16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoAberto o prazo para presentar as solicitudes de axudas económicas con cargo...

    Aberto o prazo para presentar as solicitudes de axudas económicas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa”

    Desde esta mañá xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para recibir axudas económicas directas con cargo ao “Plan Porriño Impulsa”, que dispón dun fondo de 140.000 € aportados polo Concello e pola Deputación. As bases e os impresos das solicitudes xa están dispoñibles na páxina web do Concello.

    Paralelamente esta mañá, o concelleiro de Emprego, David Alonso, presentou as liñas fundamentais deste Plan que se aprobou por unanimidade da corporación no último pleno municipal celebrado.

    Acudiron á presentación Juana Pérez e Noelia Conde, pola Asociación de Comerciantes de Porriño (ACIPOR), e José Manuel Fernández, pola Asociación de Hostalería do Porriño (AHOSPOR).

    O concelleiro de Emprego lembrou que esta liña de axudas destínase aos establecementos de hostalería, comercio de proximidade, autónomos e microempresas do Porriño, afectados polos peches total ou parciais ocorridos coa ocasión das restricións aplicadas dende xaneiro.

    David Alonso ofreceu “o asesoramento gratuíto que a través da técnico da Axencia de Desenvolvemento Local (ADL) prestamos nas oficinas de ‘Porremprego’, para todos aqueles solicitantes que non dispoñan de asesoría para tramitar as solicitudes”.

    O concelleiro avogou por que “non teñamos que habilitar novas liñas de axuda pero se chegado o momento hai que asumir outra liña de crédito, haberá que valoralo. Ao mellor non serían axudas económicas directas senón outras medidas de apoio e incentivo ao consumo, por exemplo”, manifestou Alonso Bargiela.

    Para rematar a presentación, José Manuel Fernández, presidente de “AHOSPOR” expresou “o agradecemento dos hostaleiros do Porriño ao concelleiro e a toda a corporación municipal por esta liña de axudas e agardemos que non sexan necesarias outras ao longo do ano”.

    Do importe total do Plan Porriño Impulsa, a Deputación Provincial autorizou a utilización do 20% da liña 1 do Plan Concellos para financiar achegas económicas directas por importe de 57.861,02 euros. O resto é a achega que aporta o Concello con recursos propios na cantidade de 82.138,98 euros ata acadar a cifra total de 140.000 euros o que supón un 1% do orzamento municipal total en vigor.

    O límite por beneficiario das axudas establécese na cantidade de 1.500 euros, para aqueles sectores que sufriron o peche total, e 1.200 euros para aqueles outros que estiveran limitados no horario de apertura ao público ou sufriran perdas significativas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.