18.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Xullo de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoAntonio Palacios, gran protagonista do desafío de ‘Eureka Reto Rural’ no Porriño

    Antonio Palacios, gran protagonista do desafío de ‘Eureka Reto Rural’ no Porriño

    O novo desafío de ‘EurekaReto Rural’ ten nome e apelido: Antonio Palacios. O arquitecto será o gran protagonista do escape room do Porriño, escenario da sexta proba desta iniciativa posta en marcha por Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, un produto turístico diferente e orixinal co que achegar ao público ao territorio a través de xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital, de balde e para todos os públicos.

    Este sábado 22 de xuño o centro do Porriño acollerá un encontro no que todas as persoas participantes poderán coñecer un pouco máis sobre a figura de Antonio Palacios coincidindo cos 150 anos do seu nacemento. Recoñecido a nivel nacional polo seu gran traballo, Palacios é un dos arquitectos máis ilustres de Galicia e artífice do cambio urbanístico do Madrid de primeira metade do século XX. As e os participantes percorrerán as rúas porriñesas para achegarse á vida, obra e ata aos monumentos dun personaxe moi vinculado  ás canteiras e gran amante da súa terra.

    O escape room partirá ás 10.30 horas da Praza do Concello do Porriño nunha ruta circular de dificultade moderada e accesiblepara todos os públicos. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Para as persoas que non poidan desfrutar desta experiencia o día do estreo, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. 

    Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, convidou a todas as persoas a participar nestes xogos de escapismo ao aire libre, “que está a piques de chegar ao seu ecuador cun desafío que demostra como nunca como un produto turístico innovador como Eureka Reto Rural pode ofrecer unha oportunidade única para que as e os participantes conecten coa historia do noso territorio, celebrando e descubrindo a nosa valiosa herdanza cultural e patrimonial”.

    Como destaca o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, “Antonio Palacios foi moito máis ca un arquitecto, foi un ilustre porriñés que se atreveu a soñar ao grande e conseguiu consolidarse como un referente da arquitectura española do século XX. Foi alguén que deseñou unha Galicia moderna e un Madrid maxestuoso que respectaba o tradicional mentres se abría ao futuro. E o mesmo fixo na súa vila natal, deixándonos un valioso patrimonio que este ano, con motivo do 150 aniversario do seu nacemento e o centenario dunha das súas grandes obras, a nosa Casa do Concello, queremos poñer en valor.  Este xogo é unha oportunidade perfecta para descubrir O Porriño a través de Palacios e tamén para coñecer un pouquiño máis a súa vida e obra, por iso agradezo a EuRural e Xeodestino esta iniciativa e convido a todo o mundo a asumir o reto e xogar con nós!”.

    As seguintes datas, concellos e temáticas dispoñibles serán:

    • 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
    • 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
    • 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
    • 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne do Suído e da Chanfaina’.
    • 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
    • 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: As casas indianas’.
    • 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.
    • 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.

    Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.