12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasA Xunta destina máis de 200.000 euros ao Baixo Miño para á...

    A Xunta destina máis de 200.000 euros ao Baixo Miño para á mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco

    A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, contempla este ano un orzamento de 212.000€ para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrarias na bisbarra do Baixo Miño ao abeiro do Plan Marco, segundo anunciou esta mañá o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao Concello de Oia.

    O representante autonómico anunciou que este municipio ten consignados un total de 41.652 € no Plan Marco 2021-2022 nunha visita de supervisión realizada esta mañá, na compaña da alcaldesa, Cristina Correa, á actuación realizada nos camiños das Gandareiras e das Amadas coa anterior convocatoria, na que se investiron máis de 37.000€.

    Ademais da achega ao Concello de Oia, o organismo dependente da Consellería do Medio Rural vén de orzamentar co Plan Marco 52.794€ para o Concello de Tomiño, 44.871€ para Tui, 37.771€ para o municipio da Guarda e 34.854€ para O Rosal.

    “É fundamental realizar un apoio constante ás zonas rurais dos concellos para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores do campo e da horta que, no caso dun municipio como Oia, teñen bastante peso na súa economía”, indicou o delegado territorial, que revelou que este concello vai recibir este ano máis de 81.000€ de axudas de Medio Rural para a mellora de vías, xa que, ao concedido co Plan Marco 2021-2022, hai que engadir os 39.878€ do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) para a modernización da pista da Ponte.

    Así mesmo, reiterou o “absoluto compromiso e máxima colaboración” do Goberno galego coas necesidades de Oia, “dándolle continuidade ás moitas actuacións que está a acometer a Xunta en todos os ámbitos en aras do interese xeral dos veciños e que, no referente ao rural, plásmanse, por exemplo, no aumento este ano dun 12% na dotación do Plan Marco para este municipio”.

    Finalmente, Luis López destacou o elevado investimento nesta materia na bisbarra do Baixo Miño, “que leva este ano máis de 200.000 € para as súas vías interiores municipais dado o peso que ten o sector primario, especialmente na puxante hortofruticultura, e a existencia de moitas e amplas zonas rurais, malia tratarse dunha contorna con moito litoral”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.