Sábado, 26 Xullo de 2025

Belén artesal en movemento no acha do Concello de Baiona

0

A entrada do Concello de Baiona, situado en plena Zona vella da vila, ten instalado un tradicional belén artesanal en movemento, obra do veciño coñecido como Kike Chamorro. O baionés este ano volveu a realizar a súa obra de arte efémera despois duns anos de ausencia con máis figuras do nacemento para seguir sorprendendo aos veciños e visitantes.

O belén en movemento, que pode visitarse durante a semana ata o vindeiro venres 5 de xaneiro en horario de 08:00 a 20:00 h, inclúe nesta edición máis de 150 figuras, das que 22 son animadas e realizan algún tipo de movemento, ocupando un espazo de aproximadamente 10 metros cadrados nos que o público poderá contemplar distintos episodios do Niño Jesús.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, agradecen ao veciño Kike Chamaro, a súa colaboración desinteresada co nadal en Baiona: “Grazas á súa implicación desinteresada a veciñanza e as persoas visitantes, poderán gozar desta singular exposición nestas datas tan entrañables”.

As badaladas de fin de ano soarán este sábado no Porriño

O Porriño prepárase para despedir o 2023 por anticipado. Un ano máis, o Concello organiza unha xornada, a deste sábado 30 de decembro, chea de actividades para todas as idades e xa dende a mañá.

Ás 11.30 horas dará comezo a festa infantil na que a cativada será a protagonista e terá o seu propio pre fin de ano con actividades, animación e pasarrúas de personaxes infantís. O grupo Xeración M, gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG, será o encargado de abrir a festa. Non faltarán tampouco as doce badaladas, que soarán as 12 do mediodía, presentadas por Hernán Sío, neno do Porriño referente en ximnasia rítmica. E, de seguido, concerto infantil a cargo de “Ollo Piollo” da compañía Barafunda.

Arredor das 19.00 horas iniciarase a festa grande coa música de dj Donper e a das rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios que desfilarán polas rúas da vila. De seguido, sobre as 21.30 horas, dará comezo a actuación da orquestra El Combo Dominicano e á medianoite volverán soar as doce badaladas, presentadas nesta ocasión por Raquel Atanes e Juan Fuentes, presentadores do programa “Quen anda aí?” da TVG. Haberá uvas, cotillón e chocolate de balde para todos os asistentes.

Xa para pechar a noite, sesión dj con Samu Pexe e Pitty. O escenario de toda a xornada festiva será a rúa Domingo Bueno.

“Dende o Concello convidamos á veciñanza, e tamén a todas as persoas de fóra que así o desexen, a acudir ao centro da vila para festexar todos xuntos, de xeito anticipado, o fin do ano 2023 e o recibimento do ano novo, unha cita convertida xa en tradición no Porriño”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo asegurando que se manterá no calendario festivo e cultural do Concello.

Escapismo no Castelo de Soutomaior

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este xoves nunha das actividades da programación do Nadal do Castelo de Soutomaior consistente nun xogo de escape room titulado “Asedio ao Castelo” no que participaron tamén nenos do Centro Infantil Príncipe Felipe.

O mandatario provincial percorreu cos menores as diferentes estancias do castelo para resolver os acertixos e superar o xogo. Ademais, aproveitou a actividade para falarlles aos asistentes da historia desta fortaleza e das actividades do Nadal e do resto do ano que se celebran neste espazo do Concello de Soutomaior.

Ponteareas resolve a concesión de axudas para material escolar

O Concello de Ponteareas resolve a concesión de axudas municipais de apoio ao estudo para o curso 2023/2024. En total, esta medida beneficiará a 163 alumnos de diferentes niveis educativos como Infantil, Primaria, Formación Profesional Básica, ciclos formativos e Bacharelato.

Esta axuda do Concello permite ás familias do municipio con ingresos limitados adquirir material escolar e comprar os libros de texto que o alumnado precisa. O concelleiro de Educación, Ricardo González, apunta que o obxectivo é responder ás necesidades dos alumnos e das alumnas da vila, “xa que apostamos pola educación como un dos principais elementos de transformación do noso municipio”.

O edil avanza que “con esta resolución, as contías abonaranse nun breve prazo de tempo” e explica que houbo solicitudes que quedaron fóra desta convocatoria por mor de diferentes motivos como superar o nivel de renda ou non presentar a documentación que se requiría para este tipo de axuda, entre outras cuestións.

Paco Nogueiras e As palabras perdidas serán os platos fortes dunha programación para os máis pequenos na Guarda

0

O Nadal avanza na Guarda coa proposta de actividades variadas que incorporan concertos tradicionaais, decoración de Nadal, deporte pero sobre todo actividades para que os nenos da Guarda teñan asegurada a diversión durante as tardes nestes días de vacacións escolares.

Así, coa visita do Papá Noel o pasado 23 de decembro a carpa instalada na praza de Avelino Vicente abreu as súas portas para seguir recibindo durante as seguintes dúas semanas.

O día 27 de decembro durante toda a tarde, a carpa e a Praza de Avelino Vicente foron convertidas nun campo de xogos, dos de toda a vida: xogos de puntería, a rá, zancos, construccións, a buxaina…

A diversión continuará na tarde do día 28 de decembro tamén con  xogos pero en forma de baile e musica. O espectáculo “A bailar no Nadal” é unha proposta interactiva na que a historia e os personaxes desafiarán ao público para seguir as coreografías. A actividade será as 17h. cunha duración estimada dunha hora e vinte minutos.

O venres 29 de decembro ás 17 horas será o momento en que Paco Nogueiras recale na Guarda dentro da súa xira de Nadal, co seu concerto “C@nto contigo” o popular músico infantil repasará as cancións mais cantareiras e coñecidas do seu repertorio, que sen dúbida as pequenas e pequenos da casa ben coñecen. O espectáculo comezará as 17 horas e conta cunha duración estimada de 50 minutos.

Durante o fin de semana a programación infantil dáse unha tregua permitindo aos pequeno continuar cos desprazamentos e as visitas familiares típicas desta época e volverá no seguinte mércores 3 de xaneiro co espectáculo infantil “As Palabras Perdidas”, que da man de Bea Campos (Migallas) e Marcos Alonso (ÁrtikaCía) darán vida á Condesa Colorada e ó seu axudante Leocadio, viaxeiros chegados dende moi lonxe que percorren as vilas e aldeas contando historias, pero  ao abrir o libro, cae na conta de que o seu conto está cheo de buracos.  A cita será novamente ás 17 h.

O xoves día 4 a diversión volve coller forma de xogos, e durante toda a tarde (entre as 17 e as 19 h). Os nenos da Guarda terán que superar diferentes xogos, probas e desafíos a cargo dos monitores que dirixen a proposta “Xogos de Nadal”

E como cada ano a programación rematará coa Cabalgata de Reis, que este ano cambia o seu itinerario, saíndo do Porto da Guarda ás 18 h.

28 de decembro

  • “A bailar no Nadal” espectáculo infantil. Ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

29 de decembro

  • Concerto de Paco Nogueiras ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

30 de decembro

  • Concerto Gold and Colt ás 20:00 horas no Centro Cultural

3 de xaneiro

  • “As palabras perdidas”, espectáculo infantil. Ás 17:00 horas na praza de Avelino Vicente

4 de xaneiro

  • Xogos de Nadal de 17:00 a 19.00 horas

5 de xaneiro

  • Cabalgata de Reis e Recepción dos Reis Magos

Nigrán despide o ano por todo o alto

0

O Concello de Nigrán despedirá o ano o sábado 30 de decembro entre a tradicional carreira San Silvestre Solidaria en Panxón (18:00 horas) e o concerto da Orquesta de Saxos de Redondela no Auditorio (20:00 horas). A maiores, os ‘arroases do Val Miñor’ mergullaranse como cada ano ás 11:00 horas en Panxón para nadar 1.500 metros nunha proba tamén non competitiva e solidaria e en Porto do Molle disputarase o III Ciclocross Concello de Nigrán-ZFV tamén á mesma hora.

Como é xa tradicional, a San Silvestre de Nigrán é unha quedada solidaria onde os participantes deben achegar 1 kg de alimentos non perecedoiros no mesmo día (desde media hora antes do inicio) para o Banco Municipal sen necesidade de inscrición previa. A carreira non competitiva arrancará ás 18:30 horas no Paseo de Panxón (altura do Pavillón) para chegar ao fin de Praia América en Lourido e volver ao punto de partida. Ao rematar ofrecerase unha chocolatada.

A cita cultural será no Auditorio Municipal ás 20:00 horas coa Orquesta de Saxos de Redondela, unha formación xa habitual no Nadal nigranés. A entrada tamén é de balde e se recadarán alimentos non perecedoiros entre os asistentes. A Orquestra de Saxos nace hai dúas décadas pola iniciativa do seu directora Dª Elisa Arias Trigo. Desde o seu nacemento está integrada por alumnos e alumnas da área de saxofón do Conservatorio de Música de Redondela, agrupando jovenes con idades comprendidas entre os 8 e os 27 anos. Caracterízase por ser unha agrupación orixinal e única, tanto na súa composición como no seu espírito formativo e didáctico. O repertorio abarca todos os estilos musicais e autores, desde os grandes clásicos (Bach, Mozart…) ata compositores de obras creadas exclusivamente para a Orquestra, pasando, naturalmente, pola música popular tradicional.

O espectáculo “Molto Barroco” chega hoxe a Salvaterra de Miño

O salón de actos da Casa da Cultura de Salvaterra de Miño acollerá hoxe xoves, 28 de decembro, a obra “Molto Barroco” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función da man de Píscore Teatro, que está pensada para un público familiar, dará comezo ás 17:30 horas e a entrada será libre ata completar o aforo.

