O comité clínico da Xunta de Galicia, vén de decidir o aumento do nivel de restricións en Ponteareas, que pasa de baixo a medio ante o aumento constante de casos positivos de COVID-19 na localidade dende a festividade da Semana Santa.
Neste martes, o número de casos activos na Vila do Tea situábase xa en 43, o que supón superar os 150 na incidencia acumulada a catorce días. Os datos poderán variar nas vindeiras horas, cando se coñezan a totalidade dos resultados das 2.500 probas PCR realizadas no cribado realizado este luns na localidade.
Entre outras cuestións, este aumento de contaxios supón unha nova redución da capacidade na hostalaría, que dende as 00:00 horas deste venres deberá ser do 30 % no interior e do 50% no caso das terrazas. Cabe insistir en que a clientela poderá quitar a máscara exclusivamente no momento do consumo, manténdoa ben colocada o tempo restante.
“Estamos comprobando os resultados da relaxación ante a pandemia. Non debemos esquecer que continúa entre nós, e debemos manter os niveis de prudencia e responsabilidade para evitar a súa propagación entre a veciñanza”, sinalou a alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila.
Todas as medidas de prevención específicas para o nivel de restricións no que entrará Ponteareas poden consultarse na seguinte ligazón: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Nivel-Restricion-Media.