Mércores, 7 Maio de 2025

Romaric Forques e Natalia Castro, gañadores do IX Tríatlon Concello do Porriño

As condicións meteorolóxicas, coa choiva ameazando con irromper e un vento que facía especialmente complicado o tramo no río, fixeron que este IX Tríatlon Concello do Porriño se convertera dunha das edicións máis dura ata o momento. 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo seu homólogo en Tui, Enrique Cabaleiro, e os concelleiros de deportes de ambos os dous concellos, foi o encargado de dar o bocinazo de saída, ao primeiro dos grupos na Comandancia Naval do Miño, ante un público entregado que animaba aos participantes. Tan só 10 minutos despois, saían as triatletas, que non tardaron en coller o ritmo dos seus compañeiros atopándose incluso nas augas do Miño. De seguido, o grupo popular que, como o resto dos participantes completaron os 750 m desta primeira etapa. 

En total foron 170 triatletas, que de seguido, colleron a bicicleta e encararon os 20.22 km que separan a transición de Tui coa do Porriño, onde deixaron as bicis para comezar a última etapa, a carreira a pé. 5 km ata a meta instalada na praza Arquitecto Antonio Palacios. 

O primeiro en cruzar a meta foi Romaric Forques, triatleta do Cidade de Lugo Fluvial, que se anotou un brillante triunfo. Chegou en cabeza seguido do seu compañeiro de club, David González, que rematou a proba 4s despois. O podio masculino absoluto completao Xoel Rodríguez, do Club Deportivo Delikia que conseguiu un tempo de 0:56:48. 

Na categoría feminina a vitoria foi para Natalia Castro, do Cidade de Lugo Flvial cun tempo de 1:03:44, seguida de Iria Fernández , do Club Tríatlon Vilalba, cun crono de 1:07:29 e Carla Guisande, de Club Tríatlon Diablillos en 1:08:41. 

A entrega de trofeos correu a cargo do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e concelleiros e concelleiras do equipo de goberno. Todos coincidiron en eloxiar o tremendo esforzo e traballo dos/as participantes, así como destacar o labor dos voluntarios e colaboradores como a Policía Local e Protección Civil do Porriño, Policía Local e Protección Civil de Tui, Comandancia Naval do Miño.

O voluntariado New Balance Redondela mantén a raia as especies invasoras na contorna da enseada de San Simón

0

O voluntariado da oficina de Redondela de New Balance achegouse novamente aos Montes do Viso para colaborar na sua mellora. Nesta ocasión realizáronse dúas xornadas de voluntariado de eliminación de acacias, unha especie moi invasora e moi presente en todo o territorio galego.

A primeira das xornadas foi na zona do Puntal a cal forma parte da Rede Natura da Enseada de San Simón. Ata esta localización achegouse un grupo de voluntarias o luns 3 de xuño e actuaron sobre o total dunha parcela lindeira co mar con numerosa presenza da especie. Procedeuse basicamente con arrincado dos individuos xa que estes eran de pequeno tamaño. 

Aproveitouse tamén para recoller nunha pequena cala alí existente, o lixo que as mareas foron devolvendo á terra, principalmente plásticos, poliespan, paos de bastoncillos e ata un pneumático e unha nasa.

Na segunda das xornadas, realizada o xoves 6 de xuño, o voluntariado procedeu a traballar no control do avance da acacia negra no entorno do Camiño de Santiago. Asesorados polo presidente da CMVMC do Viso, os voluntarios puxeron en práctica a técnica do descascado da acacia negra. Esta consiste en retirar con navallas ou algún útil cortante a casca todo ao arredor do tronco desta árbore dende a altura do peito ata a base. Ao deixar ao descuberto o tronco da acacia, esta vai secando progresivamente ao longo das seguintes semanas ou mesmo meses. Este é unha metodoloxía respectuosa co medio que pode axudar a dar grandes pasos no control deses bosquetes de acacias que van aparecendo dispersos nos montes da comarca.

Dende a Comunidade de montes Veciñais en Man Común do Viso quérese agradecer novamente o esforzo realizado por New Balance Redondela e a actitude sempre positiva de cara a dar pasos en prol da mellora dos nosos montes.

A IV Mostra de Cinema do Rosal estrea os seus premios ás mellores curtametraxes

0

Butacas e flocos de millo listos para celebrar a IV Mostra de Cinema do Rosal, un festival organizado pola asociación Ghorghalado coa colaboración co Concello que busca achegar ao público rosaleiro unha oferta cinematográfica difícil de atolar nos circuítos habituais. Este ano a mostra celebrarase do 7 ao 11 de agosto nos xardíns da casa rural Abadía de Eiras con proxeccións como sempre de balde e moitas novidades. 

Nesta edición o festival estrea os seus premios ás mellores curtametraxes en cada unha das modalidades a concurso, incluíndo un premio do público á mellor curta. Así, as pezas participantes na Mostra de Cinema poderán competir por acadar a dotación económica e a figura Ghorghalado do premio do xurado á mellor curtametraxe, do público á mellor curta, do xurado ao mellor guión, do xurado á mellor actuación feminina ou masculina e do xurado á mellor fotografía. Este xurado estará composto por xente do mundo da cultura, do cinema e membros da asociación organizadora. 

Estes premios nacen con gran éxito de participación, xa que a falta dunhas semana para que remate o prazo de presentación xa se inscribiron máis de 600 curtas de 32 países, a inmensa maioría cunha alta calidade. Ademais de pezas de Galicia e do resto de España tamén se recibiron curtas de Brasil, Irán, Corea do Sur, os Estados Unidos, Francia, China, Arxentina ou Finlandia, entre outros moitos países.

Non serán as únicas novidades da cuarta edición da Mostra de Cinema do Rosal. Como en edicións anteriores, as proxeccións serán ao aire libre, sinal de identidade do festival, polo que comezarán despois do solpor e acabarán preto da media noite. A festa arrancará o mércores 7 de agosto coa proxección das curtas de concurso seleccionadas ata o sábado. O domingo 11 será a entrega de premios.

Non obstante, durante o mes de xullo haberá proxeccións de curtas fóra de concurso en diferentes localidades da contorna e actividades complementarias como exposicións en diferentes puntos. Ademais, a Mostra de Cine do Rosal comezará e rematará con actuacións musicais. 

Pódese consultar a información completa e actualizada do festival na web da Mostra.

Zona Franca de Vigo e Concello da Cañiza celebran a primeira comisión de seguemento para desenvolver o parque empresarial do vieiro

0

A semana pasada tivo lugar a primeira Comisión de seguemento para o desenvolvemento do parque empresarial do Vieiro, no concello da Cañiza, xuntanza na que ademais do presidente do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, estiveron presentes os arquitectos do Consorcio, o técnico de urbanismo, a Secretaria e unha administrativo do Concello, que serán os responsables da tramitación necesaria para iniciar o procedemento de modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Un trámite que segundo se recolle no Convenio asinado entre o Concello e Zona Franca, publicado no BOE nº 88 do pasado 13 de abril de 2023, será necesario iniciar para cambiar  a clasificación do chan neste ámbito, pasando de rústico de protección forestal a chan urbanizable, recolléndose a cualificación de uso industrial. 

En outubro de 2022, o Consorcio Zona Franca de Vigo e o Concello da Cañiza formalizaron un protocolo de colaboración polo que A Cañiza solicitou a incorporación, ao Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, da superficie do novo parque, que se atopa ao pé da autovía e cunha orografía chaira aínda que, a súa clasificación é, na meirande parte, urbanizable e rústico de protección forestal. 

Unha vez modificado o PXOM, as partes comprométense a formalizar un convenio para executar o plan e permitir o desenvolvemento urbanístico deste chan, para que este poida ser comercializado por Zona Franca.

 No devandito convenio establécese:

  • A redacción e tramitación ata a súa aprobación definitiva do Proxecto de Urbanización (PU). 
  • En paralelo á redacción do PU, redactarase o Proxecto de Expropiación (PE) dos bens e dereitos afectados polo desenvolvemento, e incluirá os acordos de exclusión que se establezan con aqueles titulares que queiran manter a súa actividade no ámbito. O importe previsto para a expropiación da totalidade dos bens e dereitos afectados cífrase nun total máximo de 2.600.000 €.
  • A Tramitación ata a súa aprobación definitiva dos PU e PE. 
  • Redacción e tramitación ata a aprobación definitiva do Proxecto de Reparcelamento. 
  •  Obras de urbanización, ata un orzamento máximo de execución material de 26.000.000 €.

Zona Franca redactará os proxectos de expropiación, urbanización e reparcelamento, asumirá os custos das expropiacións, así como os das obras de urbanización e reparcelamento previstas nos correspondentes proxectos.

Finalmente cederá ao Concello, libre de cargas, os viais e servizos previstos no proxecto de urbanización, os parques e xardíns públicos, os aparcamentos públicos e os terreos precisos para a instalación e funcionamento dos restantes servizos públicos necesarios.

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas sobre agromárketing na EFA A Cancela das Neves

0

Os próximos luns, 10 e martes, 11 de xuño, a Fundación Juana de Vega organiza as xornadas “Claves do agromárketing” na EFA A Cancela Centro de Formación Profesional das Neves (Pontevedra). Ademais das prazas para o alumnado, hai 10 vacantes dispoñibles para profesionais do sector agroalimentario e outras persoas interesadas na temática. A inscrición, de balde, faise neste formulario: https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/claves-do-agromarketing.

Durante dous días, a temática dos relatorios estará encamiñada a aumentar a competitividade das empresas agroalimentarias da contorna aplicando estratexias de comunicación e de márketing, de innovación en packaging ou a través de colaboracións con gastroinfluencers. Os relatores convidados o luns 10 son José Manuel Suárez, socio director da axencia iuni strategic marketers, Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce de Galicia, presidente-fundador de Markea e do Clúster da Comunicación de Galicia; Sofía Pérez, directora de negocio e crecemento de Mundo Healthy – Granxa avícola Campomayor. O martes 11, acudirán Rita Bello e Alba Mouriño, da axencia LAS-DOS Comunicación que entrevistarán ao blogueiro e influencer gastronómico pontevedrés, Alberto Ribas.