A peza teatral “Molto Barroco” realiza un percorrido pola música barroca acompañado da comedia. Ambientada nunha Corte real europea de mediados do século XVIII, habitada polo rei, a raíña, o bufón e o compositor da Corte, tres músicos xunto co compositor se reúnen para levar a cabo os encargos da Coroa. Unha obra na que se mestura música orixinal e adaptacións cun espectáculo cómico

O Concello de Tui está a elaborar un Plan de Xestión para o Centro Comercial Aberto

0

O Concello de Tui está a elaborar un Plan de Xestión para o Centro Comercial Aberto do municipio. O estudo está a ser realizado por unha consultora  especializada contratada para a realización desta actuación que forma parte do proxecto de “Reforma e modernización do Mercado Municipal e Dixitalización e Revitalización do Comercio Local de Tui”, financiado polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, con fondos NextGeneration EU. 

O obxectivo deste Plan de Xestión é apoiar á Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui, ACITUI, na xestión e posta en marcha dun Plan de Actuación para os próximos anos. É por iso que o traballo se está a realizar en colaboración coa xunta directiva de ACITUI. Nas reunións celebradas abordaron xa a xestión profesional da organización, o deseño de estratexias para a mellora e promoción do sector comercial, o financiamento da asociación e a colaboración institucional.

Este documento incluirá os aspectos que inciden na xestión do Centro Comercial Aberto de Tui a través do que se promove o comercio de proximidade coa colaboración público-privada que garanta os recursos, o seguimento e gobernanza do Plan.  Así o Plan recollerá o marco de actuación e normativo dos Centros Comerciais Abertos, os antecedentes, situación actual, diagnose e recomendacións de actuacións no caso de Tui. Outros aspectos que contemplará será unha proposta de actuación para a consecución dos obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e os ODS. Por último plantexará un sistema de xestión do Plan e un sistema de gobernanza para o Centro Comercial Aberto de Tui. 

Unha vez completada a redacción deste Plan en 2024 iniciarase unha segunda liña que terá por obxectivo dar asistencia técnica ao Centro Comercial Aberto e que se traducirá en levar á práctica o contido deste documento apoiando ao comercio da cidade para impulsar a súa actividade comercial. 

Ponteareas substitúe o muro do CEIP Fermín Bouza Brey polo seu estado de abandono

O Concello de Ponteareas vén de substituír o muro da zona de  xogos do CEIP Fermín Bouza Brey ao presentar un avanzado estado de abandono. A actuación foi financiada con fondos propios.

Así, logo de anos de abandono nos que unha árbore foi desprazando a cimentación e a estrutura de bloques, o Concello procedeu á construción dun novo muro que está agora acorde ás necesidades da cativada do colexio e que garante a seguridade do alumnado que emprega este espazo para o seu esparexemento.

Durante a realización das obras procedeuse á limitación da zona para garantir a seguridade do alumnado.

A maxia do Nadal chega ao Mercado de Tomiño

0

A maxia do Nadal desembarca en Tomiño a vindeira semana. Da man de Cayetano Lledó, o primeiro andar do Mercado municipal converterase nun escenario único para o novo espectáculo desde mago internacional que mestura o ilusionismo co humor para conquistar ao público.

Trátase dunha proposta pensada para todos os públicos, nenos, nenas e maiores, aos que Lledó encantará ao público cun entretido espectáculo no que os xogos de ilusións de sempre se mesturará cunha escolma de técnicas innovadoras para experimentar en familia.

O espectáculo comezará ás 11.30 horas e será de balde ata completar aforo. O evento forma parte das actividades programadas polo Concello de Tomiño “para que a veciñanza goce desta época tan sinalada non só cunha morea de actividades gratuítas para todos os públicos, animando á veciñanza a desfrutar deste tempo de lecer e saír á rúa a vivir o noso municipio”.

Compostaxe doméstica, clave para a redución do lixo en Oia

0

Os residuos orgánicos representan, aproximadamente, a metade dos residuos xerados nos fogares. A súa xestión supón un importante impacto, tanto a nivel medio ambiental como económico.

É por este motivo polo que, dende o Concello, anímase a toda aquela veciñanza que dispoña dun pequeno terreo, a autoxestionar os residuos orgánicos mediante a compostaxe doméstica. Grazas a ela, no só se reduce a pegada de carbono, senón que tamén se pon en valor un residuo, obtendo como resultado de forma sinxela un excelente abono.

Para beneficiarse da iniciativa simplemente hai que anotarse no concello (de forma presencial ou a través da web no enlace https://oia.rsu.gal/ ). Unha vez completado o rexistro, organizarase unha xornada formativa na que se fará a entrega de todo o material necesario. A iniciativa tamén incluirá un seguimento ao longo do ano 2024.

Esta iniciativa conta coa financiación da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Unha das urólogas do CHUVI con acreditación europea de excelencia é mosense

0

Onte celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción á mosense Sheila Almuster Domínguez, médica mosense da parroquia de Tameiga e uróloga do Hospital Álvaro Cunqueiro.

O motivo do recibimento foi felicitala polo seu recente logro da certificación do Board Europeo de Uroloxía, acreditación europea de excelencia que logrou tras superar dous exames na cidade de Leuven (Bélxica).

Os outros 2 facultativos especialistas do Servizo de Uroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro que lograron esta certificación xunto con Sheila foron: Sabela López García, e Miguel Pérez Schoch.

Esta certificación outórgaa o Fellow of European Board of Urology. 

O European Board of Urology é unha certificación de calidade que garante que os aspirantes cumpran cos requisitos educativos, prácticos e de revisión establecidos pola sección de Uroloxía da Unión Europea de Médicos Especialistas. É dicir, permite acreditar que os coñecementos do aspirante alcanzan o estándar europeo.

Trátase dun prestixioso recoñecemento a nivel europeo, que certifica a adecuada formación que reciben os urólogos en Europa e un selo de calidade para os profesionais que a conseguen.

Nigrán agasalla con cestas de Nadal aos voluntarios

0

O Concello de Nigrán entregou un ano máis as tradicionais cestas de Nadal ao grupo de voluntariado do Roupeiro Municipal, Banco de Alimentos, eliminación de velutinas (Jesús Barros), aos profesor do obradoiro de informática para maiores, monitora de manexo de teléfonos móbiles e ao voluntario de colonias felinas. O goberno local agradece cada ano públicamente e deste xeito o esforzo deste grupo que traballa desinteresadamente para o beneficio do propio municipio e a súa veciñanza.

“Grazas a vos é posible que saian adiante cuestións claves para este goberno local que se encadran na vertente social de ‘Un Nigrán para todos’ e tamén na loita pola contención e erradicación da avispa asiática na localidade. Estades ao servizo da veciñanza de xeito totalmente desinteresado durante todo o ano e desde o Concello compre agradecelo tamén públicamente. Grazas pola vosa solidariedade, compromiso e bo facer”, subliña o alcalde, Juan González.

Ponteareas premia a creatividade dos comerciantes coa decoración dos escaparates de Nadal

O Concello de Ponteareas premia a comercios da vila pola súa creatividade á hora de deseñar a decoración de Nadal nos seus escaparates. O concelleiro da área, Ricardo González, fixo entrega dos  galardóns aos tres negocios locais que acadaron o recoñecemento do xurado.

O gañador deste concurso que puxo en marcha a concellería de Comercio foi a Floristería La Primavera e a proposta de deseño de Óptica Alemana acadou o segundo posto. Pola súa banda, a decoración da tenda Bazar Romero conseguiu o terceiro lugar. Na iniciativa do Concello, participaron diferentes negocios locais que, mediante a súa creatividade, contribuíron a galonar a vila con motivos do Nadal.

Neste sentido, González apuntou que “agradecemos aos comercios locais que se sumen ás propostas do Concello que buscan dinamizar a vila e fomentar as compras no municipio” e incidiu en que “os vosos deseños son unha mostra do talento e da capacidade cos que contamos”.

O edil de Comercio fixo entrega dos premios aos propietarios e ás propietarias dos negocios que conseguiron acadar o primeiro, segundo e terceiro posto no concurso. Desfrutarán de diferentes bonos con servizos como acceso ao spa, masaxes ou unha noite de hotel no Balneario de Mondariz.

O Concello de Nigrán agradece a gran solidariedade do CPI Arquitecto Palacios

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, e a edil de Educación, Estela Pérez, acudiron esta semana ao CPI Arquitecto Palacios de Panxón para agradecer persoalmente a achega de alimentos e vales realizada polo centro educativo ao Concello. O colexio recadou nestas datas 148 kg de alimentos non perecedoiros destinados ao Banco Municipal e 1.725 € materializados en 69 vales de 25 € para canxear no supermercado Gadis. Todo  foi entregado aos Servicios Sociais do Concello para distribuír entre as familias vulnerables.

Cada ano, coincidindo co Día da Paz o 30 de xaneiro, centos de alumnos de diversos centros educativos de Nigrán participan na ‘Carreira Solidaria’ organizada polo CPI Arquitecto Palacios de Panxón co fin de recadar fondos e de aí proceden estes 1.725 € en vales da duodécima edición. Igualmente, cada ano no Nadal recadan alimentos non perecedoiros.

“Estamos moi agradecidos ao CPI Arquitecto Palacios e moi orgullosos  de que nos coles de Nigrán se promovan estas iniciativas que axudan a concienciar á infancia sobre a importancia de ser solidarios e de ter empatía”, destaca o rexedor, Juan González.

Máis de 500 escolares e familias participaron nos programas organizados por Érguete e o Concello de Redondela

0

No marco do programa de colaboración entre a asociación Érguete e o Concello de Redondela, ao longo deste ano 2023 leváronse a cabo diferentes proxectos destinados á infancia, adolescencia e familias.

