10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaMaría Vinyals, Pardo Bazán e Coco Chanel regresan aos xardíns do Castelo...

    María Vinyals, Pardo Bazán e Coco Chanel regresan aos xardíns do Castelo de Soutomaior coas visitas caracterizadas das camelias

    Prazas esgotadas na estrea este sábado desta actividade que percorre os primeiros xardíns de excelencia internacional en camelia do Estado

    Había moitas ganas de observar os magníficos exemplares de camelia no Castelo de Soutomaior que non deixaron a ninguén indiferente. A Deputación de Pontevedra estreou este sábado a segunda edición das visitas caracterizadas ao xardín da fortaleza, nas que tres actrices encarnan a Emilia Pardo Bazán, María Vinyals e Coco Chanel para guiar aos visitantes a gozar da floración da flor emblemática das Rías Baixas. A actividade, á que asistiu a deputada de Truismo, Ana Laura Iglesias, xerou moitísimo interese e esgotáronse todas as prazas dispoñibles para as sesións deste primeiro día.

    As visitas caracterizadas volven despois dun parón en 2020 e 2021, cando a Deputación decidiu suspender a súa celebración por mor da situación sociosanitaria. Co seu regreso, celebraranse un total de 24 sesións, incluídas as de hoxe, todos os domingos de febreiro (a partir do 13) e de marzo. Cada día as visitas divídense en 3 quendas, ás 11:00, ás 12:30 e ás 16:30 horas. O prezo desta actividade é de 8 € xa que inclúe, trala visita aos xardíns (primeiro Xardín de Excelencia Internacional recoñecido pola Sociedade Internacional da Camelia desde 2012 e o máis singular de todo o Estado), a entrada ao interior do Castelo. As entradas pódense adquirir desde a páxina web do Castelo, onde tamén están á venda as visitas guiadas ao prezo de 3 € (esta outra actividade unicamente inclúe o percorrido polos xardíns a cargo de persoal especializado).

    Nas visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior pódense coñecer todas as variedades de camelia plantadas neste xardín de excelencia internacional, onde o público coñece a súa orixe, os coidados necesarios e outras curiosidades arredor da flor. As visitas comezan no punto de inicio da Ruta da Camelia do Castelo e percorren lugares como o estanque, arredor do cal se atopan camelias do século XIX, ou a Fonte da Marquesa, en cuxas proximidades está o exemplar de camelia máis monumental do recinto e tamén a plantación de té.

    Ademais, unha parada obrigada é o Xardín de Camelias con nome de muller, que a Deputación puxo en marcha en 2020 para render homenaxe a mulleres ilustres da historia universal como son María Vinyals, Rosalía de Castro, a Bella Otero, Jane Andersen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega e Jimena Fernández de la Vega (ás que se irán sumando novos tributos a medida que se vaian desenvolvendo cadansúa camelia). Trátase do único xardín de camelias con nome de muller que existe en todo o mundo.

    Con estas actividades arredor da Ruta da Camelia do Castelo de Soutomaior (unha das tres sendas sinalizadas no xardín do Castelo) a Deputación está a darlle un salto cualitativo impulsando un produto turístico que diferencia o noso destino, que esperta grande interese e que ten unha enorme calidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.