Sábado, 8 Febreiro de 2025

Un garaxe acaba consumido polo lume en Redondela

O garaxe dunha vivenda rematou consumido polo lume, esta mañá, no concello pontevedrés de Redondela.

Varios particulares chamaron, pasadas as sete e media da mañá, ao 112 Galicia para informar dun incendio dentro do alboio dunha casa no lugar de Ventosela, en Reboreda. Na conversa cos operadores de emerxencias, as persoas indicaban que o lume se iniciara nunha moto aparcada no interior do garaxe e que non había persoas feridas.

Nese momento, o 112 Galicia deu aviso aos Bombeiros de Porriño, aos axentes da Policía Nacional e Local de Redondela, aos membros de Protección Civil da localidade e aos Bombeiros de Vigo.

Finalmente, foi a dotación de Bombeiros de Porriño a que confirmou ao CIAE-112 desde o lugar dos feitos que o lume estaba sufocado pero que o garaxe ardeu por completo, xunto co material apilado no seu interior. Con todo, non houbo que lamentar danos persoais.