10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO Concello de Tui crea o Foro do Camiño Portugués

    O Concello de Tui crea o Foro do Camiño Portugués

    Haberá unha conferencia mensual para afondar no coñecemento desta ruta xacobea

    O Concello de Tui continua avanzando no impulso de iniciativas a prol do Camiño Portugués ao entender que esta ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do concello. Neste senso pon en marcha unha iniciativa denominada ‘Foro do Camiño Portugués’ co obxectivo de realizar cada mes unha charla sobre temáticas xacobeas relacionados coa peregrinación polo Camiño Portugués. Trátase dunha sesión presencial pero retransmitida en liña, en tui.gal, para favorecer o acceso de todos os interesados.

    Este ciclo comezará o próximo martes, 20 de abril, ás 19 h na Aula Cemit, no edificio Francisco Sánchez –antiga Área Panorámica– . O responsable da apertura deste foro será Juan Manuel López-Chaves Meléndez, fundador da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo.

    López Chaves foi, entre outras moitas iniciativas, o organizador en Tui en 1984 do primeiro Encontro do Camiño Portugués e foi o promotor do recoñecemento do Camiño polo Consello de Europa nese mesmo ano 1984, ao aprobar a ‘recomendación 987’ sobre o Camiño Francés, antecedente da declaración do Camiño de Santiago como ‘primeiro itinerario cultural europeo’. Con esta conferencia de apertura do ‘Foro do Camiño Portugués’ o Concello de Tui quere renderlle un merecido e sinxelo recoñecemento.

    O aforo para asistir presencialmente é limitado polo que é preciso realizar inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- no correo electrónico: biblioteca@tui.gal. A conferencia poderá seguirse en director en tui.gal.

    O Concello de Tui, sinala o concelleiro de Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, está traballando con intensidade dende hai tempo na promoción do Camiño de Santiago polo noso territorio.

    A creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de facebook ‘Camiño Portugués. Tui’ con máis de 1700 amigos, etc son mostra deste empeño. Algunhas actuacións quedaron interrompidas pola pandemia, outras se mantiveron adaptándose ás novas circunstancias.

    Laureano Alonso sinala que esta iniciativa de creación do ‘Foro do Camiño Portugués’ inxírese na vontade do Concello de Tui de prepararse para o escenario post-covid no ámbito da peregrinación xacobea levando adiante novas iniciativas que contribúan ao posicionamento do Camiño Portugués e de Tui cara ao futuro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.