18.8 C
Pontevedra
Martes, 8 de Outubro de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosO Pazo de Mos acolle a presentación do libro 'Na procura do...

    O Pazo de Mos acolle a presentación do libro ‘Na procura do medo esquecido’

    Editado por Galaxia, trátase dun libro homenaxe aos seres que levan dando medo durante moitos séculos

    O Pazo de Mos acolleu na tarde de onte a presentación do libro Na procura do medo esquecido, Catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia, á que asistiron Juáncho, autor da obra –de ascendencia mosense–; Diego Giráldez, escritor da Editorial Galaxia; Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura.

    Nun emotivo acto, Juáncho falou das súas raíces mosenses, dos seus avós María e José que rexentaban a ‘Panadería de José Vicente’ en Sanguiñeda e de moitas máis cousas incribles relacionadas co libro e con Galicia.

    Desde o Concello de Mos adiantouse que a administración local adquirirá exemplares deste libro para que estean presentes en todos os colexios e demais centros educativos do municipio, así como nos centros culturais das parroquias e na Biblioteca Municipal co obxectivo de que esta “obra de arte sobre a tradición galega” estea ao alcance, e poida ser coñecida, por toda a poboación interesada nela; e que poida empregarse en CEIPs e Escolas Infantís como ferramenta didáctica.

    A obra: “Na procura do medo esquecido”

    Perder o medo é un exercicio inútil de soberbia porque sempre nos rolda. Nesta obra réndese homenaxe a algúns deses seres que levan dando medo durante moitos séculos e hoxe vagan polo noso esquecemento. A natureza aparece como protagonista, pois pon o escenario, a luz e os personaxes principais no seu deambular polas nosas almas. Nas encrucilladas acotío moitos ollos presencian, e logo contan, o que acontece. Feitos extraordinarios narrados dun xeito sinxelo, directo e coloquial.

    O autor

    Juáncho é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo (2004) e conta co Ciclo Superior de Artes Plásticas e Deseño en Gráfica Publicitaria da Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense (2001). Nacido no Porriño en 1977, dende cativo foi unha persoa moi inqueda e gustoulle relacionarse coa cultura, a arte e a ilustración.

    É un apaixonado do debuxo e da banda deseñada, e de aí que, en 1996, fundase e coordinase un fanzine que dinamizou dende O Porriño, e que contou con colaboracións de artistas de toda Galiza. Era o Comikaze, unha publicación aperiódica de BD que se prolongou ata 2005. Ao longo das súas oito edicións, o fanzine chegou a albergar colaboracións de artistas da categoría de Emma Ríos e tentou ser soporte para dar visibilidade a novos talentos. Crea, en 2008, un estudio de comunicación (publicidade e ilustración) no Porriño, que leva por nome: “juáncho DEBUXA & DESEÑA”. Nestes máis de dez anos traballou e colaborou con clientes de distinta entidade e natureza como a Universidade de Vigo, o Festival de Cans, o Festival Reperkusión, a Festa da Rosa, a Festa de Arde o pazo, e mesmo o disco-libro, María Fumaça.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.