Xoves, 27 Marzo de 2025

Traballadores de locais de ocio nocturno fórmanse contra a violencia sexual en Redondela

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela celebrou dúas sesións do programa “Fóra agresións” no que se ofreceu formación para a prevención, detección e acompañamento nas violencias sexuais nos locais de lecer nocturno. O curso, dirixido a xerentes e traballadores de establecementos de hostalaría de ocio nocturno serviu para “formalos e sensibilizalos sobre esta problemática”. A formación, de tres horas de duración, contou cunha parte teórica e outra práctica. En total foron 15 os responsables e traballadores de varios establecementos deste tipo de Redondela os que participaron na formación. Lucía Pereda, a experta que impartiu o curso, explica que se centraron sobre todo “en como previr comportamentos machistas e agresións sexuais nestes locais” e por outra banda “nas pautas a seguir no caso de que esa agresión se produza”. O prioritario, segundo advirte a educadora social é “protexer á vítima” e para iso existen uns protocolos que os traballadores dos establecementos deben coñecer para dar maior seguridade ás súas clientas.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que “todos os participantes nesta formación recibirá un diploma acreditativo e os establecementos contarán cun distintivo que os acredite como lugares seguros onde as mulleres poden ser atendidas”. Esta formación puido realizarse grazas ao financiamento do Pacto de Estado Contra a Violencia Machista que este ano achegou 65.000 euros ao Concello de Redondela. Para Vilaboa isto é “un premio e un recoñecemento pola labor que nesta materia se realiza desde Redondela ao longo de todo o ano”.