Martes, 27 Maio de 2025

Maite Isla, pregoeira do Corpus 2021 de Ponteareas

Maite Isla, natural de Mondariz pero veciña de Ponteareas dende a infancia, será a pregoeira do Corpus 2021 de Ponteareas. A pregoeira garda unha gran relación co Corpus ponteareán, grazas á súa colaboración coa festividade e á súa labor como alfombrista en distintos tramos alfombrados ao longo da súa vida.

Maite Isla é, amais, unha persoa cunha ampla e recoñecida traxectoria no tecido social de Ponteareas. Vinculada ao sector comercial dende hai 45 anos, foi presidenta durante máis dunha década da asociación de comerciantes da localidade. Ademais, foi vicepresidenta da Federación Provincial de Comercio. Na comunidade educativa ponteareá, Isla tamén participou como presidenta dunha ANPA local.

No ámbito social, a pregoeira do Corpus 2021 é presidenta da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, colectivo no que leva involucrada máis de 30 anos na procura de mellorar as condicións de vida tanto dos refuxiados saharauís, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos. Recentemente, coa aparición da COVID-19, coordinou centos de persoas voluntarias que confeccionaron máis de 200.000 máscaras, traxes e gorros para o persoal sanitario.

“Maite é un exemplo de persoa loitadora polas causas xustas, con empatía, solidaria e comprometida co ben común, e iso exemplifica á perfección o carácter das e dos alfombristas ponteareáns”, indicou a alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila.

A lectura do Pregón terá lugar o sábado 5 de xuño no Auditorio Municipal. O Goberno local dará a coñecer en datas vindeiras as actividades que, tendo en conta a situación sanitaria, se poidan realizar para a celebración do Corpus 2021.

O alcalde de Baiona pon ao dispor do Sergas “as instalacións municipais que puidesen precisar” para axiliar as vacinacións no Val MIñor

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, vendo que o ritmo de vacinación “non é o idóneo e ante as grandes aglomeracións que veñen producindo no IFEVI”, fixo chegar ao Sergas “a total predisposición do Concello de Baiona” en colaborar en todo o que sexa necesario para facilitar que a campaña de vacinación masiva da poboación do Val Miñor, “axilícese e se leve a cabo no municipio”.

Desta forma, Carlos Gómez, pon ao dispor da Xunta “as instalacións municipais pertinentes”, así como todos aqueles medios materiais e humanos municipais que puidesen precisar para levar a cabo a vacinación masiva contra o COVID-19 e, desta forma, “conseguir o obxectivo de vacinar aos habitantes do Val Miñor canto antes”.

O alcalde lembra que Baiona acolleu o pasado mes de marzo un cribado masivo no Pavillón Municipal de Deportes “e que funcionou de maneira óptima tanto para o persoal sanitario como para a cidadanía en xeral”.

Carlos Gómez considera que nestes momentos “débense axuntar esforzos entre todas as administracións públicas para saír canto antes desta grave crise sanitaria e económica que estamos a sufrir no noso país”, polo que considera “necesario e imprescindible” ofrecer á Servizo Galego de Saúde “todos os nosos recursos humanos e materiais para acelerar a vacinación á cidadanía”.

Mondariz non renuncia aos seus dereitos de conexión á EDAR

0

O saneamento do Concello de Mondariz (4.410 habitantes segundo datos de 2020) leva 15 anos comprometido porque o veciño Concello de Mondariz-Balneario (637 habitantes no mesmo periodo), onde se ubica a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), négase a autorizar a conexión de colectores. “Mondariz e Mondariz-Balneario asinaron en setembro de 2005 un convenio de colaboración para o sostemento conxunto dos servizos de gardería infantil, punto limpo e depuración de augas residuais no que xa se facía referencia á construción dunha nova EDAR en territorio de Mondariz-Balneario para servir aos dous concellos”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

O proxecto construtivo da nova EDAR, executado e financiado con fondos europeos por parte de Augas de Galicia en 2006, foi deseñado para satisfacer as necesidades dunha poboación de 6.000 habitantes. “É incomprensible que, a día de hoxe, a EDAR soamente permita verter a 2.500 veciños e veciñas, moi por debaixo da capacidade de depuración que permiten as súas características técnicas”, destaca Barros.

Sen conexión á EDAR non pode avanzar o saneamento

No convenio de colaboración asinado polos alcaldes dos dous concellos en 2005, anterior á construción da EDAR actual, xa se prevía unha “rede de colectores que aumente considerablemente o número de veciños de Mondariz que vertan as súas augas residuais na nova depuradora” (apartado III da exposición de motivos). O Concello de Mondariz, polo tanto, emprendeu nos seguintes anos a construción dun colector xeral de augas residuais para 2.000 habitantes que hoxe en día está en desuso porque o Concello de Mondariz-Balneario non permite conectalo á EDAR. “A estación depuradora, segundo as súas características técnicas, ten capacidade de sobra para asumir a vertedura que supón este colector. Non hai xustificación posible. O alcalde de Mondariz-Balneario debería dar a cara porque este asunto afecta moitísimo á calidade medioambiental do río Tea, tamén no concello que goberna”, comenta Barros.

Esta denegación de acceso á EDAR obriga a Mondariz a depurar as augas residuais en instalacións obsoletas que son incapaces de soportar o caudal que reciben e fallan periodicamente. “No caso da planta de bombeo situada na Poeira, hai un problema estrutural de deseño que provoca verteduras periódicas ao río. O paradoxo, sen embargo, é que a cinco metros atopamos o colector que se construíu para enganchar á EDAR. Unha acción tan doada como esta, se realmente hai vontade de coidar o río nos dous concellos, acabaría drasticamente coas verteduras”, explica o concelleiro mondaricense de Medio Ambiente, Leopoldo Tato.

“Somos conscientes do problema medioambiental que provoca esta situación, por iso insistimos en reclamar o dereito de conexión á EDAR. Non é posible avanzar na rede de saneamento municipal se non se autoriza esta conexión. É unha estratexia totalmente ineficaz. A proba é este mesmo colector xeral, que se fixo en 2015 para dar servizo ao centro de Mondariz e ás parroquias de Riofrío e Frades e nunca se puxo en funcionamento. As infraestruturas que non se usan se deterioran incluso máis polo paso do tempo, e iso xa o estamos observando no colector”, engade Barros.

Nos últimos anos, neste contexto de privación de acceso á EDAR por parte do veciño Mondariz-Balneario, o Concello de Mondariz ten buscado solucións parciais en materia de saneamento que teñen un alcance moi limitado. Unha destas actuacións municipais é a construción de dúas depuradoras ecolóxicas nos barrios de Poñe (Mouriscados) e Da Pena (Vilasobroso), que cando estean operativas poderán dar servizo a pouco máis de 300 veciños e veciñas. Este proxecto, malia ser financiado polo Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, recibiu a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en xaneiro deste ano. “Inicialmente, o proxecto non foi aceptado pola autoridade competente e houbo que modificalo, co correspondente atraso”, explica o alcalde de Mondariz. Estas obras, sen embargo, xa están adxudicadas e comezarán nas próximas semanas.

Outras das liñas de acción nas políticas municipais relacionadas cos servizos básicos, como o saneamento, é o reaxuste organizativo para buscar unha maior eficiencia. “Cando chegamos ao goberno observamos que algúns servizos subcontratados, como o control de depósitos e depuradoras, estaban notablemente inflados respecto aos prezos do mercado. Buscamos outros provedores máis eficientes e este esforzo posibilitou un notable aforro orzamentario nesta partida sen perder calidade”, explica Tato.

A Red de Juderías promove o programa educativo “Benjamín de Sefarad” para o alumnado de 6º de Primaria e 1º da ESO

0

A Red de Juderías promove, un ano máis, o Programa Educativo “Benjamín de Sefarad” para dar a coñecer entre os e as estudantes o legado xudeu das cidades que forman parte da Rede de Juderías de España. Esta actividade vai dirixida ao alumnado de 6º de Primaria e de 1º da ESO de toda España convite de converterse en “Descubridores de Sefarad” dun modo ameno e moi divertido. Tamén se lles convida a participar na terceira edición do Concurso de Micro-relatos da Red. A temática do concurso é a “Viaxes sefardíes”, e pretenderá que os alumnos e as alumnas reflexionen sobre as diferentes motivacións das viaxes, desde o lecer, ao comercio pero tamén o exilio e a fuxida.

O CEIP de Pazos de Reis sumouse a este programa educativo e abre así a participación por vez primeira dos centros educativos tudenses nesta proposta que impulsa a Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad á que pertence o Concello de Tui dende marzo de 2019.

Na edición do ano pasado, máis de 500 escolares de toda España participaron no xogo de preguntas e respostas online Pequenos Descubridores. Recibiron máis de 200 relatos ao II Concurso de Microrrelatos, entre os que houbo fabulosos premios e 25 foron seleccionados para edición dun libro que se pode ler na web da Red de Juderías.

Este ano, segundo informa o Concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, valémonos da paixón dos nosos mozose mozas polas viaxes para axudarlles a descubrir máis sobre a influencia da cultura xudía nos nosos días. A través de fabulosos materiais propómoslles reflexionar sobre as viaxes do mundo xudeu e sobre as diferentes motivacións que pode levar ao ser humano a emprender unha longa viaxe. O programa que consta dun vídeo educativo, unha exposición virtual e un caderno de traballo con preguntas e respostas, está dirixido a alumnos de 6º de Primaria e 1º da ESO. Os interesados en recibir mais información sobre este programa e como poden levalo a cabo no seu centro, deben poñerse en contacto a través da conta de correo electrónico [email protected].

Ademais, e por terceiro ano consecutivo, calquera alumno de 6º de Primaria ou de 1º curso da ESO que o desexe poderá participar no III Concurso de Microrrelatos da Rede de Xudarías de España que outorga fabulosos premios en viaxes. Os textos deberán ser inéditos e estar escritos en castelán, catalán, euskera ou galego e a extensión máxima será de 350 palabras (sen contar o título). O prazo para enviar os relatos está aberto ata o 15 de maio de 2021. Pódese ampliar esta información e consultar as bases en: https://redjuderias.org/3a-concurso-de-microrrelatos-2020/.

O Porriño otorgou hoxe licenza de construción ao Sergas para ampliar o Centro de Saúde

Con data de hoxe, o Concello do Porriño comunicou ao SERGAS a concesión da licenza de construción para a proxectada reforma e ampliación do Centro de Saúde, segundo comunicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo.

O primeiro tenente de alcalde manifestou que “unha vez máis urximos á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia para que acometa a prometida ampliación”.

O licenza de construción é para unha ampliación de 1.105 metros cadrados do actual inmoble e conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros.