O programa “Saúde na escola”, dirixido a estudantes de 6º de Primaria, celebrouse nos colexios Outeiro das Penas e Santa Mariña, cun cento de alumnos participantes e total. No caso do programa “Non pasa nada, pasa algo?”, o que participaron alumnos de 3º da ESO dos institutos Illa de San Simón e IES Chapela formáronse 114 rapaces e rapazas. O programa “Comunidade en liña” foi o que contou con máis participantes, cun total de 167 adolescentes de 6º de Primaria e 1º da ESO dos CEIP Quintela e Outeiro das Penas e do IES Chapela. Nesta actividade a rapazada aprendeu a xestionar o tempo que dedican ás novas tecnoloxías e o tipo de contido axeitado para eles. En total máis de 370 alumnos e alumnas participaron nestes programas desenvolvidos entre a asociación Érguete e o Concello de Redondela.

En canto ás actividades dirixidas ás familias celebráronse varias charlas destinadas a axudar a pais, nais e titores para aprender a poñer límites aos menores. O establecemento de límites e normas e un control sobre o uso que os adolescentes fan das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para evitar riscos foron algúns dos temas que se abordaron. No programa participaron familias dos colexios de Quintela, Outeiro das Penas e Santa Mariña, así como do IES Chapela. En total foron 156 familias participantes.

Desde o Concello de Redondela anuncian que este proxecto de colaboración continuará no próximo ano 2024. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a colaboración con este tipo de entidades “é fundamental” xa que fan un gran traballo “na sensibilización, formación e prevención das adicións”. Desde o Concello de Redondela “seguiremos na mesma liña o próximo ano con programas destinados á infancia, adolescencia e familias”, conclúe a alcaldesa.

Joaquín Vales e Xabi Gómez recolleron os seus galardóns “Síntete Covelo”

0

O IX galardón “Síntete Covelo” recoñeceu a traxectoria de Joaquín Vales Piña e Xabi Gómez Lorenzo. No auditorio municipal o Concello de Covelo quixo premiar, un ano máis, ás persoas que na súa traxectoria levaron o nome de Covelo polo mundo e difundiron o nome da vila acompañado dos seus éxitos, nesta edición, industriais e deportivos.

Joaquín Vales Piña recibíu o galardón que recoñeceu o seu espírito emprendedor e a súa importancia na industria tradicional grazas ao Serradoiro dos Carranos que chega aos nosos días como relevante xoia do patrimonio industrial do século XX. O Serradoiro dos Carranos é, a día de hoxe, un potente atractor de turismo que recibe ao longo do ano milleiros de visitantes. Nas xornadas de portas abertas organizadas polo Concello de Covelo as persoas participantes poden coñecer a historia do Serradorio da man dun guía experto co que logo percorren un roteiro da contorna. Á beira do regato de Vixiáns, no fluír ó río Tea, atópase este serradoiro, levantado en 1922 sobre os piares dun vello muíño de auga. Está composto de catro edificacións:o serradoiro, un sequeiro e almacén de madeira, unha pequena forxa onde se forxaban as ferraxes para os carros e un pequeno almacén. Tamén podemos atopar un pequeno forno onde se queimaban os residuos, os raís para o transporte da madeira ata o interior do serradoiro e as escaleiras talladas en rocha que permiten o acceso ás comportas para abrir ou pechar a auga que verte a noria. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, de aí ben o nome de Carranos. Pertence a Joaquin Vales Piña, de Maceira, quen o herdou dos seus familiares. Na actualidade, alberga unha aula de interpretación da natureza e do patrimonio etnográfico, con paneis informativos e vídeos explicativos.

O patinador Xabi Gómez Lorenzo recolleu o seu galardón polos seus éxitos deportivos que levaron o nome de Covelo ás competicións galegas e españolas.  Xabi comezou a súa carreira deportiva na patinaxe artística no Club COVELO P.A. con licenza oficial dende o ano 2009 . Neste club competíu nas categorias de niveis dende o ano 2010 e despois iniciou a súa carreira a nivel Nacional (1ª categoría) no 2014. Cada ano, dende esa data, competíu en Trofeos Xunta e Deputación de Pontevedra, campionatos provinciais e campionatos galegos. Co Club Covelo Patinaxe Artística foi medalla de ouro e campión galego no ano 2016 e medalla de prata e subcampión galego nos anos  2014,2015,2017,2018 e 2019. Ao longo detes dez anos participou en varios torneos nacionais obtendo en todos eles postos relevantes en diversas categorías.No ano 2020 cambiou de modalidade na patinaxe artistica, pasou a formar parte dos grupos show, con licenza federativa no Club Condado Patinaxe Artística de Salvaterra de Miño conseguindo o primeiro posto no Campionato Galego de Grupos Show na categoría junior nos anos 2021 e 2022 e xa na categoría de grupos show grandes fíxose campión galego neste ano 2023.

No ano 2022 obtén os seguintes títulos de Xuíz de niveis da Federación Galega de Patinaxe e o título de Adestrador do nivel 1 da Federación Española de Patinaxe. Xabi, foi recoñecido como persoa Deportista de alto nivel, segundo Resolución do 21/04/2023, publicada no DOGA o 02/05/2023 pola modalidade de patinaxe (Xunta de Galicia. Vicepresidencia segunda e consellería de presidencia, xustiza e deportes).

Actualmente é alumno da Universidade de Santiago de Compostela onde cursa primeiro de Mediciña e quere chegar ó máis alto posible, tanto na súa carreira deportiva como profesional.

A afamada cantante Uxía xunto a Santiago Cribeiro e Sergio Tannus pecharon a entrega de premios cos seus Cantos e Contos de Nadal e deron paso a un petisco para todas as persoas asistentes.

Dende o ano 2015 os premios “Síntete Covelo” levan recoñecido a traxectoria e a súa implicación na conservación, promoción e posta en valor de Covelo ao Club Patinaxe Artístico, ao etnógrafo e propietario do Museo Pazo da Cruz Maximino Fernández Sendín; en 2016 á patinadora Candela Alonso Espiñeira e ao escultor e escritor David Fernández Rivera; en 2017 ao Grupo de Danzas Brancas de Prado da Canda e ás Pandereteiras do Suído; en 2018 Floriano (Nito) Pérez Vázquez pola súa aportación na Festa do Churrasco e á futbolista Ana Fontán Pimentel (Anita); en 2019 Amable Ramón Martínez (Moncho) pola súa implicación co club de fútbol e a Alberto García Tejedor por Artealdea; en 2021entregáronse cos galardóns da VI e VII edición ao voluntariado de Protección Civil Oitavén-Tea e ao Grupo de voluntariado social pola súa inesquecible contribución e axuda durante a COVID, tamén a Ana Outón Beloso xerente do cámping e á Comunidade de Montes de Prado pola posta en valor do parque forestal, o fomento da romería da Xestosa e pola cesión para o miradoiro do Faro do Castelo; por último na anterior edición de 2022 recibiron o galardón o fotógrafo, biólogo e guía de montaña Julio Eiroa e o investigador e escritor Estanislao Fernández de La Cigoña.

Máis de 200 nenos participan nos obradoiros de Nadal da biblioteca de Tui

0

Esta mañá comezaron os obradoiros infantís de Nadal que promove a Biblioteca Municipal de Tui e nos que van participar ao longo desta semana e a próxima 210 rapaces tudenses. As prazas están xa cubertas para todos os días nesta iniciativa que ofrecen actividades de lecer polas mañás durante as vacacións escolares de Nadal.

Os nenos e nenas do primeiro obradoiro realizado esta mañá co título “Adornando o Nadal” realizaron esta mañá con material decoración para estas festas con distinto material.

Mañá mércores terá lugar o obradoiro “Os elfos fabrican xogos”, o xoves “Facendo inocentadas” e o venres “Crea a túa marioneta”. A próxima semana o martes 2 terá lugar o obradoiro “Voando coa papirofrexia”, o mércores 3 de xaneiro “Xogando xuntos” e o xoves 4 de xaneiro “A maxia do Nadal e Reis.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que a oferta destas actividades de animación para os máis cativos procura una alternativa de ocio e aprendizaxe de habilidades relacionada co lecer e a diversión, ao tempo que ofrece á familias unha alternativa que axude na necesaria conciliación nestas datas do Nadal.

Paralelamente, a Biblioteca Municipal ofrece dúas exposicións: “Berces de vida: de paseo polos bosques de España“ promovida pola Afundación, Obra Social de Abanca, que mostra 26 fotografías, de distintos autores, nas que se plasma a biodiversidade das fragas e bosques de España. Tamén ata o 5 de xaneiro está aberta a exposición “Re-construíndo soños con ladrillos” unha mostra de maquetas e construción infantís realizadas por Luis Arias Rodríguez, veciño de Tui e membro da Asociación Exin Castillos y West.

Cómpre lembrar tamén o Mercadiño solidario de libros con preto dun milleiro de libros, escollidos entre os destinados ao expurgo, os procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns de veciños, para que aquelas persoas lectoras interesados poidan recoller as obras que resulten do seu interese. A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

O Concello de Redondela aprobará o PXOM en 2024

0

O Concello de Redondela levará o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal para a aprobación inicial no pleno no primeiro trimestre de 2024. A alcaldesa, Digna Rivas, informa que despois de recibir os informes sectoriais e axustado o documento do PXOM polo equipo redactor, “acaba de presentarse o documento no Concello para a aprobación inicial”. Rivas explica que nestes momentos “está a revisarse e analizarse o documento por parte dos servizos técnicos e xurídicos do Concello para logo emitir os seus informes”.

Como complemento para facilitar a visualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal desenvolveuse un visor que estará dispoñible ao público na páxina web do Concello de Redondela unha vez aprobado inicialmente o PXOM. Este visor permitirá á veciñanza buscar información do plan urbanístico “dun xeito máis accesible e claro”, sinala a alcaldesa. “Unha vez teñamos a aprobación inicial no pleno empezaremos a traballar parroquia por parroquia, informando a asociacións e para que a veciñanza poida presentar as alegacións que estime oportunas dentro do prazo”.

