O vindeiro domingo 18, o colectivo ‘Artelixo’ de Redondela inaugura unha nova edición do seu festival, que se celebrará na vila dos viadutos e parroquias desde o sábado 17 até o venres 23 de abril. Coma todos os anos, este ecofestival creará un museo ao aire libre coas obras inscritas feitas con materiais de refugallo. Todas elas encheran as rúas da vila e os escaparates dos comercios para concienciar sobre a necesidades de coidar o medio ambiente.
As obras poderán visitarse desde o sábado 17 ainda que o acto de inauguración terá lugar o domingo 18 na parroquia de San Martiño de Ventosela, parroquia que xa acolleu a pasada semana unha plantación de mais de 200 frondosas coorganizada por Artelixo, xunto con Lenda (Centro de Saúde Mental de Redondela) e a Comunidade de Montes de Ventosela. A actividade contou coa colaboración do Concello.
Para este domingo Artelixo organiza nun roteiro circular que arrincará ás 11 h da Miñoteira, desde alí subirá ao petróglifo da Pedreira, e logo ás Pedras Agudas, onde se restaurará o cabalo de madeira-mirador, obra indultada que desde hai tres anos loce neste enclave privilexiado sobre a ría. Alí lerase o Manifesto deste ano, que xirará arredor da limpeza dos ríos e dos montes.
Logo baixarase ao monte de Bouces, o lugar onde se fixo a plantación, que se regará e se supervisará, e onde se porá en valor o labor de repoboación forestal. E, por último, o roteiro volverá á Miñoteira, onde o grupo de danza africana ITTZY MOUSSS xunto ao grupo musical WON TA faran unha actuación de baile e música por volta das 13:30h. Para os que queiran, a actividade rematará, a partir das 14h, cun xantar popular na Miñoteira.
A actividade está aberta a todos os públicos e, especialmente indicada para familias que queiran concienciar aos máis novos da necesidade de coidar da natureza para que ela tamén coide de nós.
No marco do Artelixo tamén se poderá visitar a Exposición ‘Re-Composicións’ –do artista redondelán Moisés Iglesias– na Sala 1 do Multiúsos da Xunqueira. Estará aberta ao público desde o 16 de abril até o 17 de maio.
Nesta edición, o Artelixo tamén ten previsto ampliar o seu radio de acción cun obradoiro para os máis cativos que terá lugar en Vilar de Santos (Ourense) o sábado 24 de abril no Espazo Carabuñas.