17.5 C
Pontevedra
Venres, 4 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaAreeiro recomenda a constante revisión das viñas para detectar e frear posibles...

    Areeiro recomenda a constante revisión das viñas para detectar e frear posibles síntomas do mildio

    O centro dependente da Deputación tamén advirte da necesidade de revisar os buxos ante a posible necesidade de tratamento contra a bolboreta

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra (Areeiro), vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda unha revisión constante das viñas con motivo da favorable situación para o desenvolvemento do mildio, ante as condicións de inestabilidade meteorolóxica previstas para os vindeiros días.

    O persoal técnico do centro incidiu en que nas visitas a algunhas viñas da rede de seguimento observáronse as primeiras manchas de mildio, concretamente na viña de Areeiro (que aínda non fora tratada nesta campaña) e noutra que xa contaba cunha aplicación funxicida, así como tamén nalgunha que non pertence á rede. Amais, persoas viticultoras advertiron tamén da detección dalgunhas manchas non só en albariño senón tamén nalgunha variedade tinta. Neste senso, desde Areeiro sinalan que o tempo está húmido, relativamente cálido e moi cambiante, e que as predicións para os vindeiros días manteñen condicións de inestabilidade e con temperaturas mínimas altas, na contorna dos 11-13 graos, polo que advirte da necesidade da constante revisión das viñas, aínda que se estea dentro do período de protección teórico do tratamento anterior, para poder detectar posibles síntomas novos que deben ser freados debido a que as viñas están xa nun estado fenolóxico (con acios visibles/separados), onde síntomas mal controlados poden ter impacto na potencial colleita.

    Engade Areeiro que debido ao tempo chuvioso, a adición dun mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas. Amais, lembra que cos produtos que se soen empregar nestes momentos (sistémicos, penetrantes) pódese intervir sempre que a viña estea seca e que pasen de unha a dúas horas despois da aplicación sen que se produzan precipitacións .

    Primeiras crisálides da chamada Cydalima perspectalis nos buxos.

    Doutra banda, respecto a outros parasitos da viña, o aviso advirte da presenza, de xeito localizado, de poboacións bastante importantes de pedroulo nalgunhas viñas do Salnés. E realizáronse as primeiras capturas de  Lobesia botrana nas trampas, observáronse síntomas de erinose e abundantes caracois nalgunhas viñas.

    O aviso fitosanitario volve referirse á bolboreta do buxo. Deste xeito, o persoal de Areeiro indicou que  comezaron a atoparse as primeiras crisálides da chamada Cydalima perspectalis nos buxos, pero aínda é posible observar eirugas alimentándose, polo que de momento é preciso continuar as revisións das plantas para determinar se hai necesidade de tratamento (se os síntomas continúan avanzando mailas intervencións realizadas).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.