vida. Unha muller que creceu no verde, entre os sons do vento e da auga de mulleres poderosas da Fonsagrada”, lugar vinculado ás orixes familiares da propia presidenta. Xiana Arias agradeceu á Deputación que contaran con ela para o programa “xa que Violencia Zero pódese considerar un catálogo que amosa a obra das mulleres artistas galegas”

A artista deu lectura en Podo perderme no verde ás constantes recriminacións que sofren as mulleres por facer ou dicir algo no marco dunha relación: “se ti non me respectas e non me escoitas, e amais fálasme berrando; eu decido non escoitarte a ti e marcho, aínda que sexa mentalmente, a tirarme no prado nun día de sol”. A performance escenificou un percorrido teatral que vai involucrando ao público e que remata nun salto consciente (que na obra se identifica coa cor verde). A peza constitúe un repaso pola poética de Xiana que pon de relevo a pegada que deixou na súa escrita o fenómeno da violencia en tódalas súas modalidades; así como a mestura dalgúns poemas que escribiu nos últimos dez anos e doutros textos integrados en Ortigas e Acusación.

A deputada Victoria Alonso lembrou que “non esquezamos nunca que detrás das estatísticas da violencia de xénero e dos números de mulleres asasinadas hai familias rotas e nenas e nenos orfas/os, ou mesmo asasinadas/os”. A responsable provincial de Igualdade aproveitou a ocasión para lembrar que “ningún home pode decidir sobre a figura dunha muller” e que este programa “intenta mudar as conciencias para mudar así a sociedade”. Sobre Xiana Arias falou “dunha muller empoderada que chega a cumprir tódolos obxectivos que se propón”, e que “como o resto de mulleres da cultura e outros sectores ten que esforzarse día a día, por amosarse un pouquiño máis que os homes”.

O alcalde de Arbo aproveitou a súa quenda de palabra para lembrar un crime machista acontecido no concello hai uns anos, que deixou “unha fonda ferida pola perda inxusta, cruel e desapiadada dunha parella no mellor da súa vida”. Para Horacio Gil accións como a presentada hoxe “provocan reflexión e removen conciencias, feitos imprescindibles para que se produzan cambios reais na sociedade” posto que entre todos e todas “temos que ser capaces de promover a educación en igualdade e fomentar a actitude crítica contra comportamentos que teñen que ser socialmente reprochados”. O alcalde concluíu evidenciando que “queda moito traballo por facer e non podemos cesar ata que esta lacra desapareza e construamos unha sociedade xusta e igualitaria na que a violencia cero deixe de ser obxectivo e se converta en feito”.

Está é a VI edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, o programa da Deputación que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Para o que resta de 2021 contará con outras 16 actividades, entre as que haberá performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas e música.

Vinte e tres persoas obteñen a licencia de navegación no curso impartido en Tomiño

0

O pasado sábado impartiuse en Tomiño o curso para obter ou renovar a licencia de navegación, organizado pola Real Federación Galega de Motonáutica. En total matriculáronse na actividade formativa 23 persoas, das cales unha pertence a un colectivo con discapacidade.

22 persoas matriculáronse na modalidade para obter o curso completo, consistente nunha parte teórica e noutra práctica, mentres que unha delas só tivo que realizar a parte práctica ao contar coa parte teórica xa convalidada.

Desde a organización queren agradecer á academia de Tomiño “O Caderno de Repaso” pola cesión das súas instalacións para poder facer o curso, xa que a previsión de chuvia impediu que pudese ser desenvolvido no Espazo Fortaleza de Goián, onde se esperaba realizar inicialmente.

A Real Federación Galega de Motonáutica lembra que tamén está prevista a organización de outro curso no mes de xuño. Para solicitar información ao respecto está dispoñible o correo electrónico [email protected] e o teléfono 986 22 24 40.

O Pazo de Mos acolle a presentación do libro ‘Na procura do medo esquecido’

0

O Pazo de Mos acolleu na tarde de onte a presentación do libro Na procura do medo esquecido, Catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia, á que asistiron Juáncho, autor da obra –de ascendencia mosense–; Diego Giráldez, escritor da Editorial Galaxia; Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura.

Nun emotivo acto, Juáncho falou das súas raíces mosenses, dos seus avós María e José que rexentaban a ‘Panadería de José Vicente’ en Sanguiñeda e de moitas máis cousas incribles relacionadas co libro e con Galicia.

Desde o Concello de Mos adiantouse que a administración local adquirirá exemplares deste libro para que estean presentes en todos os colexios e demais centros educativos do municipio, así como nos centros culturais das parroquias e na Biblioteca Municipal co obxectivo de que esta “obra de arte sobre a tradición galega” estea ao alcance, e poida ser coñecida, por toda a poboación interesada nela; e que poida empregarse en CEIPs e Escolas Infantís como ferramenta didáctica.

[su_image_carousel source=”media: 34549,34550,34551,34553,34552,34555,34556″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A obra: “Na procura do medo esquecido”

Perder o medo é un exercicio inútil de soberbia porque sempre nos rolda. Nesta obra réndese homenaxe a algúns deses seres que levan dando medo durante moitos séculos e hoxe vagan polo noso esquecemento. A natureza aparece como protagonista, pois pon o escenario, a luz e os personaxes principais no seu deambular polas nosas almas. Nas encrucilladas acotío moitos ollos presencian, e logo contan, o que acontece. Feitos extraordinarios narrados dun xeito sinxelo, directo e coloquial.

O autor

Juáncho é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo (2004) e conta co Ciclo Superior de Artes Plásticas e Deseño en Gráfica Publicitaria da Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense (2001). Nacido no Porriño en 1977, dende cativo foi unha persoa moi inqueda e gustoulle relacionarse coa cultura, a arte e a ilustración.

É un apaixonado do debuxo e da banda deseñada, e de aí que, en 1996, fundase e coordinase un fanzine que dinamizou dende O Porriño, e que contou con colaboracións de artistas de toda Galiza. Era o Comikaze, unha publicación aperiódica de BD que se prolongou ata 2005. Ao longo das súas oito edicións, o fanzine chegou a albergar colaboracións de artistas da categoría de Emma Ríos e tentou ser soporte para dar visibilidade a novos talentos. Crea, en 2008, un estudio de comunicación (publicidade e ilustración) no Porriño, que leva por nome: “juáncho DEBUXA & DESEÑA”. Nestes máis de dez anos traballou e colaborou con clientes de distinta entidade e natureza como a Universidade de Vigo, o Festival de Cans, o Festival Reperkusión, a Festa da Rosa, a Festa de Arde o pazo, e mesmo o disco-libro, María Fumaça.