A licenza outorga concédese baixo varias condicións: previo ao comezo das obras, o Servizo Galega de Saúde deberá achegar ao Concello entre outros trámites, proxecto de execución e constituír unha garantía cuxo importe calcúlase nunha cantidade de 7.800 euros para facer fronte a posibles danos na vía pública e nos bens municipais durante a execución das obras.

O Concello de Tui renova na súa totalidade o parque infantil da Gándara en Guillarei

Dende comezos de mes estanse a executar as obras de renovación total do parque infantil da Gándara en Guillarei. Suporán un investimento de 127.676,38 € financiados con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra. A actuación contempla a renovación de toda a solera e un novo peche perimetral do parque. Crearanse dous espazos diferenciados, ambos con céspede artificial.

Un de 650 m2 destinarase aos xogos infantís e outro de 190 m2 á colocación de biosaudables e mesas de xogo. Preservarase a actual zona de merendeiro onde será reposto algún banco de pedra, limparanse os existentes e colocarase un sistema de rego que facilite o mantemento da zona verde.

O parque equiparase na zona de xogos infantís cunha tirolina de 24 metros de longo para nenos e nenas de 3 a 14 anos, cun bambán dobre e un bambán adaptado para persoas con mobilidade reducida, o primeiro destas características que se vai instalar en Tui. Tamén contará con dous xogo combinados, un para nenos e nas de 3 a 14 anos que consta de dúas torres principais, tobogán, rocódromos, rede de escalada e panel lúdico; e outros para cativos e cativas de 5 meses a 6 anos con dúas torres tobogán, un panel lúdico e un túnel. Instalarase amais unha casiña tipo cabana, dous balancíns simples e un dobre.

A zona biosaudables equiparase dun elemento de exercicio de cintura para 3 usuarios, un esquí de fondo, un elevador para 2 usuarios, e unha bicicleta estática. Mentres na zona de xogos coma novidade, xa que será a primeira que se instale en Tui, colocarase unha mesa de ping-pong e tamén un tableiro de xadrez, xunto a un conxunto de mesa con bancos.

A actuación completarase coa colocación de mobiliario urbano coma un aparcabicis con capacidade para 5 usuarios, e unha papeleira para a recollida selectiva cunha capacidade de 50 litros e de residuos orgánicos.

Con esta intervención no parque infantil da Gándara en Guillarei, o concello de Tui, a través da concelleraía de Parques e Xardíns, continúa coa liña iniciada nos últimos meses de crear espazos de lecer para toda a familia e inclusivos, nos que os máis pequenos poidan desenvolver a súa imaxinación.

Tamén se continúa a apostar pola economía circular dando un novo uso aos elementos retirados, que tras ser reparados serán colocados en instalacións educativas ou noutros parques do municipio.

Dende o Concello de Tui explican que o persoal técnico está a traballar para desenvolver novos proxecto de renovación dos parque infantís, xa que son instalacións moi antigas que en moitos casos non están adaptados a normativa en vigor ou non están en bo estado. O obxectivo é actualizar estas instalacións e adaptar estes espazos aos usos que demanda a veciñanza creando parques renovados e innovadores.

Mos presenta percorrido, programación e maillot conmemorativo da etapa mosense de La Vuelta 21

0

Mos acolleu onte a presentación da ETAPA 20: MOS-CASTRO DE HERVILLE, CELA, de La Vuelta Ciclista a España 2021. O acto tivo como esceario a Cidade Deportiva Afouteza do RC Celta e foi retransmitido en directo desde a páxina oficial de Facebook do Concello de Mos.

Á devandita presentación asistiron o director de La Vuelta, Javier Guillén, e o ciclista mosense, único galego gañador dun Tour de Francia e Embaixador de La Vuelta, Óscar Pereiro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o Presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, o vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, representantes de la Mesa de La Vuelta 21 do Concello de Mos, membros do tecido asociativo do Concello de Mos, concelleiros/as integrantes do equipo de goberno local, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e outros membros da Corporación Municipal, entre outras autoridades.

Tratouse dun evento enfocado a detallar o percorrido mosense da etapa 20 de La Vuelta 21, que inclúe a meta no Castro de Herville, parroquia de Cela. Etapa que será a penúltima da competición ciclista e da que moi probablemente sairá o campión. Dito percorrido transcorrerá por 7 parroquias mosenses: Louredo, Mos, Torroso, Petelos, Sanguiñeda, Pereiras e Cela; pasando por lugares emblemáticos do Concello como son a Igrexa de San Salvador de Louredo, o Pazo de Mos, o Centro Dotacional de Torroso, o Multiusos das Pozas, o Pavillón Óscar Pereiro, a Capela das Angustias, o Cristo de Belén, Campo de Eiró, a Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, a Igrexa de San Miguel de Pereiras, a Igrexa de San Pedro de Cela, o Alto de San Cosme e, por último, o Castro de Herville.

Herville será meta de La Vuelta 21 o vindeiro 4 de setembro tras ter sido o Pazo de Mos saída de etapa o ano pasado, algo que non é mera casualidade senón que “é froito do amor e a aposta decidida de Óscar Pereiro polo seu pobo, ao que quixo ter en conta ao deseñar unha das etapas máis espectaculares deste ano. E froito tamén da confianza depositada por Javier Guillén en Galicia en xeral, como zona histórica e recurrente de paso de La Vuelta; e en Mos en particular, aceptando a proposta de Óscar tras ter formado xa parte da competición en 2020 o noso municipio” declarou a rexedora local mosense, Nidia Arévalo.

Ademais de detallar o percorrido, presentáronse tamén as actividades que se desenvolverán durante os vindeiros meses con motivo da etapa 20 en Mos que serán, entre outras, a V Challenge Rías Baixas (8 e 9 de maio) a Copa España de Carretera organizada polo Club Ciclista Rías Baixas (16 de maio), encontro con Discamino e ‘Pedalea con Discamino’, un mural colaborativo e un concurso de mascarilla conmemorativa para implicar ao alumnado do IES, o evento ‘Mos sobre rodas’, un Campionato de Fútbol 7, unha carreira con ex ciclistas, un día con Induráin e un concerto na Cidade Deportiva Afouteza do R.C. Celta.

Por último, tras o éxito do da edición 2020, presentouse tamén o maillot conmemorativo da etapa mosense de La Vuelta 21.

Nigrán avanza cara ao selo ‘Cidade Amiga da Infancia’ de UNICEF mediante unha enquisa xeral

0

O Concello de Nigrán da un paso máis no seu compromiso para conseguir o recoñecemento do selo “CAI” (Ciudad Amiga de la Infancia) que concede o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef) de forma bienal. Deste xeito, desde esta semana a totalidade do alumnado dos centros educativos do municipio ten a súa disposición (a través do seu profesorado) unha enquisa online con diferentes cuestións de especial interese. Igualmente, todo o adulto que desexe colaborar pode facelo enchendo outra específica para eles a través da web municipal. O obxectivo é completar o diagnóstico da situación da infancia en Nigrán a  través de preguntas como se son suficientes as instalacións deportivas municipáis ou as actividades organizadas para eles.

“Analizando estes datos e outras cuestións poderemos establecer un diagnóstico da situación da infancia en Nigrán que nos permita definir os nosos retos, prioridades e obxectivos a medio prazo”, explica Marina Vidal, concelleira de Educación e quen previamente a este paso mantivo reunións con todos os centros educativos.

Paralelamente, o goberno local constituíu xa unha mesa de coordinación interna e está a ultimar a regulación do futuro Consello Municipal da Infancia e da Adolescencia, un órgano de participación que pretende arrancar no mes de xuño e que estará integrado por unha vintena de menores. “O obxectivo deste órgano será contar coa voz da infancia á hora de levar adiante calquera proxecto municipal e, os mesmo tempo, que sexa o seu lugar para aportar suxestións e melloras”, explica a edil, quen ten como obxectivo acadar o selo CAI na próxima convocatoria de 2022, sumándose nese ano Nigrán aos outros 8 municipios de Galicia que xa o teñen (en Pontevedra son Redondela, Porriño e Tomiño).

“Queremos deseñar e desenvolver políticas locais a favor da infancia de acordo cunha entidade tan respectada como Unicef, ao fin de contas trátase de facer partícipes ás crianzas e adolescentes da vida municipal, queremos darlles voz para que eles tamén teñan dereito a opinar e decidir. Sería un orgullo para Nigrán obter o selo CAI e, aínda que sabemos que é difícil, estamos a poñer todo o noso empeño para logralo”, explica Juan González, alcalde de Nigrán.

O programa CAI foi creado por Unicef Comité Español en 2001 co propósito de promover a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno (CDN) en pobos e cidades da xeografía nacional, forma parte á súa vez da Iniciativa Cidades Amigas da Infancia, liderada por Unicef Internacional desde o ano 2000 e no que colaboran gobernos nacionais, administracións locais, ONG…

Galicia rexistra un total de 2.875 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.875, deles 699 son da área da Coruña, 211 da de Lugo, 261 da de Ourense, 461 da de Pontevedra, 789 da área de Vigo, 350 da de Santiago e 104 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 41 están en UCI, 163 en unidades de hospitalización e 2.671 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 115.328 persoas curadas, rexistrándose 2.378 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.983.539.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 947.789. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Teatro da Ramboia achega a Ponteareas, este sábado, ‘O meu mundo non é deste reino’

Este sábado, o escenario da sala multiúsos do Auditorio Municipal de Ponteareas acolle unha nova proposta teatral, no marco do convenio subscrito entre a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas e a Axencia Galega das Industrias Culturais. Trátase do espectáculo ‘O meu mundo non é deste reino’, da compañía Teatro da Ramboia.

A obra, que se representará ás 20 horas, é unha adaptación da ‘Farsa de Bululú’ de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. É a gañadora do Premio María Casares a Mellor Adaptación de 2020 e da primeira edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.

Nesta obra, dirixida por María Peinado, Anxo García e Fran Lareu representan un par de trapeiros que viaxan polas feiras co seu teatriño portátil. Chegan a unha parada no seu camiño cunha carga enorme de todo tipo de obxectos estraños que situarán no espazo con animo de venderlle algún ás persoas alí reunidas. Coma os máis experimentados vendedores de fume, deixan o seu ben máis atesourado para o final. E así, dáse comezo á farsa.

“Traemos a Ponteareas esta proposta teatral que gañou o certame que convoca a Casa-Museo Manuel María por ser, o noso concello, unha das entidades colaboradoras e comprometidas coa iniciativa”, sinalaba o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. “É unha proposta que aposta polo simbólico e na que as persoas espectadoras poderán descubrir sorpresas no xogo entre o teatro de actor e o teatro de marioneta”, engade o edil nacionalista.

A capacidade é limitada pola situación sanitaria actual. As persoas interesadas en asistir poderán reservar o seu boleto até este venres no enderezo electrónico [email protected]. No propio día do espectáculo, poderanse adquirir no Auditorio Municipal entre as 11 e as 14 horas ou dende as 18 horas até o inicio do espectáculo. O prezo das localidades é de 4 euros.

