O Concello de Ponteareas acometeu a pasada semana a reordenación da mobilidade no primeiro tramo da rúa Santa Ana. Esta vía, que comunica a rúa Vidales Tomé coa Praza Maior, é de dobre sentido e con beirarrúas moi estreitas e nunha das súas marxes contaba con aparcamento en batería incompatíbel con dous carrís de circulación pola anchura da calzada. Ademais, carecía de pasos de peóns en varias interseccións, que non garantían a continuidade dos itinerarios peonís.
Coas actuacións realizadas a rúa reordenouse axustándoa ás dimensións do espazo, creando dous carrís de circulación de 2,75 metros de anchura e aparcamentos en liña nunha das marxes. O espazo residual restante destinouse a ampliar unhas das beirarrúas, pasando de tan só 1,20 a algo máis de 2,50 metros de anchura, mellorando así a accesibilidade e mobilidade das persoas. Ademais creáronse tres pasos de peóns.
Segundo o concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera, “as actuacións melloran a mobilidade e a seguridade, tanto de peóns coma de vehículos, ordena correctamente a rúa e mellora tamén a súa estética e imaxe, até agora desorganizada e descoidada”.
Mera sinalou que nas vindeiras semanas se actuará no segundo tramo, dende a Residencia de Maiores até a Praza Maior. “Ese tramo é tan estreito que non é posíbel crear zonas para peóns e dobre carril de circulación, polo que terá a consideración de rúa de plataforma única, con prioridade para os peóns en toda a calzada e limitación de velocidade a 10 km/h, tal e como establece o Plan de Mobilidade para rúas moi estreitas”. As actuacións a realizar consistirán no pintado de símbolos peonís na calzada e instalación de sinalización vertical.