14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoA porriñesa Emma Rodríguez, premio extraordinario é excelencia académica da UVigo

    A porriñesa Emma Rodríguez, premio extraordinario é excelencia académica da UVigo

    Emma, veciña de Atios de 22 anos, graduouse en Enfermería co mellor expediente da súa promoción

    O Concello do Porriño homenaxeou onte á porriñesa Emma Rodríguez Pretel polo Premio extraordinario á excelencia académica que lle concedeu a Universidade de Vigo ao ter o mellor expediente académico do Grao en Enfermería da promoción do 2022.

    A universidade fixo entrega o pasado venres destas distincións que premian o esforzo dos mellores estudantes en cada unha das titulacións, e unha delas foi Emma, veciña de Atios de 22 anos que onte foi recibida no seu concello polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González.

    “Sumámonos a este recoñecemento ao mérito e tesón de Emma”, afirmou o alcalde, “Sei que falo no meu nome e no de todos os porriñeses e porriñesas cando lle digo que nos sentimos profundamente orgullosos do seus logros”.

    Tal e como trasmitiu Lorenzo, estes premios “poñen en valor o esforzo dos mozos e mozas que, como Emma, liderarán o desenvolvemento da nosa sociedade nas próximas décadas. Apostar por eles é apostar polo futuro e o talento dos porriñeses”.  Por iso agradeceu a Emma o seu exemplo e animouna a “seguir traballando por conseguir todas as metas que te propoñas, sabendo que se poden alcanzar”.

    Emma rematou Enfermería o pasado curso, pero esta non é a única distinción que recibiu durante a súa traxectoria académica. Xa no IES Pino Manso, onde cursou os seus estudos da ESO e Bacharelato, foi premiada como a mellor da súa promoción, galardón que volver conseguir no primeiro ano de carreira.

    Tal e como explicou aos representantes municipais, a súa vocación pola enfermería chegou xa cando se atopaba en segundo curso. “Sempre tiven claro que quería estudar algo da rama sanitaria”, apuntou Emma, “Quería ser matrona e por iso me matriculei finalmente en enfermería, pero descubrín que me gusta esta profesión e diferentes ramas da mesma, que esta era a miña vocación aínda que non o soupera antes”.

    Desde   que se graduou, a porriñesa leva traballando todo o tempo pero ten claro que seguirá estudando. “Na miña profesión e supoño que en todas, é esencial continuar formándose”, concluíu, “No meu caso, preparareime para ser matrona”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.