10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación anuncia que realizará novos pases do microteatro ‘Un biolo na...

    A Deputación anuncia que realizará novos pases do microteatro ‘Un biolo na noite’ ante o éxitoda estrea onte no Pazo Provincial

    “Achegar a memoria histórica á xente moza é un desafío e o premio de microteatro da memoria é unha grande ferramenta”. Así o asegurou onte a deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, no acto celebrado no Pazo Provincial que xuntou a estrea da peza ‘Un biolo na noite’, gañadora da primeira edición do certame organizado pola Deputación e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), e a entrega do segundo galardón a Sara Rey pola obra ‘A patente do sol’.

    A deputada María Ortega comezou a súa intervención anunciando que a Deputación traballará para realizar novos pases das representacións debido ao éxito de público, xa que foron moitas as persoas que quedaron en lista de agarda para asistir ao evento desta tarde.

    A nacionalista subliñou que “achegar a xente moza á memoria histórica é un desafío” e que é preciso avanzar dende as institucións comprometidas e apostar por un diálogo interxeracional que permita un maior coñecemento e implicación fronte á escasa formación que se imparte nos centros de estudo con respecto ao golpe, a guerra, a represión, e a transición.

    Puxo en valor o traballo da Deputación e da ESADg, e amosou a súa satisfacción pola resposta e a implicación que a xuventude ten amosado co Premio de Microteatro de Memoria. “Podo dicir que o acto de hoxe, resultado das dúas edicións do Premio ás que se presentaron ducias de persoas mozas que se documentaron historicamente para escribir os seus textos, é unha mostra de que moita xente nova está a espertar na memoria histórica”, dixo.

    Así, deu os parabéns a Ana Abad de Larriva, autora de ‘Un biolo na noite’, gañadora da primeira edición do certame, “que é unha peza que recolle perfectamente o discurso da memoria dende a perspectiva de xénero, de clase e de país”; e a Sara Rey Seoane, gañadora da segunda edición, da que o xurado destacou a calidade da peza ‘A patente do sol’ pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente e a súa viabilidade escénica.

    Imaxe de Rafa Estévez ©

    Pola súa banda o director da ESADg, Roberto Relova, agradeceu o esforzo da Deputación e a conxunción de forzas coa Escola de Arte Dramática. Destacou a importancia da memoria histórica na xente moza e subliñou que persoas tan mozas estean “tan preparadas para asumir este proceso e esta información”. Hai que poñer en valor, asegurou, que “dende a arte se faga unha reflexión e un coñecemento crítico da realidade”.  

    O acto de estrea e entrega do Premio de Microteatro celebrouse no Pazo Provincial coa capacidade máxima de pública permitida e contou coa intervención musical de Marcelo Dobode.

    As obras de Ana Abad e Sara Rey

    ‘Un biolo na noite’ estivo dirixida por Natalia Feijoo e interpretada por Mariña Lestón e Álvaro Lourido. A peza está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos-  viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, onde morreu enfermo de tuberculose e onde tivo tamén que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias. 

    O eixo central pretende poñer en valor a figura de María, quen percorría os montes para irlle buscar as menciñasao fillo e vendía roscas na feira para poder mantelo. “Unha homenaxe escénica poética, libre, a unha muller que, como tantas, atravesou a noite en silencio para abrir un biolo no medio da escuridade”, en palabras da autora, Ana Abad, quen se amosou tremendamente emocionada de ver representada a súa creación por vez primeira.

    Segundo o xurado que a seleccionou como mellor obra das que se presentaron a concurso en 2021, era de destacar “o artellamento espacial, vencellando as atmosferas do monte e a natureza coa intriga dramatúrxica e os personaxes nun diálogo áxil e profundo; a sensibilidade e empatía na temática da rede de apoio e afectos que foron as mulleres galegas na guerra e na posguerra, salientando a importancia das súas accións cotiás e subversivas á vez; e o emprego dos recursos teatrais que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”.

    Pola súa parte, a directora de escena e dramaturga Sara Rey recibiu o  ‘II Premio de Microteatro da Memoria’ pola peza ‘A patente do sol’, 500 euros e dous agasallos institucionais. Destaca por un aspecto histórico descoñecido: falar da epidemia da polio, así como as marcas físicas da posguerra desde a perspectiva da poboación civil. Segundo a propia autora, trátase dunha peza de “autoficción” posto que xurde a raíz da reflexión sobre as secuelas da enfermidade que tivera o seu pai cando era cativo e da análise da xestión da epidemia durante a ditadura, que non prestou atención ás persoas enfermas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.