O Servizo de Orientación para o Emprego en Tui xestionou no primeiro trimestre deste ano 50 ofertas de emprego, ao tempo que no servizo de intermediación contactaron con preto de 30 empresas. Outra das actividades desenvolvidas foi a impartición de obradoiros orientados a mellorar a busca de emprego.
Este servizo de orientación, situado no Centro Municipal de Formación en Guillarei, préstase previa cita. Nunha entrevista inicial realizan unha diagnose da situación persoal e profesional da persoa que acode, para orientala ben cara á Bolsa de Emprego Municipal ou cara outros recursos. Precisamente nos tres primeiros meses do ano 50 persoas en busca activa de emprego se incorporaron a esta bolsa. Deste total 5 persoas accederon neste trimestre ao mercado laboral.
A concelleira de Formación e Emprego do Concello de Tui explicaba que “nestes momentos tan difíciles para o emprego o goberno municipal propúxose diminuír a taxa de desemprego do municipio”. En marzo produciuse un descenso no número de desempregados en Tui de 8 persoas con respecto ao mes de febreiro, situándose en 1.301 persoas das que 791 son mulleres e 510 son homes.
Dende o departamento de Formación neste trimestre – até o mes de xuño – teñen previsto impartir novos obradoiros dirixidos a persoas desempregadas empadroadas no municipio. En concreto serán Taller “Obxectivo profesional”; Taller “O Curriculum Vitae”; Taller “A entrevista de Traballo” e Taller de “Ferramentas dixitais para a busca de Emprego”. As persoas interesadas nestes obradoiros, en formar parte da bolsa de emprego municipal ou en solicitar cita para o servizo de orientación poden contactar co teléfono 986 60 32 28 ou co correo orientació[email protected].