Digna Rivas salienta que o PXOM é algo “moi importante para o presente e o futuro de Redondela, un plan prioritario que o municipio precisa logo de máis de 30 anos de espera”. Digna Rivas afirma que desde que chegou á Alcaldía era consciente de que a tramitación do Plan Xeral debía ser a súa prioridade, e traballouse coa empresa redactora, funcionarios e técnicos do Concello e o resto de grupos políticos para retomar os traballos e conseguir que o documento fose unha realidade. Insiste en que se trata dunha decisión “responsable, baseada no traballo realizado polo equipo técnico redactor do Plan durante meses e necesaria pola situación na que se atopa a normativa urbanística do noso municipio, cunhas normas subsidiarias aprobadas en 1987 e totalmente desfasadas” afirma Digna Rivas.

En total durante o ano 2021 realizáronse máis dunha quincena de reunións técnicas e políticas, nas que participaron os técnicos redactores do documento, técnicos e persoal de urbanismo, así como todos os grupos políticos membros da corporación. “Temos claro que o PXOM é un documento da veciñanza, polo que no seu proceso era imprescindible contar co resto dos grupos políticos para redactar un documento claramente participativo, transparente e consensuado”, engade Rivas. Logo destes trámites a rexedora confía en que no momento que o PXOM sexa levado a pleno “contará co apoio de todos os membros que participaron na súa elaboración”.

Ter no Concello os informes sectoriais para entrar xa na recta final da tramitación “é un gran avance xa que supón que no primeiro trimestre do ano pode facerse a aprobación inicial, e logo da tramitación final en 2024 Redondela poderá ter por fin o seu novo PXOM”, conclúe Rivas.

A Xunta e o Concello das Neves colaborarán para impulsar un parque público residencial

0

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse recentemente co alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, para analizar vías de colaboración en materia de vivenda.

Durante o encontro, logo de que o rexedor lle trasladara a necesidade de ampliar o parque de vivendas protexidas da localidade, a vicepresidenta segunda explicoulle que, ao ter menos de 20.000 habitantes, podería optar a unha nova convocatoria das axudas para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal. Nese caso, as axudas poderán acadar ata o 95% do orzamento protexido das obras, sen que, en ningún caso, poidan superar a cantidade de 50.000 euros por vivenda rehabilitada.

Tamén, existe a posibilidade de que, no suposto de dispor ou adquirir algún inmoble susceptible de destinarse a uso residencial, podería obter financiamento ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio á financiación de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

E, a maiores, tamén podería optar ao programa de construción de vivendas para alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes.

O equipo feminino do Club Natación Ponteareas, entre os 20 mellores de España

Unha vila de pouco máis de 20.000 habitantes conta cun equipo que cultiva éxitos máis propios de grandes cidades e clubs con enormes recursos.

As nadadoras do Club Natación Ponteareas esperaban con emoción a chegada, en decembro, da Copa de España feminina de Clubs, un dos grandes obxectivos da tempada, onde competían en 1ª división. Era o debut da categoría deste mozo equipo formado por 9 nadadoras, as mesmas deportistas que, a tempada pasada, lograban precisamente o ascenso a esta división.

O reto era maiúsculo para este equipo de nadadoras entre os 15 e os 26 anos, pero todas sen excepción afrontárono con valentía, ilusión e a tranquilidade que achegan as horas de adestramento preparatorias.

Foi na piscina olímpica da Salera de Castelló, sede da competición, onde se encargaron de certificar o seu gran nivel de formal, conseguindo varias mellores marcas persoais, batendo varios récords do club (incluíndo todas as substitucións que se lanzaron) e rexistrando unha mellor marca galega de 17 anos.

Tras tres días de competición onde a igualdade foi máxima, o equipo concluíu nun 11° posto, por diante de clubs como El Olivar (Zaragoza) ou o Moscardó (Madrid), quedando a unha soa posición de cumprir o ambicioso obxectivo da permanencia. Esta clasificación supón finalizar como 19° club español, a mellor posición histórica para as da vila do Tea. O madrileño Real Canoe alzouse coa vitoria final da Primeira División feminina.

O próximo ano, o obxectivo para estas nadadoras será conseguir regresar a primeira división e, vendo como competiron estes días, non cabe dúbida de que estarán entre as favoritas a próxima tempada.

Toneladas de solidariedade navideña en Mos

0

O Pazo de Mos acolleu o acto de posta en valor da Campaña Mos Axuda no Nadal que leva xa recaudados 4.000 quilos de alimentos para 84 familias e 178 usuarios e usuarias do departamento de Política Social e para que ningún dos 50 nenos destas familias quede sen o seu agasallo de Nadal.

Tratouse dun encontro moi emotivo e de agradecemento a voluntarios, asociacións, clubes e empresas que fan posible a campaña de Mos Axuda no Nadal. Campaña de recollida de alimentos para que todas as familias teñan unhas doces festas navideñas e todos os cativos de Mos manteñan a ilusión de abrir o seu agasallo.

Durante a xuntanza a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, destacaron o gran labor dos voluntarios e voluntarias de Mos Axuda: María, Elías, Chus, Sara, Andrea, Brais, Julio, Tere, Hilda e Carlos. E agradecéronlles a súa colaboración ás empresas que aportaron desde contías económicas diferentes, ata alimentos de todo tipo, produtos navideños, de hixiene, tarxetas para compra en supermecado, etc. Foron: Disgobe, Reciclajes Avi, Noribérica, Afamsa, Tesis Galicia, Hierros Caldas, Autos Rivada, Serbafer Baterías, Industrias Afines, Darlim, Cartonajes Pérez, e Alcampo.

Tamén lle deron as grazas a todos os colectivos colaboradores que organizaron recollidas solidarias en beneficio desta campaña como o Club Louro Tameiga o Pazo de Mos, Coches Clásicos Mos, Club Tenis de Mesa Mos, Novas Xeracións, AEMOS, Escola Infantil Trastes, IES de Mos, EVD Galicia e outros centros educativos como os CEIPs de Atín-Cela e Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda e o Colexio Lar.

As representantes municipais Arévalo e Cebreiro insistiron así mismo en poñer en valor como piares fundamentais para levar a cabo a campaña aos voluntarios/as Mos de Axuda e aos voluntarios Protección Civil.

Ademais lembraron que “este ano como novidade a campaña Ningún Neno sen Xoguete facémola da man e en colaboración coas Escravas da Virxe Dolorosa, a través do seu proxecto Magos e Estrelas co que cumpriremos a ilusión de 50 nenos”.

Por último informaron de que ata o momento xa se levan recollido 4.000 kg de alimentos que se lle entregarán a 84 familias que suman un total de 178 usuarios dos servizos sociais do Concello de Mos.

Nigrán proxecta hoxe o filme ‘El origen de los guardianes’

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de Nadal, proxecta hoxe, martes 26 de decembro, ás 18:00 horas no auditorio municipal a película de animación ‘El origen de los guardianes’ (2012). A entrada é de balde ata completar aforo. Considerada unha obra mestra especialmente indicada para a infancia, está baseada na serie de novelas escritas por William Joyce, ‘The Guardians of Childhood’, na que Papá Noel, o Coello de Pascua e o Fada dos dentes, entre outros, se unen contra o popular Home do Saco.

Estes “gardiáns dos nenos”, dotados de poderes extraordinarios, teranse que unir entre si se queren que o espírito maléfico do seu adversario sexa reducido e desta forma non poida facer dano nin causar merma nas esperanzas, os soños e na imaxinación dos máis pequenos. Unha aventura fantástica que converte aos personaxes clásicos das supersticiones en superheroes dispostos a salvar o mundo.

‘Os Winkle’

O Concello de Nigrán ofrece o mércores 27 de decembro na Biblioteca Municipal a presentación do libro infantil ‘Os Winkle. Máis finos que un allo’ (‘Los Winkle- Todo les importa un pimiento’, na versión en castelán), de Cumio Editorial e escrito e ilustrado polo nigranés Ivan R. O propio autor ofrecerá en dúas quendas (17:30 e 18:30 horas) un obradoiro de deseño de personaxes para crianzas a partir de 6 anos no que os participantes se ‘winklelizarán’ extraendo os seus rasgos más caraterísticos para, a través do universo vexetal dos Winkle, convertirse en personaxes. Os interesados deberán inscribirse previamente no 986365000 de 9:00 a 14:00 horas na quenda elixida e deberán acudir con rotuladores de cores, tesoiras e pegamento de barra. As prazas están limitadas a 20 por obradoiro e se repartirán por rigorosa orde de inscrición. O autor asinará o libro, que está a venda en librerías como ‘Paraísos de Papel’, ao carón da Biblioteca Municipal.

Despois de traballar no cine, series, televisón, moda e publicidade, Ivan R. traballou como profesor nunha escola de moda e como ilustador en máis de vinte libros. Actualmente leva a dirección creativa de dúas editoriais, tarefa que compaxina co seu labor como creativo no seu estudio en Vigo.

‘Os Winkle’ é o seu primeiro libro escrito e ilustrado. Unha familia divertida, diferente e extravagante. Gústalles a choiva, as festas e comer, e na súa casa non hai cabida para a présa. A familia Winkle deixou de tentar encaixar nunha sociedade aburrida para facer o que máis lles gusta: dedicarse a cultivar e coidar a súa horta. Coñecerás a todos os membros do clan (o narrador Peter Winkle, a mamá Rainy, a tía Grape, a avoa Solane, as curmás Carola e Escarola…). Un a un descubrimos as súas teimas e gustos ao mesmo tempo que aprendemos que as nosas rarezas poden ser tamén o punto de partida para construír nosa propia identidade. En resumo, unha divertida historia para gozar en familia, que fará graza a pequenas e a maiores e que, aínda por riba, axúdanos a aprender a cociñar e a adoptar costumes saudables.

“Pequeno circo de Nadal” chega este martes a Salceda de Caselas

O Praza do Concello de Salceda de Caselas será escenario este martes, 26 de decembro, da actuación de Nelson Quinteiro Producciones, que porá en escena a obra “Pequeno circo de Nadal” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 18:00 horas e a entrada será libre ata completar o aforo.

