O Concello de Nigrán celebra o Día do Libro este propio venres 23 de abril no Auditorio Municipal cunha xornada matinal adicada á figura de Álvaro Cunqueiro ao coincidir este 2021 co seu 40 cabodano. O obxectivo do goberno local é promover a lectura entre a veciñanza e, ao mesmo tempo, a propia lingua galega a través dun dos seus escritores máis ilustres. Así, ademais de analizar a figura de Cunqueiro, instalaranse dous stans con gran variedade de libros para levar de balde e outro de troco (deixo un e levo outro).
A xornada comezará ás 11:30 cunha charla coloquio a cargo de Henrique Costas, catedrático en filoloxía galega da Universidade de Vigo, e Iago Castro, mestre no IES Val Miñor e especialista en Álvaro Cunqueiro. A continuación (12:00) terá lugar unha lectura continuada do libro ‘Os outros feirantes’ (libro de relatos publicado en 1971) aberto á participación da cidadanía. Finalmente, desde as 13:00 horas o grupo Koremi representará no CEIP Humberto Juanes un contacontos tamén baseado nas obras de Cunqueiro ‘Se o vello Sinbad volvese ás illas’ e ‘Merlín e familia’.