Digna Rivas, “Redondela conta unha mocidade dinámica, activa e implicada na mellora do seu municipio”

“Redondela conta cunha mocidade é unha infancia dinámica, activa e absolutamente implicada en todos os temas que poidan supoñer unha mellora para o seu municipio e para a calidade de vida, non só do sector máis novo da poboación, senón para o total da veciñanza”, asegurou a alcaldesa Digna Rivas ao remate da reunión telemática do Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia celebrado na mañá de onte.

Ao longo do Consello, no que participou tamén o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, realizouse un repaso á situación na que se atopan as ideas e proxectos tratados na anterior reunión do Concello, algúns xa feitos como é o caso do parque de calistenia, e outros en proceso ao ter aspectos técnicos que precisan de tramitación como os relativos a mobilidade e accesibilidade nas beirarrúas.

As mozas e mozos, logo do longo período de confinamento e as restricións marcadas pola Covid, amosaron seu desexo de que por parte do Concello organícense actividades e iniciativas ao aire libre que, mantendo as medidas sanitarias en vigor, permitan á mocidade gozar dos espazos verdes do municipio. A petición foi recollida pola alcaldesa que salientou a intención, unha vez que as directrices sanitarias o permitan, “de organizar actividades dirixidas específicamente á mocidade” especialmente, recalcou á alcaldes, “á franxa de idade entre os 14 e 18 anos cos que o Concello tén unha débeda pendente”.

Tanto Digna Rivas como Daniel Boullosa, agradeceron “o compromiso e traballo” que amosan os nenos e nenas e que se reflicte nas reunións que celebran cada dous semanas, para debater, pensar e propoñer solución para ter unha cidade máis amigable coa infancia.

Rivas lembrou que “unha cidade amigable, segura e accesible para a infancia, tamén o é para o resto da cidadanía, de aí a importancia do traballo que están a realizar mozos e mozas neste neste Consello que redundará en beneficio de toda a cidadanía”.

Ao longo desas reunións xorden propostas e iniciativas que dan boa conta de que, “as preocupacións da infancia e da mocidade, van máis aló do que lles afecta a eles directamente”. Boa mostra son as iniciativas que trataron sobre apoiar á hostalaría dándolle visibilidade nas redes sociais ou visibilizar o impacto medioambiental da pandemia.

A alcaldesa fixo tamén un chamamento a que a mocidade e infancia de Redondela únase ao Consello Municipal “porque dende o Goberno precisamos que todas e todos vós nos lembredes esas cousas que precisabamos cando eramos pequenos e que, co paso do tempo, case que esquecemos”, díxolles Digna Riva aos nenos e nenas participantes neste Consello Municipal da Infancia e a Adolescencia.

“Podemos estar orgullosos de contar cunha mocidade, solidaria, traballadora e responsable que nos permite mirar con esperanza ao futuro”, concluíu a rexedora local.

Nigrán homenaxea este venres a Álvaro Cunqueiro no seu 40 cabodano dentro dos actos do Día do Libro

O Concello de Nigrán celebra o Día do Libro este propio venres 23 de abril no Auditorio Municipal cunha xornada matinal adicada á figura de Álvaro Cunqueiro ao coincidir este 2021 co seu 40 cabodano. O obxectivo do goberno local é promover a lectura entre a veciñanza e, ao mesmo tempo, a propia lingua galega a través dun dos seus escritores máis ilustres. Así, ademais de analizar a figura de Cunqueiro, instalaranse dous stans con gran variedade de libros para levar de balde e outro de troco (deixo un e levo outro).

A xornada comezará ás 11:30 cunha charla coloquio a cargo de Henrique Costas, catedrático en filoloxía galega da Universidade de Vigo, e Iago Castro, mestre no IES Val Miñor e especialista en Álvaro Cunqueiro. A continuación (12:00) terá lugar unha lectura continuada do libro ‘Os outros feirantes’ (libro de relatos publicado en 1971) aberto á participación da cidadanía. Finalmente, desde as 13:00 horas o grupo Koremi representará no CEIP Humberto Juanes un contacontos tamén baseado nas obras de Cunqueiro ‘Se o vello Sinbad volvese ás illas’ e ‘Merlín e familia’.

A Xunta destina máis de 200.000 euros ao Baixo Miño para á mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, contempla este ano un orzamento de 212.000€ para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrarias na bisbarra do Baixo Miño ao abeiro do Plan Marco, segundo anunciou esta mañá o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao Concello de Oia.

O representante autonómico anunciou que este municipio ten consignados un total de 41.652 € no Plan Marco 2021-2022 nunha visita de supervisión realizada esta mañá, na compaña da alcaldesa, Cristina Correa, á actuación realizada nos camiños das Gandareiras e das Amadas coa anterior convocatoria, na que se investiron máis de 37.000€.

Ademais da achega ao Concello de Oia, o organismo dependente da Consellería do Medio Rural vén de orzamentar co Plan Marco 52.794€ para o Concello de Tomiño, 44.871€ para Tui, 37.771€ para o municipio da Guarda e 34.854€ para O Rosal.

“É fundamental realizar un apoio constante ás zonas rurais dos concellos para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores do campo e da horta que, no caso dun municipio como Oia, teñen bastante peso na súa economía”, indicou o delegado territorial, que revelou que este concello vai recibir este ano máis de 81.000€ de axudas de Medio Rural para a mellora de vías, xa que, ao concedido co Plan Marco 2021-2022, hai que engadir os 39.878€ do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) para a modernización da pista da Ponte.

Así mesmo, reiterou o “absoluto compromiso e máxima colaboración” do Goberno galego coas necesidades de Oia, “dándolle continuidade ás moitas actuacións que está a acometer a Xunta en todos os ámbitos en aras do interese xeral dos veciños e que, no referente ao rural, plásmanse, por exemplo, no aumento este ano dun 12% na dotación do Plan Marco para este municipio”.

Finalmente, Luis López destacou o elevado investimento nesta materia na bisbarra do Baixo Miño, “que leva este ano máis de 200.000 € para as súas vías interiores municipais dado o peso que ten o sector primario, especialmente na puxante hortofruticultura, e a existencia de moitas e amplas zonas rurais, malia tratarse dunha contorna con moito litoral”.

Mondariz estrea un parque infantil cuberto e recupera o local social de Tourón cunha achega de 70.000 euros da Deputación

Mondariz vén de transformar dous espazos moi relevantes a súa veciñanza ao abeiro do Plan Concellos. Cun investimento total de 70.774 euros, a institución provincial deu un impulso aos servizos que ofrece o concello do Condado coa construción dun parque infantil cuberto e a instalación do tellado no local social de Toutón. As obras foron visitadas polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Xosé Emilio Barros, acompañados da deputada Victoria Alonso e varios membros do Goberno local.

Click para ampliar

Santos Héctor felicitou ao alcalde e ao seu goberno por ámbalas dúas actuacións e destacou a actuación no parque infantil, que cofinancia a Deputación. “É un dos primeiros de Galicia cubertos e, ademais, un espectacular salto de calidade na oferta lúdica para os/as máis cativos/as”. “Unha magnífica idea”, remarcou. O deputado amosou tamén o a satisfacción da Deputación tras comprobar que o investimento do Plan Concellos “fixo posible que a veciñanza de Mondariz teña dous elementos que precisaba”. “A colaboración da Deputación cos concellos é fundamental para que os concellos poidamos sacar adiante pequenos proxectos e iniciativas que redundan na calidade de vida da veciñanza” subliñou Xosé Emilio Barros.

O alcalde de Mondariz fixo fincapé en que neste caso, sen a axuda da institución provincial non sería posible financiar actuacións como “a obra histórica da cuberta do Local Social de Toutón, que levaba preto de 30 anos sen facerse” e que agora constitúe “un local perfectamente disposto para a veciñanza”. Agradeceu tamén a visita, e amosou o seu interese por “seguir traballando en novos proxectos e obras”.

Á vangarda dos parques infantís

O Concello de Mondariz súmase á corrente dos parques infantís cubertos, unha solución que garante o seu emprego cando as condicións meteorolóxicas son adversas. Os traballos executados no Parque da Ovella, nos que se investiron 48.399 euros, aumentaron o lugar dispoñible para o ocio infantil. O parque compartía espazo ata de agora con aparatos “biosaudables” que apenas tiñan uso, polo que se procedeu á súa substitución.

Agora o parque é un moderno parque infantil que ofrece os mellores servizos para as familias de Mondariz. A maiores retiráronse os antigos arrandeadoiros para colocar elementos máis modernos e instalouse un tobogán nun montículo de caucho ao que se accede a través dunha zona de escalada. Tamén hai unha randeeira con cesta, entre outros. Amais, levouse a cabo a pavimentación de caucho en toda a área infantil, colocouse un sebe vexetal para ocultar a zona de compostaxe comunitaria e instalouse un cartel informativo cos usos do parque. En total, actuouse nunha superficie de 104 metros que agora contan cunha cuberta a base de panel de policarbonato e de panel tipo sandwich. Mondariz gaña así un espazo de referencia par ao lecer das crianzas.

Doutra banda, os veciños e veciñas de Toutón xa gozan dun espazo con condicións de habitabilidade para a súa reunión e emprego comunitario. O seu local social non dispoñía de cuberta e estaba pechado polo forxado, o que traía consigo a filtración de auga e humidade no seu interior. Co obxectivo de darlle un aspecto de edificación totalmente rematada e acabar con estes problemas, construíuse un tellado inclinado, colocáronse tellas de ventilación, instaláronse canalóns e baixantes en chapa de aluminio de cor cobre, colocouse unha cámara de aire impermeabilizada entre os seus frontes curtos (que tamén se revestiron e pintaron) e, finalmente, procedeuse á limpeza e saneado das humidades e ao pintado. O orzamento foi de 22.375 euros.

A Deputación leva investidos máis de 7,1 millóns de euros no concello de Mondariz desde 2015. A abeiro do Plan Concellos, o municipio puido levar a cabo en torno a 20 obras e contratar a máis de 90 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais a cargo da Liña 3 de emprego. Amais, a institución provincial fixo posible a transformación do campo de fútbol de A Lagoa (Plan Reequilibrio) e a mellora da mobilidade e seguridade viaria no seu centro urbano (Plan DepoRemse). Este ano, dentro do seu compromiso cos municipios, a Deputación destina 531.801 euros con cargo ao Plan Concellos para o municipio do Condado.

