Venres, 28 Marzo de 2025

A Xunta financia un obradoiro de emprego dual en Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na inauguración do obradoiro dual de emprego de Tui.

Neste obradoiro, que terá unha duración aproximada dun ano e que conta cun investimento da Xunta de máis de 530.000 euros, participarán 20 persoas desempregadas. O alumnado divídese entre as especialidades de Conservación e mellora de montes e Carpintería e moble. Ambas contarán con acceso a un emprego remunerado durante toda a duración do programa.

Este emprego reverterá ademais a favor da súa veciñanza, xa que ambas especialidades levarán a cabo proxectos no propio concello. Os participantes traballarán na posta en valor da senda peonil do Río Miño na zona de Areeiros – Penedo. O alumnado desbrozará, mellorará a accesibilidade das zonas de descanso, limpará o terreo e elaborará todo tipo de estruturas que serán colocadas na contorna do paseo.

O delegado territorial lembrou na súa intervención que o verdadeiro obxectivo destes obradoiros é a inserción laboral, polo que animou aos participantes a “aproveitar o tempo e aprender todo o necesario do profesorado, porque solo así conseguiredes ser profesionais demandados polo tecido empresarial”.

Neste sentido, Reguera quixo felicitar ao concello por organizar obradoiros cunhas especialidades que “están a ser moi demandadas e onde fai falta moita man de obra”. Para rematar, o delegado lembrou os bos resultados dos obradoiros clausurados hai apenas uns meses: “Vimos de pechar moitos obradoiros e quedamos moi impresionados co número de persoas que conseguen un traballo antes incluso de rematar a súa formación. Creo que debedes estar motivados e moi orgullosos de esta oportunidade”, concluíu Reguera.

Este ano terán lugar, na área territorial de Pontevedra, 14 obradoiros de emprego, o que supón máis de 7.5 millóns de euros de investimento da Xunta de Galicia.