Venres, 15 Agosto de 2025

María Vinyals, Pardo Bazán e Coco Chanel regresan aos xardíns do Castelo de Soutomaior coas visitas caracterizadas das camelias

Había moitas ganas de observar os magníficos exemplares de camelia no Castelo de Soutomaior que non deixaron a ninguén indiferente. A Deputación de Pontevedra estreou este sábado a segunda edición das visitas caracterizadas ao xardín da fortaleza, nas que tres actrices encarnan a Emilia Pardo Bazán, María Vinyals e Coco Chanel para guiar aos visitantes a gozar da floración da flor emblemática das Rías Baixas. A actividade, á que asistiu a deputada de Truismo, Ana Laura Iglesias, xerou moitísimo interese e esgotáronse todas as prazas dispoñibles para as sesións deste primeiro día.

As visitas caracterizadas volven despois dun parón en 2020 e 2021, cando a Deputación decidiu suspender a súa celebración por mor da situación sociosanitaria. Co seu regreso, celebraranse un total de 24 sesións, incluídas as de hoxe, todos os domingos de febreiro (a partir do 13) e de marzo. Cada día as visitas divídense en 3 quendas, ás 11:00, ás 12:30 e ás 16:30 horas. O prezo desta actividade é de 8 € xa que inclúe, trala visita aos xardíns (primeiro Xardín de Excelencia Internacional recoñecido pola Sociedade Internacional da Camelia desde 2012 e o máis singular de todo o Estado), a entrada ao interior do Castelo. As entradas pódense adquirir desde a páxina web do Castelo, onde tamén están á venda as visitas guiadas ao prezo de 3 € (esta outra actividade unicamente inclúe o percorrido polos xardíns a cargo de persoal especializado).

Nas visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior pódense coñecer todas as variedades de camelia plantadas neste xardín de excelencia internacional, onde o público coñece a súa orixe, os coidados necesarios e outras curiosidades arredor da flor. As visitas comezan no punto de inicio da Ruta da Camelia do Castelo e percorren lugares como o estanque, arredor do cal se atopan camelias do século XIX, ou a Fonte da Marquesa, en cuxas proximidades está o exemplar de camelia máis monumental do recinto e tamén a plantación de té.

Ademais, unha parada obrigada é o Xardín de Camelias con nome de muller, que a Deputación puxo en marcha en 2020 para render homenaxe a mulleres ilustres da historia universal como son María Vinyals, Rosalía de Castro, a Bella Otero, Jane Andersen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega e Jimena Fernández de la Vega (ás que se irán sumando novos tributos a medida que se vaian desenvolvendo cadansúa camelia). Trátase do único xardín de camelias con nome de muller que existe en todo o mundo.

Con estas actividades arredor da Ruta da Camelia do Castelo de Soutomaior (unha das tres sendas sinalizadas no xardín do Castelo) a Deputación está a darlle un salto cualitativo impulsando un produto turístico que diferencia o noso destino, que esperta grande interese e que ten unha enorme calidade.

O alcalde da Guarda remite unha carta ao Conselleiro responsable do Xacobeo

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, vén de remitir no día de onte, venres 4 de febreiro, unha carta ao conselleiro responsable do Xacobeo vistas as informacións que aparecron onte nos medios de comunicación en relación a un presunto recoñecemento por parte das autoridades portuguesas de que o “Camiño Portugués da Costa” pasa por Valença do Minho.

Tal e como manifesta o edil, “descoñezo a veracidade destas comunicacións pero, como alcalde da Guarda, quero expresar a miña preocupación e queixa por estas informacións.”

Na páxina oficial dos camiños de Santiago indicase que o “Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira da Guarda tras cruzar o río Miño na súa desembocadura”. Isto significa que o Camiño chega á Guarda dende Caminha.

En palabras de Antonio Lomba “este problema que se está xerando en Portugal co itinerario do Camiño da Costa xa llo fixemos saber, os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, a Ildefonso de la Campa, Director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, nunha reunión mantida o 9 de xullo de 2021. Nesa reunión solicitamos ao representante do Xacobeo que mediara diante da Comisión Certificadora Portuguesa para resolver este asunto e evitar que se promoveran itinerarios xacobeos non oficiais.”

Neste senso o alcalde da Guarda reclama por parte do conselleiro unha intervención como máximo responsable do Xacobeo para aclarar esta situación que non favorece ao Camiño Portugués da Costa, un itinerario oficial recoñecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Redondela presenta a súa programación cultural do Inverno 2022 na que os actos do Entroido e 8 de Marzo terán un especial relevo

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentaron onte a programación cultural Inverno 2022 na que o Concello mantén a súa firme aposta polo teatro, tanto adulto como infantil e no que non faltan actividades xa plenamente consolidadas pola aceptación que teñen entre o público como o Ciclo de Monólogos, o ciclo de música folk ‘A nosa música’, o Festival Internacional de Bigs Bands ou o Festival Internacional de Curtas ‘Andaina’.

Dentro do programa, tal e como explicaba a alcaldesa Digna Rivas, inclúense actividades “que pola súa importancia lúdica, como é o Entroido; reivindicativa como os actos do 8 de Marzo ou tradicional como o Día dos Maios, desenvolverán un guión de actividades propias e diferenciadas que se darán a coñecer oportunamente”.

A alcaldesa, que destacou “o traballo realizado pola Concellería de Cultura para dar forma a un programa variado e con actividades para todos os públicos”, puxo o foco de atención pola “firme aposta” que se segue a facer dende o Concello polo teatro tanto adulto como infantil e destacou a presenza da compañía A Panadaría que elixiu Redondela para continuar coa xira de presentación da súa nova montaxe As que limpan.

O teatro infantil ocupa tamén un lugar destacado no programa coa representación, xa este vindeiro 6 de febreiro da montaxe de Perez&Fernández ‘Os nenos da Variola’ no Multiúsos da Xunqueira ás 18 horas. A alcaldesa salientou a importancia que ten o teatro entre o público máis pequeno “que esperta en eles o interese polas artes escénicas e que os encamiña a apreciar a que está considerada como unha das máis extraordinarias expresións culturais e artísticas”. “Esperar o interese nos nenos e nenas de hoxe, e conseguir manter o teatro vivo entre os adultos de mañá”, sinalou Digna Rivas.

No que aos actos máis inmediatos fai referencia, amais da xa sinalada posta en escena de ‘Os nenos da variola’, o 12 de febreiro no auditorio do multiúsos da Xunqueira e ás 20 horas, terá lugar a representación de As que limpan, coa que a compañía «A Panadaría» continúa a xira de estrea da súa nova produción. O prezo das entradas será de 3 euros

O 13 de febreiro, será a quenda do humor tamén no multiúsos da Xunqueira co monólogo de Xavier Deltell, ás 19 horas, dentro do ciclo Humor na súa Tinta. O prezo das entradas será de 12 euros.

Covelo aposta pola sinalización intelixente da reitoral e da igrexa de Barcia de Mera

0

O Concello de Covelo executou o proxecto de mellora da contorna da igrexa de San Martiño e da casa reitoral de Barcia de Mera  ao abeiro das bases de subvencións  para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de Turismo de Galicia. O Concello investíu un total de 29.908,53€ recibindo o 100% do apoio da Axencia Turismo de Galicia, órgano dependente da Vicepresidencia da Xunta.

Con este proxecto o goberno de Covelo centrou os seus esforzos en dotar á zona de servizos inexistentes como o alumeamento; na substitución de materiais danados polo paso do tempo ou inaxeitados estéticamente e na oferta de paneis informativos tecnolóxicamente avanzados.

Por un lado, esta iniciativa permitíu a implantación de sinalización intelixente. Duas mesas informativas favorecen o acceso aos recursos arquitectónicos e culturais a través das novas tecnoloxías.  Nestes atrís informativos atopamos unha serie de códigos Bidi ou QR que dan acceso a unha aplicación móbil na que os e as visitantes coñecerán a arquitectura monumental e a súa historia construtiva. A aplicación, vinculada ao Google Maps, é gratuíta para as persoas usuarias e permitirá acceder aos seus contidos en tres idiomas (galego, castelán e inglés).

“O rico patrimonio arqueolóxico, ambiental, histórico e monumental, a arquitectura civil e relixiosa, xunto a unha contorna de elementos naturais e monumentais salientables constitúe unha base sobre a que o concello pretende posicionarse coma destino turístico de calidade”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Gañar en sensibilización respecto do coidado e preservación dos recursos e do medio cultural, todos eles non renovables, e favorecer a difusión e coñecemento dos recursos patrimoniais endóxenos son algúns dos obxectivos que persegue o proxecto.

Colocación de novo alumamento

Así mesmo, ante a inexistencia de alumamento na zona, o proxecto contemplou a colocación de elementos de iluminación para o que se procedeu á desmontaxe da antiga instalación eléctrica na contorna retirando apliques, focos deteriorados e a canalización soterrada e grapada ao muro; todos eles elementos que non funcionaba. A continuación realizouse a instalación dunha nova liña de baixa tensión e colocáronse sete proxectores LED de exteriores no chan, paredes e teitos que iluminan as fachadas da casa reitoral e da igrexa. Tamén se colocaron tres luminarias LED compactas de exterior que iluminan as escaleiras de acceso á igrexa.

O proxecto completouse coa instalación dunha nova varanda  no acceso ás escaleiras e coa ocultación dos contedores de lixo cunha pantalla cubre-conteedores de madeira para exterior tratada con protector funxicida, insecticida e hidrófugo.

A igrexa de San Martiño de Barcia de Mera acolle cada ano o Ciclo de Música Relixiosa que atrae ao público amante da música culta e achéganos a autores, músicos e grupos do panorama internacional.

Mos avanza coa Xunta na transformación do Rebullón nun gran complexo con servizos sanitarios e sociais

0

Tras meses de xuntanzas de traballo para concretar as alternativas de futuro para o antigo hospital psiquiátrico do Rebullón, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, vén de reunirse cos conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e Política Social, Fabiola García, para avanzar na transformación destas instalacións nun gran complexo con servizos sanitarios e sociais.

Este encontro ao máximo nivel prodúcese unha semana despois dunha reunión de traballo cos equipos técnicos de ambas as dúas Consellerías, que serviron para continuar perfilando este gran proxecto de futuro para Mos.

Nidia Arévalo recalcou o “arduo traballo de estudo previo” no que se basea esta iniciativa e indicou que “dará servizos sanitarios e sociais a milleiros de persoas. Unha iniciativa altamente beneficiosa para a comunidade local e tamén para a comarca e para o sur da provincia de Pontevedra”.

Este gran complexo no Rebullón é unha das grandes apostas da alcaldesa de Mos para a presente lexislatura. Incluído no apartado social do seu programa electoral, solicitoulle actuar neste espazo á administración autonómica tocando ao final da pasada lexislatura, e a idea comeza a materializarse xa, tras tempo de traballo técnico previo, necesario para un proxecto destas características e envergadura.  