O segundo día tamén haberá unha mesa redonda con cooperativas do sector agroalimentario da contorna que producen fariña de millo nixtamalizada (usada para preparación de tortillas, tamales, arepas, etc.), requeixo das Neves, viño albariño e verduras e hortalizas en circuítos curtos. Así, os asistentes poderán compartir a experiencia das cooperativas A Milpa do Salnés da man dos socios Guillermo Rodríguez e Ofelia Gaitán; de Condado Paradanta, representada polo presidente, Alejandro Martínez; de Adega Eidosela, por parte de quen asistirá o presidente, Federico Pérez; e coa propietaria da hortícola Aloumiños da Terra, Rosa María Covelo.

Esta formación enmárcanse no programa de actuación 2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Pprograma completo das xornadas pódese descargar dende esta ligazón.

O Rosal visto dende o alto coa nova andaina interpretativa ata o Niño do Corvo

0

O Concello do Rosal segue achegando cada recuncho do municipio coas súas andainas interpretativas, pequenos percorridos pola contorna para descubrir e poñer en valor o patrimonio histórico, cultural, paisaxístico e natural dun xeito ameno, sinxelo e divertido.

O domingo 16 de xuño será a quenda da terceira saída, un roteiro matinal ata o Alto do Niño do Corvo no que desfrutar de pesqueiras, viñedos, este espectacular miradoiro na Serra do Argalo e visita á Pedra Furada nun percorrido de grande interese paisaxístico, histórico e excelentes vistas sobre a foz do Miño e o monte Santa Trega.

Trátase dunha andaina cunha distancia de 8 quilómetros e unha duración aproximada de 3,5 horas que ofrece un percorrido circular cun desnivel acumulado de 350 metros e cunha dificultade moderada.

As persoas interesadas en participar poden xa inscribirse nesta nova ruta a través dun formulario habilitado na web municipal ou de forma presencial no Rexistro do Concello. É imprescindible realizar un rexistro por cada persoa participante. O número de prazas estará limitado a un máximo de 30 persoas e abrirase unha lista de agarda unha vez superado o aforo.

É importante lembrar que todas aquelas inscricións realizadas antes do 4 de xuño non serán válidas e que é necesario volver a rexistrarse a través do procedemento establecido. Comunicarase ás persoas participantes a hora e o lugar de encontro para a realización da actividade.

Como explica José Carlos Martínez Crespo, concelleiro de Turismo e Deportes, con esta serie de andainas “queremos que veciños, veciñas e visitantes descubran e aprecien a riqueza do noso concello cunha actividade saudable ao aire libre que nos permite sensibilizar a todas as persoas participantes sobre a importancia de preservar e valorar a nosa contorna”.

López Campos resalta a “máxima protección” do Corpus de Ponteareas no seu primeiro ano como BIC

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe nun dos actos do Corpus Christi de Ponteareas, a ofrenda en homenaxe aos alfombristas falecidos, na que é a primeira edición que se celebra como festa declarada Ben de Interese Cultural, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o pasado mes de maio. 

O responsable de Cultura da Xunta, José López Campos, resaltou a “máxima protección desta festa polo seu valor artístico e cultural, que vai máis alá do ámbito relixioso e se vincula coa cultura popular”. Nesta liña, engadiu, “a declaración como BIC vén recoñecer, ademais dos rituais e cerimonias, todo un conxunto de técnicas artesanais e sabedoría popular sobre a natureza e o campo que temos a responsabilidade de conservar”.

Ademais, o conselleiro de Cultura tamén asistiu no auditorio Reveriano Soutullo ao acto de entrega das medallas do Corpus Christi, que contou coa actuación do cantautor Amancio Prada, e co que vai finalizando unha programación que comezou o sábado pasado con 29 alfombras florais na rúa.

Sobre a festividade

O Corpus Christi é unha festividade católica medieval baseada no culto á eucaristía, unha tradición que foi adoptando elementos populares folclóricos e do ciclo agrario, e que en Ponteareas adquire elementos diferenciables do carácter popular galego. As alfombras de flores son o seu punto máis representativo e recoñecible.

Nesta declaración como Ben de Interese Cultural, valórase o proceso de creación do conxunto ornamental, alfombras florais, cruceiros vexetais ou altares que conforman todo un conxunto de arquitecturas efémeras.

A Festa da Crianza do Rosal desafiou ao mal tempo cun grande éxito de acollida

0

Grandísimo éxito de acollida da Festa da Crianza de Xoaninhas Crianza Respetuosa, que reuniu na área recreativa das Aceñas a nenos, nenas e maiores para celebrar un día en familia. As e os participantes desafiaron ao mal tempo para gozar dunha xornada chea de actividades e que contou tamén coa presenza de postos de artesanía e comida, así como do grupo local de apoio a Palestina, a cooperativa Miudinho e a Escola Semente de Vigo.

A mañá comezou con bo tempo e o obradoiro de ioga deu o pistoletazo de saída ao evento cunha ampla participación. Despois, mentres a organización preparaba un xantar popular composto por arroz vexetal cociñado con produtos ecolóxicos e de proximidade, Cé Orquestra Pantasma poñía a nota musical á festa animando a grandes e pequenos a bailar e cantar. 

Aínda que o tempo comezou a mudar e unhas nubes ameazaron con empañar a festa, pola tarde celebrouse de forma paralela o obradoiro de arxila, no que a rapazada puido plasmar a súa imaxinación no barro, e a xuntanza sobre crianza, na que participaron diferentes representantes da propia asociación, así como membros da Escola Semente de Vigo, da cooperativa Miudinho e público xeral.

Xa durante o roteiro de exploración da natureza dirixido pola axencia ambiental Biophilia, a ameaza de choiva converteuse nun feito, obrigando ás persoas asistentes a refuxiarse e abandonar o lugar e a suspender a foliada con varios músicos de Trebón dos Xidos prevista para pechar a festa.

A pesar do inesperado final, a festa deixou ganas de máis e con idea de repetir en vindeiras edicións. Como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “a pesar da choiva a xornada foi todo un éxito e demostrou o grande interese e compromiso de rosaleiros e rosaleiras coas iniciativas culturais e educativas”.

O xamón da Cañiza, protagonista na X Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, ‘Festur’

0

Celebrada en Silleda do 30 de maio ao 2 de xuño no marco da 46º Feira Internacional Semana Verde de Galicia, o xamón da Cañlza –produto estela do municipio da Paradanta–, tivo un marcado protagonismo na X Feira de Festas de Interese Turístico de Galicia, Festur.

O Alcalde Luis Piña presentou un ano máis a única Feira gastronómica de Galicia que se dedica ao xamón. No mesmo acto tamén se ofreceu unha degustación do xamón e invitou a todos o presentes a achegarse ata a Cañiza o vindeiro 15 de agosto para asistir á celebración da 58 Feira do Xamón e tamén na temporada de frío a probar os afamados cocidos cañicenses.

Durante os catro días de celebración do certame, centos de persoas achegáronse ata a stand da Cañiza para coñecer máis polo miudo a Feira máis coñecida do concello e saborear o mellor produto da gastronomía cañicense, o xamón.

Así o corroboraron os visitantes que nos acompañaron durante todas as xornadas e que non dubidaron en eloxiar a exquisitez e o especial sabor do xamón da Cañiza.

Tamén neste certame o Concello aproveitou para dar a coñecer o turismo, todas as guías de sendeiros e a boa gastronomía que completa a oferta turística cañicense. Ademais presentouse o Verán de Lecer, unha completa guía con toda a programación cultural e deportiva preparada para este verán e que se inaugurou o sábado 1 de xuño coa celebración do Campionato Galego de Aeromodelismo na modalidade F3F 2024.

A XXXII Feira do Viño do Rosal chega con máis horas de enoloxía e lecer

0

A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar a súa 32 edición cunha morea de actividades para todos os públicos e con máis horas que nunca. Do 12 ao 14 de xullo a Praza do Calvario aglutinará boa parte da actividade dunha feira que de novo maridará a enoloxía coa música, actividades para desfrutar en familia, exposicións e actividades didácticas, gastronomía e moita diversión co sector vitivinícola como eixo central. 

“O viño forma parte da nosa idiosincrasia, da nosa identidade, da nosa orixe, pero tamén é un sector estratéxico que non só imprime calidade a cada un dos seus produtos, senón que tamén xera emprego e riqueza no Rosal”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

Como novidade, a feira abrirá as súas portas o venres 12 de xullo cun acto inaugural que se celebrará ao mediodía na propia Praza do Calvario e que dará o pistoletazo de saída a tres días cunha morea de actividades programadas e dirixidas a todos os públicos. Xunto a concertos, actividades para nenos e nenas e outra relacionadas cos viños, este ano cobrará especial relevancia o escape room que se celebrará no Calvario ao abeiro do proxecto Eureka Reto Rural, unha iniciativa de EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño que busca ofrecer experiencias turísticas diferenciais coas que ir descubrindo os segredos do territorio.

Ambientado no sector vinícola, esta actividade será o venres 12 ás 19.30 horas e ofrecerá unha inmersión interactiva na riqueza cultural e histórica rosaleira deseñada para todos os públicos e totalmente de balde. Pensada para facer en grupo ou de forma individual, con nenos menores de 12 anos acompañados dunha persoa adulta, as e os participantes percorrerán os arredores da Praza do Calvario móbil en man resolvendo retos, enigmas e probas que irán atopando ao longo de todo o percorrido circular. O equipo que complete o desafío en menos tempo gañará unha experiencia para seis persoas para desfrutar de produtos e vivencias únicas noutro dos municipios do territorio de EuRurale do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse na web.

En breve publicarase máis información relativa á programación detallada da XXXII Feira do Viño do Rosal.

