O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, vén de remitir no día de onte, venres 4 de febreiro, unha carta ao conselleiro responsable do Xacobeo vistas as informacións que aparecron onte nos medios de comunicación en relación a un presunto recoñecemento por parte das autoridades portuguesas de que o “Camiño Portugués da Costa” pasa por Valença do Minho.
Tal e como manifesta o edil, “descoñezo a veracidade destas comunicacións pero, como alcalde da Guarda, quero expresar a miña preocupación e queixa por estas informacións.”
Na páxina oficial dos camiños de Santiago indicase que o “Camiño Portugués da Costa entra en Galicia pola vila mariñeira da Guarda tras cruzar o río Miño na súa desembocadura”. Isto significa que o Camiño chega á Guarda dende Caminha.
En palabras de Antonio Lomba “este problema que se está xerando en Portugal co itinerario do Camiño da Costa xa llo fixemos saber, os alcaldes e alcaldesas de: A Guarda, O Rosal, Oia, Baiona e Nigrán, a Ildefonso de la Campa, Director de Administración e Relación coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, nunha reunión mantida o 9 de xullo de 2021. Nesa reunión solicitamos ao representante do Xacobeo que mediara diante da Comisión Certificadora Portuguesa para resolver este asunto e evitar que se promoveran itinerarios xacobeos non oficiais.”
Neste senso o alcalde da Guarda reclama por parte do conselleiro unha intervención como máximo responsable do Xacobeo para aclarar esta situación que non favorece ao Camiño Portugués da Costa, un itinerario oficial recoñecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.