A Banda de Música Xuvenil de Xinzo e a Coral Cantares de Xinzo ofrecen este sábado 23 de decembro o seu último concerto do ano con ocasión das festividades do Nadal. A cita celebrarase ás 18h no auditorio do Centro Cultural da parroquia pontareana e estará chea de repertorio do Nadal en honra a tan sinalada data.
Ambas as agrupacións reúnense novamente para celebrar o Nadal e o Fin de Ano tras un ano sen actuar de forma conxunta. O concerto dividirase en dúas partes: unha primeira que correrá a cargo da Coral con pezas como a panxoliña tradicional Nadal de Luintra e Carol of the Bells, de Mykola Leontovych, e unha segunda da que será protagonista a Banda. A agrupación musical interpretará obras tan soadas como a Marcha Radetzky, de Johann Strauss, ou a versión para banda do emblemático éxito de Mariah Carey All I Want for Christmas is You, entre outras.
Por suposto, a Banda e a Coral ofrecerán unha interpretación a dúo da que o público poderá gozar para despedir o ano coa mellor música.