O incremento de contratos fixos en xaneiro en Pontevedra “primeiro síntoma do avance social da Reforma Laboral” segundo o PSOE

O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra asegurou onte que “é un día de felicidade” trala convalidación por parte do Congreso do Real Decreto Lei da Reforma Laboral, en vigor dende o comezo deste ano. O secretario xeral provincial, David Regades, acompañado polo deputado Guillermo Meijón; a deputada Olga Alonso e a senadora María Adrio, valorou os avances en materia laboral dun Goberno, presidido por Pedro Sánchez, que en “só tres anos fixo posible que haxa máis emprego, mellores salarios e menos precariedade tanto na provincia, como en Galicia e tamén en España”.

Regades destacou que as cifras do mes de xaneiro evidencian xa os primeiros froitos dunha Reforma concibida para reducir a precariedade laboral. Así, do total de contratos asinados na provincia durante o pasado mes, un total de 5643 foron indefinidos, o que supón un 14 % sobre o total de contratacións provinciais. “Se os expertos falan de boas cifras de estabilidade cando soben do 6 % ou 7 % dos contratos, que podemos dicir!”. Regades lembrou que en xaneiro do ano pasado a contratación indefinida na provincia representou un 8%, polo que este ano, cos cambios lexislativos, produciuse un avance de seis puntos. “Hai máis de 5.000 familias nestas provincia na que un pai, unha nai, un fillo ou unha filla asinou un contrato estable dende a entrada en vigor da Reforma Laboral”, remarcou.

Baixa o paro e crecen as afiliacións á Seguridade Social

O secretario xeral provincial lembrou que dende que Pedro Sánchez é presidente o paro rexistrado na provincia reduciuse case un 10 % (de 170 065 persoas desempregadas que deixou Rajoy ás 153 932 actuais). As afiliacións á Seguridade Social medraron un 3 % (de 352 326 a 358 540) e o número de traballadores/as autónomos/as avanzou un 2,1 % (de 66 537 a 67 595). “Estas son as cifras que non gustan ao Partido Popular, pero que enchen de alegría e de sorrisos ao Partido Socialista, o partido dos dereitos sociais”. Tivo, ademais, palabras para o BNG, despois de que os nacionalistas negaran o seu apoio á Reforma Laboral, e preguntouse se Ana Pontón “é quen de mirar aos ollos da xente que ve como os seus contratos temporais se transforman en indefinidos”.

Guillermo Meijón subliñou que só pola recuperación da ultraactividade dos convenios colectivos (vixencia indefinida ata novo convenio) eliminada polo PP xa tería pagado a pena apoiar esta reforma e volveu reivindicar o avance da supremacía dos convenios sectoriais sobre os de empresa.

O fracaso do intento de “tamayazo” cos deputados de UPN

A propósito do sucedido onte no Congreso, onde dous deputados de UPN cambiaron o voto despois de ter comprometido o seu apoio cualificouno como “tamayazo”. “Non só traicionaron aos partidos cos que tiñan negociado, senón ao seu propio partido; foi algo vergonzoso, escandaloso e patético”. Meijón criticou, ademais, a actitude das forzas progresistas que se puxeron de perfil, entre elas o BNG e revelou que “cando nun primeiro momento parecía que se derrogaba o Decreto Lei tiñan cara de espanto, como se estiveran pesando: que fixemos!”. Pero o deputado foi especialmente duro co Partido Popular por poñer en cuestión o resultado da votación a causa do “erro humano, que non informático” dun deputado popular, aínda que expresou as súas dúbidas sobre a verdadeira intención do sentido do voto deste deputado. Ademais explicou que o voto telemático está moi consolidado nas Cortes e o procedemento inclúe unha confirmación expresa validando un documento PDF “onde se explica claramente que vota cada quen despois de premer o botón do si ou do non”.

A deputada María Adrio fixo unha enumeración de tódalas medidas en materia de avances laborais aprobadas polo Goberno e a deputada Olga Alonso expresou a súa decepción coas forzas progresistas que se opoñen aos avances sociais simplemente alegando que son insuficientes e obviando o complicado taboleiro político actual. “O importante é avanzar, se é posible con pasos axigantados, e se non, con pasos máis pequenos”, afirmou.

Nigrán recibirá 900 000 € a través do convenio ReacPon da Deputación para humanizar a rúa Otero Pedrayo

O Concello de Nigrán recibirá 900 000 € da Deputación de Pontevedra para humanizar a rúa Otero Pedrayo grazas ao convenio ReacPon, o plan de investimento público más ambicioso da Historia da institución. O alcalde, Juan González, asinou onte o convenio no Pazo Provincial xunto á presidenta Carmela Silva, o que significa que a Deputación asumirá o 70 % do custe das obras. Así, ao orzamento base de 1 315 797 € o Concello achegará só 415 797 € do seu Remanente (cuestión que se ratificará no pleno ordinario deste mes). A rúa, en estado calamitoso tras máis de 30 anos de titularidade autonómica, vertebra o municipio ao comunicar o núcleo urbano de Nigrán (PO-552) con Panxón (Rúa Mariñeiro).

“Retrasamos a contratación para poder optar a esta importante subvención, xa que significa un gran aforro para as arcas municipais”, xustifica o alcalde, Juan González, quen recalca que “é unha obra urxente e prioritaria para este goberno”. “Tras décadas de abandono absoluto por parte da Xunta, o Concello a transformará en pouco máis dun ano de titularidade municipal; esta é a gran obra que estamos desexando abordar. É de xustiza para os veciños que o veñen reclamando porque esta é de seguro a estrada peor conservada de toda a provincia, acumulando decenas de denuncias por caídas nas beirarrúas”, sinala o alcalde, Juan González, en referencia a máis de 6 anos de goberno instando á Xunta que asumise as obras por ser unha vía da súa competencia e, finalmente, solicitar no 2020 o Concello a titularidade municipal. Así, finalmente a rúa foi transferida ao Concello en xullo de 2020, a continuación o consistorio contratou o proxecto e, durante máis dun ano, agardouse pola autorización da AXI para poder iniciar o expediente de contratación (agora estaba só pendente de asinar este convenio ReacPon e de consignar a continuación os cartos do Remanente).

“A situación é absolutamente desastrosa, cunhas beirarrúas esnaquizadas e uns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema. O cambio de imaxe será radical, faremos unha rúa moito máis amable para os seus veciños, un lugar polo que poder pasear, accesible de verdade e con puntos de encontro nos que poder pararse a charlar ou descansar, ese é o Nigrán para todos que estamos a construír e ao que se sumará esta estrada fundamental na vertebración do municipio”, resume o alcalde.

Proxecto de humanización

A humanización comprende a totalidade da vía e inclúe a creación dunha nova zona verde nunha parcela municipal ao carón da rúa Costiña. O aspecto máis destacable será a completa renovación dos colectores de abastecemento e saneamento, creando a maiores unha rede separativa de pluviais que non existe actualmente, o que causa problemas de sobrecargas nos días de choiva e destrozo do pavimento. Asimesmo, darase ao fin continuidade ás beirarrúas que rematan abruptamente á altura do Centro Antena (rúa Porqueira) mediante a creación dunhas novas que si cumpran a normativa de accesibilidade e en formigón pulido coloreado con canto en pedra, seguindo asi a estética da súa veciña rúa Mariñeiro. Os pasos de peóns serán, ademáis, sobreelevados e con iluminación específica mediante una barra lateral co obxectivo de outorgarlles a máxima seguridade, tal e como xa fixo o Concello noutros do casco urbano.

Adicionalmente, contémplase renovar o asfaltado en toda a rúa e o cambio a iluminación LED con novas farolas cun fuste personalizado co gravado en corte láser do escudo de Nigrán e eliminarase o tendido aéreo eléctrico e de comunicacións que todavía existe, desaparecendo os postes da estrada. A plantación de cerdeiras ornamentais en todo o percorrido das novas beirarrúas outorgará a toda a zona unha imaxe máis amable, feito que se complementará con novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras).

Dentro do mesmo proxecto, o Concello de Nigrán inclúe a rehabilitación dun espazo verde municipal de 450 metros cadrados ao carón de Otero Pedrayo, na rúa Costiña, co obxectivo de convertilo nunha zona de lecer para a veciñanza. Nel disporase dun circuito biosaudable para facer exercicio ao aire libre, bancos e arbolado.

Educar na diversidade para transformar a sociedade, eixo da VII Semana da Educación de Tomiño

0

Tomiño quenta motores para celebrar a sétima edición da xa tradicional Semana da Educación, que este ano volve a formato presencial. Baixo o lema ‘TransFORMANDO a sociedade, educando na diversidade’, o auditorio de Goián acollerá do 7 ao 10 de febreiro (19.00 h) estas xornadas dirixidas tanto a persoal docente e educador como a pais e nais que procuren formarse en diferentes aspectos relacionados co mundo da educación. “Cremos na educación como ferramenta firme para conseguir transformar a nosa sociedade”, salienta a alcaldesa, Sandra González, quen convida á veciñanza e ás e aos profesionais da educación a asistir a este evento totalmente gratuíto.

Como en cada edición, catro personalidades de relevancia en distintos ámbitos achegaranse ata Tomiño para poñer enriba da mesa diferentes aspectos relacionados coa tarefa de educar. O encargado de inaugurar as xornadas este luns 7 de febreiro ás 19.00 h será José Antonio Fernández Bravo, que falará sobre ‘Ensinar dende o cerebro de quen aprende’. Doutor en Ciencias da Educación, docente, escritor e investigador sobre educación e aprendizaxe da matemática, este experto reflexionará sobre a importancia de desatar ligaduras e superar costumes de dubidoso acerto na ensinanza e de ensinar como os nenos e nenas aprenden porque “como é posible a atención á diversidade sen unha diversidade de atención?”.

O relatorio do martes 8 de febreiro (19.00 h) será a cargo de Maitane Alonso Monasterio, investigadora, co-fundadora de Innovating Alimentary Machines, estudante de medicina e membro do Ranking dos 120 Future Leaders iberoamericanos de LlyC. Con moitos premios ás súas costas, Alonso Monasterio abordará a importancia de pasar da curiosidade á realidade pasando pola educación. Na súa charla ‘1+1≠2’ tratará de responder a que facer cando temos una idea que consideramos que pode ter potencial para crear un impacto positivo na sociedade.

A xornada do mércores 9 de febreiro (19.00 h) estará protagonizada pola doutora en matemática pola Universidade de Sevilla Clara Grima e a súa conferencia ‘Na procura do grafo perdido’. Con numerosos premios e recoñecementos Grima presentará ao público un grafo, un debuxo simple realizado a partir de puntos e raias que, se se observa con cariño a paciencia, desvela un obxecto matemático fascinante cunha chea de aplicacións sorprendentes que serven para analizar as redes sociais, deseñar unha liga de fútbol ou organizar un banquete de voda do xeito máis eficiente e divertido.

A Semana da Educación rematará o xoves 10 de febreiro ás 19.00 horas con Julio Basulto e a súa charla ‘Educar dende a mesa’. Dietista-nutricionista, docente e autor de varios libros sobre nutrición, Basulto chegará ao auditorio de Goián para falar de como compartir a mesa con fillas e fillos é moi importante para mellorar a súa saúde.  Para o experto este momento e “moito máis do que acostumamos a crer”, e na súa conferencia  detallará os múltiples beneficios que exerce comer coa nosa prole sobre a súa saúde física e emocional, e compartirá estratexias para que ese momento se converta nun espazo de aprendizaxe e, sobre todo, amor.