A Asociación Adapta confecciona unha alfombra solidaria de axuda á infancia no Corpus de Ponteareas

Persoas usuarias da asociación ADAPTA realiza no Corpus Christi de Ponteareas unha alfombra de flores solidaria dedicada a impulsar o proxecto da Fundación Miguel Lago de Axuda á Infancia Dominicana, a Escola Taller Palmeritas en la Nieve, un proxecto nado desde o amor e que ten como obxectivo axudar á infancia.

É un marabilloso proxecto “nun barrio moi necesitado de axuda, na provincia de San Pedro de Macorís”, explican. A Fundación Miguel Lago de Axuda á Infancia Dominicana acolle agora mesmo a 36 nenos de entre 3 e 8 anos en situación de extrema vulnerabilidade co obxectivo de alfabetizalos, ensinarlles operacións matemáticas básicas e garantirlles unha comida ao día.

O domingo dia 2 de Xuño e antes do paso da procesión contarase coa presenza do cónsul da República Dominicana na Coruña, Emilio Vicente Pérez Fontal, para agradecer o traballo realizado pola asociación ADAPTA. Tamén espérase a asistencia de Miguel Lago, presidente da Fundación, que tentará chegar ese mesmo día desde Madrid.

ADAPTA é unha asociación sen ánimo de lucro e a súa misión é conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.
Ten como visión unha entidade consolidada e amplamente recoñecida pola sociedade en xeral, polos seus valores, compromiso e liderado nas metodoloxías de traballo e na procura da excelencia nas actuacións dirixidas ao grupo social de persoas con discapacidade. ADAPTA tamén contempla a colaboración, orientación e coordinación con outras asociacións, entidades ou organismos oficiais. Este proxecto de alfombra que realizarán os usuari@s de ADAPTA englóbase na colaboración con outras fundacións para dar visibilidade ao seu traballo.
Desde a Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas, queremos agradecer ao os usuari@s e xerentes de ADAPTA a súa colaboración neste proxecto e o poder facer posible esta alfombra de flores cun claro significado social que traspasa continentes.

Concerto do Conservatorio Superior de Música de Vigo en Redondela

0

Este venres, día 31 de maio, alumnado do Conservatorio Superior de Música de Vigo ofrecerá un concerto o auditorio da Xunqueira, aberto ao público e con entrada de balde.

Trátase do primeiro concerto que ofrece o CSMV en Redondela no marco do convenio asinado entre o centro de estudios musicais vigués e o Concello de Redondela.

Esta actuación inaugura, pois, todo un programa de concertos que se irán celebrando no Auditorio da Xunqueira. Desta maneira Redondela completará a súa oferta de música clásica que xa contaba, até o de agora, coa colaboración do Conservatorio Municipal e a Escola de Música de Chapela.

Mostra de Produtos de Covelo este sábado con música en directo e contacontos teatralizados

0

O Concello de Covelo celebra este sábado día 1 a súa Mostra de Produtos de Covelo con produtos de proximidade, artesanía e segunda man de 10 a 14 horas.

Postos de produtos de alimentación, cestaría, cosmética natural, decoración, horta, maquetería, prantas, de tatuaxe con henna, textiles e xoiaría, entre outros moitos, nos que mercar e aprezar o traballo local e o realizado a man.

Ás 11:30 h Barafunda animación ofrecerá o contaconto teatralizado “Pepiña Maruxiña quere voar” un espectáculo educativo e lúdico animado con efectos sonoros. A partir das 12:30 h e como de costume chega a sesión vermú con música en directo, nesta ocasión a cargo das Retranqueiras de Barcia de Mera, Sons do Suído e Poker dos Barallocas. Ademais, as persoas asistentes poderán gozar da boa gastronomía da hostalaría local e do polbo á feira.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a toda a cidadanía a participar desta xornada e aproveitar a súa estancia para coñecer o patrimonio histórico e etnográfico ou percorrer algún dos sendeiros que nos descobren a rica fauna e flora de Covelo. 

A Mostra de Produtos de Covelo conta co apoio da Deputación de Pontevedra.

O Pregón de Rogelio Groba Otero inaugura as primeiras festas de Corpus Christi declaradas Ben de Interese Cultural

Ponteareas inaugurou oficialmente os actos centrais da celebración do Corpus Christi coa lectura do pregón a cargo do director e compositor Rogelio Groba Otero, que estivo acompañado no acto oficial pola alcaldesa, Nava Castro, polo tenente de alcaldesa, Juan Carlos González e pola deputada provincial Sandra Bastos e o deputado Alejandro Lorenzo. Esta emotiva cita levanta o telón dun completo programa de festas que se prolongará ata o próximo 9 de xuño, tendo a xornada do domingo día 2 como a data máis esperada do programa.

A edición de 2024 desta Festa de interese turístico internacional pasará á historia como a primeira na que tamén é recoñecida como Ben de Interese Cultural, o que aumenta aínda máis o seu atractivo turístico e a súa repercusión tanto dentro como fóra de Galicia.

Rogelio Groba Otero, o pregoeiro desta edición tan especial do Corpus Christi de Ponteareas, dirixiu despois da súa lectura á Orquestra de Cámara de Galicia, agrupación na que leva 25 anos á batuta, nun emotivo concerto na casa do Concello. Ademais, nesta primeira xornada central de festexos quedou inaugurada a exposición “Corpus en Flor” no Auditorio Reveriano Soutullo.

A alcaldesa, Nava Castro, adicou palabras de agarimo ao protagonista do acto ao salientar que “Rogelio procede dunha familia intimamente ligada ao mundo da música, dun xeito excepcional. Estamos moi orgullosos de poder compartir este momento contigo, Rogelio, que ademais levas o nome de Ponteareas por bandeira. Tanto orgullo se percibe sempre en ti pola túa vila, como o que nós sentimos con cada un dos pasos que das na túa carreira”. Na mesma liña, Juan Carlos González, destacou que “contar cun referente coma ti na vila é un orgullo para Ponteareas”.

Como colofón a esta xornada, o Concello inaugurou un videomaping conmemorativo do Corpus Christi, que será visible sobre a fachada do propio edificio consistorial nas noites dos venres e dos sábados, en horario de 22:30h a 02:00h. Ademais, a noite do Corpus haberá unha proxección ampliada, que arrancará á mesma hora (22:30h) e se prolongará ata as 06:00 horas.

Un completo programa de actividades para todos os públicos

O Corpus Christi 2024 en Ponteareas presenta un amplo e diversificado programa de actividades para todos os públicos, pensado tanto para os veciños e veciñas da vila como para o turismo que tradicionalmente ven a vivir esta festa única.

Os actos comezaron xa o pasado 11 de maio coa apertura dos portais alfombristas e continuarán ata o domingo 9 de xuño coa Oitava do Corpus Christi. Ata entón, máis de dúas semanas de festexos con música, xogos populares, confección de alfombras, entrega de medallas, concurso de balcóns floridos, actividades deportivas e relixiosas, e sobre todo, a xornada grande do domingo 2 de xuño con desfile de carrozas, batalla de flores e fogos artificiais entre outros moitos contidos.

O programa completo para as festas está dispoñible na páxina web do Concello de Pontereas: www.ponteareas.gal

Ponteareas presenta a campaña #Quereoteumercado da Xunta de Galicia de apoio aos mercados locais

O Concello presentou na mañá de onte a campaña #Quereoteumercado da Xunta de Galicia co obxectivo de apoiar aos comerciantes locais e concienciar e impulsar as compras na vila por partes dos veciños e veciñas. Con este motivo, o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, visitou o mercado municipal acompañado pola alcaldesa Nava Castro; o concelleiro de Comercio, Ricardo González; o concelleiro Francisco Represas e as concelleiras Silvia Fernández e Raquel Plana, así como diversos representantes do sector.

Na visita, o director xeral de Comercio e Consumo puido saudar aos comerciantes do mercado local e se fixo reparto duns pequenos agasallos. Con esta visita e a propia campaña #Quereoteumercado, búscase poñer en valor o propio e incentivar o apoio dos veciños e veciñas aos comerciantes locais impulsando as compras dentro dos establecementos e postos da propia vila como xeito de dinamización económica que axuda á creación de postos de traballo e fixación de poboación.

Durante o percorrido, proxectouse un novo vídeo promocional da concellería de Comercio e, logo da visita, houbo tempo para un tempo de diversión e lecer cos máis pequenos coa celebración dun obradoiro de elaboración de bombóns e trufas para nenos e nenas.

Redondela proxecta o novo paseo do litoral de Cesantes que suporá un novo espazo de 4.000 metros cadrados

0

O Concello de Redondela acaba de contratar a redacción do Proxecto Básico e de Execución dun novo paseo no litoral de Cesantes. O ámbito de actuación esténdese desde o porto de Cesantes até o acceso á praia polo Camiño da Mariña. A superficie na que se vai intervir supón un espazo de 3.900 m2 aproximadamente. Trátase dun proxecto no que se reflectirá o deseño do paseo e as solucións construtivas. O prazo de execución é de tres meses, polo que estará rematado este verán.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a creación dun paseo polo litoral de Cesantes era un das súas apostas persoais para este mandato “e agora damos xa o primeiro paso para facelo unha realidade”. Trátase dun importante proxecto “que vai transformar o espazo litoral da parroquia de Cesantes, que levaba anos esquecido”, afirma Rivas.

Este novo paseo marítimo partirá desde a lonxa de Cesantes até a praia da Punta “e permitirá á veciñanza e aos nosos visitantes desprazarse camiñando ou en bicicleta desde o centro da vila até a praia”. O obxectivo desde proxecto “é gañar un novo espazo para a cidadanía, con zonas de lecer e esparexemento cunha mobilidade máis amable, dando prioridade aos peóns”. Neste caso de Cesantes ademais, ponse en valor un espazo natural de gran valor ecolóxico, dentro da Rede Natura 2000, e o novo paseo “permitirá conservar e mellorar o patrimonio natural e cultural, e protexer a paisaxe”, engade a alcaldesa.