Protagonizado por elfos e elfas de Papá Noel, “Pequeno circo de Nadal” é un espectáculo de cabaret cos contos propios destas datas, coreografías, circo e panxoliñas, cuxa escenografía recrea un poboado. A función irá acompañada dunha banda sonora creada a partir de temas recoñecidos como “Joy to the World”, “Let’s Snow”, “It’s the Most Wonderful Time of the Year” ou “It’s Christmas”, xunto coas tradicionais panxoliñas.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais deste mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.

O alumnado do Programa de Emprego de Hostalaría e Cociña brilla na recepción de Nadal do Concello

0

O alumnado traballador do Programa de Emprego de Redondela TIC III, na modalidade de Hostalaría e Cociña, traballou moi duro xunto as súas mestras para presentar o seu primeiro traballo: a preparación e servizo dos petiscos de Nadal do Concello de Redondela.

Na finca Tátaba, onde se celebra o Obradoiro, tivo lugar a pasada semana, a tradicional celebración de Nadal do Concello de Redondela para festexar estas datas cos traballadores municipais. O alumnado do programa de emprego sorprendeu aos convidados cunha divertida selección de tapas e canapés que non deixaron a ninguén indiferente: pizza de polbo, mexillóns tigre, rolos de salmón, canapés de espinaca e queixo e outras moitas delicias. Non faltaron as sobremesas con leite frito, torta de queixo ou doce de mazapán, con opcións para todos os gustos. Alumnas do Obradoiro de Marketing Dixital encargáronse tamén de recoller imaxes do evento, e días antes fixeron tamén unha reportaxe dos preparativos.

A alcaldesa, Digna Rivas, aproveitou o acto para felicitar a todo o alumnado e ás súas mestras polo gran traballo realizado “ que superou as mellores expectativas”. Este era o primeiro traballo destes mozos e mozas, que seguirán formándose neste programa de emprego que ten unha duración total dun ano.

O Concello de Mos repartirá miles de uvas na súa Festa Pre Fin de Ano

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, xunto cos demais membros do goberno local, presentaron no Pazo de Mos a Festa Pre Fin de Ano que se celebrará o vindeiro 30 de decembro nesa mesma ubicación.

Rexedora local e edil de Cultura informaron de que a celebración, que terá entrada totalmente gratuíta para o público asistente, contará co popular humorista e youtuber, Jorge Cremades.

Entre os participantes na festa repartiranse miles de uvas coas que acompañar as badaladas de medianoite.

Esta gran celebración de despedida do ano en Mos, que conta co apoio da Xunta de Galicia e o Xacobeo, dará comezo ás 23:00 horas e incluirá as actuacións da Orquestra Kubo e os DJs Enter e Matrek.

Jorge Cremades

Jorge Cremades (Alacante, 1988) leva desde xullo de 2013 facendo virais os seus vídeos de humor en internet con millóns de reproducións continuas.

É un auténtico fenómeno viral con centos de miles de seguidores en Instagram e millóns en Facebook, onde algúns dos seus sketchs superan os 60 millóns de reproducións.

Nos seus vídeos retrata ao ser humano no esplendor da súa cotidianeidade e, sobre todo, escenifica as relacións interpersoais a base de estereotipos, tópicos e situacións comúns.

Novas incorporacións á Policía Local de Ponteareas

O Concello de Ponteareas aumenta o cadro de persoal da Policía Local mediante a incorporación de dous efectivos. A alcaldesa, Nava Castro, e o tenente de alcalde, Juan Carlos González, recibiron aos axentes que desde hai unhas semanas xa forman parte deste servizo municipal e avanzaron que ao longo do 2024 uniranse catro axentes máis.

A incorporación destes dous efectivos, xunto aos catro que se sumarán no 2024, é unha aposta do goberno municipal para responder ás necesidades dos veciños e das veciñas, segundo explicou o tenente de alcalde, Juan Carlos González, quen incidiu en que “somos un Concello que conta cunha poboación de 23.000 habitantes distribuidos en 24 parroquias polo que debemos ter unha Policía Local dotada cos recursos necesarios”.

Neste sentido, o goberno municipal indica que se cubrirán “todas as vacantes da Policía Local e, se fora necesario, convocaremos unhas novas para garantir o correcto funcionamento deste servizo municipal”.

Traballadores de locais de ocio nocturno fórmanse contra a violencia sexual en Redondela

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela celebrou dúas sesións do programa “Fóra agresións” no que se ofreceu formación para a prevención, detección e acompañamento nas violencias sexuais nos locais de lecer nocturno. O curso, dirixido a xerentes e traballadores de establecementos de hostalaría de ocio nocturno serviu para “formalos e sensibilizalos sobre esta problemática”. A formación, de tres horas de duración, contou cunha parte teórica e outra práctica. En total foron 15 os responsables e traballadores de varios establecementos deste tipo de Redondela os que participaron na formación. Lucía Pereda, a experta que impartiu o curso, explica que se centraron sobre todo “en como previr comportamentos machistas e agresións sexuais nestes locais” e por outra banda “nas pautas a seguir no caso de que esa agresión se produza”. O prioritario, segundo advirte a educadora social é “protexer á vítima” e para iso existen uns protocolos que os traballadores dos establecementos deben coñecer para dar maior seguridade ás súas clientas.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que “todos os participantes nesta formación recibirá un diploma acreditativo e os establecementos contarán cun distintivo que os acredite como lugares seguros onde as mulleres poden ser atendidas”. Esta formación puido realizarse grazas ao financiamento do Pacto de Estado Contra a Violencia Machista que este ano achegou 65.000 euros ao Concello de Redondela. Para Vilaboa isto é “un premio e un recoñecemento pola labor que nesta materia se realiza desde Redondela ao longo de todo o ano”.

Rematada a terceira fase de escavacións do Castro de Pereiras

0

O xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Roberto Pena, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Patrimonio e da parroquia de Pereiras, Leo Costas, e representantes da Comunidade de Montes de Pereiras visitaron os xa rematados traballos da terceira fase de escavacións do Castro de Pereiras.

Terceira fase que forma parte do proceso de consolidación arqueolóxica do devandito xacemento e que ten un orzamento que ascende a 17.950,00 € (IVE incluído).

Os labores foron realizados pola mesma empresa adicada á arqueoloxía que asumiu as dúas fases anteriores, Tempos Arqueólogos, e financiados pola consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A empresa contratada realizou traballos de escavación arqueolóxica e consolidación do Castro de Pereiras. En concreto, os traballos a realizar foron os seguintes: Redacción dun proxecto arqueolóxico para a súa autorización por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma.

Realización de 2 sondaxes arqueolóxicas

Sector 1000: sondaxe duns 40 m2 sita no ángulo sueste do castro, en concreto, a carón do sector escavado en campañas anteriores, co fin de documentar a totalidade da cabana rectangular localizada de maneira parcial no ano 2022. Esta actuación permitiría ampliar á area escavada a aproximadamente uns 150 m2, tendo a vista de maneira completa as dúas cabanas castrexas. Sector 5000: realización dunha sondaxe duns 10 m2 na zona norte do xacemento, onde se sitúa un afloramento con marcas de extracción, co fin de comprobar a existencia de estruturas.

Dentro dos traballos realizados tamén se fixo unha diagnose, consolidación e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas que se localicen nesta campaña, garantido en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita. Levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Documentación exhaustiva fotográfica da escavación arqueolóxica. Incluída a realización de vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do xacemento e de detalle dos seus elementos máis significativos e da área de actuación. Accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas…) e sobre os valores propios do xacemento arqueolóxico na comunidade local. E elaboración dunha memoria técnica na que se recollen os traballos realizados e os seus resultados.

O prazo de execución foi de 4 meses (incluída a entrega da memoria técnica).

Tomiño estreará en 2024 unha área para autocaravanas no Seixo

0

Tomiño comezará o novo ano estreando a nova área de autocaravanas do Seixo. A alcaldesa, Sandra González; o vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Julio Martín; concelleiros municipais e membros da directiva da Comunidade de Montes de Tomiño visitaron a zona para autocaravanas situada no aparcadoiro fronte ao edificio da Policía Local e de Benestar Social, na Rocha, que entrará en funcionamento en breve.

Esta nova área de aparcamento para autocaravanas ten seis prazas sinalizadas que contarán cos servizos necesarios para baleirar as augas grises de cociña e baño e as augas negras (WC), así como abastecemento de auga para poder encher o depósito e iluminación pública, axardinamento e arborado de perímetro.

A actuación para a habilitación desta área contou cun investimento de 40.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e permitirá ás e aos visitantes deixar os seus vehículos nunha zona a menos de 5 minutos camiñando do núcleo do Seixo.

“O turismo de autocaravana consolidouse como un modelo de viaxe alternativo que trae a moitas e moitos visitantes a Tomiño, como podemos ver dende a apertura da área de Goián, que ten unha grande acollida, cunha alta ocupación e excelentes opinións por parte das persoas usuarias”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

A rexedora sinalou que coas dúas áreas de autocaravanas en activo “seguiremos dando pulo a un turismo de calidade que permita ás persoas visitantes achegarse e deleitarse con todos os atractivos do noso territorio. Este turismo é un activo para a economía local e sitúa ao concello de Tomiño como un destino coñecido e relevantes nas rutas das e dos autocaravanistas”.

O Concello quere agradecer á Comunidade de Montes de Tomiño a súa constante colaboración e a cesión hai anos tanto dos terreos como a edificación situados nesta zona, que foi reformada como instalacións da Policía Local e de Benestar Social. A alcaldesa recalcou que “é un orgullo contar cunha Comunidade de Montes que sempre se presta a colaborar no interese dos veciños”.

O Sergas amplía a vacinación ata o 12 de xaneiro

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, anunciou a ampliación da campaña de vacinación de gripe e covid, que estaba previsto rematar o 31 de decembro, ata o 12 de xaneiro. Tendo un incremento no número de casos e un aumento de reunións sociais polas festas de Nadal, a Xunta facilita a oportunidade de que se vacine a poboación diana que non o fixera polo momento.

