Luns, 10 Febreiro de 2025

O Concello de Nigrán agradece a gran solidariedade do CPI Arquitecto Palacios

O alcalde de Nigrán, Juan González, e a edil de Educación, Estela Pérez, acudiron esta semana ao CPI Arquitecto Palacios de Panxón para agradecer persoalmente a achega de alimentos e vales realizada polo centro educativo ao Concello. O colexio recadou nestas datas 148 kg de alimentos non perecedoiros destinados ao Banco Municipal e 1.725 € materializados en 69 vales de 25 € para canxear no supermercado Gadis. Todo  foi entregado aos Servicios Sociais do Concello para distribuír entre as familias vulnerables.

Cada ano, coincidindo co Día da Paz o 30 de xaneiro, centos de alumnos de diversos centros educativos de Nigrán participan na ‘Carreira Solidaria’ organizada polo CPI Arquitecto Palacios de Panxón co fin de recadar fondos e de aí proceden estes 1.725 € en vales da duodécima edición. Igualmente, cada ano no Nadal recadan alimentos non perecedoiros.

“Estamos moi agradecidos ao CPI Arquitecto Palacios e moi orgullosos  de que nos coles de Nigrán se promovan estas iniciativas que axudan a concienciar á infancia sobre a importancia de ser solidarios e de ter empatía”, destaca o rexedor, Juan González.