As actividades que se están a celebrar con motivo do Día do Libro na Guarda, están a obter un interesante seguimento por parte da cidadanía sendo bastantes os veciños que xa se achegaron ata algunha das tres gamelas con libros e recolleron o seu exemplar.
A partir de mañá poderán achegarse tamén ata a Biblioteca para construír entre todos o mural ‘Un mar cheo de ideas’, no que os visitantes poderán deixar unha frase ou mensaxe sobre o significado dos libros e a Biblioteca para eles. Esta iniciativa que xa se puxera en marcha o ano pasado a través das redes sociais durante o confinamento, permitiunos compartir inquedanzas e ilusións entre os lectores nun momento tan complicado como o que estábamos a atravesar. Agora que xa podemos saír da casa, pero que as incertezas aínda continúan, vemos -especialmente con esta campaña- que os libros seguen a ser un refuxio e por iso queremos manter a iniciativa dándolle visibilidade na propia Biblioteca Municipal.
O mesmo 23 de abril –Día Internacional do Libro– arrancará nas librerías da Guarda a I Ruta do Libro. Unha iniciativa que quere apoiar o consumo de libros no comercio local (fronte á crecente venda online) e visualizar a riqueza cultural que supón contar con catro librerías nunha mesma vila. A proposta consiste en obter un bolso de tela con deseño orixinal polo consumo de 30 € en libros que se poden acumular dende o propio 23 de abril e ata o 22 de mais, en unha ou mais librerías.
O 23 de abril as librerías de todo o país ofrecen xa un desconto do 10% nos libros, pero ademais este ano na nosa vila como inicio da Ruta do Libro obsequiarán aos clientes mais madrugadores co agasallo dunha flor (dispoñibles ata fin de existencias) e así porase en marcha na nosa localidade a tradición de agasallar neste día cun libro e unha flor.
Por último o sábado 24 terá lugar o espectáculo narrativo-musical ‘Contos do Chupete’ da compañía Migallas, que ten o aforo xa completo.