10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO secretario de estado de Medio Ambiente comprométese a liderar a posta...

    O secretario de estado de Medio Ambiente comprométese a liderar a posta en marcha do proxecto do parque e ponte transfronteirizos da Amizade

    Hugo Morán pretende implicar a diferentes áreas do goberno español e formular unha proposta conxunta multidepartamental a Portugal

    O resultado da reunión da presidenta da Deputación Carmela Silva; o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Rio Minho e a alcaldesa de Tomiño en Madrid co secretario de estado de Medio Ambiente Hugo Morán onte en Madrid non puido ser máis satisfactorio: o representante estatal comprometeuse a liderar e coordinar no goberno central a posta en marcha do proxecto do parque e a nova ponte peonil transfronteiriza da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira.

    A delegación pontevedresa foi a Madrid a poñer sobre a mesa o proxecto, explicando que se trata dunha iniciativa que creará unha ‘euroárea’ de 25,6 hectáreas unida por unha nova ponte peonil e ciclista no punto máis estreito do Miño que permitirá un espazo común público, urbano e de lecer que se constituirá no único parque transfronteirizo da Eurorrexión e dos maiores de toda a Europa.

    A receptividade por parte de Hugo Morán foi grande e dende o inicio comprometeuse a liderar e coordinar no goberno español unha reunión cos diferentes Ministerios e departamentos que poderían estar implicados no proxecto, tanto dende o punto de vista das relacións internacionais (Exteriores), da cohesión territorial e reto demográfico (MITECO), como da mobilidade (MITMA) -por promover desprazamentos activos-. A partir de aí a intención de Morán será propoñer unha iniciativa multidepartamental conxunta dende o goberno español ao goberno portugués.

    Morán salientou que na actual lexislatura o Goberno español creou a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico co obxectivo de desenvolver a Estratexia de Cooperación Transfronteiriza entre España e Portugal, en cuxas competencias encaixa o proxecto do parque e a ponte da Amizade.

    Ante esta resposta tan positiva, a representación española en Madrid, manifestou a súa grande satisfacción. A presidenta Carmela Silva confiou no futuro do proxecto e lembrou que naceu do mundo local transfronteirizo “coa grande ambición” de unir a dous pobos veciños a través do Miño. Destacou que o territorio ten grandes valores medioambientais, culturais, históricos, unha lingua que une, e unha economía moi potente “pola que temos que seguir a traballar para construír futuro”.

    Pola súa parte, o deputado Uxío Benítez manifestou que a reunión de onte supón un paso adiante para que o parque e a ponte sexan “unha realidade” e non só un desexo. Lembrou que a Deputación e o AECT seguirán traballando e buscando maneiras para garantir paso a paso a súa viabilidade a pesares da dificultade dun proxecto de tanto alcance que precisa unha tramitación conxunta por parte de dous estados.

    Finalmente, a alcaldesa de Tomiño Sandra González subliñou a súa ledicia pola boa acollida por parte de Morán. A nacionalista lembrou que pola parte portuguesa a ministra Ana Abrounhosa xa se comprometera dúas veces na eurocidade Tomiño-Cerveira a sacar adiante este proxecto porque era “sen dúbida estratéxico, simbólico e singular”. Indicou que “agora na parte do Estado Española xa conseguimos un interlocutor, unha persoa que lidere o procedemento, o que é moi positivo e moi satisfactorio”, dixo, aínda que recoñeceu tamén que o procedemento ata a construción do parque e da ponte da Amizade será complexo porque precisará dun convenio internacional.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.