Arbo xa ten cartel anunciador da LXI Festa da Lamprea

Aromas de Arbo, do artista navarro Maximiliano Cosatti, proclamouse gañador do concurso de Carteis da Festa da Lamprea, un certamen que contou 30 propostas chegadas dende Sevilla, Murcia, Lleida, Ciudad Real, Jaén, Navarra e dende diversos lugares de Galicia. Os traballos foron valorados por un xurado integrado por profesionais da imaxe, da hostalaría, representantes de asociacións culturais de Arbo…. que valoraron a calidade técnica, a orixinalidade, a innovación do deseño e a facilidade de identificar e transmitir os sinais de identidade de Arbo.

Click para ampliar

Dende o Concello de Arbo, a pesar de que este ano no se vaian a celebrar as festas de maneira tradicional, decidiuse manter este concurso como unha actividade máis que oferta para promover a Lamprea e a Festa da Lamprea, ademais o cartel gañador servirá para ilustrar as actividades que se realicen durante o ano con motivo da LXI Festa da Lamprea.

Hai un cartel gañador pero non haberá Festa da Lamprea, alomenos no formato que todos os veciños e veciñas de Arbo recordan, a causa das medidas sanitarias, para evitar aglomeracións e posibles contaxios, sen embargo durante os días da Festa haberá actuacións musicais polas rúas e ao longo do ano, sempre que a crise sanitaria o permita, intentarase recuperar algunha das actividades habituais da Festa da Lamprea.

“Un concurso que cada ano vai acadando maior prestixo, no que se presentan deseños de toda a xeografía española, con moita calidade, forza e matices e que o xurado valorou positivamente a calidade e cantidade dos traballos presentados” – informa o alcalde, Horacio Gil, sobre un concurso que naceu da súa man durante os seus anos de Concelleiro de Cultura, así como o concurso de carteis e redacción para os alumnos e alumnas do CEIP Antonio Carpintero.

Xunto co gañador navarro que acadou o primeiro premio, foron seleccionados Juan Francisco Castro Fernández de Sevilla co cartel “A de Arbo” que acadou o segundo premio e Tania González Martinez de Vigo que acadou o terceiro premio co cartel “Azul de Prusia”

Será durante a ‘Gala da Lamprea’, que este ano, por mor da crise sanitaria, terá lugar en agosto, cando se fará entrega dos premios aos gañadores, deste concurso xa consolidado a nivel nacional.

O 2 de abril de 2016 a Festa da Lamprea foi declarada de Interese Turístico Nacional, pola súa singularidade, arraigo, tradición e continuidade no tempo. Con este recoñecemento a Festa da Lamprea, cume da temporada lampreeira, exemplifica e festexa o papel da gastronomía coma arte de transcendencia económica, social e cultural, mais tamén, como vértebra da vida colectiva.

“Desde aquel 1961, primeira Festa da Lamprea, Arbo celebrou ininterrompidamente 60 edicións da que é a nosa festa máis importante, e tamén das máis antigas de España. Miles de asistentes abarrotan cada ano os restaurantes da vila e os puntos de degustación situados no recinto, ‘Arbomostra’, onde se presentan racións de lamprea preparada de distintas formas xunto aos adegueiros do municipio que ofrecen os seus mellores viños” remata o edil Horacio Gil

‘Por un Monte Galego con Futuro’ reclama da fiscalía a apertura de dilixencias polos lumes forestais en Reservas da Biosfera e Rede Natura

A plataforma ‘Por un Monte Galego con Futuro’, formada por máis de 50 entidades, vén de se dirixir á Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo de Galiza para solicitar que se practiquen “as dilixencias oportunas e necesarias” para clarexar o acontecido nos incendios forestais producidos nos últimos meses e que afectaron a zonas integradas na Rede Natura 2000 ou Reservas da Biosfera.

A Plataforma explica que por medio de diversos asociados/as, polo persoal forestal e pola información recollida da prensa e das redes sociais, vén advertindo que nos meses de marzo e abril deste ano produciuse, “de maneira cotiá”, a queima de montes e ecosistemas forestais dun alto valor medioambiental, mesmo en zonas que integran a Rede Natura 2000 ou Reservas da Biosfera.

Unha situación que consideran “especialmente preocupante”, xa que algunhas das queimas destes ecosistemas de incalculable valor foron “realizadas por institucións públicas como son a consellaría de Medio Rural, da Xunta de Galiza, coa colaboración da unidade da UME do exército español”, afirma.

Aínda máis preocupante consideran que “nalgúns casos, estas queimas autorizadas e xestionadas pola administración pública acabaran derivando en incendios forestais”, subliñan.

A modo de exemplo sinalan o acontecido o día 6 de abril de 2021 na parroquia de Hórreos, en Folgos do Courel, na Serra do Courel (Lugo), que afectou unha superficie considerable da Rede Natura 2000 ou o ocorrido o día 7 de abril, logo dunha queima realizada pola consellaría de Medio Rural e pola UME, que calcinou un ecosistema de alto valor ecolóxico no Monte Muradal, parroquia de Pacios, concello de Fonsagrada, en plena Reserva da Biosfera de Oscos-Fonsagrada-Terras de Burón.

Por un Monte Galego con Futuro advirte ademais que nesta época do ano a fauna está en pleno proceso de apareamento e cría e que estas queimas afectan gravemente ao normal desenvolvemento da bioloxía dos animais e que estes incendios teñen unha grave incidencia nos ecosistemas, na biodiversidade, na perda de solo –erosión-, na contaminación atmosférica, na saúde humana ou no cambio climático, entre outras cuestións.

Xunto a isto denuncia que son moitas as queimas producidas nos últimos anos, “tanto oficiais como autorizadas pola Xunta de Galicia a particulares”, que teñen producido incendios forestais polo escape do lume, co conseguinte risco para as poboacións, estragos aos ecosistemas e incluso a morte de persoas.

Alternativas

A Plataforma afirma que existen alternativas ao uso tradicional do lume para o manexo dos ecosistemas, máis seguras e respectuosas co medio, que entende que “se deben fomentar por parte da Xunta de Galicia e que deben implementarse cando os condicionantes climatolóxicos ou de superficie, localización e época de actuación desaconsellen a realización de queimas”. Alternativas e actuacións que, apuntan, “se teñen posto en práctica noutros territorios da Unión Europea”.

Explican que para a extinción dos incendios provocados por estas “queimas controladas” programadas e realizadas pola Xunta de Galicia e pola UME, tense producido un forte gasto de diñeiro público así como tamén se ten posto en risco a poboacións, aos traballadores e traballadoras do servizo de extinción e ao patrimonio natural.

Neste sentido afirman que “só para o control do incendio forestal da Serra do Courel do pasado día 6 de abril se tiveron que mobilizar 5 helicópteros, 2 avións de carga en terra, buldózeres, varias autobombas, brigadas forestais, axentes ambientais”, entre outros.

Condicionantes meteorolóxicos

Advirten ademais que non se están tendo en conta pola Xunta de Galicia os condicionantes meteorolóxicos de finais de marzo e principios de abril, xa que se permitiron queimas en días co índice de risco de incendio forestal extremo nas zonas que se levaron adiante 3 estas prácticas. “Días nos que este tipo de queimas estaba prohibido noutras comunidades da Cornixa Cantábrica, como Asturias e Cantabria”.

Denuncian que nalgunha das queimas oficiais teñen ardido ecosistemas de interese comunitario recollidos e protexidos na Directiva Hábitat 92/43/CEE (concretamente, hábitat 4030 matogueiras secas europeas). E entenden que os feitos e danos relatados poderían ser consecuencia dunha “actitude e actuación sistematicamente neglixente por parte da Administración pública, ao omitir ou non prestar suficiente atención aos condicionantes meteorolóxicos e de carácter ambiental” á hora de outorgar autorizacións para queimas “controladas”, ou por non aplicar debidamente as precaucións necesarias para evitar que estas queimas “controladas” (dirixidas pola propia Administración) acaben derivando con frecuencia en incendios forestais incontrolados, especialmente prexudiciais nas zonas de recoñecido valor ambiental e ecolóxico”.

Conclúen pois que a “falta de coidado e previsión manifestamente recorrente” por parte da Xunta de Galicia á hora de autorizar e/ou executar queimas controladas no monte galego, que acaban descontrolándose e derivando en incendios forestais “podería ser constitutiva dun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, segundo o artigo 325 do Código Penal”.

Por iso reclaman que a Fiscalía de Medio Ambiente e Urbanismo de Galiza aclare o acontecido para concretar “posibles responsabilidades penais e civís que puideran existir”.

As celebracións polo Día do Libro na Guarda continúan cun mural participativo e con agasallos pola compra de libros

As actividades que se están a celebrar con motivo do Día do Libro na Guarda, están a obter un interesante seguimento por parte da cidadanía sendo bastantes os veciños que xa se achegaron ata algunha das tres gamelas con libros e recolleron o seu exemplar.

A partir de mañá poderán achegarse tamén ata a Biblioteca para construír entre todos o mural ‘Un mar cheo de ideas’, no que os visitantes poderán deixar unha frase ou mensaxe sobre o significado dos libros e a Biblioteca para eles. Esta iniciativa que xa se puxera en marcha o ano pasado a través das redes sociais durante o confinamento, permitiunos compartir inquedanzas e ilusións entre os lectores nun momento tan complicado como o que estábamos a atravesar. Agora que xa podemos saír da casa, pero que as incertezas aínda continúan, vemos -especialmente con esta campaña- que os libros seguen a ser un refuxio e por iso queremos manter a iniciativa dándolle visibilidade na propia Biblioteca Municipal.

Click para ampliar

O mesmo 23 de abril –Día Internacional do Libro– arrancará nas librerías da Guarda a I Ruta do Libro. Unha iniciativa que quere apoiar o consumo de libros no comercio local (fronte á crecente venda online) e visualizar a riqueza cultural que supón contar con catro librerías nunha mesma vila. A proposta consiste en obter un bolso de tela con deseño orixinal polo consumo de 30 € en libros que se poden acumular dende o propio 23 de abril e ata o 22 de mais, en unha ou mais librerías.

O 23 de abril as librerías de todo o país ofrecen xa un desconto do 10% nos libros, pero ademais este ano na nosa vila como inicio da Ruta do Libro obsequiarán aos clientes mais madrugadores co agasallo dunha flor (dispoñibles ata fin de existencias) e así porase en marcha na nosa localidade a tradición de agasallar neste día cun libro e unha flor.

Por último o sábado 24 terá lugar o espectáculo narrativo-musical ‘Contos do Chupete’ da compañía Migallas, que ten o aforo xa completo.

Sanidade endurece as restricións en Ponteareas ante o aumento continuado de contaxios

O comité clínico da Xunta de Galicia, vén de decidir o aumento do nivel de restricións en Ponteareas, que pasa de baixo a medio ante o aumento constante de casos positivos de COVID-19 na localidade dende a festividade da Semana Santa.

Neste martes, o número de casos activos na Vila do Tea situábase xa en 43, o que supón superar os 150 na incidencia acumulada a catorce días. Os datos poderán variar nas vindeiras horas, cando se coñezan a totalidade dos resultados das 2.500 probas PCR realizadas no cribado realizado este luns na localidade.

