A reforma integral do mercado municipal do Rosal chega á súa recta final. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, visitou esta semana as obras acompañada dos arquitectos responsables do proxecto para ver in situ a evolución desta primeira fase da remodelación das instalacións, que comezou o pasado mes de xaneiro co obxectivo de recuperar un edificio emblemático dos anos 50 e converter a praza de abastos nun espazo vivo que funcione como locomotora económica e social do núcleo urbano.
“Estas obras son un paso máis no compromiso do Concello polo local, investindo na mellora e modernización dunhas instalacións que contribuirán a impulsar a venda de produto de proximidade neste histórico mercado e a promover actuacións que fagan o noso comercio máis atractivo e competitivo ao tempo que dinamizan o núcleo urbano”, destacou a rexedora durante a visita ao recinto.
Tras a remodelación o mercado municipal contará cunhas instalacións adaptadas ás necesidades actuais e convertendo o espazo nun lugar máis humanizado, confortable e atractivo tanto para comerciantes como para usuarios e usuarias. O mercado contará con cinco postos comerciais no espazo principal que se distribuirán nunha illa central con dous postos de froita e horta e nunha franxa lateral con carnicería, peixaría e un novo posto en formato de tenda de conveniencia enfocado á venda e promoción de produtos locais.
Os traballos de reforma do edificio contaron cun investimento de máis de 207.000 euros a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dunha subvención de Agader e de financiamento propio do Concello.