Desta forma, as persoas de máis de 60 anos, embarazadas e persoas pertencentes a grupos de risco teñen dispoñibles os hospitais públicos galegos para vacinarse de forma conxunta de gripe e covid e, ademais, nos centros de saúde adminístrase a vacina da gripe, dirixida tamén a nenas e nenos de 6 a 59 meses de idade ou persoas fumadoras.

Segundo os últimos datos dispoñibles, máis de 760.000 persoas en Galicia están vacinadas xa fronte á gripe. Delas, 34.000 son menores de 5 anos, o que supón máis do 48 % do total. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade sinalou a relevancia da vacinación nos nenos debido a que “xogan un importante papel como vector de transmisión ás persoas maiores e tamén sofren ingresos hospitalarios”. No que respecta á cobertura vacinal de gripe en adultos, Galicia acadou xa un 81% en maiores de 80 anos.

En canto á covid, os datos publicados polo Ministerio de Sanidade a pasada semana sitúan a Galicia como líder en cobertura cun 65,85 % de vacinados maiores de 60 anos (5 puntos por encima da segunda comunidade autónoma e dez puntos por riba da media nacional). Por franxas de idade, Galicia acada un 77,16 % de cobertura en maiores de 80 anos (17 puntos máis que a media nacional), un 66,88 % en 70-79 anos (9 puntos máis que a media nacional) e un 53,50 % en 60-69 anos (máis de 25 puntos por encima da media do Estado).

Aínda cos mellores datos de toda España, desde a Consellería de Sanidade aspírase a aumentar a protección fronte os virus da gripe e da covid para evitar complicacións e ingresos hospitalarios. A día de hoxe, hai 432 persoas hospitalizadas por gripe en Galicia (15 máis que o día anterior) e, delas, 20 están na unidade de coidados intensivos (UCI). No que vai de temporada, rexistráronse 888 ingresos hospitalarios por gripes (todos co virus do tipo A) e 48 pacientes tiveron que ingresar na UCI. No que atinxe á covid, hoxe hai 138 persoas ingresadas con covid nos hospitais galegos e, delas, 9 nas UCI (4 na Coruña, 2 en Vigo, 1 en Ferrol, 1 en Lugo e 1 en Ourense).

Para evitar contaxios, Comesaña animou a que “calquera persoa con síntomas de gripe ou covid que, como na pandemia, utilice máscara ou que faga un test rápido da farmacia” pensando no aumento de reunións sociais durante as festas de Nadal.

Inmunización fronte ao VRS

Respecto á inmunización fronte ao virus respitarorio sincitial, o conselleiro de Sanidade lembrou que Galicia foi a primeira comunidade en administrarlles aos recén nados e aos de risco o anticorpo contra o VRS e “os resultados son moi bos”. Así, o 93% dos nenos/as recén nados xa están inmunizados. Ademáis, a Dirección Xeral de Saúde Pública realizou unha recaptacións dos cativos nados dende o 1 de abril, dos que o 86% recibiron o anticorpo. Con respecto, a os nenos/as de risco, o 100% participou no proceso.

O Virus Respiratorio Sincitial (VRS) é o causante da bronquiolitis, unha enfermidade que provocaba ata un millar de hospitalizacións en Galicia. Hoxe este dato descendeu moi considerablemente como se pode comprobar no informe que publica a Consellería de Sanidade semanalmente.

O servizo público de Atención Temperá de Covelo ofrece pautas para elixir os agasallos de Nadal dos cativos

0

O goberno do Concello de Covelo, liderado polo alcalde Pablo Castillo, quere agradecer o traballo realizado polas tres profesionais do servizo de Atención Temperá que ao longo deste ano deu apoio a 10 familias de Covelo e a un total de 70 nenos nos catro concellos que cubre.

Cada mércores no consultorio do centro de saúde de Maceira acompañan ás familias para promover a autonomía persoal entre nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade. Derivadas por pediatría as familias atopan no servizo de Atención Temperá recursos para dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

Nestes días de nadal nos que as familias afrontarán un maior tempo de convivencia nos fogares o servizo de Atención Temperá de Covelo da man da súa coordinadora e psicóloga Olalla R. Giráldez achéganos consellos e pautas. “Elixir agasallos para nenos entre 0 e 6 anos de idade pode parecer tarefa fácil. Con todo a experiencia dinos que a maioría de agasallos acaban esquecidos aos poucos días”. Por que ocorre iso?

Durante as festas do Nadal nenas e nenos reciben máis da metade dos xoguetes cos que van xogar durante todo o ano. Desde a pediatría e a neuropsicoloxía desenvolvéronse   unha serie de recomendacións para que os pais e nais coñezan de primeira man que tipo de xoguetes son máis beneficiosos para o desenvolvemento cerebral dos seus fillos/as e cales non o son tanto ou mesmo poden ser prexudiciais.

As recomendacións céntranse en eliminar da carta dos reis xoguetes tecnolóxicos xa que este tipo de xoguetes non achegan beneficios e reducen o tipo de xogos que os nenos adoitan desenvolver de forma natural. Moitos pais e nais déixanse seducir por este tipo de xoguetes xa que parece que ao ser máis complexos a interacción do neno é máis complexa tamén. Con todo, a realidade é que canto máis faga o xoguete, menos ten que facer o neno e o fin do xoguete é facilitar que o cerebro do mesmo, desenvolva interaccións complexas e non facelas por el/ela.

Por ese motivo o máis recomendable é que os pais e nais aposten por xoguetes sinxelos que favorezan o desenvolvemento cerebral a través do xogo. Porque non esquezamos que o xogo é a ferramenta que ten o cerebro para aprender. E dentro dos seus obxectivos de aprendizaxe, o máis importantes é descubrir como funciona o mundo, dominar o vocabulario e o propio corpo e aprender a desenvolver destrezas como os movementos finos da man, a carreira, ou competir cos seus iguais.

 NON son recomendables  

  • Xoguetes como andadores ou colgadoiros que permitan ao bebé poñerse de pé ou camiñar antes de que sexa o seu momento, xa que poden interferir cun desenvolvemento adecuado dos circuítos neurolóxicos que permiten ao neno desenvolver un patrón de marcha adecuado.
  • Xoguetes tecnolóxicos que atrapen a atención do neno, como iPads, teléfonos de xoguete ou bonecos con moitas luces e son especialmente antes dos dous anos, pero durante o primeiros seis anos de vida, xa que poden interferir en un desenvolvemento positivo da atención, concentración e autocontrol.
  • Bonecos que ofrezan unha interacción co neno como bonecos que choran, ositos que responden xa que a interacción con amigos, pais ou irmáns é moito máis complexa e enriquecedora para o desenvolvemento emocional e social do neno.

 SI son recomendables

  • Xoguetes que permiten equilibrar e integrar reflexos primarios: Para un bo desenvolvemento psicomotriz, intelectual e emocional é positivo que os nenos integren reflexos que aparecen no ventre materno. Así, os movementos de abalo, o rotar sobre as súas propias costas dun lado ao outro ou ser capaz de rotar sobre a súa cabeza (pinchacarneiro) son moi positivos para o seu desenvolvemento.
  • Colchón ou coxíns grandes onde o bebé poida xogar a voltearse, xogar cos seus pais e cando sexa un pouco maior facer pinchacarneiros
  • Randeeiras onde o neno teña o abalo de adiante cara atrás
  • Xoguetes balancín como un caballito que se arrola sobre si mesmo
  • Xoguetes que lles permiten desenvolver a súa capacidade e coordinación psicomotriz:    –  arrastrables como un tren ou un caballito que se arrastra cunha corda.
  • Xogos de lanzar como birlos ou petancas de felpa (ou de madeira se son algo maiores)
  • Patíns que lle axuden a mellorar o seu equilibrio e coordinación
  • Bicicletas con ou sen ruedines que lle permitan desenvolver coordinación
  • Xogos de pelota como balóns ou raquetas que lle permitan mellorar o seu tempo de reacción e capacidade psicomotriz
  • Xoguetes que lles permiten desenvolver a psicomotricidade fina e creatividade:
  • Cochecitos que o neno/para pode mover polo chan
  • Legos que permiten construír, seguindo instrucións ou de forma libre con axuda da imaxinación e movementos finos dos dedos.
  • Un estoxo con lapis de cores e tesoiras que permitan ao neno debuxar axudándolle a gañar forza e destreza nas mans
  • Plastilinas que lle permiten imaxinar, crear e desenvolver movementos complexos coas súas mans
  • Xoguetes que permiten desenvolver a linguaxe:

En xeral, todos os xogos que non levan pilas favorecen o desenvolvemento da linguaxe, sobre todo se permiten ao neno interactuar cos seus pais dunha maneira positiva ou desenvolver roles. Tamén hai xogos que poden favorecer o desenvolvemento do vocabulario como:

  • Granxas ou animais de madeira ou plástico que o neno pode coñecer polo seu nome
  • Xoguetes como Mr. Potato que axudan a aprender as partes do corpo
  • Contos nos que aparecen todo tipo de situacións e obxectos
  • Instrumentos musicais como un triángulo, ou unhas maracas que podemos utilizar para cantar cancións, que son moi enriquecedoras para o desenvolvemento do vocabulario.
  • Xoguetes que lles permiten desenvolver a súa capacidade de solución de problemas
  • Bloques que permiten amontoarse entre si e axudan ao neno para entender relacións entre peso, altura, gravidade, equilibrio,
  • Quebracabezas
  • Construcións
  • Xogos de cartas: as cartas con familias ou xogos como o UN, que permitan ao neno/a unha vez coñece os números, razoar e tomar decisións.
  • Xoguetes que permiten desenvolver a cognición social 

Durante os primeiros anos de vida, concretamente a partir dos dous anos aproximadamente, o xogo simbólico permite ao neno comezar a imaxinar distinto repertorio de actividades e desenvolver así a súa capacidade entender aos demais, a si mesmo e relacionarse socialmente. Estes xoguetes poden axudarlle a desenvolver xogos que favorezan este desenvolvemento.