Entre outras cuestións, este aumento de contaxios supón unha nova redución da capacidade na hostalaría, que dende as 00:00 horas deste venres deberá ser do 30 % no interior e do 50% no caso das terrazas. Cabe insistir en que a clientela poderá quitar a máscara exclusivamente no momento do consumo, manténdoa ben colocada o tempo restante.

“Estamos comprobando os resultados da relaxación ante a pandemia. Non debemos esquecer que continúa entre nós, e debemos manter os niveis de prudencia e responsabilidade para evitar a súa propagación entre a veciñanza”, sinalou a alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila.

Todas as medidas de prevención específicas para o nivel de restricións no que entrará Ponteareas poden consultarse na seguinte ligazón: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Nivel-Restricion-Media.

Aberto o Punto Limpo Básico de Tratamento Ecolóxico de Residuos para Autocaravanas en Salvaterra de Miño

O Concello de Salvaterra de Miño informa que  xa están rematadas as obras, e polo tanto aberto,  queda aberto o Punto Limpo Básico de Tratamento Ecolóxico de Residuos para Autocaravanas, dende a fin de semana pasada. Nestes poucos días que leva aberto, o Concello ven de corraborar a grande incidencia e demanda que tiñan os usuarios deste tipo de vehículos na nosa zona, xa que en solo un par de días que leva habilitado e sen sequera publicidade,  máis dunha decena de autocaravanas achegáronse ao novo punto, ubicado ao final do Parque Público A Canuda.

Convén  dicir que o auxe do turismo de autocaravana cobrou unha magnitude moi importante nos últimos anos. Estímase que o parque total destessec vehículos na Unión Europea alcanza 1.500.000, chegando cada ano a España ao redor de 450.000 autocaravanas superando de este xeito a visita de 900.000 turistas. Cómpre ter en conta que o turismo itinerante en autocaravana está presente ao longo de todo ano.

Para captar este tipo de turismo é importante ter unha pequena infraestructura que permita que estes vehículos poidan vaciar os seus depósitos de augas grises e negras, para enchelos novamente. Por tanto, dispor deste tipo de áreas constitúe un factor determinante na planificación das rutas escollidas para as visitas gastronómicas, cultural, compras… en definitiva,  supón un aumento considerable de turistas que incrementará notablemente a economía local.

A zona de implantación do “PUNTO LIMPO DE SERVIZOS PARA AUTOCARAVANAS” está ubicado nunha parcela de 4.750 m2 situada no extremo occidental do Parque de “A Canuda”, da que se ocupa  900m2.

Coa posta en funcionamento deste servicio o Concello de Salvaterra de Miño busca potenciar o desenvolvemento económico, social e cultural así como de una manera clara apostar por seguir potenciando o turismo no municipio que ofrece unha oferta turística ampla e variada, dende o ámbito cultural e histórico ao medioambiental, co Parque Público A Canuda, cos máis de 30km de sendas verdes polos seus ríos, o Recinto Amurallado, o Museo da Ciencia do Viño ou o Espazo Termal Lúdico de Teans, son un exemplo calro do potencial turístico co que conta o Concello.

Esta é unha obra financiada polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Apertura de solicitude de cursos baixo a modalidade de formación en liña

0

O Centro de Información á Muller (CIM) da Concellería de Igualdade informa que se pon en marcha a nova oferta formativa baixo a modalidade de formación en liña. Este tipo de formación baséase nunha metodoloxía flexible coa que xa levamos traballando estes últimos anos.

Ao igual que en edicións pasadas os cursos serán gratuítos e estarán destinados preferentemente a mulleres empregadas e desempregadas empadroadas no Concello de Gondomar. Engadir que as prazas serán adxudicadas por orde de formalización de inscrición a través do rexistro do Concello ou da Sede Electrónica, sempre e cando se cumpran cos requisitos e se entregue toda a documentación correctamente.

A oferta formativa deste ano será:

  • A ensinanza do inglés para nenos/as de 1 a 3 anos (40h)
  • Organización de actividades en institucións sociais (20h)
  • Atención sociosanitaria a enfermos de Alzheimer (20h)
  • Administracion electrónica 2021 (30h)
  • Hixiene e manipulación de alimentos (5h)
  • Igualdade de oportunidades (150h)

Engadir que só se poderá realizar un curso por persoa e cóntase cun total de 15 prazas por curso. A inscrición deberá formalizarse no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica do 26 de abril ao 5 de maio.

Para máis información acudir ao CIM, na Casa da Cultura, telf: 986 389 355 ou [email protected].

Por último, dicir que esta actividade é cofinanciada con cargo aos créditos recibidos pola Deputación de Pontevedra.

O Concello de Nigrán e Aqualia aconsellan aos veciños de Priegue solicitar o enganche ao abastecemento antes do fin das obras

0

O  Concello de Nigrán e Aqualia están a informar aos veciños de Priegue onde se están a rematar as obras de ampliación do abastecemento (Pedrosas e Sanromán) das vantaxes económicas e de tramitación que implica solicitar a conexión antes de que rematen as obras.

Unha vez rematen estes traballos de ampliación da rede nas novas acometidas se cobrará a reposición do firme, de aí o interesante de solicitalo con antelación. Así, os propietarios interesados en conectarse directamente en obra deben acudir á oficina da concesionaria Aqualia en Nigrán (Val Miñor, 2) en horario de 9:00 a 13:00 ou ben solicitalo por correo electrónico a [email protected] facilitando nome, DNI, dirección e teléfono.

A propia empresa detallará todos os documentos precisos para formalizar o contrato co correspondente orzamento.

Remata o xogo “A Miña Avoa” no Porriño

Coa localización do último “tesouro” que aconteceu onte martes, remata o xogo “A Miña Avoa”, unha iniciativa promovida polo Concello do Porriño para dinamizar o consumo no comercio de proximidade e na hostalería locais.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX de Porriño) organizou a iniciativa co apoio da Concellería de Festexos e da Concellería de Comercio, as asociacións de comerciantes “ACIPOR” e de hostaleiros “AHOSPOR” e coa produción a cargo da firma “Especialistas Hípica Celta”.

En total 145 establecementos de hostalería e comercio de proximidade participaron desta iniciativa.

A veciñanza porriñesa participou dun xeito moi activo e acadou descubrir nun tempo récord os seis “tesouros”, pois o xogo comezou o sábado 10 de abril e tense rematado en dez días cando a previsión era que durase ata primeiros de xuño.

O xogo que era aberto a toda a cidadanía da vila, consistiu na procura dos seis “tesouros”, premios de 50€ para consumir no comercio e na hostalería locais. Dando protagonismo á economía local, non só coa súa implicación, senón tamén, porque os premios reverten no consumo das propias empresas locais. Era imprescindible para participar, facer previamente algunha compra nos establecementos asociados e dispor do ticket de compra correspondente.

O último “tesouro” atopouno Blanca Inés Gómez Fortes. Estaba agochado nun muro preto do Albergue de Peregrinos. Blanca mercou no establecemento “Meigallo Porriño” e coa pista que colleu, localizouno. A pista dicía así: “Que gran xente esa que fai o camiño de Santiago… Dío o valado que contempla o descanso do peregrino. E ao pé do camiño ata podes atopar un tesouro pequeniño”.

O Concello de Redondela pide á Xunta que aclare a súa postura respecto á apertura dos furanchos

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de requirir á Vicepresidencia da Xunta de Galicia, información sobre as normas de seguridade sanitaria que deben regular a apertura dos furanchos, toda vez que, tal e como subliña a alcaldesa no seu escrito, a Orde do 14 de abril de 2021 pola que se establecen as accións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia “non se establece ningunha medida en relación aos furanchos”.

O certo é que os titulares dos furanchos existentes en Redondela, debidamente rexistrados e autorizados, están a realizar numerosas consultas ante o Concello sobre as condicións hixiénico-sanitarias que deben manter “sen que ata o de agora este Concello poida dar resposta ningunha ante o silencio da Xunta de Galicia que é a administración que ten competencias nesta materia”.

En todo caso a alcaldesa redondelá lembra que á hostalaría “un dos sectores máis duramente golpeados pola pandemia”, aplícanselle unha serie de restricións e estritas medidas de seguridade sanitaria de obrigatorio cumprimento, como é o caso da instalación de medidores de CO2. En caso de que a Xunta non regule medidas igual de estritas para a apertura dos furanchos “podería supoñer unha competencia desleal que carecería de toda lóxica, ademais dun claro risco sanitario”.

“Unha vez máis a Xunta de Galicia ponse de perfil”, afirma Digna Rivas. “Cando cando xorden temas problemáticos, desaparece deixando que sexan os concellos os que teñan que enfrontarse a problemas para os que carecen de competencias, como é o caso dos furanchos”.

A alcaldesa de Redondela considera que é preciso “extremar as medidas de hixiene” para este tipo de actividade e é, precisamente polas súas características especiais, polas que consulta á Xunta “se teñen formulado ou van formular algunha instrución relativa á apertura dos furanchos así como as condicións que se deberán esixir para o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias no caso de permitir a súa reapertura”.

Galicia rexistra un total de 2.811 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.811, deles 681 son da área da Coruña, 207 da de Lugo, 245 da de Ourense, 452 da de Pontevedra, 760 da área de Vigo, 361 da de Santiago e 105 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI, 162 en unidades de hospitalización e 2.609 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 115.174 persoas curadas, rexistrándose 2.376 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.976.358.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 914.462.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O club de lectura da Biblioteca de Ponteareas retoma a súa actividade

O club de lectura da Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas retomou a súa actividade dende este martes, 20 de abril.

Os clubs de lectura son o sistema máis sinxelo e máis efectivo de fomento da lectura. Están baseados na lectura dun libro de forma individual por parte dun colectivo ou grupo de persoas. Estas persoas reúnense periodicamente, neste caso unha vez ao mes, para comentar, valorar a obra e intercambiar as súas impresións.

Pero a actividade que se desenvolve nestas reunións vai máis alá da lectura, representando para os seus asistentes unha válvula de escape, un cambio de aires: a posibilidade de saír da casa e compartir, non só o pracer de ler, senón tamén as anécdotas do día a día.

O club de lectura da Biblioteca Municipal de Ponteareas foi creado no ano 2006, e na actualidade conta con 20 membros que len ao mesmo tempo unha obra literaria. Esta actividade enmarcase no programa da Biblioteca Pública Municipal para a promoción da lectura entre os diversos segmentos sociais, favorecendo o acceso ao libro e á lectura aos veciños e ás veciñas da localidade.

Para participar nesta actividade cultural, que é totalmente de balde, as persoas interesadas poden dirixirse á Biblioteca Municipal de Ponteareas ou chamar ao teléfono 986 660 765.