A praia de Cesantes, o seu paseo marítimo e os espazos agroforestais da zona actúan xa como áreas verdes e dotan de zonas de lecer á cidadanía. O areal e a súa contorna fomentan o ocio ao aire libre e contan cunha zona de arboredo e equipamento de bancos e mesas que supoñen un refuxio climático para a cidadanía. O novo paseo permitirá ampliar os espazos de lecer ao aire libre, ao tempo que preparará este tramo do litoral ante futuros episodios de subidas do nivel do mar.

Douscentos quilómetros de sendas e viais limpados ao abeiro do I Plan Anual de rozados de Salceda

O concello de Salceda de Caselas vén de rematar a primeira fase do seu Plan Anual de Rozados que botou a andar no mes de febreiro. O equipo de goberno dá resposta deste xeito ao seu compromiso electoral que trata de acometer unha actuación planificada e ordenada das tarefas de mantemento dos principais viais e camiños de propiedade municipal.

O paso polas diferentes parroquias vaise facendo de maneira escalonada utilizando maquinaria pesada como tractores con brazo articulado e tamén persoal con equipamento manual para aquelas zonas de máis complicado acceso e que precisan unha actuación máis localizada.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda subliñou que a organización e planificación “permítenos maior eficacia para dar cumprimento á normativa de prevención de incendios e ao mesmo tempo mellorar a seguridade viaria para conductores e peóns”. A alcaldesa puxo de relevo a “gran importancia destas tarefas para as nosas parroquias. Este primeiro Plan Anual de desbroces supón o cumprimento do noso compromiso coa veciñanza”.

Dentro do Plan anual, tamén se contempla o desbroce de espazos públicos, áreas recreativas ou sendas fluviais. A cantidade de quilómetros desbrozados en viais e camiños municipais ronda os 190 km, ademais de preto de 8 kms en sendas (5,5 Senda do rio Caselas, 1,7 km Senda do río Landres e 400 m da senda da Lagoela), así como a roza de 107 resalidos ou o perímetro de máis de 190 propiedades municipais (colexios, fontes, marquesinas, edificios, etc).

Este ano ademais, o Concello destinou máis de 36.000 € do Plan Máis Provincia da Deputación de pontevedra, a roza de espazos públicos e limpeza das zonas de paso do alumeado público, realizando o derrame de árbores e vexetación ao longo de todo o tendido.

O concelleiro de axenda ecolóxica Marcos Troncoso asegura que o feito de ir actuando de maneira planificada “permítenos atender as diferentes parroquias de xeito organizado pero sen esquecer aquelas zonas que precisan unha actuación puntual pola celebración de eventos parroquiais ou municipais”.

Nos vindeiros días incorporaranse 4 persoas ao equipo de rozados, formando parte de diferentes programas de emprego. Este novo equipo estará dispoñible para realizar a segunda fase do Plan que comezará en breve polas parroquias de Santa María, San Xurxo e Picoña.

O GDR Terra e Auga celebra a IV Gala de Calidade Turística do Xeodestino Condado Paradanta

O GDR Terra e Auga celebra a IV Gala de Calidade Turística do Xeodestino Condado Paradanta na que entregará os distintivos SICTED de Compromiso de Calidade Turística e ratifica o seu apoio aos proxectos e prácticas que apostan pola calidade e a innovación. Será en Salvaterra de Miño o vindeiro luns día 13 de maio ás 19 horas.

Alcaldías do sur da provincia, AGADER, Turismo de Galicia, Deputación de Pontevedra, o Clúster do Turismo; a Federación Provincial de Turismo e Hostalería FEPROTUR, e a nova asociación de Empresas do Turismo no xeodestino Condado Paradanta, ASECOTUR, entre outras entidades públicas e privadas, están convidadas a este evento que recoñece o esforzo e a seriedade no traballo tanto das novas empresas como das que renovan o certificado de calidade.

Dende hai catro anos o GDR promove entre as empresas dos dez concellos, A Cañiza, As Neves, Arbo, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, a formación e a mellora continua para ofrecer as persoas as últimas comodidades, servizos e produtos co obxectivo de acadar experiencias únicas.

Nesta edición entregarán catro novos selos de calidade turística e renovarán 19 máis que xa viñan implementando o sistema de mellora continua nos seus negocios. A taberna A Baiuca de Mondariz, a gandaría Sesteiro de Covelo, a praia fluvial de Maceira en Covelo e La Ojiva Espazo Gastronómico en Salvaterra de Miño súmanse aos negocios que apostan por premiar á clientela co mellor servizo, trato, instalacións e produtos. 

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola secretaría de estado de Turismo (SETUR) co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes co obxectivo de mellorar a experiencia e a satisfacción do turista. 

Co apoio do GDR Terra e Auga e a Axencia Turismo de Galicia xa son 53 empresas as adheridas no territorio do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas. “Empresas que se esforzan a diario para que as e os seus clientes teñan o mellor multiplicando as posibilidades de repetición e de emitir referencias positivas do noso territorio”, explica Pablo Castillo, presidente do GDR Terra e Auga.

En liña coa súa estratexia de desenvolvemento o GDR Terra e Auga engalanará a entrega de premios cun dos seus piares fundamentais, a arte, expresada a través dunha actuación musical, da poesía, da danza e dunha montaxe audiovisual.

O xulgado dá a razón ao Concello de Redondela sobre a titularidade pública do acceso ao aparcadoiro de Vilavella

0

O Xulgado do Contencioso 1 de Vigo ditou sentenza firme pola que sere xeita a demanda de Investimentos Intermundial SL contra o Concello polo vial de acceso ao aparcadoiro de Vilavella. Trátase da rampla que permite a entrada desde a rúa do Muro, un espazo do que a empresa reclamaba a titularidade.

A sentenza desestima a demanda de da empresa e confirma que o Concello actuou en base ás informacións do Catastro, que establecen que “este vial é público tal como consta noInventario Municipal de bens”. A sentenza, contra a que non cabe apelación, sinala que toda a documentación e as declaracións de testemuñas reforzan a postura municipal,que defendía este viario como de titularidade pública.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción por esta sentenza “que dá a razón ao Concello e establece que este acceso ao aparcadoiro é público, propiedade municipal, e polo tanto patrimonio de todos os veciños eveciñas”.

A rexedora sinala que, malia que no seu momento se puxo en dúbida publicamente a viabilidade do aparcadoiro, o xuíz vén a dar a razón ao goberno local, que sempre mantivo “que o proxecto era correcto e que este vial de acceso é público”, como agora recoñece esta sentenza.

O aparcadoiro disuasorio de Vilavella foi un dos grandes proxectos do goberno de Digna Rivas e completa a transformación da entrada a Redondela, xunto a remodelada praza de Ponteareas.

Dotar a zona dun novo estacionamento repercute tamén de xeito positivo no resto da vila ao reducir a cantidade de vehículos que transitan polo núcleo urbano. O derrube da nave que se situaba na parcela e a creación do aparcadoiro pon en valor o convento, elimina barreiras arquitectónicas e mellora a relación do espazo co río Maceiras. O estacionamento disuasorio, que conta cunha superficie de 3.896 m², ofrece110 prazas para coches, así como prazas de motos e bicicletas.

‘Eureka Reto Rural’ propón descubrir “o pasado xudeo que envolve a Tui”

0

Tui prepárase para acoller o terceiro desafío de ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño co que coñecer o territorio a través de xogos de escapismo temáticos, dixitais e ao aire libre. Unha emocionante aventura polas rúas do centro histórico da vila coa que todas e todos os participantes poderán coñecer o pasado xudeu e as curiosidades da comunidade xudía que viviu en Tui durante o século XI. 

As xogadoras e xogadores deberán seguir as indicacións e pistas para ir resolvendo os diferentes desafíos e avanzar o seu percorrido por distintos puntos claves de Tui, o segundo conxunto histórico máis importante e grande de Galicia, con máis de 2.000 anos de antigüidade. Códigos numéricos, labirintos, anagramas… todo valerá para afondar na cultura e na historia xudía entre os muros e edificios da vila. 

Para adaptarse a todos os públicos e facilitar a participación de público familiar, o escape room modifica a súa hora inicial e sairá ás 18.00 horas da Praza da Catedral. Trátase dun percorrido circular con dificultade moderada e accesible para persoas con mobilidade reducida, aínda que a ruta conta con costas pronunciadas. Recoméndase como sempre levar o teléfono móbil con batería suficiente e conexión a internet para poder realizar as probas, así como papel e lapis para usar en caso de necesitalo para a resolución dos retos. 

As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na webdo Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro marcado na actividade. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día de estreo, este escape roompermanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia. 

A presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, agradeceu a todas as persoas participantes nos primeiros desafíos de ‘Eureka Reto Rural’, confirmando “o grande interese que ten o público por experiencias turísticas diferentes e orixinais coas que poder coñecer o noso territorio dun xeito divertido e único. Son días de aventura e aprendizaxe realzando a visibilidade dos concellos dun destino turístico atractivo, unido, de gran beleza e histórica e culturalmente moi enriquecedor”.

A concelleira de Turismo de Tui, Ana Núñez, convida a todas as persoas a inscribirse “e formar parte desta experiencia única que nos levará a explorar o pasado e desvelar os segredos que resaltan a rica herdanza xudía na nosa cidade. Para nós é un verdadeiro orgullo que a nosa historia forme parte dunha iniciativa que permita coñecer dun xeito dinámico, interactivo e distinto o importante legado xudeu que atesoura Tui”. 

Todos os xogos virtuais están deseñados para todas as idades e contarán cun premio para o grupo de persoas que complete a proba en menor tempo. Nesta ocasión o agasallo será un bautismo de surf con tres clases de iniciación de dúas horas na praia de Patos, en Nigrán, incluíndo o material necesario para cada sesión. Ademais, entre todas as persoas participantes sortearanse seis lotes de merchandising promocional do Concello de Tui. 

As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles tras Tuiserán:- 8 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.- 15 de xuño. A Guarda. ‘A esencia mariñeira’.- 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.- 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.- 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.- 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.- 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.- 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.- 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.- 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.- 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.

Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Ponteareas estrea nova web “renovada e adaptada ás necesidades da cidadanía”

O Concello presenta a súa nova páxina web institucional. Esta actualización chega como resposta á necesidade da cidadanía dun espazo dixital renovado, accesible e intuitivo, adaptado aos novos tempos.

Neste novo portal, as persoas usuarias poderán estar informadas en todo momento do referente a trámites administrativos, información institucional e demais acontecementos e novas que suceden na vila a diario, grazas á actualización da web. 

Ademais, accederán dunha maneira sinxela á información necesaria para solicitar axudas ou realizar diferentes trámites online. Tamén conta cun apartado directo no que a cidadanía se poderá dirixir á alcaldesa. 

Deste xeito, navegar pola nova páxina é sinxelo grazas ao seu fácil acceso e intuición, froito do traballo de empregados e empregadas municipais. De feito, o seu deseño e execución deste novo espazo web proceden de recursos propios do Concello. 

Esta renovación chega nun momento de cambio a nivel tecnolóxico global, no que a actualización e adaptación aos novos contextos é clave para un correcto desenvolvemento das accións administrativas e sociais no municipio. 

O museo Meirande de Redondela retoma as visitas teatralizadas

0

O centro de interpretación da Batalla de Rande, Meirande, retoma esta fin de semana as visitas guiadas teatralizadas. Será o sábado día 25 ás 18 h m, cos guías oficiais do museo e a dramatización a cargo do grupo de Teatro ADC Rande.

As seguintes visitas teatralizadas serán o 29 de xuño e o 28 de setembro, nos dous casos con dobre sesión ás 16.30 h e ás 18.00 horas.

Todas estas visitas son de balde, con reserva previa no teléfono 986 45 88 91 ou no enderezo electrónico [email protected].

O Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, ten como misión sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só histórica, senón tamén sociocultural e paisaxística da zona.

Estas visitas teatralizadas ofrecen a posibilidade de coñecer este patrimonio dun xeito lúdico, o que as converte nunha alternativa de ocio ideal para público de todas as idades.

Paco Nogueiras con Extra! achega unha nova actividade de animación á lectura na Biblioteca de Tui

0

Paco Nogueiras actuará hoxe martes, 21 de maio, ás 18.30 na Biblioteca Pública Municipal de Tui nunha novas actividade de animación á lectura dirixidas aos rapaces e rapazas dende 5 a 10 anos. Este evento forma parte daprogramación de “Tui en letras” que promove a concellería de Ensino, Cultura e Mocidade.

Con “Extra!” chega un dos últimos traballos, un “xornal musical”, que Paco Nogueiras (Premio Martín Códax da música infantil) ideou para compartir cos rapaces e as familias. En EXTRA! os temas dispóñense en distintas seccións onde cada composición aborda noticias nacionais e internacionais, sucesos, información social, cultural e divulgativa, deportes, opinión, pasatempos e ata unha axenda de actividades. Como subliña na súa presentación PacoNogueiras: “EXTRA! convídate a conectar co mundo e transformar a realidade en canción. Quen dixo que non se poden cantar as noticias? E bailalas? En EXTRA! pódese. E cantos/as máis sexamos, moito mellor. Melodías e ritmos modernos, pegadizos e bailables que convidan á participación do público. EXTRA! é alegría, diversión, imaxinación e información”.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui, Sonsoles Vicente Solla, indica que con esta nova actividade vaise completando o programa de “Tui en Letras” que promove diversas actividades de achegamento ao libro, a lectura e o idioma galego para os distintos segmentos de idade. A vindeira cita será este sábado, 25 de maio, coa celebración no céntrico Paseo da Corredoira da XXV edición da “Feira do Libro galego”  que tivo que ser aprazada da súa data tradicional, o 17 de maio – Día das Letras Galegas, polas inclemencias do tempo.

Máis de 270 persoas desafían ao tempo para mergullarse na obra de Domingo Villar en Nigrán da man de ‘Eureka Reto Rural’

0

Espectacular acollida do paso de ‘Eureka Reto Rural’ polo concello de Nigrán. Máis de 270 persoas desafiaron á meteoroloxía para mergullarse neste xogo de escapismo de balde e ao aire libre que EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño están a levar aos concellos do territorio. Unha morea de equipo de valentes que non se amedrentaron coa ameaza de choiva coa que comezaba a tarde para facer de investigadores e investigadoras e axudar ao inspector Leo Caldas, protagonista de ‘A praia dos afogados’ de Domingo Villar, a resolver un caso paseando polo porto de Panxón, o Templo Vótivo do Mar, a praia da Madorra e Monteferro. 

O equipo ‘Caspers’ foi o gañador do escape room de ‘EurekaReto Rural’, premiado cunha cea degustación de chuletón de vaca cachena para seis persoas no concello de Pazos de Borbén. Por outra banda, os equipos ‘Pipiñas’ e ‘Perdidos’ foron os gañadores dos suadoiros de Juan María Sen etiquetas sorteados polo Concello de Nigrán entre todas e todos os participantes. 

As persoas que non puideron acudir ao encontro en Nigránpoderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade estará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino.

‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será este domingo 26de maio en Tui, onde o público participante desfrutará dunha emocionante aventura para coñecer o pasado xudeu da cidade no século XI.

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.

Redondela celebra as festas da Coca cunha clara aposta pola tradición, os artistas locais e a mellor música

0

Do 29 de maio ao 2 de xuño Redondela celebra a súa semana grande coas Festas da Coca, onde a tradición e a mellor oferta musical van da man. A concellería de Cultura, que xestiona Rita Pérez Táboas, ofrece unha ampla programación con cinco días de festexos onde as tradicional Danza das Espadas e as Penlas serán as protagonistas xunto coas alfombras florais.

Rita Pérez, sinala que a esta tradición secular “súmase unha potente programación musical, cunha ampla oferta de grupos e estilos que van desde a música tradicional galega, ata o pop e o rock, con grandes apostas como Revólver ou Reincidentes, pasando polas grandes orquestras e verbenas”. O programa completo pode descargarse dende esta ligazón.

O mércores os concertos correrán a cargo da Orquestra de Saxos de Redondela e o grupo América de Vigo. O xoves, festividade da Coca en Redondela, as citas serán co grupo folclórico Anaquiños e a orquestra Cinema. O venres, como vén sendo tradición nos últimos anos, a noite está reservada para os amantes do rock co programa Rock Redondela e as actuacións dos grupos locais Chocolate Sexy, Volvoreta e RMS e o peche cos sevillanos Reincidentes, autores de grandes éxitos do punk rock como “Vicio”, “Grana y oro” ou “Ay Dolores”.

O sábado o público poderá gozar do concerto de Revólver, liderado polo artista Carlos Goñi. A banda fará unha parada en Redondela dentro da súa xira “Playlist Tour” cun concerto no que os asistentes vibrarán ao ritmo de grandes éxitos como “El roce de tu piel”, “Si es tan solo amor” ou “Faro de Lisboa”, xunto cos temas do seu último disco, no que presentan versións de grandes éxitos da música en español con temas de Pereza, Amaral e Elefantes, entre outros.

A orquestra Galilea e o pica discos Rodri Vegas completarán a oferta musical da noite. Xa o domingo as festas pecharanse cos concertos da Banda de Música de Chapela e a orquestra La Fórmula, cunha espectacular posa en escena cos seus 24 integrantes que prometen un gran show.

A alcaldesa salienta tanto a calidade da programación musical como “a aposta decidida deste goberno polos grupos e artistas locais, que estarán presentes en toda a programación, xa que Redondela ten moito talento e é a nosa obriga poñelo en valor, tanto aos grupos que teñen xa unha longa traxectoria como as novos valores da música local”.

Homenaxes a alfombristas, bailaríns e relevo das Penlas

A Festa da Coca comezará o mércores, día 29, ás 17.45 co desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila xunto ao grupo de gaitas Airiños de San Simón. A orquestra de Saxos actuará ás 19:30 na Praza do Concello e a inauguración oficial da festa será ás 20:00 coa lectura do pregón a cargo de Sonia Carrera Piedras, unha veciña que durante anos bailou como “burra” na tradicional danza das Penlas. A continuación celebrarase o acto solemne de relevo das Penlas, con Elena Iglesias Estévez e Leire Piñeiro Lalín. Celebrarse tamén a homenaxe ás persoas que traballaron nas alfombras florais: Cristina Rodríguez Miñán, Gerardo Fernández, Claudina Barros Vázquez, Mari Luz Iglesias López, María Ricón Tomé, Nieves Fernández Pazos, Maritina Lores e Jose Carlos Balea Rodríguez. A homenaxe aos bailaríns da Danza das Espadas será para Olimpio e Pablo Giráldez Río, e realizarase tamén a homenaxe ao mordomo Benito Dosantos Gómez antes de proceder ao acendido da iluminación da festa.

Danza das Espadas e as Penlas

Os actos do xoves, festividade da Coca, comezarán ás 11.00 co traslado da Virxe “A Gabacha” da Igrexa de Vilavella á Igrexa de Santiago de Redondela, acompañado pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Redondela.

Ás 12:00 será o desfile da Coca cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas Son do Castro. A Misa Maior será tamén ás 12:00 na Igrexa de Santiago de Redondela. Ás 13:00 horas será a procesión polas rúas, decoradas con alfombras florais, acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza da Constitución.

O domingo, día 2 de xuño, o desfile da Coca será tamén ás 12.00 cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas do Carballo das Cen Pólas. Tamén ás 12:00 será a misa na Igrexa de Vilavella, coa posterior procesión polas rúas de Vilavella decoradas con alfombras florais e acompañada pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Chapela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza de Ribadavia.

Balonmán na rúa

O deportes tamén estará presente na programación coa competición “Balonmán na rúa” o venres desde as 18.00 horas na pista da Xunqueira e a Alameda Castelao.

