14.6 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello de Redondela aprobará o PXOM en 2024

    O Concello de Redondela aprobará o PXOM en 2024

    O Concello de Redondela levará o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal para a aprobación inicial no pleno no primeiro trimestre de 2024. A alcaldesa, Digna Rivas, informa que despois de recibir os informes sectoriais e axustado o documento do PXOM polo equipo redactor, “acaba de presentarse o documento no Concello para a aprobación inicial”. Rivas explica que nestes momentos “está a revisarse e analizarse o documento por parte dos servizos técnicos e xurídicos do Concello para logo emitir os seus informes”.

    Como complemento para facilitar a visualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal desenvolveuse un visor que estará dispoñible ao público na páxina web do Concello de Redondela unha vez aprobado inicialmente o PXOM. Este visor permitirá á veciñanza buscar información do plan urbanístico “dun xeito máis accesible e claro”, sinala a alcaldesa. “Unha vez teñamos a aprobación inicial no pleno empezaremos a traballar parroquia por parroquia, informando a asociacións e para que a veciñanza poida presentar as alegacións que estime oportunas dentro do prazo”.

    Digna Rivas salienta que o PXOM é algo “moi importante para o presente e o futuro de Redondela, un plan prioritario que o municipio precisa logo de máis de 30 anos de espera”. Digna Rivas afirma que desde que chegou á Alcaldía era consciente de que a tramitación do Plan Xeral debía ser a súa prioridade, e traballouse coa empresa redactora, funcionarios e técnicos do Concello e o resto de grupos políticos para retomar os traballos e conseguir que o documento fose unha realidade. Insiste en que se trata dunha decisión “responsable, baseada no traballo realizado polo equipo técnico redactor do Plan durante meses e necesaria pola situación na que se atopa a normativa urbanística do noso municipio, cunhas normas subsidiarias aprobadas en 1987 e totalmente desfasadas” afirma Digna Rivas.

    En total durante o ano 2021 realizáronse máis dunha quincena de reunións técnicas e políticas, nas que participaron os técnicos redactores do documento, técnicos e persoal de urbanismo, así como todos os grupos políticos membros da corporación. “Temos claro que o PXOM é un documento da veciñanza, polo que no seu proceso era imprescindible contar co resto dos grupos políticos para redactar un documento claramente participativo, transparente e consensuado”, engade Rivas. Logo destes trámites a rexedora confía en que no momento que o PXOM sexa levado a pleno “contará co apoio de todos os membros que participaron na súa elaboración”.

    Ter no Concello os informes sectoriais para entrar xa na recta final da tramitación “é un gran avance xa que supón que no primeiro trimestre do ano pode facerse a aprobación inicial, e logo da tramitación final en 2024 Redondela poderá ter por fin o seu novo PXOM”, conclúe Rivas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.