Visita guiada ás obras da nova Biblioteca Municipal de Nigrán para estudantes de deseño de interiores

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado da dirección técnica das obras da nova Biblioteca, realizou unha visita guiada a estas instalacións para unha ducia de estudantes de deseño de interiores da recoñecida escola de deseño viguesa Aula D. “Ao longo do curso facemos visitas a diferentes obras cun fin didáctico de cara ao proxecto final deste ciclo formativo de grao superior, esta é a gran obra pública que ímos visitar e realmente estabamos ansiosos por coñecer de preto o resultado, que a todas luces é marabilloso”, incidíu o titor, Manuel Barreiro Chao.

Tal e como comprobaron, os traballos avanzan a gran ritmo con todos os oficios presentes simultáneamente co fin de tela rematada no mes de maio, sendo o obxectivo do goberno local aproveitar o verán para dotala de todo o equipamento preciso (con este fin xa se consignaron 224.000 € do Remanente de Tesourería ).  

O edificio pasará de contar con  120 metros cadrados no Ceán a 1.260 m², xerando espazos novos como a sala infantil independente, zona de estudo ou outra de usos múltiples. 

Edificio bioclimático

A nova Biblioteca ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, frente a rúa do Panasco) nun lugar fácilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construcción xenera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2  (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental. 

Cun deseño minimalista na que a fachada se plantexa de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen sótano. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na pranta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

Salvaterra é arte

Comeza o proxecto colaborativo entre o Concello de Salvaterra de Miño e o IES de Salvaterra para por en valor os espazos urbanos a través da arte.

A finais do ano pasado a alcaldesa de Salvaterra de Miño trasladáballe ao equipo directivo do IES Salvaterra unha proposta de traballo colaborativo que pretendía darlle cor aos espazos públicos da Vila e potenciar a súa vez a gran riqueza histórica e cultural do Concello.

Nesa reunión acordouse traballar  nun proxecto de acción a varios anos, co fin de por en valor varios espazos municipais, onde participa dun  xeito directo e activa o departamento de Arte do centro escolar.

O programa ten dous obxectivos fundamentais:  por unha banda, a colaboración e traballo directo cos Centros Educativos, e por outra, a implicación dos máis novos na valoración e recuperación dos entornos máis deteriorados da vila  a través de graffitis e pinturas, da que se encargarán os  alumnos e alumnas matriculados nestes intres en Debuxo Artístico.

O primeiro proxecto presentado por parte do centro, e que empezará a materializarse en poucos días,  está enfocado ao muro da pista de skate (na zona deportiva do Parque Público A Canuda). Un mural de máis de 30m que terá como eixo vertebrador o Pai Miño e que incluirá elementos representativos das 17 parroquias do municipio, ademais de outras imaxes que nos caracterizan como pobo, como pode ser o viño, a Eurocidade, a lamprea…

A alcadesa quere agradecer ao profesor de debuxo artístico o gran traballo feito, así como aos alumnos e alumnas que participaron no deseño do proxecto e que se encargarán de levalo a cabo, porque realmente plasma dun xeito moi orixinal o pasado e o presente do municipio.

Un garaxe acaba consumido polo lume en Redondela

0

O garaxe dunha vivenda rematou consumido polo lume, esta mañá, no concello pontevedrés de Redondela.

Varios particulares chamaron, pasadas as sete e media da mañá, ao 112 Galicia para informar dun incendio dentro do alboio dunha casa no lugar de Ventosela, en Reboreda. Na conversa cos operadores de emerxencias, as persoas indicaban que o lume se iniciara nunha moto aparcada no interior do garaxe e que non había persoas feridas.

Nese momento, o 112 Galicia deu aviso aos Bombeiros de Porriño, aos axentes da Policía Nacional e Local de Redondela, aos membros de Protección Civil da localidade e aos Bombeiros de Vigo.

Finalmente, foi a dotación de Bombeiros de Porriño a que confirmou ao CIAE-112 desde o lugar dos feitos que o lume estaba sufocado pero que o garaxe ardeu por completo, xunto co material apilado no seu interior. Con todo, non houbo que lamentar danos persoais.

Redondela presenta “Cóntamo outra vez, Rick” con motivo do Día do Libro

0

A Concellería de Cultura de Redondela e a Editorial Galaxia presentarán este 23 de abril ás 19:00 da tarde o novo libro de J.A. Xesteira, con motivo do Día do Libro.

O vindeiro venres 23 presentarase no Auditorio do Multiusos da Xunqueira de Redondela, a nova creación literaria de J.A. Xesteira, escritor e periodista da vila de Redondela.

“Cóntamo outra vez, Rick” da Editorial Galaxia, recolle nas súas páxinas relatos curtos, aparentemente inconexos, pero unidos grazas a un fío argumental que os cose cun estilo moi persoal, claro, musical e cinematográfico propios do autor. O seu título, non en van, remite á escena cinematográfica do filme “Casablanca” adiantando o tema principal dun dos relatos deste libro.

J.A. Xesteira, creativo apuntado no Rexistro de artistas de Redondela, conta nas súas teclas cunha producción libreira de 5 exemplares e unha traxectoria periodística de máis de 30 anos. 

No acto de presentación reuniranse ó redor do libro o autor, Dona Lola Míguez (filóloga redondelá, mestra de galego e membro de SEREN, Seminario de estudos redondeláns) e Don Carlos Lema, Director de edicións de Galaxia. 

Debido ás medidas de prevención da COVID-19 o aforo será reducido e as persoas que queiran asistir deberán reservar praza no propio Multiusos da Xunqueira. Será obrigatorio o uso de mascarillas e a desinfección previa das mans antes da entrada no Auditorio.

Areeiro recomenda a constante revisión das viñas para detectar e frear posibles síntomas do mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra (Areeiro), vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda unha revisión constante das viñas con motivo da favorable situación para o desenvolvemento do mildio, ante as condicións de inestabilidade meteorolóxica previstas para os vindeiros días.

O persoal técnico do centro incidiu en que nas visitas a algunhas viñas da rede de seguimento observáronse as primeiras manchas de mildio, concretamente na viña de Areeiro (que aínda non fora tratada nesta campaña) e noutra que xa contaba cunha aplicación funxicida, así como tamén nalgunha que non pertence á rede. Amais, persoas viticultoras advertiron tamén da detección dalgunhas manchas non só en albariño senón tamén nalgunha variedade tinta. Neste senso, desde Areeiro sinalan que o tempo está húmido, relativamente cálido e moi cambiante, e que as predicións para os vindeiros días manteñen condicións de inestabilidade e con temperaturas mínimas altas, na contorna dos 11-13 graos, polo que advirte da necesidade da constante revisión das viñas, aínda que se estea dentro do período de protección teórico do tratamento anterior, para poder detectar posibles síntomas novos que deben ser freados debido a que as viñas están xa nun estado fenolóxico (con acios visibles/separados), onde síntomas mal controlados poden ter impacto na potencial colleita.

Engade Areeiro que debido ao tempo chuvioso, a adición dun mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas. Amais, lembra que cos produtos que se soen empregar nestes momentos (sistémicos, penetrantes) pódese intervir sempre que a viña estea seca e que pasen de unha a dúas horas despois da aplicación sen que se produzan precipitacións .

Primeiras crisálides da chamada Cydalima perspectalis nos buxos.

Doutra banda, respecto a outros parasitos da viña, o aviso advirte da presenza, de xeito localizado, de poboacións bastante importantes de pedroulo nalgunhas viñas do Salnés. E realizáronse as primeiras capturas de  Lobesia botrana nas trampas, observáronse síntomas de erinose e abundantes caracois nalgunhas viñas.

O aviso fitosanitario volve referirse á bolboreta do buxo. Deste xeito, o persoal de Areeiro indicou que  comezaron a atoparse as primeiras crisálides da chamada Cydalima perspectalis nos buxos, pero aínda é posible observar eirugas alimentándose, polo que de momento é preciso continuar as revisións das plantas para determinar se hai necesidade de tratamento (se os síntomas continúan avanzando mailas intervencións realizadas).

O Concello de Ponteareas reordenou a mobilidade na rúa Santa Ana

O Concello de Ponteareas acometeu a pasada semana a reordenación da mobilidade no primeiro tramo da rúa Santa Ana. Esta vía, que comunica a rúa Vidales Tomé coa Praza Maior, é de dobre sentido e con beirarrúas moi estreitas e nunha das súas marxes contaba con aparcamento en batería incompatíbel con dous carrís de circulación pola anchura da calzada. Ademais, carecía de pasos de peóns en varias interseccións, que non garantían a continuidade dos itinerarios peonís.

Coas actuacións realizadas a rúa reordenouse axustándoa ás dimensións do espazo, creando dous carrís de circulación de 2,75 metros de anchura e aparcamentos en liña nunha das marxes. O espazo residual restante destinouse a ampliar unhas das beirarrúas, pasando de tan só 1,20 a algo máis de 2,50 metros de anchura, mellorando así a accesibilidade e mobilidade das persoas. Ademais creáronse tres pasos de peóns.

Segundo o concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera, “as actuacións melloran a mobilidade e a seguridade, tanto de peóns coma de vehículos, ordena correctamente a rúa e mellora tamén a súa estética e imaxe, até agora desorganizada e descoidada”.

Mera sinalou que nas vindeiras semanas se actuará no segundo tramo, dende a Residencia de Maiores até a Praza Maior. “Ese tramo é tan estreito que non é posíbel crear zonas para peóns e dobre carril de circulación, polo que terá a consideración de rúa de plataforma única, con prioridade para os peóns en toda a calzada e limitación de velocidade a 10 km/h, tal e como establece o Plan de Mobilidade para rúas moi estreitas”. As actuacións a realizar consistirán no pintado de símbolos peonís na calzada e instalación de sinalización vertical.

Curso de lingua de signos para a mocidade

0

O xoves será o último día para incribirse no Curso de lingua de signos Nivel A1 de 60 horas que organiza o Concello de Mos dirixido á mocidade maior de 16 anos.

Trátase dun curso on line no que a formación realizarase a través da plataforma SignoCampus entre o día 3 e o 30 de maio. O prezo é de 80 € para a poboación xeral e 60 € para persoas desempregadas.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o xoves 22 de abril no Rexistro do Concello ou na Sede Electrónica. A lista de admitidos publicarase o venres 23 de abril na OMIX, no Rexistro do Concello e na páxina web do Concello de Mos.

O número total de prazas ofertadas é de 25, que serán asignadas por rigorosa orde de entrada no Rexistro Xeral do Concello.

O Rosal estrea imaxe corporativa

0

O Concello do Rosal estrea imaxe corporativa. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández, presentou este martes na Praza do Calvario o novo logotipo que servirá de imaxe municipal, “unha imaxe actualizada, contemporánea, que recolle á perfección o que somos como pobo, unha imaxe de pasado, de presente e de futuro para o Rosal”. Deste xeito, neste novo logo, deseñado por Era Comunicación,  están representados conceptualmente os trazos máis característicos do municipio: o seu valor patrimonial, a natureza e a súa vinculación coa auga.

