14.1 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoA Xunta destaca a ampliación do centro de saúde do Porriño

    A Xunta destaca a ampliación do centro de saúde do Porriño

    A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, acompañada pola xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, e do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, constatou esta semana o avance das obras de mellora no centro de saúde do Porriño. A Xunta de Galicia ten previsto estrear esta reforma no primeiro semestre de 2024 despois de ter posto en marcha a ampliación do edificio sanitario no pasado mes de outubro, cun investimento global de 4,3 millóns de euros.

    A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, adiantou a dotación de novo equipamento para o centro sanitario, valorado en máis de 100.000 euros. En concreto, a Xunta investirá na adquisición dun ecógrafo ultraportátil, catro sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial (holters), un retinógrafo, dous equipos multidiagnóstico, 11 padiolas hidráulicas, dúas padiolas de fisioterapia, unha de transporte, ademais dun desfibrilador. “Seguimos impulsando a renovación integral da atención primaria en Galicia e facémolo co impulso duns orzamentos da Xunta que en 2024 superarán por primeira vez na historia os 5.000 millóns de euros destinados á sanidade pública galega”, remarcou a xerente do Sergas.

    Así, o centro de saúde do Porriño xa foi ampliado en 1.100 m2 para incrementar o número de consultas de forma significativa. Cóntase agora con dúas consultas máis de medicina de familia, unha de enfermería, unha de matrona, outra polivalente e unha sala de técnicas, ademais de, na área pediátrica, unha consulta a maiores, outra polivalente e unha máis de enfermería especialista e, na zona do Punto de atención continuada (PAC), unha consulta de observación, dúas de medicina e unha de enfermería.

    Uso da madeira estrutural

    Esta obra segue a liña da Estratexia de economía circular do Sergas, que busca reducir o impacto ambiental e asegurar a sostibilidade do sistema sanitario público. Nela, destaca o uso do piñeiro galego como parte do acordo de colaboración entre as consellerías de Sanidade e do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Industria Forestal, para fomentar o uso da madeira nas construcións dos centros de saúde galegos co obxectivo de diminuír a pegada de carbono e implantar un deseño biofílico, é dicir, emular a natureza nos edificios para mellorar a saúde e o benestar das persoas.

    Trazabilidade da madeira galega empregada

    No exterior do edificio destaca o entaboado do revestimento da fachada. Trátase dunha fachada ventilada de táboa termotratada de piñeiro galego, que tamén se emprega en revestimentos interiores e no acondicionamento acústico do edificio.

    Ademais, na entrada do novo edificio, sobre o entaboado de madeira, colocouse un panel coa marca Pino de Galicia e o QR de Fortra que poderán visualizar todo o persoal e usuarios do centro e que permitirá poñer en valor tanto o produto como ás industrias que interviñeron nas distintas fases da súa elaboración.

    A madeira de piñeiro galego estase a introducir nas fachadas como elemento estrutural nas obras de rehabilitación, reforma, ampliación e nova construción do Sergas. Estas actuacións con madeira fixéronse para a ampliación no centro de saúde do Porriño e na reforma dos centros de saúde de Moaña, Antas de Ulla, Abegondo e Novoa Santos en Ourense.

    Compromiso do Goberno galego

    A montaxe da estrutura do novo edificio do centro de saúde do Porriño tivo lugar en tan só nove semanas. A rapidez é unha das vantaxes da construción en madeira, caracterizada pola súa precisión, xa que conta coa prefabricación de todos os elementos para a súa posterior montaxe en obra. Ademais, respecto a outro tipo de construción convencional, implica maior limpeza e minoración de ruídos e molestias ao entorno así como menor número de operarios en obra e con tarefas menos penosas.

    Esta remodelación é exemplo da aposta por parte do Goberno autonómico para o fomento do uso de madeira na construción. Así, ata un 20% das edificacións promovidas polo Goberno autonómico empregarán madeira na súa estrutura, unha porcentaxe que se introducirá de xeito gradual a partir de 2024. Esta aposta consolídase coa convocatoria de 2 millóns de euros para incentivar a construción en madeira no ámbito privado.

    Ademais, no pasado mes de novembro levouse ao Consello da Xunta a Guía para o fomento da madeira na contratación pública de edificacións sustentables, unha publicación que busca facilitar a incorporación de melloras na contratación pública relacionada co uso de madeira na construción pública. O seu obxectivo é realizar recomendacións para incluír o uso da madeira nos contratos ou concesións de obras públicas das entidades do sector público galego.

    Neste sentido, xoga un elemento clave na descarbonización da construción, xa que emite pouca cantidade de CO2 e ten a capacidade de secuestralo. Nun produto como a madeira contralaminada (empregada no centro de saúde do Porriño) as emisións de dióxido de carbono vinculadas ao aproveitamento forestal e aos procesos de fabricación e construcións son inferiores ao CO2 almacenado na madeira. Con todo, o uso deste material na construción ofrece diferencias significativas con respecto a outros, xa que é natural, renovable, reciclable e reutilizable; mantén e retén CO2 durante todo o seu ciclo de vida; e diminúe o consumo enerxético durante a utilización do edificio. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.