9.6 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasA ParadantaSete concellos do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta poden recibir...

    Sete concellos do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta poden recibir axudas para abastecemento, saneamento e depuración

    Da subvención poden beneficiarse municipios coma os de Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Oia

    A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, ten aberta unha orde de axudas, dotada con 4 millóns de euros, para a execución de obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración que está destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes, polo que dela poderán beneficiarse sete municipios das bisbarras de Baixo Miño, O Condado e A Paradanta.

    O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta liña de subvencións, financiada no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, nunha visita realizada ao concello de Pontecesures co seu alcalde, Manuel Vidal, que lle transmitiu o seu interese pola mesma co obxectivo de poder modernizar estas prestacións para a cidadanía.

    “Estamos comprometidos coa mellora dos servizos públicos, con especial interese nos municipios máis pequenos, que en ocasións teñen máis dificultades de financiamento, e por iso abrimos esta liña, da que poderán beneficiarse ata sete municipios do sur da provincia e que pode estender ou ampliar as redes dunha poboación potencial de máis de 19.000 veciños destas bisbarras”, detallou Luis López. Lembrou que o abastecemento e o saneamento “son competencias de carácter municipal, pero Augas de Galicia ten, entre as súas funcións, a adopción de medidas de apoio nesta materia para axudar aos concellos na mellor prestación destes servizos municipais”.

    Estas subvencións, ás que se opta en réxime de concorrencia competitiva presentando a correspondente solicitude ata o vindeiro 25 de abril, poden beneficiar aos municipios de Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Oia.

    Os concellos interesados poderán presentar senllas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento orientada ao seu funcionamento óptimo e outra para saneamento ou depuración destinada á modernización e aumento da eficacia de instalacións existentes ou a construción de novas infraestruturas, polo que, chegado o caso, poderán recibir ata 100.000 euros de axudas.

    A orde de axudas establece, como parámetros para a baremación das solicitudes, a poboación do municipio, primando aqueles con menos habitantes; a corresponsabilidade financeira, favorecendo aos que realicen algunha achega económica á execución da actuación; e o estado da tramitación do proxecto. No caso dos beneficiarios, deberán presentar a correspondente xustificación ata o 30 de novembro deste ano. “Creo que se trata dunha gran oportunidade para os concellos menos poboados, xa que se subvencionarán alomenos 80 actuacións de abastecemento e saneamento en toda Galicia e creo que pode ser unha vía moi aproveitable polos 23 municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes”, concluíu o delegado territorial.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.