20.2 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaA alcaldesa acompañada da deputada Leticia Gallego, reivindica en Chapela a “urxencia”...

    A alcaldesa acompañada da deputada Leticia Gallego, reivindica en Chapela a “urxencia” de construír unha escola infantil

    A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada da deputada do Grupo Socialista do Parlamento de Galicia, Leticia Gallego, visitou na mañá de hoxe os terreos da finca da Ginaria, en Chapela, postos a disposición da Xunta de Galicia para a construción dunha escola infantil para a parroquia.

    Leticia Gallego lembrou que o Grupo Socialista presentou unha emenda aos orzamentos “para que se contemplase a construción desta Escola Infantil en Chapela, emenda que a Xunta rexeitou” unha postura que, segundo a deputada socialista “non fai máis que reafirmar o esquecemento en que o Goberno galego ten ao municipio de Redondela”.

    Gallego lembrou que nos Orzamento 2022 “non hai ningunha partida destinada para Redondela”. A deputada aconsellou ao Goberno galego que “dos 34 millóns de euros que lle vai dar o Goberno de España para escola infantís, inclúa a de Chapela” e chamou a atención sobre o feito de que, ata o de agora, todas as mocións presentadas sobre temas relativos a Redondela “foron sistemáticamente rexeitadas polo Goberno galego” poñendo como exemplos a Avenida de Mendiño “competencia exclusiva da Xunta” ou as melloras no CEI Santa Mariña.

    Digna Rivas agradeceu o “traballo e implicación” de Leticia Gallego con Redondela “cousa que lamentablemente non podemos dicir doutros que son parlamentarios e redondeláns como o sr Pazos quen, en lugar de reivindicar unha demanda veciñal como é esta escola, bótalle a culpa ao Concello a sabendas da falsidades desas afirmacións”.

    A alcaldesa lamentou que o Goberno da Xunta “so mire as cores políticas e non os dereitos das veciñas e veciños” mentres ten a Redondela “no máis absoluto dos abandonos porque non é da súa cor”.

    “Como alcaldesa –afirmou Digna Rivas– teño o deber de reivindicar sempre e diante de quen sexa, tanto se é a Xunta de Galicia como a Deputación de Pontevedra ou o Goberno de España, os dereitos dos veciños e veciñas de Redondela”.

    A rexedora local lembrou que a escola infantil de Chapela era, en maio de 2019, “unha promesa electoral do PP que, afirmaban, ‘xa estaba feita’ cando o certo e que todos os trámites estaban por facer, incluíndo a modificación das normas subsidiarias para cambiar o uso dos terreos”. Pese a estar todos os trámites sin realizar por parte do Concello, engade Digna Rivas “si que estaban dispostos a facer un ‘convenio express’, e agora, que toda a documentación está en regra, non hai o máis mínimo interese de facer esta instalación imprescindible para a veciñanza de Chapela”.

    “Se en maio do 2019, estaba ‘todo disposto’ para facer a escola e daquela non había impedimento, Cal é o problema agora que o Concello si que ten todos os trámites realizados?” pregunta a rexedora local quen asegura que, neste momento, “á Xunta acabáronselle as escusas” e considera “unha curiosa coincidencia” o feito de que temas longamente reivindicados por Redondela como a Avenida Mendiño, o Bacharelato de Artes ou a mellora do CEP Santa Mariña, todos eles pendentes, sexan competencia do Goberno galego.

    “Os deberes están feitos”, afirmou con rotundidade Digna Rivas quen subliñou que así o avalan os informes técnicos do Concello de Redondela e lembrou que o 16 de marzo do 2021, a Xunta aprobou definitivamente a modificación puntual das Normas Subsidiarias enviada polo Concello de Redondela –logo da súa publicación no DOG, BOPPO e a inscrición no Rexistro de Planeamento de Galicia– “para cambiar o uso dos terreos a fin de permitir a instalación da Escola Infantil”.

    É dicir, que o Concello de Redondela, dende marzo deste ano, cumpriu cos trámites administrativos necesarios para que os terreos cumpran as condicións urbanísticas que permitan a construción desta infraestrutura educativa que o Goberno socialista redondelán considera “imprescindible e innegociable”.

    Lamentablemente, conclúe Digna Rivas, “unha vez máis demóstrase que o anuncio feito en vésperas electorais de que «no ano 2019 poidan iniciarse as obras de construción da escola infantil» foi tan só un intento de enganar a veciñanza xa que, por non existir, non había nin proxecto nin cambio de uso dos terreos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.