Este sábado, o escenario da sala multiúsos do Auditorio Municipal de Ponteareas acolle unha nova proposta teatral, no marco do convenio subscrito entre a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas e a Axencia Galega das Industrias Culturais. Trátase do espectáculo ‘O meu mundo non é deste reino’, da compañía Teatro da Ramboia.
A obra, que se representará ás 20 horas, é unha adaptación da ‘Farsa de Bululú’ de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. É a gañadora do Premio María Casares a Mellor Adaptación de 2020 e da primeira edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.
Nesta obra, dirixida por María Peinado, Anxo García e Fran Lareu representan un par de trapeiros que viaxan polas feiras co seu teatriño portátil. Chegan a unha parada no seu camiño cunha carga enorme de todo tipo de obxectos estraños que situarán no espazo con animo de venderlle algún ás persoas alí reunidas. Coma os máis experimentados vendedores de fume, deixan o seu ben máis atesourado para o final. E así, dáse comezo á farsa.
“Traemos a Ponteareas esta proposta teatral que gañou o certame que convoca a Casa-Museo Manuel María por ser, o noso concello, unha das entidades colaboradoras e comprometidas coa iniciativa”, sinalaba o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. “É unha proposta que aposta polo simbólico e na que as persoas espectadoras poderán descubrir sorpresas no xogo entre o teatro de actor e o teatro de marioneta”, engade o edil nacionalista.
A capacidade é limitada pola situación sanitaria actual. As persoas interesadas en asistir poderán reservar o seu boleto até este venres no enderezo electrónico auditoriomunicipal@ponteareas.gal. No propio día do espectáculo, poderanse adquirir no Auditorio Municipal entre as 11 e as 14 horas ou dende as 18 horas até o inicio do espectáculo. O prezo das localidades é de 4 euros.