A Cañiza repartirá entre os centros escolares do municipio o libro «Santa María de Luneda, historia dunha igrexa sanjuanista»

0

O pasado mércores o alcalde da Cañiza, Luís Piña, recibiu no  Concello a visita do párroco de Luneda, Luís Manuel González Piñeiro, autor do libro «Santa María de Luneda. Evolución arquitectónica dunha igrexa  sanjuanista». Trátase dunha pequena pero detallada obra, impresa agora polo autor en formato de libro, que fora publicada xa o pasado mes de novembro de 2021 na revista de estudos tudenses « Castelum  Tide», na súa edición nº 7.

Trátase, explicou o autor, dunha iniciativa para non quede no esquecemento a moita historia que ten o rural da Cañiza e non se perdan os acontecementos da súa memoria popular.

Segundo comentou González Piñeiro ao Alcalde Luís Piña, «todo comezou por mor de querer realizar unha listaxe de todos os curas que atenderon  a parroquia de  Luneda ao longo da historia, o que se coñece como  Presbiterologio  Lunedense, desde o ano 1640 en que se empezan a ter datos sobre a parroquia ata hoxe».

A segunda motivación foi unha Cruz labrada cunha inscrición situada no Presbiterio e que preside este lugar desde  hai máis de 300 anos. Unha Cruz símbolo da Orde de Malta, ou de San Juan de Malta, ou de San Juan de Jerusalen, nomes cos que se coñecen a este Instituto relixioso militar que tivo o seu auxe en España durante a época medieval da Reconquista. Este dato foi o acicate para que o autor deste libro quixese coñecer máis a fondo a historia de  Luneda e a súa relación coa Orde de Malta.

A partir deste intre inicia unha viaxe pola historia da parroquia consultando fontes nos Arquivos Diocesanos e tamén nos propios Arquivos Parroquiais. Unha investigación que recupera do esquecemento innumerables historias e acontecementos que agora todos poderemos coñecer a través das páxinas deste libro histórico e que estará ao dispor de todos os  cañicenses nas bibliotecas municipais.

No Libro, o seu autor tamén infere unha hipótese sobre o posible nacemento da parroquia antes da chegada dos primeiros cristiáns e a súa consecuente  evanxelización e que sitúa aos primeiros poboadores na cima do Monte Vieiro, posible poboado  castrenxe, en base á súa toponimia e localización.

O alcalde Luís Piña agradeceu o xesto de Luís M. González de compartir e regalar varios exemplares ao Consistorio e felicitouno “por este excelente e documentado traballo de investigación” que en palabras do rexedor “espertará o interese dos lectores desde a primeira páxina”. O alcalde da Cañiza adiantou que os libros serán repartidos entre os centros escolares do municipio para axudar á difusión do patrimonio histórico entre os escolares.

A directiva de Banastra trasladará aos seus asociados a proposta socialista de ubicación do novo Centro de Saúde de Ponteareas

No día de hoxe, membros da Xestora do PSOE de Ponteareas reuníronse coa directiva de Banastra, a federación de comerciantes e hostaleiros de Ponteareas, para informarlles da ubicación que, para o Partido Socialista, debe ter o novo centro de saúde.

Así o PSOE ponteareán considera que os terreos de Aceiros do Tea teñen unha situación inmellorable para a instalación desta infraestrutura sanitaria. “É preciso que as persoas maiores poida chegar fácilmente ao centro de saúde e para iso nada mellor que este se atope ao carón da estación de autobuses”.

A maiores, esta parcela non tería ningún custe para os veciños e veciñas e conseguiríase lao mesmo tempo a recuperación patrimonial dunha edificación para uso da cidadanía.

A directiva de Banastra entende que ubicar o novo centro de sáude en Aceiros, tal e como propón o PSOE, é unha oportunidade única xa que permitiría atraer xente ao cento da vila e darlle así un pulo ao comercio. Nestes días trasladarán esta proposta aos asociados da federación.

“É preciso que entre todos academos a mellor opción para os veciños e veciñas –subliñan as e os socialistas ponteareáns–. Temos a responsabilidade de decidir sobre unha das obras máis importantes que se levarán a cabo na nosa vila e que perdurará durante moitos anos. Os gobernos temos a obriga de achegar as institucións aos veciños, non so dixitalmente senón tamén físicamente”.

O PSOE explica que, a súa postura xa foi trasladada “en diferentes reunións aos nosos socios de goberno, o BNG, e tamén ao resto de grupos políticos da Corporación.”

O PSOE agarda que o resto de forzas políticas “aposten tamén polos veciños e veciñas de Ponteareas” e apoien, ao igual que o sector comercial tamén o fai, a ubicacion do novo centro de saúde en Aceiros.

O secretario de estado de Medio Ambiente comprométese a liderar a posta en marcha do proxecto do parque e ponte transfronteirizos da Amizade

O resultado da reunión da presidenta da Deputación Carmela Silva; o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho e a alcaldesa de Tomiño en Madrid co secretario de estado de Medio Ambiente Hugo Morán onte en Madrid non puido ser máis satisfactorio: o representante estatal comprometeuse a liderar e coordinar no goberno central a posta en marcha do proxecto do parque e a nova ponte peonil transfronteiriza da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

A delegación pontevedresa foi a Madrid a poñer sobre a mesa o proxecto, explicando que se trata dunha iniciativa que creará unha ‘euroárea’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista no punto máis estreito do Miño que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.

A receptividade por parte de Hugo Morán foi grande e dende o inicio comprometeuse a liderar e coordinar no goberno español unha reunión cos diferentes Ministerios e departamentos que poderían estar implicados no proxecto, tanto dende o punto de vista das relacións internacionais (Exteriores), da cohesión territorial e reto demográfico (MITECO), como da mobilidade (MITMA) -por promover desprazamentos activos-. A partir de aí a intención de Morán será propoñer unha iniciativa multidepartamental conxunta dende o goberno español ao goberno portugués.

Morán salientou que na actual lexislatura o Goberno español creou a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico co obxectivo de desenvolver a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal, en cuxas competencias encaixa o proxecto do parque e a ponte da Amizade.

Ante esta resposta tan positiva, a representación española en Madrid, manifestou a súa grande satisfacción. A presidenta Carmela Silva confiou no futuro do proxecto e lembrou que naceu do mundo local transfronteirizo “coa grande ambición” de unir a dous pobos veciños a través do Miño. Destacou que o territorio ten grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que une, e unha economía moi potente “pola que temos que seguir a traballar para construír futuro”.

Pola súa parte, o deputado Uxío Benítez manifestou que a reunión de onte supón un paso adiante para que o parque e a ponte sexan “unha realidade” e non só un desexo. Lembrou que a Deputación e o AECT seguirán traballando e buscando maneiras para garantir paso a paso a súa viabilidade a pesares da dificultade dun proxecto de tanto alcance que precisa unha tramitación conxunta por parte de dous estados.

Finalmente, a alcaldesa de Tomiño Sandra González subliñou a súa ledicia pola boa acollida por parte de Morán. A nacionalista lembrou que pola parte portuguesa a ministra Ana Abrounhosa xa se comprometera dúas veces na eurocidade Tomiño-Cerveira a sacar adiante este proxecto porque era “sen dúbida estratéxico, simbólico e singular”. Indicou que “agora na parte do Estado Española xa conseguimos un interlocutor, unha persoa que lidere o procedemento, o que é moi positivo e moi satisfactorio”, dixo, aínda que recoñeceu tamén que o procedemento ata a construción do parque e da ponte da Amizade será complexo porque precisará dun convenio internacional.

“Lembra as túas raíces”, lenda do bonsai agasallado pola Red de Juderías ao Concello de Tui

0

O Concello de Tui recibiu hai uns días un bonsai de Oliveira coa lenda “Lembra as túas raíces” agasallo da Red de Juderías – Camiño de Sefarad, da que Tui forma parte dende 2019, xunto a outras vinte cidades españolas.

Trátase dunha nova iniciativa da Red para sumarse a cada unha das festas do calendario xudeu. Así con motivo da festa Tu Bishvat , que se celebrou o 17 de xaneiro, obsequiou a cada cidade da rede cun bonsai. Este festexo lembra o respecto pola natureza, e no mesmo adoitase plantar unha árbore e comer os froitos das árbores.

O bonsai simboliza, ademais, dalgunha forma, a responsabilidade na conservación das raíces xudías da historia. O Concello de Tui ven de recibir o seu exemplar, que se encargará de coidar a partir de agora como unha forma de continuar coa conservación do seu legado.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece este agasallo que testemuña o traballo que nos últimos anos ven realizando o Concello de Tui na conservación e promoción do importante legado patrimonial da nosa cidade, que ten no patrimonio vinculado á presenza de comunidades xudías e criptoxudías na nosa cidade un dos seus elementos más significativos.

A pertenza á Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad, lograda no ano 2019, é unha grande oportunidade para a nosa cidade pois, engade o rexedor tudense, dálle a Tui novas posibilidades de promoción e de posicionamento dos seus recursos culturais e turísticos.

O BNG demanda o medre do Servizo de Emerxencias de Redondela

0

O BNG de Redondela considera o rexeitamento plenario do convenio dos Grupos Supramunicipais de Emerxencia como “unha oportunidade a aproveitar” para traballar noutra vía e lembra que, en Redondela, “o SEIS, servizo de emerxencias e incendios, está asumindo as competenzas na materia. Únicamente conta con tres efectivos, profesionais perfectamente formados, capacitados e con ampla experiencia. Dende o BNG, instamos á alcaldesa, para que se inicien os trámites de contratación co fin de aumentar a plantilla”.

Na análise do voto en contra desta proposta, os e as nacionalistas consideran que en ningún caso o convenio ofertado dende a Xunta, con colaboración da Deputación, e administración local, “beneficiaba ao noso concello”. Sería o único caso de toda a provincia no que para catro concellos, incluíndo Pazos e Soutomaior, creríanse dúas subsedes, Redondela e Mos. “Claramente trátase dunha estratexia o que únicamente pretende impulsar á alcaldesa de Mos, do Partido Popular”, consideran dende o BNG.

Segundo declarou o voceiro nacionalista, “estamos ante a oportunidade de reforzar o papel de Redondela, como cabeceira de comarca”. Afortalar e mellorar o servizo de emerxencias local, permitiría posteriormente conveniar con outros concellos, ou administracións, entende o BNG redondelá.

“Existe unha base firme para o aumento de persoal. Segundo o convenio que nos presentaron o concello tería que asumir a contratación de persoal. Con esos mesmos fondos, poderiamos pasar de tres a seis efectivos, co que a atención prácticamente sería continuada”, afirma o nacionalista.

