Venres, 28 Marzo de 2025

Panxoliñas, Papanoelada moteira e teatro esta fin de semana en Redondela

A programación de Nadal do Concello de Redondela ofrece esta fin de semana actividades para todos os públicos. O sábado a veciñanza poderá escoller estre achegarse á Papanoelada Moteira co chocolatada solidaria, asistir ao traadicional Festival de Panxoliñas onde participan agrupacións de diferentes parroquias ou coñecer a interesante historia do Apalpador, que chegará á Praza do Concello coa obra de teatro “O Apalpador busca axudante”.

Papanoelada Moteira Solidaria

Este Nadal a lexión de moteiros que participa na Papanoelada non faltará á súa cita Redondela. A concentración, que terá lugar o sábado 23, comezará ás 17:00 horas na explanada de Aqualia, na Avenida de Mendiño. Desde aí partirán os moteiros coas súas mellores galas de Nadal para percorrer varias parroquias do municipio para terminar ás 18:30 horas na Praza da Constitución, onde haberá unha chocolatada solidaria para todos os asistentes e unha gran tirada de caramelos. A organización do Moto Club de Redondela recollerá doazóns voluntarias de todos aqueles que queiran colaborar e que serán repartidas entre as ONG Da Man, Cáritas e Asociación Contra o Cáncer.

Obra de teatro: “O Apalpador busca axudante”

Tamén chegará desde as montañas o Apalpador, figura lendaria da tradición de Nadal galega que por primeira vez visitará aos nenos e nenas de Redondela, será o sábado día 23 de decembro ás 18.00 horas na praza do Concello. Trátase dun espectáculo teatral dunha hora de duración con xogos interactivos para os nenos e nenas. Neste divertido espectáculo ata haberá unha selección de persoal onde o Apalpador, un carboeiro que traballa só, busca axudantes para apañar castañas.

Festival de Panxoliñas

Un total de seis corais ofrecerán no auditorio da Xunqueira un concerto de panxoliñas. Serán as corais O Piñeiral e Frol Nova de Chapela, A Raíña de Cedeira, a coral da SLC de Reboreda, a coral San Estevo e coral Ondas do Mar de Vigo. O festival comezará ás 18.00 horas con entrada de balde.

Desde a concellería de Cultura animan a toda a veciñanza a participar nestas festas participativas e solidarias, pensadas para o público de todas as idades.