14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal estrea imaxe corporativa

    O Rosal estrea imaxe corporativa

    O Concello do Rosal estrea imaxe corporativa. A alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández, presentou este martes na Praza do Calvario o novo logotipo que servirá de imaxe municipal, “unha imaxe actualizada, contemporánea, que recolle á perfección o que somos como pobo, unha imaxe de pasado, de presente e de futuro para o Rosal”. Deste xeito, neste novo logo, deseñado por Era Comunicación,  están representados conceptualmente os trazos máis característicos do municipio: o seu valor patrimonial, a natureza e a súa vinculación coa auga.

    O resultado é unha imaxe que inclúe unha cor ambigua entre azul e verde que simboliza esa fusión de auga e natureza que se dá no Rosal, cunhas ‘O’ que recollen as moas dos muíños; con dúas ondas que representan as ondas dos ríos que bañan o municipio, como o Miño, o Carballas coa ponte do Tamuxe e o do océano Atlántico na zona de costa; e cun ton verdoso que recolle a importancia a vexetación dos nosos montes e do ámbito agrícola. “Todo isto constrúe graficamente unha identidade propia que reflicte de xeito fiel a identidade en todos eses ámbitos que definen o que somos como pobo, a nosa historia e a nosa orixe”, salientou a rexedora.

    “Vivimos tempos de pandemia que fixeron que procesos que xa estaban integrados socialmente como a dixitalización colleron máis peso e que fixeron que nos deramos conta de que era necesario actualizarnos. E nese proceso de modernización era fundamental ter unha imaxe actual, transversal á realidade que vivimos e aplicable a todos os ámbitos do Concello, dende as relacións institucionais ata a sinalética ou os rótulos da flota municipal”, explicou Fernández.

    O Concello comezou o proceso invitando a 8 estudos da contorna e da provincia a presentar os seus traballos de xeito anónimo a un tribunal composto pola propia alcaldesa; por Elena Dahlgren, profesora de plástica do CPI Manuel Suárez Marquier; Ángel, moi vencellado ao tecido asociativo rosaleiro e apaixoado da deseño; Laura, deseñadora rosaleira, e por persoal municipal. “Coa súa colaboración e coa implicación da xente nova do Rosal conseguiuse que “todos eses pequenos matices que nos representan quedaran reflectidos na imaxe”. A rexedora quixo agradecer o traballo da empresa deseñadora non só pola creación do novo logo senón tamén “pola súa implicación persoal buscando na orixe do que somos para sacar á luz unha nova identidade”.

    A alcaldesa tamén quixo agradecer o traballo do alumnado de 4º da ESO do CPI Manuel Suárez Marquier, que traballaron na cocreación desta nova imaxe corporativa e que foron os responsables da elaboración de novos pictogramas adaptados á nova imaxe corporativa para ir aplicando á diferente sinalética do municipio. “Moitas grazas por deixarnos poñer un pedaciño de nós neste logo. Sentímonos moi orgullosos de participar nun feito tan importante, de algo que vai perdurar no tempo, sobre todo nun ano no que a covid impediunos facer moitas cousas”, asegurou Noa en representación do resto do alumnado participante.

    A alcaldesa quixo agradecer a súa implicación a todas as persoas que achegaron o seu gran de area neste proceso de creación desta nova imaxe corporativa coa que “seguimos construíndo todos xuntos e xuntas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.