  • Xogos que permiten desenvolver roles como unha cocinita ou unha tenda
  • Disfraces, xa que lle permiten interpretar distintos personaxes coa axuda do seu corpo e imaxinación
  • Bonecos que lle permiten desenvolver todo tipo de escenarios e relacións sociais
  • Xogos como o quen é quen onde ten que tentar pensar o que o outro está a pensar

Todas estas recomendacións buscan o neurodesarrollo óptimo dos máis pequenos e a tranquilidade das súas mamás e papás á hora de comprar xoguetes que axuden aos seus fillos a estimular as súas potencialidades. Lembra que un dos compoñentes máis importantes é tamén que o xogo poida ser compartido coas principais figuras de apego, é dicir, papá, mamá, e outras persoas próximas da contorna. É o que máis pode desexar o voso ou vosa peque.

A Deputación reforza a xestión do CAAN e do servizo de recollida de animais abandonados

A Deputación de Pontevedra reforzará a xestión do servizo de recollida de animais abandonados na provincia e do Centro de Acollida e Protección de Animais de Armenteira (CAAN) para axudar aos concellos da provincia. O presidente Luis López informou que a Xunta de Goberno acaba de aprobar destinar 1,4 M€ nos próximos dous anos á prestación deste servizo, que afecta ao interese xeral e a aspectos esenciais de sanidade, orde pública e medio ambiente, do que se benefician 52 concellos da provincia e que executará Tragsatec.

Ao detalle, a Deputación de Pontevedra encargarase dende a recollida de animais abandonados e/ou vagabundos as 24 horas dos 365 días do ano, ata a recollida de animais con propietario que, por causas xustificadas, non poden ser atendidos; a localización de propietarios; a colaboración con diferentes autoridades competentes no comiso e retirada de cans; a xestión da entrega de animais; así como as actividades de esterilización de gatos procedentes das colonias felinas dos concellos da provincia de Pontevedra, con menos de 20.000 habitantes, que conten xa cun sistema de xestión destas colonias.

Ademais, no CAAN levaranse a cabo tarefas de mantemento e coidado dos animais recollidos;  limpeza e desinfección das instalacións; identificación dos animais non identificados e/ou adoptados, previo á súa saída do centro; revisión e tratamento sanitario de animais abandonados nas primeiras 24 horas dende a súa entrada; asistencia veterinaria; esterilizacións e xestión de adopcións e cesións de animais declarados abandonados a particulares.

Tamén se contempla a colaboración no deseño e desenvolvemento de campañas de adopción; a formación e asesoramento de técnicos e autoridades municipais para o exercicio das súas competencias; os controis, a vixilancia e a argumentación dos expedientes administrativos; o inicio e seguimento de expedientes de protección animal e en materia de animais potencialmente perigosos; a realización de estudos e informes solicitados por diferentes concellos sobre as actuacións realizadas e sobre a valoración das condicións de mantemento dos animais e a colaboración en investigación sobre saúde e benestar animal.

A Deputación de Pontevedra atende a través do CAAN unha media de entre 230 e 250 animais nas instalacións de Armenteira. Desenvolve  tamén un esforzo para fomentar as adopcións e previr o abandono animal, con campañas de concienciación e actuacións de colaboración que implicaron, tal e como explicou o presidente Luis López,  que neste ano 2023 se teñan superado as 585 adopcións.

A Xunta inviste nas asociacións e agrupacións da comarca Condado-Paradanta

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou  a Comunidade de Traída de Augas de Aráns e a Comunidade de Usuarios de Augas de Vilariño de Parada, no concello de A Cañiza. Ambas recibiron unha achega da Xunta, a través da dirección xeral de Administración Local, de 12.000 euros. 

A comunidade de Augas de Aráns utilizou o investimento da Xunta para mellorar a rede de canalización para o subministro de auga e a instalación de contadores, mentres que os veciños de Vilariño de Parada construíron un depósito de augas que lles permite ter subministro durante todo o ano, tamén nos meses de verán cando a poboación de zona aumenta.

O investimento fai parte dunha liña de axudas dirixidas ás asociacións, comunidades e agrupacións galegas e que pretende apoiar a súa labor social e organizativa. Neste sentido, o delegado territorial, destacou “a importancia de contar cunhas asociacións e agrupacións activas, que se preocupen por coñecer os seus dereitos e que soliciten as moitas axudas que se disponibilizan dende o goberno autonómico”.

Reguera destacou o gran resultado obtido e felicitou aos responsables das asociacións polo traballo desempeñado nos últimos anos: “Sabemos que non é fácil. Poñer de acordo a todos os veciños para levar a cabo proxectos desta envergadura é un traballo titánico que fala moi ben da directiva destas agrupacións, pero tamén do resto de veciños implicados”, sinalou o delegado.

Estas axudas afectan a preto de 120 entidades na área territorial de Pontevedra, das cales máis de 30 corresponden á comarca de Condado-Paradanta, o que supón un investimento da Xunta de máis de 340.000 euros na comarca e 1,2 millóns na área territorial.

A Xunta destaca a ampliación do centro de saúde do Porriño

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, acompañada pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, constatou esta semana o avance das obras de mellora no centro de saúde do Porriño. A Xunta de Galicia ten previsto estrear esta reforma no primeiro semestre de 2024 despois de ter posto en marcha a ampliación do edificio sanitario no pasado mes de outubro, cun investimento global de 4,3 millóns de euros.

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, adiantou a dotación de novo equipamento para o centro sanitario, valorado en máis de 100.000 euros. En concreto, a Xunta investirá na adquisición dun ecógrafo ultraportátil, catro sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial (holters), un retinógrafo, dous equipos multidiagnóstico, 11 padiolas hidráulicas, dúas padiolas de fisioterapia, unha de transporte, ademais dun desfibrilador. “Seguimos impulsando a renovación integral da atención primaria en Galicia e facémolo co impulso duns orzamentos da Xunta que en 2024 superarán por primeira vez na historia os 5.000 millóns de euros destinados á sanidade pública galega”, remarcou a xerente do Sergas.

Así, o centro de saúde do Porriño xa foi ampliado en 1.100 m2 para incrementar o número de consultas de forma significativa. Cóntase agora con dúas consultas máis de medicina de familia, unha de enfermería, unha de matrona, outra polivalente e unha sala de técnicas, ademais de, na área pediátrica, unha consulta a maiores, outra polivalente e unha máis de enfermería especialista e, na zona do Punto de atención continuada (PAC), unha consulta de observación, dúas de medicina e unha de enfermería.

Uso da madeira estrutural

Esta obra segue a liña da Estratexia de economía circular do Sergas, que busca reducir o impacto ambiental e asegurar a sostibilidade do sistema sanitario público. Nela, destaca o uso do piñeiro galego como parte do acordo de colaboración entre as consellerías de Sanidade e do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, para fomentar o uso da madeira nas construcións dos centros de saúde galegos co obxectivo de diminuír a pegada de carbono e implantar un deseño biofílico, é dicir, emular a natureza nos edificios para mellorar a saúde e o benestar das persoas.

Trazabilidade da madeira galega empregada

No exterior do edificio destaca o entaboado do revestimento da fachada. Trátase dunha fachada ventilada de táboa termotratada de piñeiro galego, que tamén se emprega en revestimentos interiores e no acondicionamento acústico do edificio.

Ademais, na entrada do novo edificio, sobre o entaboado de madeira, colocouse un panel coa marca Pino de Galicia e o QR de Fortra que poderán visualizar todo o persoal e usuarios do centro e que permitirá poñer en valor tanto o produto como ás industrias que interviñeron nas distintas fases da súa elaboración.

A madeira de piñeiro galego estase a introducir nas fachadas como elemento estrutural nas obras de rehabilitación, reforma, ampliación e nova construción do Sergas. Estas actuacións con madeira fixéronse para a ampliación no centro de saúde do Porriño e na reforma dos centros de saúde de Moaña, Antas de Ulla, Abegondo e Novoa Santos en Ourense.

Compromiso do Goberno galego

A montaxe da estrutura do novo edificio do centro de saúde do Porriño tivo lugar en tan só nove semanas. A rapidez é unha das vantaxes da construción en madeira, caracterizada pola súa precisión, xa que conta coa prefabricación de todos os elementos para a súa posterior montaxe en obra. Ademais, respecto a outro tipo de construción convencional, implica maior limpeza e minoración de ruídos e molestias ao entorno así como menor número de operarios en obra e con tarefas menos penosas.

Esta remodelación é exemplo da aposta por parte do Goberno autonómico para o fomento do uso de madeira na construción. Así, ata un 20% das edificacións promovidas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual a partir de 2024. Esta aposta consolídase coa convocatoria de 2 millóns de euros para incentivar a construción en madeira no ámbito privado.

Ademais, no pasado mes de novembro levouse ao Consello da Xunta a Guía para o fomento da madeira na contratación pública de edificacións sustentables, unha publicación que busca facilitar a incorporación de melloras na contratación pública relacionada co uso de madeira na construción pública. O seu obxectivo é realizar recomendacións para incluír o uso da madeira nos contratos ou concesións de obras públicas das entidades do sector público galego.

Neste sentido, xoga un elemento clave na descarbonización da construción, xa que emite pouca cantidade de CO2 e ten a capacidade de secuestralo. Nun produto como a madeira contralaminada (empregada no centro de saúde do Porriño) as emisións de dióxido de carbono vinculadas ao aproveitamento forestal e aos procesos de fabricación e construcións son inferiores ao CO2 almacenado na madeira. Con todo, o uso deste material na construción ofrece diferencias significativas con respecto a outros, xa que é natural, renovable, reciclable e reutilizable; mantén e retén CO2 durante todo o seu ciclo de vida; e diminúe o consumo enerxético durante a utilización do edificio. 

