No marco do programa de colaboración entre a asociación Érguete e o Concello de Redondela, ao longo deste ano 2023 leváronse a cabo diferentes proxectos destinados á infancia, adolescencia e familias.
O programa “Saúde na escola”, dirixido a estudantes de 6º de Primaria, celebrouse nos colexios Outeiro das Penas e Santa Mariña, cun cento de alumnos participantes e total. No caso do programa “Non pasa nada, pasa algo?”, o que participaron alumnos de 3º da ESO dos institutos Illa de San Simón e IES Chapela formáronse 114 rapaces e rapazas. O programa “Comunidade en liña” foi o que contou con máis participantes, cun total de 167 adolescentes de 6º de Primaria e 1º da ESO dos CEIP Quintela e Outeiro das Penas e do IES Chapela. Nesta actividade a rapazada aprendeu a xestionar o tempo que dedican ás novas tecnoloxías e o tipo de contido axeitado para eles. En total máis de 370 alumnos e alumnas participaron nestes programas desenvolvidos entre a asociación Érguete e o Concello de Redondela.
En canto ás actividades dirixidas ás familias celebráronse varias charlas destinadas a axudar a pais, nais e titores para aprender a poñer límites aos menores. O establecemento de límites e normas e un control sobre o uso que os adolescentes fan das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para evitar riscos foron algúns dos temas que se abordaron. No programa participaron familias dos colexios de Quintela, Outeiro das Penas e Santa Mariña, así como do IES Chapela. En total foron 156 familias participantes.
Desde o Concello de Redondela anuncian que este proxecto de colaboración continuará no próximo ano 2024. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a colaboración con este tipo de entidades “é fundamental” xa que fan un gran traballo “na sensibilización, formación e prevención das adicións”. Desde o Concello de Redondela “seguiremos na mesma liña o próximo ano con programas destinados á infancia, adolescencia e familias”, conclúe a alcaldesa.