Por outra parte o voceiro do BNG, considera que o goberno municipal de Redondela, deu hai varios meses un xiro na súa estratexia de busca de apoios e o acusa de “considerar socio preferente” ao PP de quen arrincan os votos suficientes para poder sacar adiante as súas propostas.

Roberto Mera presenta no Porriño o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

O avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas presenta mañá sábado, no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, ás 12.30 h, o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, publicado por Belagua Ediciones. No acto, o autor estará acompañado por Alfonso Pato, xornalista e director do Festival de Cans.

Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia. As próximas celebraranse en Ourense (día 10, na libraría Espacio Lector Nobel), Ribadeo (día 11, na Casa do Viejo Pancho), Monforte (día 12, no Ateneo Casino), e Salceda de Caselas (día 18).

Concello e Deputación asinan o convenio que transformará a rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade

A transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas está máis preto de converterse en realidade. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este xoves o convenio do ReacPon, que permitirá crear o primeiro camiño escolar seguro da vila ata o CEIP Ramiro Sabell e triplicar o espazo para a veciñanza apostando pola mobilidade segura e sostíbel. As obras suporán un investimento de case un millón de euros, dos que 722.000€ serán achegados a través do ReacPon e outros 240.000€ a través do Plan Concellos.

“Este proxectos fainos moita ilusión porque levamos moitos anos traballando nel e dentro de pouco será unha realidade. Con el máis de 1500 rapazas e rapaces exercerán o seu dereito a moverse con liberdade e autonomía e xeraremos un hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro”, salientou a rexedora.

Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva destacou o proxecto de Ponteareas, unha iniciativa “fermosa” que “aumenta a seguridade para todos os nenos e nenas, fomentando a autonomía infantil e facilitándolles ter experiencias e aprendizaxes propias”.

O Concello de Ponteareas xa sacou a licitación a execución das obras, que abranguerán arredor de 1.100 metros e atinxirán á estrada que conecta o centro urbano con parroquias como Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira, Celeiros e Guillade. Tamén se intervirá no tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino, así como nesta última rúa entre a saúda de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os institutos Val do Tea e Pedra de Auga.  As persoas e empresas interesadas terán ata o vindeiro 24 de febreiro ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas dixitalmente a través da plataforma de Contratación do Sector Público.

As actuacións suporán a recuperación para as persoas do tramo situado entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, un treito de 200 metros que a través de beirarrúas moi estreitas conecta a Casa do Concello co Parque Ferro Ucha. Neste tramo a rúa pasará a ser plataforma única para o paseo e a estancia, con abundante arborado e mobiliario urbano, e a circulación de vehículos a motor reducirase a residentes, garaxes e servizos. O resto do percorrido dende o parque Ferro Ucha até o CEIP Ramiro Sabell suporá un novo reparto do espazo público.

A actuación completarase co acondicionamento dun tramo da rúa Nardos, a carón do parque Ferro Ucha, unindo a estrada de Guillade co Paseo Matutino. Esta rúa unirase ao parque coa eliminación do actual peche e terá carácter peonil con tráfico limitado a autorizados. Para completar a actuación, crearase unha plataforma única de uso compartido entre vehículos e peóns con preferencia peonil no tramo do Paseo Matutino comprendido entre a saída de Nardos e a rúa Feliciano Barrera que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

Como lembrou Fernández Davila, “esta obra vai transformar de xeito extraordinario unha rúa e unha estrada degradada, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspita, nun espazo público de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”. A rexedora recordou que se trata dun percorrido cun grande uso social, utilizado por centos de persoas para achegarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha e á futura Escola Infantil, ao cemiterio municipal ou a centros privados de ocio e sanitarios situados na zona ou para desprazarse camiñando á vila dende o Barral, Fontenla ou Arcos”.

Presentados os Premios Andaina 2022 pola accesibilidade e a inclusión social e laboral

0

A Praza do Concello de Redondela acolleu, na mañá de onte, a presentación dos Premios Andaina que todos os anos outorga a Asociación Andaina de persoas con diversidade funcional de Redondela e que, por primeira vez, recoñecerán o “traballo e compromiso” do comercio, hostalaría, pequena empresa e entidades á hora de establecer boas prácticas no mundo socio-laboral das persoas con diversidade funcional.

No acto de presentación desta iniciativa social participaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o presidente de Andaina, Antonio García; a concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa e o director da oficina de CaixaBank en Redondela, Ricardo Otero.

Os premios, que todos os anos recoñecían o traballo que asociacións e colectivos realizaban a prol da integración das persoas con diversidade funcional dan, tal e como explicaba o presidente de Andaina “un paso máis” ao incluír nos mesmos o traballo, compromiso e labor que realicen o comercio, hostalaría, pequena empresa e entidades no referente á inclusión de boas prácticas en materia de inclusión socio-laboral das persoas diversidade funcional.

“Non só se premia a accesibilidade arquitectónica –explicaba Antonio García– senón que tamén se haberá galardóns para a accesibilidade cognitiva, integración laboral amais de premio para as entidades culturais e deportivas”.

A maiores, seleccionarase unha persoa con diversidade funcional que “teña destacado en calquera ámbito polos seus logros, esforzo ou méritos” e na gala de entrega dos premios que terá lugar a finais de ano, “porase en valor o seu mérito dando a coñecer o seu traballo e buscando espazos onde dar visibilidade as súas capacidades”, explicaba o presidente de Andaina.

Aos Premios Andaina, cuxas bases faranse públicas esta vindeira semana, poderán presentarse todos os proxectos desenvolvidos dende o 1 de xaneiro e o prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 30 de xuño.

Digna Rivas, na súa intervención, subliñou o traballo “incansable e imprescindible” que desenvolve a Asociación Andaina “coa que sempre estamos e estaremos dispostos a colaborar en todo o que nos soliciten” xa que, engadía a rexedora local “dende o Goberno local, sempre apostamos por todas aquelas iniciativas que contribúan a integración das persoas con diversidade funcional”.

“Os Premios Andaina son, non só un recoñecemento para as persoas e colectivos galardoados, senón un premio para a propia asociación que traballa arreo a prol da integración social e laboral destas persoas o que se traduce nunha maior calidade de vida para elas e as súas familias”.

Arbo reclama unha sanidade pública digna

0

A Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta convocou o seu primeiro acto en Arbo para defender a sanidade pública.

Unhas 150 persoas concentráronse este xoves, 3 de febreiro, na praza do Concello de Arbo para reivindicar unha sanidade pública de calidade, universal e, por extensión, que garanta un dereito básico a todas as persoas independentemente do nivel de ingresos.

A maior parte da asistencia estaba formada pola propia veciñanza do municipio, aínda que tamén asistiron persoas dos concellos do Condado e Paradanta, e contaron coa participación especial da Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Tomiño, en solidariedade coa situación de abandono do servizo de pediatría en Arbo, onde pasaron de dispor dunha pediatra compartida con As Neves, a ter que compartila tamén con A Cañiza e Crecente, tendo que desplazarse esta varios días ao centro de saúde da Cañiza.

Tamén pedindo que se amplíe o servizo de ambulancia a 24 horas coma no resto do país.
A concentración foi convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta, atendendo á demanda de veciñas de Arbo.

Durante a concentración a portavoz da plataforma salientou que “o modelo sanitario é inxusto. Con este modelo só teñen acceso a unha sanidade de calidade quen a poida pagar. Como consecuencia, a esperanza de vida de moitas persoas é menor só polo feito de ser pobre. Con este modelo só gañan as empresas privadas dedicadas á sanidade”.

Ademais, a plataforma fixo un chamamento para seguir mobilizándose na defensa da sanidade pública, como único camiño para impedir a perda dun dereito e dun servizo básico, alentando á cidadanía e aos colectivos comprometido co ben común a participar e colaborar nas actividades da plataforma, e animando a asistir as súas asembleas abertas.

O Concello da Guarda tínguense de verde para conmemorar o Día Mundial contra o Cancro

0

O Concello da Guarda súmase esta semana á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro iluminando a fachada da Casa do Concello na Praza do Reló. Deste xeito o Concello, que manterá o alumeado ata as 8.00 horas do vindeiro luns día 7 de febreiro, únese á demanda da Asociación Española Contra o Cancro para visibilizar e difundir esta doenza e concienciar á sociedade sobre a enfermidade.

O Día Mundial Contra o Cancro celébrase cada ano dende o 2000 o 4 de febreiro promovido pola Organización Mundial da Saúde, o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro e a Unión Internacional contra o Cancro. O principal obxectivo desta efeméride consiste na mobilización social para avanzar cara a prevención, investigación, concienciación e control desta doenza, facendo un chamamento á participación e compromiso de todas e de todos.  Este ano e os vindeiros dous o lema do Día Mundial contra o Cancro será o mesmo “Por uns coidados máis xustos”, para facer un chamamento e reivindicar a falta de equidade existente no mundo en canto á atención oncolóxica.

Cada ano diagnostícanse no mundo máis de 14 millóns de casos novos de cancro, unha enfermidade que provoca preto de 10 millóns de mortes anuais. Segundo os últimos estudos prevese que un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres teña cancro nalgún momento da súa vida. A prevención é fundamental  para poder incrementar as posibilidades de curación e mellorar a calidade de vida das persoas que a padecen.

O serradoiro dos Carranos de Covelo abre as súas portas este domingo

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo, que dirixe Lourdes Enes, convida a participar nunha nova xornada de portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 6 de febreiro e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos)  para o ano 2022. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.

A organización ofrece a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652. Cada grupo terá un máximo de 10 persoas participantes e deberá facerse uso de mascariñas e xel desinfectante ademais de manter a distancia de seguridade pola Covid-19.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes.

Lourdes Enes engade que “neste ano 2022 as xornadas de portas abertas do serradoiro dos Carranos terán lugar cada primeiro domingo de mes. As inscricións abren o luns desa semana ata esgotar as prazas. Do mesmo xeito, os roteiros guiados e interpretados terán lugar o segundo domingo do mes e as inscricións abren o luns da mesma semana ata esgotar prazas”.

Neste mes de febreiro tamén se poderá participar no roteiro Pedra do Lobo que terá lugar o vindeiro domingo día 13. Estas actividades permitirán coñecer o patrimonio natural e etnográfico a través do sendeirismo nos roteiros dependentes das Comunidades de Montes e do propio Concello.

As rutas do Museo Pazo da Cruz

As rutas do Museo Pazo da Cruz son guiadas polo propietario e director do Museo Etnográfico Pazo da Cruz, Maximino Fernánndez Sendín.  Con saída dende a praza Mestre Cerviño na que se explicará a historia e principais características do Cruceiro dos Aflixidos de Cerviño,  a continuación visita  ó Museo Etnográfico Pazo da Cruz en A Hermida, á Casa Leónides en A Graña, ós Chozos da Serra do Suído e á Capela da Xestosa. O desprazamento realizarase en autobús.

