25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasConcello e Deputación asinan o convenio que transformará a rúa Trobador Xoán...

    Concello e Deputación asinan o convenio que transformará a rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade

    Saen a licitación as obras, que supoñen un investimento de case un millón de euros, financiados a través do ReacPon e do Plan Concellos da administración provincial

    A transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas está máis preto de converterse en realidade. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este xoves o convenio do ReacPon, que permitirá crear o primeiro camiño escolar seguro da vila ata o CEIP Ramiro Sabell e triplicar o espazo para a veciñanza apostando pola mobilidade segura e sostíbel. As obras suporán un investimento de case un millón de euros, dos que 722.000€ serán achegados a través do ReacPon e outros 240.000€ a través do Plan Concellos.

    “Este proxectos fainos moita ilusión porque levamos moitos anos traballando nel e dentro de pouco será unha realidade. Con el máis de 1500 rapazas e rapaces exercerán o seu dereito a moverse con liberdade e autonomía e xeraremos un hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro”, salientou a rexedora.

    Pola súa banda, a presidenta Carmela Silva destacou o proxecto de Ponteareas, unha iniciativa “fermosa” que “aumenta a seguridade para todos os nenos e nenas, fomentando a autonomía infantil e facilitándolles ter experiencias e aprendizaxes propias”.

    O Concello de Ponteareas xa sacou a licitación a execución das obras, que abranguerán arredor de 1.100 metros e atinxirán á estrada que conecta o centro urbano con parroquias como Fontenla, Arcos, Santiago de Oliveira, Celeiros e Guillade. Tamén se intervirá no tramo da rúa Nardos entre Xoán Trobador e o Paseo Matutino, así como nesta última rúa entre a saúda de Nardos e a entrada a Feliciano Barrera, onde se atopan os institutos Val do Tea e Pedra de Auga.  As persoas e empresas interesadas terán ata o vindeiro 24 de febreiro ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas dixitalmente a través da plataforma de Contratación do Sector Público.

    As actuacións suporán a recuperación para as persoas do tramo situado entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, un treito de 200 metros que a través de beirarrúas moi estreitas conecta a Casa do Concello co Parque Ferro Ucha. Neste tramo a rúa pasará a ser plataforma única para o paseo e a estancia, con abundante arborado e mobiliario urbano, e a circulación de vehículos a motor reducirase a residentes, garaxes e servizos. O resto do percorrido dende o parque Ferro Ucha até o CEIP Ramiro Sabell suporá un novo reparto do espazo público.

    A actuación completarase co acondicionamento dun tramo da rúa Nardos, a carón do parque Ferro Ucha, unindo a estrada de Guillade co Paseo Matutino. Esta rúa unirase ao parque coa eliminación do actual peche e terá carácter peonil con tráfico limitado a autorizados. Para completar a actuación, crearase unha plataforma única de uso compartido entre vehículos e peóns con preferencia peonil no tramo do Paseo Matutino comprendido entre a saída de Nardos e a rúa Feliciano Barrera que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

    Como lembrou Fernández Davila, “esta obra vai transformar de xeito extraordinario unha rúa e unha estrada degradada, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspita, nun espazo público de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”. A rexedora recordou que se trata dun percorrido cun grande uso social, utilizado por centos de persoas para achegarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha e á futura Escola Infantil, ao cemiterio municipal ou a centros privados de ocio e sanitarios situados na zona ou para desprazarse camiñando á vila dende o Barral, Fontenla ou Arcos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.