O Concello de Ponteareas presenta a primeira edición do concurso «Balcóns floridos»

O Concello de Ponteareas lanza a primeira edición do concurso Balcóns Floridos, unha competición na que se valorarán as distintas decoracións florais dos balcóns da vila para incentivar a decoración das vivendas e recibir ao Corpus Christi. O certame xorde como unha iniciativa coa que poder reforzar o lazo entre a veciñanza e os espazos da vila mediante unha ornamentación acorde ás tradicións locais.

No acto de presentación do concurso, participou a alcaldesa, Nava Castro; a edil de Medio Ambiente, Silvia Fernández e o director da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega. Ambas institucións asinaron un convenio para este concurso no salón de plenos.

O xurado estará formado por un total de sete persoas: dous representantes do movemento Vilas en Flor de Galicia; o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega; un profesor experto en materia paisaxística da USC; a alcaldesa, Nava Castro; a concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández e un técnico medioambiental do concello.

Haberá tres premios e un específico para os balcóns das vivendas situadas nas parroquias da vila. O primeiro estará dotado de 200 € máis un vale para produtos de xardinería por valor de 50 €; o segundo terá unha dotación de 150 €, e un vale para produtos de xardinería tamén por 50 €; o terceiro recibirá unha cea para dúas persoas nun restaurante da vila, así como un vale en produtos de xardinería con valor de 25 €. Pola súa banda, o balcón gañador na categoría de parroquias recibirá o mesmo recoñecemento que aquel que acade o primeiro posto.

Para participar, abonda con ser propietario ou arrendatario dunha vivenda que conte cun balcón ou unha ventá con vistas á rúa. Para gañar, teranse en conta varios criterios estilísticos e ornamentais, como o deseño, a orixinalidade ou o cromatismo, pero tamén serán de relevancia variables relacionadas coa sustentabilidade.

As inscricións estarán abertas ata o próximo día 30 de maio, e poderán facerse a través dun formulario dispoñible na web do Concello ou tamén nesta ligazón. Tamén será posible apuntarse de maneira presencial no rexistro do Concello en horario de 09:00 h a 14:00 horas de luns a venres.

A Cañiza estrea na Franqueira a nova sinaléctica da ‘Via Mariana de Peregrinación Luso Galaica’ que une Braga con Muxía

0

A poucos días de celebrarse a Romaxe das Pascuillas na Franqueira, (luns 20 de maio, festivo local na Cañiza)  o alcalde da Cañiza, Luis Piña acompañado do párroco Javier Alonso Docampo e a presidenta e o secretario da Asociación Via Mariana, María José Silva e Miguel Anxo Antón, respectivamente, achegouse ata a Franqueira para comprobar o emprazamento do cartel que anuncia a Etapa 7 da Vía Mariana que une Braga con Muxía. A nova sinalización, sufragada polo Concello cañicense, da continuidade á liña de colaboración entre o Concello e a Asociación da Vía Mariana.

O novo panel, diseñado pola Asociación co visto e prace do Concello, informa da chegada á séptima etapa da Via, que dende Parada de Achas ascende por sendas de montaña pasando polo ‘Neveiro dos Frades’ ata os 940 m de altitude do ‘Coto da Vella’, lugar destacado polas súas vistas infinitas. O trazado descende dende aí ata o Santuario da Franqueira polo Vía Crucis baixo a Gran Cruz da Paradanta. Esta etapa de gran beleza natural da paso a  Covelo, a través de Prado da Canda e a Lamosa.

A VÍA MARIANA: un

A Vía Mariana –importante proxecto turístico, cultural, relixioso, económico,  social e tamén altruista e ambicioso, feito coa suma de talentos e vontades– ten o seu ‘Km Cero’ no Santuario do Sameiro, Braga (Portugal), atravesa 5 cámaras portuguesas e entra en Galicia por Arbo ata chegar a Muxía recuperando do esquecemento estradas extraordinarias para xuntar santuarios –Goaes, Soajo, A Peneda, Melgaço–, así ata chegar ao Santuario da Franqueira. Dende aquí a vía segue en Santiago de Covelo, Santa María de Estacas, Santa María de Augasantas, Santa María de Sacos, Os Milagres de Amil, Valga, Iria Flavia, Santiago de Compostela, Negueira, Baiñas e Muxía, onde conclúe.

Cun percorrido de 400 km, programado en 18 etapas ten como principal obxectivo “crear sinerxias para favorecer as zonas rurais máis deprimidas coñecidas como deserto verde, fixar poboación, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e ponderar a nosa riqueza paisaxística e patrimonial. Esta vía tamén está concebida como un punto de encontro espiritual”.

Na actualidade conta con 70 promotores entre institucións públicas e privadas, asociacións, comunidades de montes e particulares. Para máis información sobre a Via Mariana, as persoas interesadas poden acceder a través desta ligazón.

Arbo reparte bolsas de tea e reciclables para impulsar o comercio local

0

Arbo continua traballando para por en valor o comercio local, nesta ocasióh a través dunha acción posta en marcha pola Deputación de Pontevedra ao amparo do Proxecto ‘Da túa Man’, unha campaña que busca promover a que a veciñanza arbense e dos concellos limítrofes compren no comercio de Arbo e fomente a sostenibilidade e a economía circular no municipio. 

A concelleira de Comercio, Participación Cidada e Mercado, xunto co alcalde Horacio Gil, fixo entrega aos comercios e aos praceiros e praceiras de Arbo, de bolsas de tela e bolsas reciclables que os comerciantes distribuílan entre os seus compradores e compradoras.

O Programa da “Dá túa man” ao que esta adherido o Concello de Arbo, pretende visibilizar e modernizar o pequeno comercio local para adaptalo aos novos hábitos de consumo a través da implantación e uso das novas tecnoloxías e do desenvolvemento de prácticas que promovan a economía circular (reducir a xeración de residuos e promover a súa reutilización e reciclaxe), así como dunha mellora no acondicionamento dos espazos que sirva para ofrecer un servizo óptimo á poboación local e que atraia visitantes.

O alcalde Horacio Gil, lembrou que “desde a chegada ao goberno, se tivo como obxectivo traballar con firmeza para impulsar iniciativas, campañas e proxectos encamiñados a desenvolver e apoiar o comercio local”. Así nesa liña –matizou o rexedor local– “durante todo o ano se realizan campañas de promoción como Quere o teu mercado coa colaboración da Xunta, Ven ao teu  mercado tamén no Nadal, ArboNadal…. así como outros eventos que axudan a dinamizar a económia local”.

Neste marco do proxecto “da túa man” ademais, abrangue outros proxectos que en breve serán postos en marcha en Arbo, como é a adaptación da accesibilidade á contorna comercial, a instalación de illas ecolóxicas con contedores e de dispositivos para a reciclaxe de residuos especiais, a instalación de sinalética integrada e diferentes accións formativas.

Con estas iniciativas e campañas, informa o alcalde Horacio Gil, queremos e seguiremos apoiando ao comercio, hostalaría, industria e mercado arbense, por ser o comercio de proximidade, que son garantía de bo produto e boa compra.

O CN Ponteareas ascende á Division de Honra ao ompoñerse na final da Liga Galega de Natación en primeira división

O CN Ponteareas fíxose coa vitoria, o campionato e o ascenso á Dvisión de Honra –xunto co CN Galaico de Pontevedra– logo de impoñerse nas probas da final da Liga Galega de Natacioón en 1ª división, disputadas o pasado sábado 11 de maio na piscina do Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas.

Destacaron, a nivel individual, Sofía Carballo, que venceu nas 3 probas de braza 50, 100 e 200; Iria Lemos, que se impuxo en 50 Libre e 100 bolboreta; Carla Faro e Martín Carrera que venceron en 200 e 400 estilos; Alba Ortiz, vencedora nos 200 bolboreta,m; Naiara Eijo, vencedora de 50, 100 e 200 e Costas e Yoel González nas 200 costas.

O club do condado, que se impuxo en todas as substitucións femininas, non puido contar para esta cita con dous nadadores importantes nas súas filas: Pablo Cabana, que cursa os seus estudos na Wingate University (Carolina do norte) e Carla Carrón, concentrada en Andorra coa selección española (foi unha das integrantes que clasificaron á substitución 4x200L feminino para os JJOO París 2024).

Desde a dirección técnica do club esperan que se incorporen ao equipo para disputar próximas citas autonómicas e nacionais e felicitan aos seus deportistas por conseguir este ascenso á máxima categoría galega.

A Deputación aconsella renovar o antes posible a protección contra o mildio e o black rot

A Deputación de Pontevedra aconsella a través do boletín fitosanitario de Areeiro desta semana renovar a protección contra o mildio nas viñas o antes posible, empregando preferiblemente un funxicida sistémico por dous motivos: a relativa retroactividade das materias activas con esta propiedade e mais a súa capacidade de protexer os órganos en crecemento.

O persoal técnico da Deputación fai esta observación tras detectar a aparición de manchas novas abundantes nalgunhas viñas do Salnés, no Condado e no Rosal (malia que con menor incidencia ca observada no Salnés), especialmente en viñas que xa tiveran síntomas relativamente abundantes con anterioridade. Nalgúns predios observáronse síntomas novos (de momento só en folla) e moi incipientes, ao igual que en plantas abandonadas que só presentan síntomas cando o risco é moi elevado. Tamén se detectaron zonas de avance nalgunhas manchas antigas xa con tecido necrosado, cousa que nesta campaña aínda non se observara.

Por máis que as temperaturas estean sendo frescas, os técnicos de Areeiro lembran que esta sintomatoloxía procede do fin do período de incubación de diversas contaminacións primarias (que aínda se poden producir) e das infeccións secundarias correspondentes á primeira semana de maio. A meteoroloxía da semana anterior foi favorable ao patóxeno, e dada que a aparición xeral de síntomas aínda non rematou, Areeiro aconsella esa renovación urxente da protección.