O serradoiro dos Carranos

O Serradoiro dos Carranos utiliza a forza motriz da auga para move-la serra e foi construído aproximadamente no 1922, coincidindo curiosamente coa construción da central hidráulica de Chicoreiras, que producía a luz para o entorno. A súa construción fíxose en pedra e escavando a rocha do lugar aínda que despois foi reconstruido en ladrillo. O conxunto do serradoiro consta de catro edificacións: o aserradeiro propiamente dito, un sequeiro e almacén de Madeira, unha pequena forxa e un pequeño almacén. Tamén podemos apreciar un pequeno forno para a queima de residuos e os raís para o transporte de madeira ata o interior do serradoiro. A dedicación principal deste conxunto era a fabricación de carros, dedicación á que debe o nome o serradoiro e razón pola cal podemos atopar unha forxa, xa que as ferraxes para estes carros tamén se forxaban aquí.A localización do serradoiro tamén ten que ver con esta dedicación  xa que se sitúa á beira do camiño empedrado que levaba a Ourense, polo que pasa hoxe en día o sendeiro.

http://www.concellodecovelo.es/carranos/index.html

Observar as estrelas

Para as/os interesadas/os nas experiencias de observación das estrelas en plena natureza, ofrécense saídas dende a Igrexa de San Salvador de Prado para facer parte da Ruta de As Estrelas ata a Serra do Faro na parroquia de San Salvador de Prado, onde se atopa o miradoiro e observatorio astronómico Alto do Castelo, recentemente declarado paraxe Starlight. As e os participantes poderán contar con telescopios adecuados e coas explicacións de técnicos  da Asociación Galega de Astronomía.

A porriñesa Emma Rodríguez, premio extraordinario é excelencia académica da UVigo

O Concello do Porriño homenaxeou onte á porriñesa Emma Rodríguez Pretel polo Premio extraordinario á excelencia académica que lle concedeu a Universidade de Vigo ao ter o mellor expediente académico do Grao en Enfermería da promoción do 2022.

A universidade fixo entrega o pasado venres destas distincións que premian o esforzo dos mellores estudantes en cada unha das titulacións, e unha delas foi Emma, veciña de Atios de 22 anos que onte foi recibida no seu concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González.

“Sumámonos a este recoñecemento ao mérito e tesón de Emma”, afirmou o alcalde, “Sei que falo no meu nome e no de todos os porriñeses e porriñesas cando lle digo que nos sentimos profundamente orgullosos do seus logros”.

Tal e como trasmitiu Lorenzo, estes premios “poñen en valor o esforzo dos mozos e mozas que, como Emma, liderarán o desenvolvemento da nosa sociedade nas próximas décadas. Apostar por eles é apostar polo futuro e o talento dos porriñeses”.  Por iso agradeceu a Emma o seu exemplo e animouna a “seguir traballando por conseguir todas as metas que te propoñas, sabendo que se poden alcanzar”.

Emma rematou Enfermería o pasado curso, pero esta non é a única distinción que recibiu durante a súa traxectoria académica. Xa no IES Pino Manso, onde cursou os seus estudos da ESO e Bacharelato, foi premiada como a mellor da súa promoción, galardón que volver conseguir no primeiro ano de carreira.

Tal e como explicou aos representantes municipais, a súa vocación pola enfermería chegou xa cando se atopaba en segundo curso. “Sempre tiven claro que quería estudar algo da rama sanitaria”, apuntou Emma, “Quería ser matrona e por iso me matriculei finalmente en enfermería, pero descubrín que me gusta esta profesión e diferentes ramas da mesma, que esta era a miña vocación aínda que non o soupera antes”.

Desde   que se graduou, a porriñesa leva traballando todo o tempo pero ten claro que seguirá estudando. “Na miña profesión e supoño que en todas, é esencial continuar formándose”, concluíu, “No meu caso, preparareime para ser matrona”.

O Rosal lanza un vídeo para destacar o gran valor artístico e histórico da igrexa de Santa Mariña

0

O Concello do Rosal continúa a pór en valor o seu patrimonio con varias accións. Onte publicou un vídeo promocional para destacar a riqueza artística e histórica da igrexa de Santa Mariña, un templo con aires barrocos e que coa súa impoñente figura domina a praza do Calvario do concello. A alcaldesa, Ánxela Fernández, destaca que “con este vídeo poñemos en valor unha das xoias do noso patrimonio e anima a veciñanza a velo para poder visitar a igrexa con ollos máis expertos”.

A imaxe exterior da igrexa de Santa Mariña é froito dunha reforma de 1847 que lle deu aires barrocos e dotouna dunha torre de campás con influencia americana. No seu interior grandes columnas de pedra sosteñen as bóvedas das súas tres naves. Pedra que constrúen as escaleiras de acceso ao fermoso coro da igrexa cuberto cun gran arco cuxo teito decoran frescos do martirio de Santa Mariña do pintor guardés, Manuel Ángel. Un dos maiores tesouros da igrexa é o gran retablo do altar maior, unha xoia do barroco do Baixo Miño con gran pegada portuguesa.

O vídeo non é a única acción que promoveu o Concello para pór en valor a igrexa de Santa Mariña, tamén se creou unha aplicación que permite acceder á caracterización arquitectónica, artística e histórica da igrexa de Santa Mariña do Rosal mediante o escaneo dun código. Nela atoparase a súa localización precisa, unha caracterización rigorosa, e accesible en galego, castelán e inglés. Mentres que no atrio da igrexa se instalou un atril interpretativo.

O secretario de estado de Medio Ambiente comprométese co proxecto do parque e a ponte transfronteirizos da amizade

O resultado da reunión da presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho e a alcaldesa de Tomiño en Madrid co secretario de estado de Medio Ambiente Hugo Morán onte en Madrid non puido ser máis satisfactorio: o representante estatal comprometeuse a liderar e coordinar no goberno central a posta en marcha do proxecto do parque e a nova ponte peonil transfronteiriza da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

A delegación pontevedresa foi a Madrid a poñer sobre a mesa o proxecto, explicando que se trata dunha iniciativa que creará unha ‘euroárea’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista no punto máis estreito do Miño que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.

A receptividade por parte de Hugo Morán foi grande e dende o inicio comprometeuse a liderar e coordinar no goberno español unha reunión cos diferentes Ministerios e departamentos que poderían estar implicados no proxecto, tanto dende o punto de vista das relacións internacionais (Exteriores), da cohesión territorial e reto demográfico (MITECO), como da mobilidade (MITMA) -por promover desprazamentos activos-. A partir de aí a intención de Morán será propoñer unha iniciativa multidepartamental conxunta dende o goberno español ao goberno portugués.

En canto ao posible financiamento da proposta, Morán salientou que dado que na actual lexislatura o Goberno español creou a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico co obxectivo de desenvolver a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal, o proxecto do parque e a ponte da Amizade “encaixa” nos investimentos dese ámbito. Ademais, apuntou o secretario de Estado, poderíanse buscar tamén fontes de cofinanciamento nos outros ministerios implicados.

Ante esta resposta tan positiva, a representación española en Madrid, manifestou a súa grande satisfacción. A presidenta Carmela Silva confiou no futuro do proxecto e lembrou que naceu do mundo local transfronteirizo  “coa grande ambición” de unir a dous pobos veciños a través do Miño. Destacou que o territorio ten grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que une, e unha economía moi potente “pola que temos que seguir a traballar para construír futuro”.

Pola súa parte, o deputado Uxío Benítez manifestou que a reunión de onte supón un paso adiante para que o parque e a ponte sexan “unha realidade” e non só un desexo. Lembrou que a Deputación e o AECT seguirán traballando e buscando maneiras para garantir paso a paso a súa viabilidade a pesares da dificultade dun proxecto de tanto alcance que precisa unha tramitación conxunta por parte de dous estados.

Finalmente, a alcaldesa de Tomiño Sandra González subliñou a súa ledicia pola boa acollida por parte de Morán. A nacionalista lembrou que pola parte portuguesa a ministra Ana Abrounhosa xa se comprometera  dúas veces na eurocidade Tomiño-Cerveira a sacar adiante este proxecto porque era “sen dúbida estratéxico, simbólico e singular”. Indicou que “agora na parte do Estado Española xa conseguimos un interlocutor, unha persoa que lidere o procedemento, o que é moi positivo e moi satisfactorio”, dixo, aínda que recoñeceu tamén que o procedemento ata a construción do parque e da ponte da Amizade será complexo porque precisará dun convenio internacional.

O Pleno das Neves da o visto bo ao estudo sobre a viabilidade da municipalización do servizo de limpeza de edificios

0

O Pleno das Neves deu o seu visto bo, este martes, á aprobación inicial do estudo de custos sobre a viabilidade da asunción directa, por parte do Concello, do servizo de limpeza dos edificios e dependencias municipais.

Trátase dun paso para coñecer a situación exacta do mesmo que abrangue, ademais da limpeza das dependencias dos inmobles municipais, a do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, as escolas unitarias de Rubiós e Taboexa, a Escola infantil e o Centro de día.

O estudo, unha vez rematado, estará exposto públicamente ao público, para que todas as veciñas e veciños que o desexen poidan consultalo.

A anáise do balance e custos económicos, comparando a xestión privada coa prestación pública do mesmo, permitirá decidir sobre a posible remunicipalización deste servizo, que dende hai máis de dúas décadas presta unha empresa concesionaria.

O Concello municipalizou a principios de ano a recollida de envases plásticos. Este pasado 1 de xaneiro de 2022 o Concello das Neves asumiu directamente a xestión do servizo de recollida de envases plástico, que ata agora prestaba a empresa privada Urbaser.

Así, comezou a recoller os envases con persoal e medios propios, o cal, entende o Goberno local, redundará nunha maior eficiencia do servizo e, no eido económico, tamén beneficiará ás veciñas e veciños, facilitando a mellora do mesmo, ao quedar o beneficio da empresa privada nas arcas municipais.

Hai que salientar que nos últimos anos a dotación de contedores, a mellora das frecuencias, a concienciación e o Plan Revitaliza triplicaron as toneladas de envases recollidas. En cifras, no ano 2015 foron 15 toneladas, mentres que no 2021 o total achegouse ás 55 toneladas de envases plásticos.

O Concello de Tui congratúlase pola certificación oficial do Camiño Portugués pola Costa ata Valença

O Goberno de Portugal publicou no día de onte o decreto que certifica, ou oficializa o Camiño Portugués da Costa, unha ruta xacobea que remata na cidade irmá de Valença, recoñecendo a importancia “histórica e cultural” deste Camiño de Santiago, nunha decisión asinada conxuntamente polas secretarias de Estado do Turismo, Rita Marques, e Adxunta e do Patrimonio Cultural, Ângela Ferreira.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, congratúlase desta decisión que afecta moi positivamente á Eurocidade Tui – Valença. En primeiro lugar, pois acredita o importante traballo realizado pola Cámara Municipal de Valença  coa entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal, na valorización do paso do Camiño Portugués de Santiago da Costa por Valença.

En segundo lugar, porque esta decisión recoñece que historicamente as rutas de peregrinación en Portugal confluían en Valença e tiveron ao longo dos séculos e continúan na actualidade tendo en Tui a porta de entrada a Galicia. Un elemento consustancial ao Camiño de Santiago é a súa historicidade, sinala Enrique Cabaleiro, esta decisión do goberno portugués incide neste aspecto garantindo aos peregrinos as rutas que responden a unha tradición secular.