O resultado é unha imaxe que inclúe unha cor ambigua entre azul e verde que simboliza esa fusión de auga e natureza que se dá no Rosal, cunhas ‘O’ que recollen as moas dos muíños; con dúas ondas que representan as ondas dos ríos que bañan o municipio, como o Miño, o Carballas coa ponte do Tamuxe e o do océano Atlántico na zona de costa; e cun ton verdoso que recolle a importancia a vexetación dos nosos montes e do ámbito agrícola. “Todo isto constrúe graficamente unha identidade propia que reflicte de xeito fiel a identidade en todos eses ámbitos que definen o que somos como pobo, a nosa historia e a nosa orixe”, salientou a rexedora.

“Vivimos tempos de pandemia que fixeron que procesos que xa estaban integrados socialmente como a dixitalización colleron máis peso e que fixeron que nos deramos conta de que era necesario actualizarnos. E nese proceso de modernización era fundamental ter unha imaxe actual, transversal á realidade que vivimos e aplicable a todos os ámbitos do Concello, dende as relacións institucionais ata a sinalética ou os rótulos da flota municipal”, explicou Fernández.

O Concello comezou o proceso invitando a 8 estudos da contorna e da provincia a presentar os seus traballos de xeito anónimo a un tribunal composto pola propia alcaldesa; por Elena Dahlgren, profesora de plástica do CPI Manuel Suárez Marquier; Ángel, moi vencellado ao tecido asociativo rosaleiro e apaixoado da deseño; Laura, deseñadora rosaleira, e por persoal municipal. “Coa súa colaboración e coa implicación da xente nova do Rosal conseguiuse que “todos eses pequenos matices que nos representan quedaran reflectidos na imaxe”. A rexedora quixo agradecer o traballo da empresa deseñadora non só pola creación do novo logo senón tamén “pola súa implicación persoal buscando na orixe do que somos para sacar á luz unha nova identidade”.

A alcaldesa tamén quixo agradecer o traballo do alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, que traballaron na cocreación desta nova imaxe corporativa e que foron os responsables da elaboración de novos pictogramas adaptados á nova imaxe corporativa para ir aplicando á diferente sinalética do municipio. “Moitas grazas por deixarnos poñer un pedaciño de nós neste logo. Sentímonos moi orgullosos de participar nun feito tan importante, de algo que vai perdurar no tempo, sobre todo nun ano no que a covid impediunos facer moitas cousas”, asegurou Noa en representación do resto do alumnado participante.

A alcaldesa quixo agradecer a súa implicación a todas as persoas que achegaron o seu gran de area neste proceso de creación desta nova imaxe corporativa coa que “seguimos construíndo todos xuntos e xuntas”.

A Xunta recibe 10 ofertas para executar as obras de renovación do firme das estradas do Baixo Miño e Val Miñor

A Xunta vén de recibir 10 ofertas para executar as obras de renovación integral do firme en máis de 30 quilómetros da estrada autonómica PO-552 e nun treito da PO-325, ao seu paso polos concellos de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo, Nigrán e Baiona.

Esta intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade suporá un investimento autonómico de 1,8 millóns de euros e o obxectivo é comezala este mesmo verán. Os traballos contan cun prazo de execución de catro meses.

No marco da actuación, acondicionarase a capa de rodadura en toda a lonxitude da PO-552, de 30,4 quilómetros de lonxitude, reforzando a seguridade viaria.

Deste modo, proponse unha actuación diferenciada, segundo o estado do firme nas diversas zonas e que beneficiará principalmente ao termo municipal de Oia, xa que se renovará a senda peonil. Nos treitos entre os puntos quilométricos 0+100 e 1+730, 2+380 e 2+950, e 17+040 e 44+400 procederase ao fresado do firme e á reposición da calzada coa correspondente rega de adherencia.

Carril-bici entre Baiona e A Guarda

Paralelamente, este contrato inclúe a reposición do revestimento rugoso do carril-bici con capas de resina sintéticas e pintarase de novo no treito entre Baiona e A Guarda para que recupere a súa cor orixinal. Ao mesmo tempo, demoleranse os treitos de beirarrúas en mal estado para a súa reconstrución.

Na estrada PO-325 actuarase entre os puntos 9+670 e 9+760 e desde o 15+000 ata 15+800 con fresados e reposición do pavimento e, ao igual que na PO-552, procederase ao pintado de todas as marcas viarias horizontais e das zonas cebreadas.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.

Mondariz reclama a retirada das restricións á circulación na PO-254

0

Despois das obras de reparación na ponte que une Mondariz e Mondariz-Balneario pola estrada autonómica PO-254, a Xunta de Galicia introduxo severas restricións á circulación de vehículos de máis de 3,5 t sen previo aviso nin xustificación, feito que indignou ao Concello de Mondariz.

O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, contactou coa Axencia Galega de Infraestruturas e a Xefatura Territorial de Infraestruturas da Xunta de Galicia para reclamar a retirada inmediata da sinalización que limita a circulación de vehículos de máis de 3,5 toneladas pola estrada autonómica PO-254 e pedir explicacións ao respecto desta medida unilateral.

Esta nova restrición, que non foi anunciada nin comunicada previamente ao Concello de Mondariz, foi introducida despois das obras de reparación na ponte que une Mondariz e Mondariz-Balneario pola estrada autonómica PO-254, que se prolongaron durante varios meses e foron cuantificadas pola propia Xunta de Galicia en 1,4 millóns de euros.

“Estamos preocupados polas consecuencias sociais e económicas que causa esta medida, xa que estamos a falar dunha vía de comunicación fundamental para Mondariz. Compartimos a indignación da veciñanza máis afectada pola restrición e insistiremos ata lograr unha solución”, sinala Barros.

O Porriño melloras as rúas de Torneiros cun investimento de máis de 90.000 euros da Deputación

As principais rúas do barrio de Torneiros, en O Porriño, renovaron o seu pavimento cunha campaña de asfaltado emprendida polo Concello en colaboración coa Deputación, que achegou os máis de 90.200 euros da actuación. As obras, que supuxeron unha mellora nos accesos a varios equipamentos públicos con importante demanda cidadá, foron visitadas hoxe polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, e a alcaldesa, Eva García de la Torre. Estiveron acompañados pola deputada Ana Laura Iglesias e varios/as concelleiros/as.

Destacouse que Torneiros é un barrio moi densamente poboado, cunhas 5.000 persoas, o que equivale a un 25% do número de persoas empadroadas en O Porriño. “É unha poboación maior que a que existe en moitos concellos da provincia”, destacou Santos Héctor, polo que este investimento significa atender as necesidades de moita xente “e dar un servizo digno a unha aglomeración urbana que medrou moitísimo nos últimos anos”. O deputado recalcou que en Torneiros hai numerosos equipamentos e dotacións públicas, como o edificio multiusos do Concello, onde está a oficina municipal de Porremprego, a oficina dos Servizos Públicos de Emprego, Medio Ambiente da Xunta de Galicia ou o Viveiro de Empresas. A carón destas rúas está tamén o colexio Antonio Palacios, o Instituto de Ensino Secundario Ribeira do Louro ou a igrexa de San Rosendo, ademais de dotacións deportivas como o campo de fútbol. Un gran conxunto de equipamentos públicos que mobilizan a moitas persoas, “polo que tamén era necesario apostar pola seguridade viaria”, lembrou Santos Héctor.

A alcaldesa Eva García de la Torre destacou que Torneiros é un “núcleo importantísimo para O Porriño” e explicou que pola configuración urbanística con que se deseñou e executou no seu día “daba pé a un certo abandono”. Así explicou que o actual Goberno municipal apostou por mellorar os espazos públicos e instalar servizos municipais, como o Porremprego. “Pouco a pouco, transformamos Torneiros nun lugar interesante para vivir e imos dándolle a importancia que ten”.

Finalmente, agradeceu o traballo dos seus colaboradores, como o tenente de alcalde, Pedro Pereira, “que ten moita capacidade e ocupouse destas obras, polo que hai que agradecerllo publicamente”. García de la Torre recoñeceu expresamente o marco de colaboración institucional e financiamento regrado por parte da Deputación, “que é exactamente o mesmo que fai con tódolos concellos da provincia”.

13 pasos de cebra para optimizar a seguridade  viaria

As obras en Torneiros abrangueron unha superficie próxima aos 10.000 metros cadrados de viais públicos, nos inclúen 13 pasos de cebra sobreelevados para garantir a seguridade viaria e a accesibilidade. Ademais, sinalizáronse as sete “isletas” de organización do tráfico e catro prazas de estacionamento para persoas con diversidade funcional nas proximidades dos equipamentos públicos. A obra incluíu tamén todo o pintado da sinalización horizontal e a colocación en rasante de tódalas tapas de rexistro dos servizos soterrados.

A Deputación de Pontevedra leva investidos en O Porriño en torno a 10,5 millóns de euros dende o ano 2015, é dicir, dende o cambio no Goberno provincial. Neste tempo realizáronse preto de 60 obras financiadas con cargo ao Plan Concellos. Este ano, o municipio da Louriña recibe 1.167.000 euros do plan de financiamento regrado da Deputación aos concellos de menos de 50.000 habitantes. Por outra banda, o Goberno local tamén ten prevista a contratación de 25 persoas desempregadas con cargo á Liña 3 (de Emprego) do Plan Concellos. O Porriño é un dos concellos da provincia que máis partido tira deste tipo de axudas da Deputación, pois dende o ano 2015 ten contratado xa a 195 parados/as.

Continúa na Guarda a programación polo Día do Libro

0

Nesta semana continúan as actividades programadas dende a Concellería de Cultura polo Día do Libro como os “puntos de libros”, que, caracterizados coa temática mariñeira que nos identifica, permitirán aos veciños levar un libro de agasallo. Estes puntos están situados no Concello, na Praza de Abastos e na Biblioteca Municipal e contan coa colaboración de O Piueiro e a comisión de Festas da Virxe do Carme.

Nesta semana, a partires do día 22 de abril, colocarase tamén un mural na entrada da Biblioteca, na que os lectores da Biblioteca Pública Municipal da Guarda poderán deixar as súas mensaxes e comentarios.

O sábado 24 terá lugar a segunda proposta escénica adicada desta volta aos mais pequenos da casa e da man da compañía Migallas cos seus “Contos do Chupete”, xa no Centro Cultural ás 12:00h., as prazas para esta actividade están xa cubertas.

E xa para rematar, entre os días 23 de abril e 22 de maio, aqueles que realicen compras de libros nas librerías da Guarda por valor de 30€ ou mais obterán un bolso de agasallo na Biblioteca Pública Municipal.

