Luns, 10 Febreiro de 2025

Rematada a terceira fase de escavacións do Castro de Pereiras

O xefe do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Roberto Pena, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro mosense de Patrimonio e da parroquia de Pereiras, Leo Costas, e representantes da Comunidade de Montes de Pereiras visitaron os xa rematados traballos da terceira fase de escavacións do Castro de Pereiras.

Terceira fase que forma parte do proceso de consolidación arqueolóxica do devandito xacemento e que ten un orzamento que ascende a 17.950,00 € (IVE incluído).

Os labores foron realizados pola mesma empresa adicada á arqueoloxía que asumiu as dúas fases anteriores, Tempos Arqueólogos, e financiados pola consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

A empresa contratada realizou traballos de escavación arqueolóxica e consolidación do Castro de Pereiras. En concreto, os traballos a realizar foron os seguintes: Redacción dun proxecto arqueolóxico para a súa autorización por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma.

Realización de 2 sondaxes arqueolóxicas

Sector 1000: sondaxe duns 40 m2 sita no ángulo sueste do castro, en concreto, a carón do sector escavado en campañas anteriores, co fin de documentar a totalidade da cabana rectangular localizada de maneira parcial no ano 2022. Esta actuación permitiría ampliar á area escavada a aproximadamente uns 150 m2, tendo a vista de maneira completa as dúas cabanas castrexas. Sector 5000: realización dunha sondaxe duns 10 m2 na zona norte do xacemento, onde se sitúa un afloramento con marcas de extracción, co fin de comprobar a existencia de estruturas.

Dentro dos traballos realizados tamén se fixo unha diagnose, consolidación e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas que se localicen nesta campaña, garantido en todo caso unhas condicións de conservación axeitadas para a súa visita. Levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación e debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas. Documentación exhaustiva fotográfica da escavación arqueolóxica. Incluída a realización de vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do xacemento e de detalle dos seus elementos máis significativos e da área de actuación. Accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas…) e sobre os valores propios do xacemento arqueolóxico na comunidade local. E elaboración dunha memoria técnica na que se recollen os traballos realizados e os seus resultados.

O prazo de execución foi de 4 meses (incluída a entrega da memoria técnica).