Segundo a normativa onte publicada “Com 138 km de extensão, o Caminho Português de Santiago — Caminho da Costa atravessa os municípios de Porto, Matosinhos, Maia, Vila do Conde, Póvoa do Varzim, Esposende, Viana do Castelo, Caminha, Vila Nova de Cerveira e Valença”. Esta certificación ven a “reconhecer e preservar o património cultural e natural associado ao Caminho de Santiago e assegurar os serviços de apoio adequados aos peregrinos.”

Enrique Cabaleiro asegura que esta decisión publicada onte ven reforzar o papel central que a Eurocidade Valença – Tui ocupa nas rutas de peregrinación xacobeas de Portugal, e supón unha nova oportunidade para a nosa cidade e un novo reto para continuar mellorando a calidade da oferta de acollida en Tui a todos os peregrinos. A próxima creación do Centro Cárcere Vello, de acollida a turistas e peregrinos será un elemento de capital importancia neste traballo de afondar na oferta cultural e turística de Tui para os milleiros de peregrinos que anualmente percorren as rúas e camiños de Tui.

Nigrán inicia a rehabilitación de sete lavadoiros municipais

0

O Concello de Nigrán rematará ao longo das vindeiras semanas as obras para rehabilitar, conservar e consolidar sete lavadoiros municipais de Camos, Parada, Priegue e Panxón cun investimento de 100.430 € a cargo do Plan Concellos 2020. Actualmente estase a tramitar xa un segundo plan para chegar a máis lavadoiros públicos.

O obxectivo é por en valor este patrimonio que, debido a engadidos moi posteriores a base de materiais como formigón ou bloques, presentaba unha imaxe de conxunto desvirtuada e carente de interese. Os traballos foron adxudicados á empresa Rocas Graníticas del Condado ao presentar á mellor oferta económica.

“Intervimos naqueles lavadoiros que si son de titularidade municipal para harmonizar a súa imaxe de conxunto e devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Compre sinalar que, aínda que de xeito xa máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, indica o alcalde, Juan González, quen subliña que as obras se demoraron máis do previsto ao ser preciso obter a autorización previa de Patrimonio.

En concreto, o Concello intervirá nos lavadoiros de A Cruz, Suapena e Rial (Camos), Cabaleiro (Parada), Mestra Emérita e Alborés Pequeño (Priegue) e San Xoan (Panxón). O proxecto, asinado polo arquitecto nigranés Severo Fernández, contempla limpar e restaurar manualmente a cantería existente de todos eles (sen empregar máquinas hidrolimpiadoras ) e eliminar e desmontar todos os elementos construtivos alleos ao lavadoiro orixinal. Asi, nos sete lavadoiros se eliminarán as respectivas cubertas de formigón e cimentos porque non son orixinais do conxunto e lles restan valor para, a súa vez, construír novas cubertas a dúas augas (ou segundo a situación e tipoloxía) que serán de tella curva sobre listóns de pino e apoiadas sobre unha estrutura tamén de madeira. Este cambio, que conta coa autorización de Patrimonio, creará unha envolvente máis lixeira que contribuirá a por en valor o propio lavadoiro.

A maiores, no caso dos que teñen actualmente plaquetas ou muretes de formigón ou bloques, estes serán substituídos por granito e se eliminarán as pintadas ou graffitis se os hai, ademais de dotar a todas as contornas dos lavadoiros de puntos de luz.

Fontes municipais

O Concello levou a cabo anteriormente un plan para a mellora das fontes municipais cun investimento de 18.500 € que permitiu rehabilitar e por en valor unha decena delas. Así, os traballos comprenderon aos mananciais de Casanova, Preáns, Pulga e Lodeiro na parroquia de Parada; Pedrosa, Currelo e Medoñas en Priegue; Ouro e Barranco en Nigrán; e, finalmente, Xesteira en San Pedro. Anteriormente, no 2017, interviuse noutras oito e o obxectivo do goberno local é chegar ao 100%.

AFAGA e O Porriño traballan da man para mellorar a atención ás persoas con Alzheimer

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Terceira Idade, Rosario Costas, mantiveron esta semana unha xuntanza coa a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (AFAGA) para coñecer as súas propostas e necesidades, así como para amosar o apoio do Concello do Porriño ao labor que desenvolven.

O presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, e os representantes municipais valoraron iniciativas para poñer en marcha no Porriño que ampliarían notablemente a atención que se presta aos enfermos e ás súas familias, que na actualidade se limita á que poden dispensar na Unidade de Atención Diurna Especializada que teñen no municipio. Este centro, que se rixe mediante convenio coa Xunta de Galicia, atende a 22 usuarios, todos eles persoas maiores con demencia tipo Alzheimer.

“Para poder loitar contra esta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos que a padecen e das súas familias é moi necesaria a implicación de todos”, apuntou o rexedor, “Estamos ademais nun momento complicado para as persoas con demencia, e en xeral para as persoas maiores, xa que as medidas de distanciamento social en moitos casos aceleraron o proceso de deterioro cognitivo e funcional, ademais de aumentar a sobrecarga que padecen as familias. Por iso é máis necesario que nunca intervir e dende o Concello traballaremos da man con AFAGA para facelo”.

Concello e Afaga traballan xa na posta en marcha en varias iniciativas no municipio dirixidas por unha banda á prevención da demencia e promoción de hábitos saudables para o envellecemento activo, e por outra, a prestar atención ás persoas diagnosticadas e ás súas familias.

Tras a que foi a primeira xuntanza de traballo entre ambas entidades, os representantes municipais agradeceron visitaron aos usuarios e usarias do centro de atención, agradeceron ao persoal do mesmo o labor que desenvolven e animáronos a seguir traballando con entusiasmo. “Un entusiasmo que compartimos e que nos axudará a dar unha resposta máis ampla e eficaz ás persoas con demencia e ás súas familias”, concluiu o rexedor.

Aberta a inscrición para os cursos de autodefensa, cociña vegana e tempo libre organizados polo Concello de Tomiño

0

Autodefensa feminista, iniciación á cociña vegana e monitor/a de tempo libre son tres das novas propostas da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) de Tomiño, dirixidas á mocidade.

As tres actividades formativas terán lugar en marzo deste ano e xa está aberto o prazo inscrición en www.tomino.gal. O “curso de autodefensa feminista”, concibido como unha acción para a protección contra a violencia de xénero, comezará o día 4 de marzo e rematará o 28 de maio, todos os venres, de 17.00 a 18.30h ou sábados de 10.30 a 12.00h. A idade mínima para participar é 12 anos e o prezo da actividade é de 10 euros.

O “Obradoiro de iniciación á cociña vegana sen glute” impartirase online co fin de aprender a elaborar comidas veganas sen glute con materias primas como tofu, tempeh, etc. obtendo ao final un receitario saudable e equilibrado. A data de inicio  é o 8 de marzo e a de remate o 29 do mesmo mes. As clases serán os martes de 18 a 19.30h, pudendo participar persoas a partires de  14 anos, e cun prezo de 15 euros.

Por último, o “Curso oficial de monitor de tempo libre” ten a finalidade de que persoas maiores de idade consigan a titulación homologada pola Xunta de Galicia e, deste xeito, poder traballar en campamentos, ludotecas, empresas de lecer, concellos etc.

A data de inicio é o sábado 5 de marzo e a de remate o 10 de abril. Impartirase de modo presencial na Escola Obradoiro de Goián, os sábados e domingos  comprendidos entre o 5 de marzo e o 9 de abril, de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30h. E de forma online os días 3, 4, 11, 18, 25 e 31 de marzo, e 1, 8 e 10 de abril.

A idade mínima para poder participar é 18 anos, e o nivel de estudos, graduado escolar, ESO ou equivalente. Prezo: 196€ por persoa se son cubertas todas as prazas. Duración: 350h das cales 150h son prácticas.

A concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, explica que a programación da OMIX baséase nas preferencias dos propios mozos e mozas da vila, de forma de responder ás súas necesidades de formación e preparación para inserirse no mercado laboral.

O Concello de Ponteareas convoca a IV edición do Concurso de Poemas Ilustrados para Rosalía de Castro

O Concello de Ponteareas convoca a IV edición do Concurso de Poemas Ilustrados para Rosalía de Castro dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria dos centros de ensino do municipio. Con este premio, a concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba “quere potenciar a creatividade e o coñecemento da obra da poeta entre os pequenos e pequenas do concello”.

Os rapaces e rapazas que queiran participar deberán ilustrar poemas de Rosalía de Castro coas técnicas de debuxo que prefiran: collage, acuarela ou similares. Presentarán o resultado final nunha cartolina de tamaño A4 que deberá ir acompañada dun sobre facilitado polo Departamento de Cultura. Dentro deste, inclúese unha ficha na que se fará constar o nome e apelidos da alumna ou alumno, título da obra, nome e apelido do/da pai/ nai/ titor/a legal e teléfono de contacto. Os traballo serán asinados cun pseudónimo.

O persoal do Departamento de Cultura ou da Biblioteca Municipal recollerá as obras nos centros de ensino o vindeiro luns 21 de febreiro. 

Os debuxos que acaden os catro primeiros premios ocuparán as páxinas principais do calendario escolar que cada ano edita o Concello de Ponteareas. Ademais, cada mes ira acompañado do debuxo dun ou dunha alumna “para dar visibilidade ao esforzo e arte dos nenos e nenas do noso concello”.

A Xunta inicia as obras na cuberta do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela

0

A Xunta iniciou as obras na cuberta do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela. Actualmente as instalacións presentaban deficiencias que afectan ao seu illamento polo que era preciso a súa substitución. O orzamento para executar esta actuación é de 480.000 euros.

O prazo para a execución desta obra será de catro meses. Trátase dun inmoble de grandes dimensións que conta cunha altura de baixo e tres plantas. Ademais de substituír o material das cubertas e os caleiros que rodean as instalacións, farase unha impermeabilización da terraza sita na zona sur.

No ámbito da discapacidade, ademais das obras que se van executar nas instalacións de Redondela, están proxectados traballos de mellora nos CAPD da Coruña e tamén no de Sarria, cun investimento total de preto de catro millóns de euros.

Luis Piña visita as obras de reforma do alumeado público de Achas

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, visitou onte as obras na parroquia do Achas que, xunto coas xa rematadas en Valeixe, O Couto e Parada o pasado ano e as de A Cañiza, Oroso e Petán que se desenvolverán neste 2022, completan a reforma integral do alumeado público da Cañiza. A única reforma integral desenvolvida no alumeado público dende que se instalara este servizo  hai máis de medio século.

A obra de Achas contempla a substitución de 449 luminarias  de 35W  e 57 luminarias de 55W e o tendido de 7,7 km de cable novo. Tamén o cambio de  19 soportes que estaban en mal estado e a instalación de 16 novos cadros eléctricos que agora se adaptan á regulamentación vixente. Ademáis, na contorna de O Cotosobreiro e da Tafona se colocarán dúas novas luminarias de color bronce.

