11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación facilita que os 'Concellos Revitaliza' contraten a novas mestras e...

    A Deputación facilita que os ‘Concellos Revitaliza’ contraten a novas mestras e mestres compostadores propios

    Cada municipio poderá dispoñer de entre un e catro especialistas en compostaxe e o Revitaliza correrá co 100% do gasto laboral o primeiro ano, o 50% o segundo ano e o 30% o terceiro ano

    A Deputación de Pontevedra vai aprobar este venres en Xunta de Goberno a terceira liña de axudas para subvencionar a contratación de mestras e mestres compostadores por parte dos ‘Concellos Revitaliza’. Este persoal pasará a formar parte do plantel de traballadores municipal durante un prazo de tres anos e encargarase de desenvolver o modelo de xestión de lixo baseado na compostaxe, xestionando os centros de compostaxe comunitaria, revisando e controlando os composteiros individuais, e atendendo á cidadanía.

    Segundo adiantou o vicepresidente César Mosquera, a Xunta de Goberno aprobará mañá venres as bases da convocatoria. Trátase da terceira vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para contratar trece postos técnicos e catorce na segunda. Nesta ocasión, e tralas consultas previas e mediante estudos de campo realizados polo persoal técnico provincial, estímase que as necesidades de persoal nos concellos quedarían cubertas cun máximo de 15 novos mestres compostadores.

    Os postos cubriranse con persoal preparado en compostaxe. Chamarase en primeiro lugar ás persoas candidatas que forman parte da vixente bolsa de emprego creada no seu día para o nomeamento interino do persoal Revitaliza, mais se é preciso, convocarase un novo proceso selectivo por parte da Deputación para crear outra bolsa de emprego.

    Os concellos que soliciten as axudas para contratar mestras e mestres compostadores recibirán un número máximo de traballadores (entre 1 e 4) que se determinará en función da experiencia acumulada no tratamento de residuos orgánicos (ata 60 puntos) –presentando un proxecto de actuación- e da posibilidade de acadar o tratamento progresivo do 100% da materia orgánica. A valoración farase por medio dunha comisión de expertos.

    Ao igual que na anterior convocatoria, a Deputación subvencionará aos concellos o 100% das retribucións dos mestres e mestras compostadoras o primeiro ano (12 meses). Tendo en conta os prazos para a tramitación do expediente, a subvención correspondente ao ano 2021 abarcará un período de seis meses, polo que o importe máximo do financiamento nesa anualidade de 2021 ascenderá á cantidade de 222.129,90 euros. O segundo ano a Deputación farase cargo do 50% do custe laboral e o terceiro ano do 30%.

    O prazo para presentar as solicitudes dos concellos será de 15 días a contar dende o día seguinte á publicación das bases e do extracto no BOPPO. Na actualidade son un total de 47 concellos da provincia os que están adheridos ao Revitaliza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.