Chega a II edición do Ciclo Aida Fernández Ríos da man da Deputación e da RAG de Ciencias

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias presentaron hoxe o convenio da segunda edición do “Ciclo Aida Fernández Ríos”, que se celebrará entre abril e decembro, destinado a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o labor científico en Galicia. A presidenta Carmela Silva xunto ao presidente da RAGC, Juan Lema, e a vicepresidenta Alicia Estévez, detallaron a programación que ten por obxecto difundir a ciencia e a tecnoloxía, e que este ano versará sobre contaminación por microplásticos, as pandemias silenciosas, o impacto do cambio climático e da saúde na economía, as mulleres e a ciencia, os exoplanetas e as adegas circulares.

Amais de poñer en valor a Aida Fernández Ríos, a investigadora que da nome ao ciclo, a figura de Jimena Fernández de la Vega a quen este ano dedícase o Día da Ciencia en Galicia, terá un papel protagonista nas xornadas. O Pazo Provincial da Deputación acollerá o 3 de xuño a conferencia central que versará sobre a traxectoria desta muller, pioneira da xenética médica en España e que, xunto a súa irmá xemelga Elisa, foi a primeira licenciada en Medicina pola USC. Nese sentido, a presidenta provincial, Carmela Silva, desvelou que neses días se presentará unha nova camelia no Xardín “Con nome de Muller” do Castelo de Soutomaior, “un lugar ligado tamén á ciencia”, que levará o nome de Jimena Fernández de la Vega, “facendo así que a ciencia teña un espazo moi especial”. Carmela Silva felicitou á RAGC por dedicar este 2021 a enxalzar a figura desta científica xa que “se a ciencia moitas veces é invisible para o conxunto da cidadanía, se ten nome de muller esa invisibilidade é moito maior”.

A presidenta provincial aplaudiu a programación “con temas potentes que inflúen directamente no día a día da humanidade”, e tamén agradeceu ás persoas que intervirán por “comprometerse a achegar a ciencia á cidadanía e de forma moi particular á mocidade”. Neste senso destacou que “é fundamental espertar o interese pola ciencia” xa que  “non é soamente de quen se dedica a ela, senón que forma parte da nosa vida”. Por este motivo, Carmela Silva recoñeceu a importancia de que as administracións públicas se comprometan coa ciencia.

Pola súa banda, o presidente da RAGC, Juan Lema, salientou a “moi boa sintonía” existente entre a Deputación e a Academia que preside, xa que “estamos a traballar cóbado con cóbado e a realizar un labor conxunto moi satisfactorio para ambas partes”. Para Lema “non é habitual o interese tan grande dunha entidade como a Deputación de Pontevedra no ámbito de promoción da ciencia, vai moito máis aló do financiamento e é un exemplo para outras administracións”. Lema insistiu que o obxectivo común da RAGC e a Deputación con este ciclo “é poñer a ciencia na cidadanía, na rúa, para que entendamos entre todos e todas que na ciencia temos que depositar as nosas esperanzas”.Ao finalizar a súa intervención, Lema verteu as súas palabras no libro de honra da Deputación, onde deixou constancia do apio do ente provincial á ciencia.

Enfoque multitemático de divulgación científica

O programa presentado por Alicia Estévez, como coordinadora deste ciclo, constará dun primeiro bloque de dez relatorios impartidos por once persoas expertas das tres universidades galegas, do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) dependente do CSIC, do Centro Oceanográfico de Vigo, da Universidad Complutense de Madrid e da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria. As conferencias, dirixidas ao público en xeral, celebraranse do 29 de abril ao 1 de xullo, en formato webinario e semipresencial con streaming.

O segundo bloque de actividades contará con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato entre os meses de setembro e decembro deste ano. Estas charlas, que serán impartidas todas por mulleres, teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan.

O ciclo estrearase o xoves 29 de abril coa catedrática de Ciencias de Materiais da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, Carmen Pérez, e o investigador do Instituto Español de Oceanografía no Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago, que falarán sobre contaminación por microplásticos, a súa incidencia na sociedade actual e o seu impacto no medio mariño.

O xoves 6 de maio intervirán o catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense, Bruno González Zorn, e o catedrático de Fisioloxía do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, Carlos Diéguez. Analizarán as pandemias silenciosas, en concreto a resistencia aos antibióticos e a obesidade.

Tamén a catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidad de Las Palmas e académica da RAGC, Beatriz González López-Valcárcel, e o catedrático de Economía da UVigo, Xavier Labandeira, terán relatorio o xoves 27 de maio sobre os impactos económicos do cambio climático e da saúde, centrando o tema na covid-19 e nos aspectos económicos dun dos principais desafíos presentes e futuros da humanidade, o cambio climático.

A conferencia central sobre as mulleres e a ciencia e será o xoves 3 de xuño. Xoana Pintos, doutora en Bioloxía pola USC e especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico, destacará a figura da médica e xenetista Jimena Fernández de la Vega, nomeada Científica Galega do Ano 2021 pola RAGC. Tamén intervirán Carmen González, investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC en Vigo, e o catedrático da área de Física da Terra da Facultade de Ciencias do Mar da UVigo, Gabriel Rosón, que farán unha semblanza de Aida Fernández Ríos, tanto desde o punto de vista persoal como científico.

O xoves 17 de xuño, a catedrática de Astrofísica da Universidade da Coruña, vicepresidenta da Sociedad Española de Astronomía e académica da RAGC, Minia Manteiga, centrará o seu relatorio nos exoplanetas e os métodos que usan os astrónomos para a detección de planetas. O ciclo pecharase o xoves 1 de xullo cunha conferencia a cargo da catedrática de Química Analítica da USC, Marta Lores, que falará sobre a función dos polifenois na industria vitivinícola e a vinificación sostible.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias xa está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra (www.depo.gal), e todos os participantes recibirán posteriormente un certificado de asistencia.

O Concello de Tomiño pon en marcha o Circuíto Cultural 2021

0

O Concello de Tomiño vén de publicar as bases do “Circuíto Cultural” 2021 co obxectivo de promocionar un ano máis as agrupacións musicais tradicionais do municipio. Aquelas asociacións que cumpran cos requisitos poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada pola administración local.

Desde o Concello entenden a cultura como unha práctica social construída no diálogo e na comunidade, entendendo a cidadanía non só como unha mera espectadora e consumidora, senón como suxeito activo que participa na creación cultural. “A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que coñecemos, gozamos e que é necesario coidar. Asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o descubrimento e contratación das mesmas”, afirman desde o goberno local.

Poderán solicitar a inclusión no Circuíto Cultural as seguintes agrupacións: bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandereiteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes.

CONTÍA MÁXIMA E CRÉDITO ORZAMENTARIO

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño son as seguintes:

  • Banda de Música 400,00 €
  • Corais 200,00 €
  • Bandas de gaitas (con máis de 30 compoñentes) 300,00 €
  • Grupos de Gaitas 200,00 €
  • Treboadas 200,00 €
  • Pandereteiras 150,00 €
  • Murgas ou Charangas 150,00 €
  • Grupos de Acordeóns 150,00 €

O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000€ con cargo á partida 334.226.99 do vixente orzamento.

As solicitudes poderán ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro de 2021, sendo este o único xeito válido de presentación para as asociacións. O modelo de solicitude está dispoñible na Sede Electrónica e na páxina web do Concello de Tomiño.

O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

O Concello de Nigrán aumentará o contrato do Servizo de Axuda no Fogar para poder duplicar o número de beneficiarios

0

O goberno de Nigrán presentará no pleno ordinario de abril  o novo prego de prescricións técnicas que rexerán a contratación do ‘Servizo de Axuda no Fogar’ (actualmente prorrogado) aumentando a licitación de 165.000 €/anuais a 580.000 € e primando a calidade sobre a oferta económica. A duración será de dous anos con posibilidad de aumentalo a outros dous (de 2021 a 2025) sumando un total de 2.319.000 €, cifra histórica neste servizo de caracter social.  Este gran incremento responde, principalmente, á vontade do goberno local de duplicar o número de beneficiarios, sendo actualmente unhas 60 persoas. O importe da licitación supón un máis dun 10% dos recursos ordinarios do orzamento, polo que o alcalde, como fixo coa tramitación da Biblioteca Municipal con toda a corporación a favor, levará ao vindeiro Pleno do 26 de abril unha petición de delegación de competencias para poder levar adiante a contratación.

“Este servizo clave da nosa política municipal ‘Un Nigrán para todos’ é básico para mellorar a calidade de vida das persoas dependentes porque atende prácticamente a todos os aspectos da súa vida cotiá para que poidan seguir nos seus domicilios sen caer na exclusión social, ademais, é compatible con outros servizos como Xantar na Casa”, destaca o alcalde, Juan González.

Desde a Concellería destacan a principal  novidade, que é que puntúa a garantía da calidade do servizo (51 puntos) por riba da mellor oferta económica (49 puntos) e inclúe tamén como baremo a mellora das condicións laborais dos empregados co obxectivo de garantir máis xornadas laborais completas. Ademais, o contrato por vez primeira dá cobertura a todos os días da semana incluídos sábados pola tarde, domingos e festivos (a intensidade horaria depende de cada programa individualizado pero nunca será inferior a unha hora diaria).

Entre os criterios vinculados coa calidade figura o apartado de ‘melloras de axudas técnicas’ comprendendo tres lotes puntuables nos que se especifican aportacións da empresa como cadeiras de rodas, guindastres de mobilización persoal con arnés universal, camas articuladas, asentos xiratorios de bañeira, muletas, almofadas antiescaras, andadores… Valóranse tamén as melloras relativas a atencións complementarias, como por exemplo, o servizo profesional de fisioterapia a domicilio ou de podoloxía, o acompañamento, ou unha bolsa de horas a maiores dun máximo de 350 horas/ano. Igualmente, o contrato está adaptado á nova realidade sanitaria e especifica que debe correr á conta da empresa fornecer de máscaras ou xel hidroalcohólico aos  empregados (ao marxe da vestimenta ou transporte, que tamén corre a cargo da empresa). Finalmente, o contrato mesmo regula a cobertura dos servizos mínimos en caso de folga legal do servizo.

O Servizo de Axuda no Fogar está dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias (dependentes ou persoas maiores con déficits de autonomía) favorecendo a autonomía no seu domicilio mantendo as súas redes de relación familiar e social, retardando ou evitando a institucionalización ou exclusión social. Para elo, o usuario recibe axuda nas actividades da súa vida diaria (hixiene persoal, apoio en cambios posturais, supervisión do réxime alimenticio ou de medicación…), de acompañamento para consultas ou tratamentos ou xestións e de necesidades domésticas da vivenda (limpeza, compra ou preparación de alimentos, lavado de prendas…), de atención psicosocial e educativo .