A II San Silvestre Solidaria de Tui agarda superar as 600 persoas participantes

0

A San Silvestre Solidaria de Tui agarda bater un novo récord de participación, superando as 600 persoas participantes, na súa segunda edición o próximo sábado 31 de decembro.  A proba foi presentada este mediodía na casa do concello de Tui.

II San Silvestre foi presentada esta semana na Casa do Concello de Tui polo alcalde do Concello de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, a presidenta, Cristina Piñeiro, e a vicepresidenta, Laura Solla, do Club Atletismo  Tui, a delegada no Baixo Miño da Asociación Española Contra o Cancro, Pilar Barbosa, a traballadora social, Carmen González, e o xerente de COPLEGAL, unha das empresas colaboradora, Jesús Vaz.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, manifestou o seu agradecemento a todas as persoas que fan posible a celebración desta proba pola súa “participación e compromiso” nun evento lúdico-festivo-deportivo e cunha vertente solidaria. Nese senso quixo pór de manifesto o traballo que ao longo dos 365 días do ano realizan dende a AECC, entidade para a que serán as doazón recollidas na carreira. Enrique Cabaleiro reafirmou “o compromiso desta institución con todas as probas de carácter solidario”.

Rafael Estévez, concelleiro de Deportes de Tui, agradeceu a boa acollida que está a ter esta segunda edición da San Silvestre, amosando o seu convencemento en que se van superar as cifras de participación de 2022.  Salientou coma a proba é “unha festa popular para que os nenos e nenas e as súas familias disfruten”. Tamén amosou o seu agradecemento ao Club Atletismo Tui, á AECC e ás empresas colaboradoras.

Laura Solla, do Club Atletismo Tui, salientou na súa intervención coma “Tui é unha cidade que vai co deporte, que se envorca co deporte”. Indicou que a día de hoxe van xa 424 inscricións, polo que agardan superar as 600 persoas participantes, nunha proba sinxela de catro quilómetros que se poderá facer correndo ou andando, que será unha festa. Facía un chamamento para que o día da San Silvestre se acuda con suficiente antelación á recoller os dorsais, e tamén, por cuestións organizativas, non deixar a inscrición para o último día que será o xoves 28.

Pilar Barbosa, a delegada no Baixo Miño da AECC,  sinalou que grazas a iniciativas coma estas poden seguir axudando a familias e persoas cunha enfermidade oncolóxica. Fixo amais un chamamento a sumarse á asociación coma voluntarios e voluntarias, un labor que dicía é moi gratificante, para o que as persoas interesadas poden contactar co 647 77 19 98.

A traballadora social do Concello de Tui, Carmen González, quixo tamén agradecer o seu traballo a todas as persoas os que se involucran nesta San Silvestre, e a Pilar Barbosa e á AECC pola axuda que prestan ás familias e persoas que están pasando por un proceso oncolóxico.

A II San Silvestre Solidaria de Tui “Correr e Andar” sairá o domingo, 31 de decembro, ás 10.30 h dende o Paseo da Corredoira para realizar un sinxelo percorrido de catro quilómetros polo centro urbano. As persoas que desexen participar pódense inscribir até ás 22 do xoves 28 de decembro en https://clubatletismotui.wordpress.com/san-silvestre/. Ao remate haberá rosca e chocolate quente para todas as persoas participantes, así coma 12 uvas, que se tomarán ás doce do mediodía na praza da Inmaculada.

Panxoliñas, Papanoelada moteira e teatro esta fin de semana en Redondela

0

A programación de Nadal do Concello de Redondela ofrece esta fin de semana actividades para todos os públicos. O sábado a veciñanza poderá escoller estre achegarse á Papanoelada Moteira co chocolatada solidaria, asistir ao traadicional Festival de Panxoliñas onde participan agrupacións de diferentes parroquias ou coñecer a interesante historia do Apalpador, que chegará á Praza do Concello coa obra de teatro “O Apalpador busca axudante”.

Papanoelada Moteira Solidaria

Este Nadal a lexión de moteiros que participa na Papanoelada non faltará á súa cita Redondela. A concentración, que terá lugar o sábado 23, comezará ás 17:00 horas na explanada de Aqualia, na Avenida de Mendiño. Desde aí partirán os moteiros coas súas mellores galas de Nadal para percorrer varias parroquias do municipio para terminar ás 18:30 horas na Praza da Constitución, onde haberá unha chocolatada solidaria para todos os asistentes e unha gran tirada de caramelos. A organización do Moto Club de Redondela recollerá doazóns voluntarias de todos aqueles que queiran colaborar e que serán repartidas entre as ONG Da Man, Cáritas e Asociación Contra o Cáncer.

Obra de teatro: “O Apalpador busca axudante”

Tamén chegará desde as montañas o Apalpador, figura lendaria da tradición de Nadal galega que por primeira vez visitará aos nenos e nenas de Redondela, será o sábado día 23 de decembro ás 18.00 horas na praza do Concello. Trátase dun espectáculo teatral dunha hora de duración con xogos interactivos para os nenos e nenas. Neste divertido espectáculo ata haberá unha selección de persoal onde o Apalpador, un carboeiro que traballa só, busca axudantes para apañar castañas.

Festival de Panxoliñas

Un total de seis corais ofrecerán no auditorio da Xunqueira un concerto de panxoliñas. Serán as corais O Piñeiral e Frol Nova de Chapela, A Raíña de Cedeira, a coral da SLC de Reboreda, a coral San Estevo e coral Ondas do Mar de Vigo. O festival comezará ás 18.00 horas con entrada de balde.

Desde a concellería de Cultura animan a toda a veciñanza a participar nestas festas participativas e solidarias, pensadas para o público de todas as idades.

Unha chea de cartas enchen o buzón da campaña “Agarimos do Nadal”

0

A caixa de correos da campaña “Agarimos do Nadal”, instalada no hall do Concello de Baiona, recibiu moitas visitas durante todos estes días. Desde centros escolares do concello ata doutros municipios, mesmo persoas individuais achegáronse a entregar in situ as súas felicitacións do Nadal.

A Concellería de Política Social do Concello de Baiona puxo en marcha esta actividade para buscar o verdadeiro sentimento do Nadal e fomentar a conexión emocional durante a tempada. A través de postais enxeñosas, van enviar mensaxes afectuosas a persoas que poderían sentirse soas. A iniciativa busca crear momentos tan especiais e lembrarlles que son valorados, como indica unha das participantes: “Sorrí cada día se estás sol@, non te preocupes, estás dentro dos nosos corazóns”.

A Concelleira de Política Social do Concello de Baiona, Ana María Iglesias Rodríguez, quere facer extensible este agradecemento ao resto de persoas participantes neste iniciativa que tivo unha gran acollida. A concelleira desprazouse ao longo da mañá a distintos puntos do municipio como o curso de estimulación neurodegenerativa que é impartido por AFAGA no Multiusos Ángel Bedriñana e ao Centro de día para as persoas maiores de Baiona. Na tarde de onte foi ata Baíña para facer a entrega ás persoas participantes na actividade para maiores que o párroco das parroquias baionesas Fran Cabaleiro imparte a través de Cáritas.

A Xunta financia un obradoiro de emprego dual en Tui

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración do obradoiro dual de emprego de Tui.

Neste obradoiro, que terá unha duración aproximada dun ano e que conta cun investimento da Xunta de máis de 530.000 euros, participarán 20 persoas desempregadas. O alumnado divídese entre as especialidades de Conservación e mellora de montes e Carpintería e moble. Ambas contarán con acceso a un emprego remunerado durante toda a duración do programa.

Este emprego reverterá ademais a favor da súa veciñanza, xa que ambas especialidades levarán a cabo proxectos no propio concello. Os participantes traballarán na posta en valor da senda peonil do Río Miño na zona de Areeiros – Penedo. O alumnado desbrozará, mellorará a accesibilidade das zonas de descanso, limpará o terreo e elaborará todo tipo de estruturas que serán colocadas na contorna do paseo.

O delegado territorial lembrou na súa intervención que o verdadeiro obxectivo destes obradoiros é a inserción laboral, polo que animou aos participantes a “aproveitar o tempo e aprender todo o necesario do profesorado, porque solo así conseguiredes ser profesionais demandados polo tecido empresarial”.

Neste sentido, Reguera quixo felicitar ao concello por organizar obradoiros cunhas especialidades que “están a ser moi demandadas e onde fai falta moita man de obra”. Para rematar, o delegado lembrou os bos resultados dos obradoiros clausurados hai apenas uns meses: “Vimos de pechar moitos obradoiros e quedamos moi impresionados co número de persoas que conseguen un traballo antes incluso de rematar a súa formación. Creo que debedes estar motivados e moi orgullosos de esta oportunidade”, concluíu Reguera.

Este ano terán lugar, na área territorial de Pontevedra, 14 obradoiros de emprego, o que supón máis de 7.5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.

O Nadal enche de música a parroquia de Xinzo

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a Coral Cantares de Xinzo ofrecen este sábado 23 de decembro o seu último concerto do ano con ocasión das festividades do Nadal. A cita celebrarase ás 18h no auditorio do Centro Cultural da parroquia pontareana e estará chea de repertorio do Nadal en honra a tan sinalada data.

Ambas as agrupacións reúnense novamente para celebrar o Nadal e o Fin de Ano tras un ano sen actuar de forma conxunta. O concerto dividirase en dúas partes: unha primeira que correrá a cargo da Coral con pezas como a panxoliña tradicional Nadal de Luintra e Carol of the Bells, de Mykola Leontovych, e unha segunda da que será protagonista a Banda. A agrupación musical interpretará obras tan soadas como a Marcha Radetzky, de Johann Strauss, ou a versión para banda do emblemático éxito de Mariah Carey All I Want for Christmas is You, entre outras.

Por suposto, a Banda e a Coral ofrecerán unha interpretación a dúo da que o público poderá gozar para despedir o ano coa mellor música.