En canto ao black rot, durante a inspección só se observaron avances nas plantas abandonadas, tanto en número de manchas como nos picnidios(corpos de frutificación). O patóxeno vese favorecido por temperaturas algo elevadas en condicións de humidade e, por este motivo, dadas as previsións de incremento das temperaturas para os próximos días e aproveitando a renovación das intervencións contra o mildio, o persoal de Areeiro aconsella empregar un funxicida con actividade fronte ao black rot.

Á marxe das viñas, na maceira Areeiro aconsella aplicar tratamento fronte ao patóxeno do moteado para evitar danos aos futuros froitos, por mor do aumento de temperaturas que se producirá tralo período de choivas. En canto á bolboreta do buxo, infórmase de que nalgunhas sebes queda algunha eiruga, pero na maioría continúan as crisálidas e xa comezan a nacer os primeiros adultos. Por último, no caso dos castiñeiros comezou o voo do tortrícido precoz que pode provocar a caída prematura dos ourizos, reducindo a futura colleita.

O PSOE da Guarda alerta, “a senda do Trega cada día máis lonxe de ser unha realidade”

0

O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de facer pública unha nota de prensa na que alerta sobre o feito que “a Senda do Trega esta cada dia máis lonxe de ser unha realidade” e lembra que o anterior goberno que presidia Antonio Lomba, tiña destinada unha partida para esta actuación. O PSOE fai fincapé que a traves do Plan de Turismo, “a través do que acadamos 1.000.000 € para diversas iniciativas en materia de turismo incluíase, entre outras, esta senda”. 

E agora, “observamos con estupefacción como desde o Concello decídese que a cantidade coa que se pretendía dar inicio aesta obra, crucial para A Guarda e Camposancos tanto a nivel turístico como a nivel de seguridade viaria, se vai a destinar a facer unha obra que desde logo non ten a urxencia nin a importancia que pode ter a da senda arredor do Trega” apuntan as e os socialistas guardeses.

No seu comunicado o Grupo Municipal Socialista explica que dediciuse apostar por esta actuación porque a Xunta de Galicia, ente a quen realmente lle compete levar a cabo esta obra, “leva incumplindo ao longo dos últimos anos e de forma reiterada, as súas promesas de construíla”.

Xa en 2018 o Director Xeral de Infraestruturas de Xunta, aseguráballe a Antonio Lomba que sacarían unha liña de subvencións para sendas que nunca chegou a publicarse. En 2020 a Conselleira de Infraestruturas (Ethel Vázquez) comprometíase tamén, neste caso, a valorar incluír a senda nun Plan de Sendas do Baixo Miño a través de fondos europeos (FEDER 2021-2027), promesa que, afrima o PSOE guardés “volveu a incumprirse”. 

En vista dos antecedentes, os socialistas decidiron reservar unha partida orzamentaria para a senda dentro do Plan de Turismo, para desta forma, dar inicio ás obras e forzar á Xunta de Galicia a destinar fondos para a mesma, replicando a mesma estratexia que se seguira coa reforma do Pavillón Municipal, para o que ao principio a Xunta non quixo destinar nin un euro, e logo, “unha vez o Concello e a Deputación puxeron fondos, viuse obrigada a facelo”, explican. 

O Partido Popular publicaba unha nota de prensa en novembro de 2023 “sacando peito” porque Ethel Vázquez tamén lles prometera incluir a senda nos próximos fondos FEDER “sónanos esa resposta” afirman irónicamente os socialistas que engaden “o que polo de pronto nos di que, como mínimo, ata despois de 2027 a Xunta non prevé en ningún caso, abordar esta obra… se é que realmente a inclúe, cousa que, visto o visto, xa dubidamos”.

“Preto de cumprirse un ano deste novo goberno, non deixamos de asombrarnos coa falta de consideración cara á cidadanía e o pouco sentido común que aplican ás súas políticas”, conclúe o grupo municipal socialista da Guarda.

Máis de 250 persoas descubriron a historia de Baiona no arranque de ‘Eureka Reto Rural’

0

Grandísimo éxito de acollida da primeira cita de ‘Eureka Reto Rural’, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través do que se realizarán 14 xogos de escapismo de balde ao aire libre nos concellos do territorio. Máis de 250 persoas participaron en Baiona nunha aventura temática coa que percorreron as rúas do posto e do centro histórico da vila para mergullarse na historia da arribada da Carabela A Pinta e desfrutar dunha mañá de emocións, diversión e moito entretemento. 

O equipo ‘Arwen’ foi o gañador do primeiro dos escape roomde ‘Eureka Reto Rural’, premiada cunha experiencia enogastronómica para seis persoas no concello de Soutomarior, con visita a un viñedo ancestral con bodega e museo, cata e comida comporta por catro pratos de produtos da ría e razas autóctonas e maridaxe de tres viños na Adega Quinta das Eiras. Por outra banda, o equipo ‘Pitufinas’ fíxose cun lote de produtos do territorio valorada en 150 euros sorteada polo Concello de Baiona. 

As persoas que non puideron acudir ao encontro en Baiona poderán igualmente desfrutar do escape room de forma libre. A actividade estará aberta e dispoñible para todos os públicos durante un mes a través da web do Xeodestino.

‘Eureka Reto Rural’ levará a súa aventura polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, explorando a través de diferentes xogos de escapismo virtuais diferentes recunchos e historias dos municipios. A vindeira cita será este sábado 18 de maio en Nigrán cun percorrido polo imaxinario de Domingo Villar e a súa obra ‘A praia dos afogados’.

As persoas que desexen participar en calquera dos escape rooms deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. Nesta mesma páxina web atoparán toda a información sobre datas, puntos de encontro e horarios das diferentes probas.

A Escola Municipal de Música do Porriño presenta a súa Banda Infantil no Festival das Letras Galegas

O vindeiro mércores día 15, o alumnado da Escola Municipal de Música do Porriño festexará o Día das Letras Galegas con toda a veciñanza e visitantes a partir das 19 horas na Praza do Arquitecto Antonio Palacios, ou no Círculo Recreativo Cultural en caso de chuvia. 

Neste festival, organizado polo Concello e a Agrupación Musical do Porriño, presentarase a Banda Infantil, unha nova formación dirixida por David Trastoy Oseira, que conta con instrumentos de vento madeira, vento metal e percusión, tocados por unha ducia de estudantes da Escola de entre 8 e 14 anos de idade. “É un comezo para asentar las bases dunha banda de música de calidade e referente para o futuro no Porriño”, declara Trastoy.

O festival das Letras Galegas contará tamén coas actuacións dos/as pequenos/as de Música e Movemento, a Coral Infantil, a Coral Polifónica, o Grupo de Música Tradicional e a Banda de Música. 

Banda de Música do Porriño

A maiores da celebración das Letras Galegas, a programación musical continúa o sábado 18 co Festival de Bandas de Música a partir das 12 horas, e o Festival de Corais ás 19:30, na praza do Arquitecto Antonio Palacios. En caso de choiva, as actuacións das bandas de música terán lugar no Círculo Recreativo Cultural; e as das corais, na Igrexa de San Rosendo de Torneiros. As agrupacións participantes serán a Banda de Música do Conservatorio de Verín, a Agrupación Musical do Porriño, a Coral Polifónica San Lorenzo de Belesar, a Coral Frol Nova do Círculo Cultural de Chapela e a Coral Polifónica do Porriño (EMMus Porriño). 

A Escola imparte as súas clases desde principios de curso no edificio do Centro Cívico na avenida Domingo Bueno.

Este curso a Escola está dirixida por David Trastoy Oseira, e a compoñen trece mestres/as máis que imparten as clases das diferentes disciplinas e instrumentos, ademais de dirixir seis agrupacións.

“A Escola de Música é un motor na vida social, cultural e educativa no noso municipio. É ben sabido que a música axuda no aumento da memoria, da atención e da concentración tanto en nenos/as como en adultos/as, e desde o Concello apoiamos todas estas actividades tan beneficiosas para a nosa veciñanza”, salienta Bienvenido Estévez, concelleiro de Cultura.

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, conclúe que “a fusión da música e as letras é un dardo directo ao corazón, por iso que mellor que festexar o día das Letras Galegas co son da nosa Escola de Música. As emocións están aseguradas”.

A Deputación investirá preto de 220.000 € nun novo asistente conversacional intelixente na web de Turismo Rías Baixas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para contratar a posta en marcha dunha plataforma semántica e asistente conversacional por valor de preto de 220.000 euros. Esta actuación, tal e como explicou o presidente provincial Luis López, enmárcase no proxecto Tourist Inside II, financiado con fondos europeos, co que a Deputación de Pontevedra está a transformar a provincia como Destino Turístico Intelixente. “O mundo está evolucionando moi rapidamente e non queremos quedar atrás. Por iso, con esta iniciativa imos sumarnos ás vangardas, ás novas tecnoloxías, e introducir a intelixencia artificial na xestión do turismo”, asegurou López.

A través desta iniciativa dotarase á web de Turismo Ría Baixas dun asistente conversacional, os coñecidos como chabots intelixentes, que aproveitará os fluxos de datos e proporcionará ás persoas usuarias información de interese para dar resposta ás súas preguntas. O proceso que se pon en marcha con este contrato incluirá a creación dunha plataforma semántica, é dicir, unha estrutura que almacene, xestione e analice os datos, sincronizándose á vez coa información existente, para poder interpretar a información e dar, así, resposta ás demandas dos viaxeiros, logrando un turismo máis personalizado e diferenciador.

Luis López fixo fincapé na vontade co goberno provincial de “avanzar na transformación do sector turístico da provincia”, con iniciativas como esta nova aplicación de intelixencia artificial, ou as mesas de traballo para a elaboración da estratexia de turismo para os vindeiros anos, que comezaron o pasado luns en Vilanova de Arousa. “Seguimos avanzando para que todo o mundo poida coñecer e veña vivir, aquí, as múltiples experiencias 100% Rías Baixas”.

