11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasO Concello de Salceda iniciará accións xudiciais contra Telefónica

    O Concello de Salceda iniciará accións xudiciais contra Telefónica

    O Concello de Salceda de Caselas deu traslado ao seu departamento xurídico da situación do poste de teléfono da estrada Portela-Maceira no que recentemente se produciu un accidente de tráfico, para iniciar as accións xudiciais pertinentes conta Telefónica ante este caso.

    No verán do pasado ano 2020, cando o Concello xa tiña aprobado o proxecto de mellora da mencionada estrada, Telefónica procedeu á instalación desta nova liña sen a pertinente licenza municipal, colocando o poste na zona de actuación do proxecto. Unha vez que o Concello quixo iniciar as obras no mes de outubro e se percatou da existencia do mencionado poste, enviou comunicación a Telefónica solicitando a retirada do mesmo, e incidindo na perigosidade da situación, pois co ensanche da estrada o poste quedaba colocado despois dunha curva con moi pouca visibilidade. A mencionada petición non foi atendida, e o Concello tivo que rematar a obra deixando o poste na zona do asfalto mentres se seguía reiterando a petición a Telefónica.

    Esta semana, un vehículo chocou co poste, e a imaxe correu polas redes sociais facendo responsable ao Concello do acontecido, descoñecendo a situación verdadeira. Ante este acontecemento, e co obxectivo de evitar que se volva producir outro accidente, o Concello volveu colocar e reforzar a sinalización do lugar, e deu traslado da situación ao departamento xurídico que está a traballar xa nas accións que se poidan levar a cabo.

    Por outra banda deuse traslado a Telefónica do acontecido, urxíndolles a solucionar con urxencia unha situación que xa se prolonga durante máis de medio ano. Xa noutras ocasións se tardou meses por parte de Telefónica en mover algúns postes en situacións similares, polo que dende o Concello se está a buscar a mellor solución para que isto non volva acontecer.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.