Domingo, 16 Marzo de 2025

O equipo feminino do Club Natación Ponteareas, entre os 20 mellores de España

Unha vila de pouco máis de 20.000 habitantes conta cun equipo que cultiva éxitos máis propios de grandes cidades e clubs con enormes recursos.

As nadadoras do Club Natación Ponteareas esperaban con emoción a chegada, en decembro, da Copa de España feminina de Clubs, un dos grandes obxectivos da tempada, onde competían en 1ª división. Era o debut da categoría deste mozo equipo formado por 9 nadadoras, as mesmas deportistas que, a tempada pasada, lograban precisamente o ascenso a esta división.

O reto era maiúsculo para este equipo de nadadoras entre os 15 e os 26 anos, pero todas sen excepción afrontárono con valentía, ilusión e a tranquilidade que achegan as horas de adestramento preparatorias.

Foi na piscina olímpica da Salera de Castelló, sede da competición, onde se encargaron de certificar o seu gran nivel de formal, conseguindo varias mellores marcas persoais, batendo varios récords do club (incluíndo todas as substitucións que se lanzaron) e rexistrando unha mellor marca galega de 17 anos.

Tras tres días de competición onde a igualdade foi máxima, o equipo concluíu nun 11° posto, por diante de clubs como El Olivar (Zaragoza) ou o Moscardó (Madrid), quedando a unha soa posición de cumprir o ambicioso obxectivo da permanencia. Esta clasificación supón finalizar como 19° club español, a mellor posición histórica para as da vila do Tea. O madrileño Real Canoe alzouse coa vitoria final da Primeira División feminina.

O próximo ano, o obxectivo para estas nadadoras será conseguir regresar a primeira división e, vendo como competiron estes días, non cabe dúbida de que estarán entre as favoritas a próxima tempada.