Unhas obras que se están desenvolvendo nestes días e que, en palabras do rexedor, “contribuirán a reducir a factura da luz e polo tanto aumentar o aforro económico considerando que o Concello ten que asumir o pago de máis de 100 contadores eléctricos en todo o término municipal”.

Esta renovación integral, sen precedentes no concello, dota dunha moderna instalación eléctrica á parroquia, co cambio de todas as luminarias a LED de última xeración. Unha luz branca máis luminosa e menos contaminante que repercutirá no aforro dos consumos enerxéticos, cumplindo así cos obxectivos do Pacto Verde da Unión Europea de reducir a contaminación.

O proxecto tamén contempla o cambio do tipo de facturación, xa que se eliminarán todos os puntos que ata agora se facturaban en alzado. Actualmente solo existen 2 contadores de luz, un no Freixo e outro en Randufe. Esto significa que todo o alumeado da parroquia factúrase en tipo Alzado, que se traduce nun maior coste do consumo enerxético  e penalizacións nas facturas. A colocación dos novos contadores permitirá acadar un importantísimo aforro, conseguindo reducir a factura mensual en máis do 50%.

As obras foron subvencionadas ao 100% con fondos do Goberno de España, a través do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético, que aporta o 80% do total cunha axuda de 222.276,04 € e da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2020 Liña 1, que subvenciona o 20% restante cunha aportación de 55.569,01 €.

Como xa comentou Luis Piña en abril de 2021, cando se iniciaron estas obras na parroquia de Valeixe “esta necesaria e ambiciosa reforma de todo o alumeado público do Concello, está permitindo substituir a deteriorada, desfasada e cara instalación existente por unha moderna e eficiente, cunha calificación enerxética «A» que cumple con todos os requerimentos de iluminación, calidade e confort visual regulamentarios”.

As axudas do IDAE xa permitiron o cambio de todas as luminarias de Valeixe, Couto, Parada e a colocación de 21 novas farolas no entorno do Santuario da Franqueira. Un total de 1.548 luminarias sustituidas ademáis da colocación de 44 novos cadros de contadores, 67 novas columnas de apoio e instalación de 23 km de novo cable eléctrico.

A Deputación anuncia que realizará novos pases do microteatro ‘Un biolo na noite’ ante o éxitoda estrea onte no Pazo Provincial

“Achegar a memoria histórica á xente moza é un desafío e o premio de microteatro da memoria é unha grande ferramenta”. Así o asegurou onte a deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, no acto celebrado no Pazo Provincial que xuntou a estrea da peza ‘Un biolo na noite’, gañadora da primeira edición do certame organizado pola Deputación e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), e a entrega do segundo galardón a Sara Rey pola obra ‘A patente do sol’.

A deputada María Ortega comezou a súa intervención anunciando que a Deputación traballará para realizar novos pases das representacións debido ao éxito de público, xa que foron moitas as persoas que quedaron en lista de agarda para asistir ao evento desta tarde.

A nacionalista subliñou que “achegar a xente moza á memoria histórica é un desafío” e que é preciso avanzar dende as institucións comprometidas e apostar por un diálogo interxeracional que permita un maior coñecemento e implicación fronte á escasa formación que se imparte nos centros de estudo con respecto ao golpe, a guerra, a represión, e a transición.

Puxo en valor o traballo da Deputación e da ESADg, e amosou a súa satisfacción pola resposta e a implicación que a xuventude ten amosado co Premio de Microteatro de Memoria. “Podo dicir que o acto de hoxe, resultado das dúas edicións do Premio ás que se presentaron ducias de persoas mozas que se documentaron historicamente para escribir os seus textos, é unha mostra de que moita xente nova está a espertar na memoria histórica”, dixo.

Así, deu os parabéns a Ana Abad de Larriva, autora de ‘Un biolo na noite’, gañadora da primeira edición do certame, “que é unha peza que recolle perfectamente o discurso da memoria dende a perspectiva de xénero, de clase e de país”; e a Sara Rey Seoane, gañadora da segunda edición, da que o xurado destacou a calidade da peza ‘A patente do sol’ pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente e a súa viabilidade escénica.

Imaxe de Rafa Estévez ©

Pola súa banda o director da ESADg, Roberto Relova, agradeceu o esforzo da Deputación e a conxunción de forzas coa Escola de Arte Dramática. Destacou a importancia da memoria histórica na xente moza e subliñou que persoas tan mozas estean “tan preparadas para asumir este proceso e esta información”. Hai que poñer en valor, asegurou, que “dende a arte se faga unha reflexión e un coñecemento crítico da realidade”.  

O acto de estrea e entrega do Premio de Microteatro celebrouse no Pazo Provincial coa capacidade máxima de pública permitida e contou coa intervención musical de Marcelo Dobode.

As obras de Ana Abad e Sara Rey

‘Un biolo na noite’ estivo dirixida por Natalia Feijoo e interpretada por Mariña Lestón e Álvaro Lourido. A peza está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos-  viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, onde morreu enfermo de tuberculose e onde tivo tamén que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias. 

O eixo central pretende poñer en valor a figura de María, quen percorría os montes para irlle buscar as menciñasao fillo e vendía roscas na feira para poder mantelo. “Unha homenaxe escénica poética, libre, a unha muller que, como tantas, atravesou a noite en silencio para abrir un biolo no medio da escuridade”, en palabras da autora, Ana Abad, quen se amosou tremendamente emocionada de ver representada a súa creación por vez primeira.

Segundo o xurado que a seleccionou como mellor obra das que se presentaron a concurso en 2021, era de destacar “o artellamento espacial, vencellando as atmosferas do monte e a natureza coa intriga dramatúrxica e os personaxes nun diálogo áxil e profundo; a sensibilidade e empatía na temática da rede de apoio e afectos que foron as mulleres galegas na guerra e na posguerra, salientando a importancia das súas accións cotiás e subversivas á vez; e o emprego dos recursos teatrais que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”.

Pola súa parte, a directora de escena e dramaturga Sara Rey recibiu o  ‘II Premio de Microteatro da Memoria’ pola peza ‘A patente do sol’, 500 euros e dous agasallos institucionais. Destaca por un aspecto histórico descoñecido: falar da epidemia da polio, así como as marcas físicas da posguerra desde a perspectiva da poboación civil. Segundo a propia autora, trátase dunha peza de “autoficción” posto que xurde a raíz da reflexión sobre as secuelas da enfermidade que tivera o seu pai cando era cativo e da análise da xestión da epidemia durante a ditadura, que non prestou atención ás persoas enfermas”.

O Concello da Guarda inicia a poda e revisión de especies arbóreas en parques públicos do municipio

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Medio Ambiente,  ven de iniciar os traballos de poda e revisión das especies arbóreas existentes nos diferentes parques públicos do municipio.

Dende este mesmo mércores os operarios iniciaron estes traballos no Parque do Cancelón, máis coñecido coma “O Montiño”, no acceso ao Monte de Santa Trega, onde se están revisando os diferentes árbores deste parque e procedendo á súa poda, atopando algúns parcialmente secos ou enfermos, polo que é preciso realizar estas tarefas para garantir a seguridade dos veciños e visitantes que empregan este espazo.

Nos vindeiros días continuarán os traballos de poda e revisión de especies arbóreas noutros parques públicos do municipio coma nos xardíns do Centro Cultural, no Castelo de Santa Cruz, entre outros.

Nova cita coa Mostra de Produtos de Covelo este sábado día 5

0

O Concello de Covelo convida á cidadanía a gozar un sábado máis da Mostra de Produtos de Covelo. A mostra, que se celebrará este sábado día 5 de 10 a 14 horas, aséntase na axenda da veciñanza da área metropolitana que, cada primeiro sábado de mes, visita a vila para mercar produtos de primeira calidade e gozar da gastronomía local.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, informa que, por mor das obras de humanización da praza Mestre Cerviño e contorna, a mostra ubicarase na travesía de Vigo, nas inmediacións do centro de saúde e do lavadoiro.

Artesanía, agricultura ecolóxica, xoiería, moda, produtos de beleza, pulpeiro, voluntariado social e música son algunhas das propostas que atraen mensualmente á veciñanza local e multitude de persoas dos concellos veciños que optan por pasar o resto do día percorrendo algún dos diferentes roteiros de sendeirismo, visitando a rectoral de Barcia de Mera, o Museo Pazo da Cruz, paseando pola praia fluvial de Maceira ou gozando das vistas do miradoiro do Castelo do Faro.

“A Mostra de Produtos de Covelo facilita un espazo no que clientes e produtores da zona poden coñecerse pero ademais promove un encontro no que socializar e gozar do tempo de lecer. A maioría das persoas aproveitan para coñecer o noso concello e degustar a gastronomía local na que non faltan boas carnes e receitas tradicionais, tendo tamén ocasión de probar pratos máis novidosos na hostalaría das rectorais ou da aldea Lugar dos Devas”.

Na páxina web do concello pódense atopar todos os atractivos turísticos locais: http://www.concellodecovelo.es/?sec=25.

O Rosal realizará unha importante reforma no pavillón municipal para facelo máis accesible

0

O Concello continúa traballando para converter O Rosal nun municipio máis inclusivo e accesible en todos os eidos. O Goberno local aprobará este xoves 3 (20.30 h) en pleno unha modificación de crédito para continuar coas obras de renovación do pavillón municipal. Tras a mellora dos vestiarios locais e o cambio de chan para que usuarios e usuarias puideran practicar deporte de xeito seguro, O Rosal acometerá agora unha importante reforma do pavillón que incluirá a instalación dun ascensor que mellore as condicións de accesibilidade. “A través do proxecto Cocreando Sociedade no Rosal ratificamos o noso compromiso pola inclusión e a mobilidade e por facer accesibles progresivamente todas aquelas dependencias municipais que hoxe en día aínda non o son”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Estas obras permitirán mellorar as condicións de accesibilidade entre a planta baixa do pavillón, onde están situados os accesos e os servizos, e a planta alta, onde se atopan as gradas e a cantina. A reforma interior tamén inclúe a mellora dos vestiarios visitantes, os baños públicos e a zona de árbitros e permitirá “reorganizar os diferentes espazos existentes, modernizándoos e adaptándoo ás novas necesidades”.

“Queremos unhas instalacións aptas para persoas usuarias con diferentes tipos de mobilidade con percorridos completamente accesibles que nos permitan mellorar non só o acceso ao público, senón tamén pensar en dar un paso máis alá e abrir a porta a acoller actividades de deporte adaptado”, salienta a rexedora. A reforma plantexa tamén unha rampla e unha plataforma horizontal que garanta o acceso ao interior do pavillón.

Este proxecto de mellora levaranse a cabo a través dun convenio de colaboración ente o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que financiará o 60% da reforma. Na actualidade o pavillón conta cunha alta actividade deportiva e é sede do club de balonmán Acanor Novás Valinox, ao que o Concello quere agradecer a súa colaboración e disposición para seguir mellorando as instalacións municipais.

A Xunta adxudica as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, en Mos

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, no concello de Mos.

Este contrato foi adxudicado á empresa Vázquez y Reino, S.L., por un importe de 356.000 euros. As obras contan cun prazo de execución de 4 meses.

