18.5 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesA Xunta inviste en melloras de sanemento, limpeza e eficiencia enerxética nas...

    A Xunta inviste en melloras de sanemento, limpeza e eficiencia enerxética nas Neves co fondo de compensación ambiental

    O delegado territorial, Luis López, supervisa co alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, a modernización do alumeado público en Moreira, que foi unha das actuacións do FCA xunto co saneamento do Corvo e a adquisición de contedores e maquinaria

    A Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia vén de investir en diversas melloras de saneamento, limpeza, acondicionamento do medio natural e eficiencia enerxética no Concello das Neves ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2020, que reportou máis de 52.000 € para estas actuacións.

    Con motivo do remate destes traballos e da adquisición dos equipamentos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou, acompañado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, a extensión do saneamento no lugar do Corvo e a modernización e dotación de eficiencia enerxética ao alumeado público exterior do lugar de Moreira, onde se substituiron as 29 luminarias de vapor de sodio por outras Led e un novo cadro de servizo.

    “Trátase dunha actuación importante, xa que permitirá aforrar un consumo de máis de 7.000 kilovatios anuais ao tempo que se incrementa a luminosidade na vía pública, polo que o servizo será máis eficiente para os cidadáns, será máis respectuoso co medio ambiente ao diminuir as emisións de CO2 e ademais favorecerá a economía municipal, xa que estímase que reducirá a factura enerxética en preto de 1.100 euros anuais”, indicou o delegado.

    Esta actuación foi a máis destacada da liña non competitiva do FCA nas Neves, que tamén incluiu a adquisición de 68 contedores de lixo de distintas dimensións e a compra de maquinaria para a protección do medio natural, consistente nun cabezal de rozadoira para tractor e dúas rozadoiras manuais.

    Así mesmo, o Concello das Neves tamén se beneficiou, ao abeiro da orde competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, de case 20.000€ para completar o citado saneamento no lugar do Corvo grazas a unhas obras que instalaron máis de 200 metros de colector e oito pozos para culminar o enganche dunhas vivendas á rede de sumidoiros.

    “Creo que foron uns investimentos moi ben aproveitados e que reflicten, ben ás claras, o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da calidade de vida dos veciños das Neves, xa que se trata de actuacións que modernizan os servizos públicos”, explicou o representante autonómico, que engadiu que na actualidade o Goberno galego está a avaliar novas peticións do Concello das Neves para proseguir, tamén con fondos do FCA, coa modernización do alumeado público nos lugares de Fenteira, Aldea e Sancharedonda e na contorna das estradas PO-415 e EP-4006.

    O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López co alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, durante a visita do delegado ao municipio

    Visita a Mondariz

    Por outra banda, Luis López completou a súa xornada na bisbarra do Condado cunha visita institucional ao Concello de Mondariz, onde celebrou unha reunión de traballo co seu alcalde, Emilio Barrios. O delegado territorial reiteroulle o “compromiso máximo” da Xunta de Galicia coas necesidades de Mondariz tras lembrar que investiu máis de 4,6 millóns de euros nos últimos catro anos, destacando especialmente o reforzo do firme nas estradas autonómicas e os investimentos, por 1,4 millóns, en políticas sociais.

    Así mesmo, púxose á súa disposición para trasladar e xestionar co Goberno galego os intereses xerais da veciñanza de Mondariz e ofreceulle a “colaboración absoluta” da Xunta.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.