O Praza do Concello de Salceda de Caselas será escenario este martes, 26 de decembro, da actuación de Nelson Quinteiro Producciones, que porá en escena a obra “Pequeno circo de Nadal” no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 18:00 horas e a entrada será libre ata completar o aforo.
Protagonizado por elfos e elfas de Papá Noel, “Pequeno circo de Nadal” é un espectáculo de cabaret cos contos propios destas datas, coreografías, circo e panxoliñas, cuxa escenografía recrea un poboado. A función irá acompañada dunha banda sonora creada a partir de temas recoñecidos como “Joy to the World”, “Let’s Snow”, “It’s the Most Wonderful Time of the Year” ou “It’s Christmas”, xunto coas tradicionais panxoliñas.
Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra está a achegar, dende outubro e ata finais deste mes, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Participan neste programa provincial trinta compañías de teatro galegas que están a ofrecer por toda a xeografía de Pontevedra unha ampla variedade de espectáculos.