Mediante esta colaboración dáse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local.

Deste xeito, a Xunta asume o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento da parroquia de Pereiras, que serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

As obras obxecto do contrato

O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais á depuradora de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a rede de saneamento en zona norte e sur, quedando pendente de completar toda a área norte e parte da sur non executada.

Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as actuacións que se levarán a cabo para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiranse en dúas zonas.

Na zona norte proxéctase un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos.

Na zona sur, completarase a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos.

Os traballos completaranse coa reposición dos firmes das vías que resulten afectadas.

Unha vez recibidas as obras polo Concello, o Consorcio do Louro asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.

Coa mellora proxectada servirase unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Nesta liña o departamento que preside Ethel Vázquez, segue a traballar no obxectivo de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.

O Concello de Nigrán pranta 175 novos arbustos na contorna do Centro da Terceira Idade de A Ramallosa

0

O Concello de Nigrán, a través da empresa concesionaria Aqualia, repuxo esta semana con 175 aligustres toda a zona axardinada que delimita o carril-bici na contorna do Centro da Terceira Idade de A Ramallosa.

Este espazo estivo en obras o ano pasado para completar a renovación da tubaxe de impulsión e evitar calquera posible verquido cara A Foz, motivo polo que agora foi preciso substituír todo o tramo de terra con novos arbustos.

Esta especie, que mide aproximadamente dous metros de altura, resulta a máis axeitada para alí porque é perenne e crece tanto en pleno sol como á sombra, mentras que as flores teñen unha tonalidade branca e desprenden un cheiro agradable.

Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso

O Concello de Ponteareas recuperará a Casa Cultural de Couso, un edificio de importancia para o barrio de Guláns que actualmente está en moi mal estado, xa que é moi antigo, do ano 1950, para que a veciñanza poida volver gozar del. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, destaca que con esta intervención “volveremos dar vida a un espazo histórico para Couso” cunha recuperación que, “ademais de arranxar os seus problemas estruturais, tamén mellora en gran medida a eficiencia enerxética co fin de reducir o consumo e a súa pegada de carbono”.

O edil de Cultura, Fernando Groba, tamén quere destacar “a importancia que ten esta intervención para a cultura de Ponteareas en xeral, e para a de Couso en particular”, xa que, cando se remate a recuperación do edificio as entidades culturais terán un novo lugar, “accesible, cómodo e moderno, onde poder facer e gozar da cultura”.

O Concello destinará máis de 150.000 euros á recuperación da Casa Cultural, dos cales 78.529 euros serán fondos propios e 73.302 euros dunha subvención do Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos FEDER.

A recuperación porá fin ao mal estado do edificio no que os elementos estruturais de forxados e cuberta presentan un mal estado de conservación, o que provoca que na actualidade estea apuntalado para que non se derrube. A intervención corrixirá todos os problemas estruturais e tamén dotará ao espazo dunha nova cuberta, dunha nova escaleira interior entre a planta baixa e o primeiro andar, de dous aseos, un accesible a adaptado para persoas con mobilidade reducida, ao tempo que se colocan novas instalacións de fontanaría, saneamento, electricidade, iluminación e calefacción. A Casa Cultural de Couso é un edificio con historia que presenta os elementos característicos da arquitectura rexionalista do suroeste galego, como o encintado decorativo da fábrica de pedra en relevo rematado con pintura en cor branca. Na intervención preservarase o seu valor patrimonial para que os veciños e veciñas poidan gozar da súa Casa Cultural “como fixeron os nosos avós e avoas”, conclúe o concelleiro.

A alcaldesa acompañada da deputada Leticia Gallego, reivindica en Chapela a “urxencia” de construír unha escola infantil

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada da deputada do Grupo Socialista do Parlamento de Galicia, Leticia Gallego, visitou na mañá de hoxe os terreos da finca da Ginaria, en Chapela, postos a disposición da Xunta de Galicia para a construción dunha escola infantil para a parroquia.

Leticia Gallego lembrou que o Grupo Socialista presentou unha emenda aos orzamentos “para que se contemplase a construción desta Escola Infantil en Chapela, emenda que a Xunta rexeitou” unha postura que, segundo a deputada socialista “non fai máis que reafirmar o esquecemento en que o Goberno galego ten ao municipio de Redondela”.

Gallego lembrou que nos Orzamento 2022 “non hai ningunha partida destinada para Redondela”. A deputada aconsellou ao Goberno galego que “dos 34 millóns de euros que lle vai dar o Goberno de España para escola infantís, inclúa a de Chapela” e chamou a atención sobre o feito de que, ata o de agora, todas as mocións presentadas sobre temas relativos a Redondela “foron sistemáticamente rexeitadas polo Goberno galego” poñendo como exemplos a Avenida de Mendiño “competencia exclusiva da Xunta” ou as melloras no CEI Santa Mariña.

Digna Rivas agradeceu o “traballo e implicación” de Leticia Gallego con Redondela “cousa que lamentablemente non podemos dicir doutros que son parlamentarios e redondeláns como o sr Pazos quen, en lugar de reivindicar unha demanda veciñal como é esta escola, bótalle a culpa ao Concello a sabendas da falsidades desas afirmacións”.

A alcaldesa lamentou que o Goberno da Xunta “so mire as cores políticas e non os dereitos das veciñas e veciños” mentres ten a Redondela “no máis absoluto dos abandonos porque non é da súa cor”.

“Como alcaldesa –afirmou Digna Rivas– teño o deber de reivindicar sempre e diante de quen sexa, tanto se é a Xunta de Galicia como a Deputación de Pontevedra ou o Goberno de España, os dereitos dos veciños e veciñas de Redondela”.

A rexedora local lembrou que a escola infantil de Chapela era, en maio de 2019, “unha promesa electoral do PP que, afirmaban, ‘xa estaba feita’ cando o certo e que todos os trámites estaban por facer, incluíndo a modificación das normas subsidiarias para cambiar o uso dos terreos”. Pese a estar todos os trámites sin realizar por parte do Concello, engade Digna Rivas “si que estaban dispostos a facer un ‘convenio express’, e agora, que toda a documentación está en regra, non hai o máis mínimo interese de facer esta instalación imprescindible para a veciñanza de Chapela”.

“Se en maio do 2019, estaba ‘todo disposto’ para facer a escola e daquela non había impedimento, Cal é o problema agora que o Concello si que ten todos os trámites realizados?” pregunta a rexedora local quen asegura que, neste momento, “á Xunta acabáronselle as escusas” e considera “unha curiosa coincidencia” o feito de que temas longamente reivindicados por Redondela como a Avenida Mendiño, o Bacharelato de Artes ou a mellora do CEP Santa Mariña, todos eles pendentes, sexan competencia do Goberno galego.

“Os deberes están feitos”, afirmou con rotundidade Digna Rivas quen subliñou que así o avalan os informes técnicos do Concello de Redondela e lembrou que o 16 de marzo do 2021, a Xunta aprobou definitivamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias enviada polo Concello de Redondela –logo da súa publicación no DOG, BOPPO e a inscrición no Rexistro de Planeamento de Galicia– “para cambiar o uso dos terreos a fin de permitir a instalación da Escola Infantil”.

É dicir, que o Concello de Redondela, dende marzo deste ano, cumpriu cos trámites administrativos necesarios para que os terreos cumpran as condicións urbanísticas que permitan a construción desta infraestrutura educativa que o Goberno socialista redondelán considera “imprescindible e innegociable”.

Lamentablemente, conclúe Digna Rivas, “unha vez máis demóstrase que o anuncio feito en vésperas electorais de que «no ano 2019 poidan iniciarse as obras de construción da escola infantil» foi tan só un intento de enganar a veciñanza xa que, por non existir, non había nin proxecto nin cambio de uso dos terreos”.

Concentración en Arbo da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta

0

Mañá xoves, 3 de febreiro, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e A Paradanta realizará unha nova concentración. Esta será a primeira vez que a plataforma fai unha concentración no concello de Arbo e está convocada para as oito da tarde na Praza do Concello.

Con esta concentración, a Plataforma quere facer notar as carencias en cuestión de sanidade pública dos concellos do rural. Unhas carencias que favorecen aínda máis o proceso de despoboación destas zonas que dende a Xunta de Galicia din combater.

No caso de Arbo, aínda que neste momento o centro de saúde conta con todo o persoal, a pediatría está sobrecargada ao ter que atender a rapazas e rapaces de catro concellos: Arbo, Crecente, A Cañiza e As Neves. Isto débese a que non se están a cubrir as baixas do persoal sanitario, o que leva a unha sobrecarga de traballo nunha única pediatra que non é sostible no tempo. Unha sobrecarga de traballo que ademais de ser prexudicial para os profesionais e necesariamente empeorar o servizo, pode levar en calquera momento ao colapso da atención sanitaria ás menores na zona.

Outra cuestión a ter en conta é a deficiencia de servizo de ambulancias. Neste momento Arbo soamente conta con unha unidade 12 horas ao día. Para todo o Condado, a maiores da de Arbo, soamente hai unha unidade as 24 horas na Cañiza e dúas unidades as 24 horas en Ponteareas. É dicir, que para unha poboación entre as dúas comarcas de preto de 54.000 habitantes soamente hai dispoñibles tres ou catro ambulancias dependendo da hora do día, o que deixa o servizo nunha situación como mínimo precaria.

Por iso unha vez máis dende a Plataforma en Defensa da Sanidade do Condado e A Paradanta queremos facer un chamamento á poboación das dúas comarcas a acudir á concentración deste xoves en Arbo. Cantas máis sexamos máis difícil terán o facer que non nos ven. Defendamos a sanidade pública.

Nigrán inviste na instalación de dúas novas cubertas no CEIP Carlos Casares

0

O Concello de Nigrán ven de investir 17.714 € na construción e montaxe de dúas cubertas no CEIP Carlos Casares de Vilariño cumprindo así cunha petición de toda a comunidade educativa. Ambas estruturas está fabricada en policarbonato translúcido e perfís metálicos e contan cunhas dimensóns de 8×8 metros que teitan por completo cadanseu patio aberto en fachada, de xeito que agora forman un gran soportal para que os nenos poidan xogar fora nos días de choiva.

“Grazas a estas cubertas o alumnado gaña dous novos lugares de esparexemento exterior para cando chove, algo que xa de por si é beneficioso pero que coa realidade Covid-19 cobra especial importancia”, destaca o alcalde, Juan González.

Neste mesmo curso escolar o Concello de Nigrán, coa colaboración da ANPA, investíu 5.000 € na dotación dun aseo adaptado para crianzas unha das aulas de Infantil do centro educativo. Isto supuxo a transformación dun pequeno almacén nun WC anexo á propia clase, o que facilita enormemente a labor docente, máximo no primeiro ano, cando moitos nenos todavía están aprendendo a controlar os seus esfínteres.

Igualmente, sigue adiante o proxecto de crear un bosque-escola tanto no CEIP Carlos Casares como no CEIP A Cruz de Camos, centros que están precisamente rodeados de monte que se gañaría para o patio.