Digna Rivas contesta ao PP lembrando que o Goberno amplía o prazo de exposición pública do PXOM “ata o máximo que nos permite a Lei”

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, rexeitou as críticas do PP nas que o grupo da oposición demandaba a ampliación do prazo de alegacións do PXOM “porque non teñen ningún sentido”, asegurou. A rexedora lémbralle aos populares que “a Lei do Solo de Galicia establece un prazo de dous meses de información pública, e o goberno local de Redondela decidiu amplialo ata os tres meses, que é o máximo que permite a lei, e o señor Bas debería sabelo”.

Rivas sinala que foi o anterior goberno popular de Javier Bas o que realizou os pregos para a contratación de redacción do PXOM en 2015. Nese contrato “só se establecían dous meses de exposición pública, e información á cidadanía na oficina técnica só dous días á semana”.

Porén, co obxectivo de mellorar a información á veciñanza, o actual goberno de Digna Rivas realizou un novo contrato para ampliar a atención ao público na oficina técnica “que presta asesoramento os cinco días da semana, cunha xornada de atención tamén pola tarde”. A cita pode solicitarse de xeito telemático na páxina web do Concello de Redondela, e para facilitarlle o trámite aos veciños que o necesiten pode facerse tamén de xeito presencial nas dependencias do Concello ou vía telefónica.

A maiores están a realizarse reunións informativas en todas as parroquias, que non estaban contempladas no anterior contrato, “onde se informa aos veciños en liñas xerais de como o PXOM afecta a cada parroquia”, sinala Rivas. Para facilitar o acceso a toda a información relativa ao plan urbanístico tamén está dispoñible na web do Concello un visor dixital onde buscar as parcelas “dun xeito cómodo e cun funcionamento sinxelo e intuitivo”.

A rexedora insiste en que a prioridade do goberno local é “facilitar todos os medios posibles á veciñanza para que coñezan o plan, que teñan toda a información e poidan facer as súas alegacións” .

Luisa Sánchez destaca o carácter solidario dos galegos e chama a bater un novo récord na ‘6h Vila do Corpus’ de Ponteareas

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, xunto á alcaldesa de Ponteareas e deputada provincial, Nava Castro, presentaron onte venres a V edición da carreira ‘6h Vila do Corpus’, a cita co deporte e a inclusión que se celebrará o próximo 13 de xullo.

Durante o acto celebrado na Praza Maior ponteareá, a representante provincial destacou o carácter solidario dos galegos e chamou a bater un novo récord na recadación de fondos en beneficio da Asociación Síndrome de Down Vigo.

A quinta edición desta carreira nocturna desenvolverase en Ponteareas entre as 20:00 e as 02:00 horas, nun circuíto urbano dun quilómetro con perfil plano no que as persoas participantes deberán dar o maior número de voltas posible. Individualmente ou por equipos dende tres a seis membros e nas categorías masculina, feminina e mixta, as persoas que se inscriban contribuirán a recadar fondos para a Asociación Síndrome de Down Vigo, que traballa para mellorar a calidade de vida tanto das persoas con Síndrome de Down e Discapacidade Intelectual, como das súas familias.

Nigrán ofrece esta fin de semana senllos concertos no marco da celebración das Letras Galegas

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 11 no muíño de Porto do Molle a partir das 20:00 horas unha foliada coas pandereteiras do Sobreiro e a actuación ‘De ramo en ramo’, da intérprete Leni Pérez e o acordeonista Roberto Comesaña (este é o seu primeiro traballo discográfico conxunto, cun amplo repertorio tradicional que xira en torno á figura da muller). As miñoranas ‘Pandereteiras do Sobreiro’ xa actuaron con gran éxito na inauguración do muíño o día 20 de abril ao ter arranxado un tema facendo mención ex-profeso ao devandito muiño.

Clcik para ampliar

Pola súa banda, o domingo a partir das 20:00 horas no Auditorio Municipal terá lugar o tradicional concerto das Letras Galegas da coral anfitriona Novos Aires de Nigrán e a invitada Os Penediños (Atios).

A programación polas Letras Galegas continúa o martes 14 e xoves 16 na Biblioteca Municipal de Nigrán a partir das 18:00 con contacontos infantís (‘A orixe’, de Raquel Queizás e ‘Contamos en Igualdade’, de Eduvía, respectivamente).

O Rosal prepara un verán de lecer para toda a infancia do municipio

0

O Rosal prepara unhas vacacións estivais cheas de lecer para nenos e nenas. O Concello abre ás 09.00 horas do vindeiro martes 14 de maio o prazo de inscrición no campamento de verán municipal para cativada matriculada durante o curso 2023/2024 en educación infantil ou educación primaria que estean empadroados no Rosal ou que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio no municipio.

Trátase dun programa de actividades para os meses de xullo e agosto co que o Concello quere “permitir ás rosaleiras e rosaleiros conciliar a vida familiar e laboral ofertando actividades educativas e lúdicas coas que dinamizar o tempo libre de rapazas e rapaces durante as vacacións estivais e facelo dun xeito divertido e ameno, nunha contorna enriquecedora e fomentando o seu desenvolvemento e crecemento persoal”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O campamento desenvolverase na Escola de Marzán durante os meses de xullo e agosto e contará cun total de 40 prazas, 30 delas de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas e outras 10 en horario de 08.00 a 15.00 horas. De todas estas prazas, 5 serán reservadas para inclusión.

Como novidade, o campamento municipal contará este ano coa posibilidade de inscribirse por quincenas, facilitando así que nenos e nenas poidan compaxinar esta actividade con outros campamentos que se organizan no Rosal. Así, poderase solicitar a participación os dous meses completos, un só mes ou por quince días seleccionando as quendas que se precisen: do 1 ao 14 de xullo, do 15 ao 31 de xullo, do 1 ao 18 de agosto ou do 19 ao 31 de agosto.

O prezo por persoa será de 100 ou 125 euros ao mes, dependendo do horario solicitado na inscrición. En caso de solicitar quincenas o prezo será de 60 ou 70 euros por persoa, dependendo do horario de entrada e saída sinalado na inscrición.

As persoas interesadas en reservar praza poderán presentar a súa solicitude ata o 31 de maio presencialmente no Rexistro do Concello de 09.00 h a 14.00 horas ou por Sede Electrónica. Entre a documentación a achegar, deberase presentar a solicitude de participación, a autorización de recollida da ou do menor, o cuestionario de saúde ou autonomía persoal, a fotocopia do DNI do pai/nai/titor/titora, a fotocopia do libro de familia, a fotocopia da tarxeta sanitaria e vida laboral actualizada, así como certificados específicos de discapacidade da persoa participante, familia monoparental, famillia numerosa ou de traballar ou posuír un negocio no Rosal en caso de precisalo.

O Concello elaborará unha listaxe de persoas adxudicatarias das prazas, así como unha listaxe de reserva. No caso de renuncia, a lista de agarda irá correndo segundo orde numérica.

Luis López adianta que o ‘Plan +Provincia’ mobiliza esta semana 1,7 millóns de euros para impulsar investimentos en nove concellos

A Deputación de Pontevedra aprobou onte en Xunta de Goberno destinar 1,7 millóns de euros para que nove concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos A Estrada, As Neves, Caldas de Reis, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Sanxenxo. Servirán, en palabras do presidente provincial, Luis López, para “acometer obras en estradas, melloras na rede de saneamento, acondicionamento de espazos, actuacións de mobilidade peonil e humanización ou, entre outras iniciativas, mellorar instalacións deportivas”. En total, o goberno provincial xa aprobou este ano 24 M € dos 48,2 M € dos que está dotado este programa para transformar a vida das veciñas e veciños dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.

Desta maneira, cos recursos aprobados esta semana pola Deputación de Pontevedra, O Porriño contará con 78.000 € para a adquisición dunha nova parcela; As Neves 85.000 € para instalar dúas pistas de pádel na área deportiva da Caiña, en Santiago de Tortoreos; Salvaterra de Miño 106.669 € para realizar melloras en vestiarios das instalacións deportivas do Casal, O Rosal recibirá 126.484 € para a adecuación dos camiños de Marzán, do Xogo e da Cangostra, e A Estrada contará con 136.869 para o acondicionamento de xardíns.

Ademais, Ponteareas recibirá 162.732 € para a adquisición de material para a Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural (BIC) do Corpus Christi; Sanxenxo 166.604 para as obras de humanización do acceso á Praza Travesía Areal, en Portonovo; Caldas de Reis contará con 403.358 euros para a primeira fase do saneamento de residuais en Soutelo de Abaixo, e Nigrán con 466.112 € para a segunda fase da mellora de beirarrúas e instalacións na rúa Mariñeiro.

Comezan as viaxes do Tren Turístico de Redondela dende o centro da vila ata a praia de Cesantes

0

Un ano máis o Concello de Redondela pon en marcha as viaxes do tren turístico, un transporte que esperta moito interese tanto entre a veciñanza como nos turistas e peregrinos. O convoi fai o percorrido entre o centro da vila de Redondela ata a praia da Punta, en Cesantes, con viaxes de ida e volta. O punto de saída é na Fonte de Santiago, na rúa Ribeira todos os días, de martes a domingo. As viaxes comezarán mañá sábado.

O horario pola mañá para as saídas desde a vila é ás 12.00 h e ás 13.00 horas. Pola tarde cada hora desde as 15.30 h ata as 19.30 horas. O regreso dende a praia pola mañá é ás 12.30 h e ás 13.30 horas. Pola tarde cada hora desde as 16.00 h ata as 20.00 horas

O percorrido do convoi faise pola rúa Mendiño até ao porto de Cesantes, para dirixirse logo pola rúa Catapeixe ata a praia da Punta.

O Concello de Redondela repite esta iniciativa un ano máis, “coa finalidade de potenciar as actividades turísticas coas que conta, xa que permite coñecer algúns dos puntos máis destacados de Redondela”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. Este transporte permite que tanto os visitantes como a propia veciñanza “descubran a súa vila con outros ollos, cunha viaxe tranquila, nun percorrido polo centro urbano ata o peirao e a praia de Cesantes”.

O prezo da viaxe é de 5 euros, ida e volta, 3 euros para nenos dos 3 a 12 anos, e os menores de 3 anos viaxan de balde.