A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre considera que o asunto das firmas dos concelleiros do PP solicitando un pleno extraordinario, precisa dunha investigacón polo que podría ser un delito de falsidade. Cómpre lembrar que o portavoz popular, Alejandro Lorenzo, solicitou un Pleno Extraordinario, que lle foi denegado despois de apreciarse que, segundo o Concello porriñés, “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”.
Un informe emitido polo Secretario Municipal respalda a decisión da alcaldesa de non convocar un pleno extraordinario solicitado polo PP. O informe do Secretario aprecia que a solicitude do PP non cumpre cos requisitos establecidos por lei.
No seu momento Eva García denegou a petición “ao non constar acreditada a autenticidade das firmas nin a vontade dos concelleiros solicitantes”.
Eva Garcia ordenou a difusión de dous documentos públicos “para que a opinión pública e a veciñanza do Porriño coñezan mellor o asunto”. Un deses documentos é o escrito de constitución do Grupo Municipal Popular e o outro é a solicitude deste pleno extraordinario feita o pasado 22 de marzo. Segundo o Concello do Porriño, “as firmas son manifestamente distintas”.
A maiores, o PP presentou un novo escrito ratificándose na súa solicitude, desta vez coas firmas electrónicas dos oito compoñentes do grupo municipal.
A alcaldesa coida que “é necesaria unha investigación máis polo miúdo sobre a posible suplantación das firmas dos concelleiros do PP a través do seu voceiro que, de feito, queda recoñecida claramente co novo escrito no que aportan as firmas de todos eles co seu certificado electrónico”.