Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Xunta inviste nas asociacións e agrupacións da comarca Condado-Paradanta

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou  a Comunidade de Traída de Augas de Aráns e a Comunidade de Usuarios de Augas de Vilariño de Parada, no concello de A Cañiza. Ambas recibiron unha achega da Xunta, a través da dirección xeral de Administración Local, de 12.000 euros. 

A comunidade de Augas de Aráns utilizou o investimento da Xunta para mellorar a rede de canalización para o subministro de auga e a instalación de contadores, mentres que os veciños de Vilariño de Parada construíron un depósito de augas que lles permite ter subministro durante todo o ano, tamén nos meses de verán cando a poboación de zona aumenta.

O investimento fai parte dunha liña de axudas dirixidas ás asociacións, comunidades e agrupacións galegas e que pretende apoiar a súa labor social e organizativa. Neste sentido, o delegado territorial, destacou “a importancia de contar cunhas asociacións e agrupacións activas, que se preocupen por coñecer os seus dereitos e que soliciten as moitas axudas que se disponibilizan dende o goberno autonómico”.

Reguera destacou o gran resultado obtido e felicitou aos responsables das asociacións polo traballo desempeñado nos últimos anos: “Sabemos que non é fácil. Poñer de acordo a todos os veciños para levar a cabo proxectos desta envergadura é un traballo titánico que fala moi ben da directiva destas agrupacións, pero tamén do resto de veciños implicados”, sinalou o delegado.

Estas axudas afectan a preto de 120 entidades na área territorial de Pontevedra, das cales máis de 30 corresponden á comarca de Condado-Paradanta, o que supón un investimento da Xunta de máis de 340.000 euros na comarca e 1,2 millóns na área territorial.