Sábado, 8 Febreiro de 2025

Mostra de Produtos de Covelo este sábado con música en directo e contacontos teatralizados

Sesión vermú coa música en directo coas Retranqueiras de Barcia de Mera, Sons do Suído e Poker dos Barallocas

O Concello de Covelo celebra este sábado día 1 a súa Mostra de Produtos de Covelo con produtos de proximidade, artesanía e segunda man de 10 a 14 horas.

Postos de produtos de alimentación, cestaría, cosmética natural, decoración, horta, maquetería, prantas, de tatuaxe con henna, textiles e xoiaría, entre outros moitos, nos que mercar e aprezar o traballo local e o realizado a man.

Ás 11:30 h Barafunda animación ofrecerá o contaconto teatralizado “Pepiña Maruxiña quere voar” un espectáculo educativo e lúdico animado con efectos sonoros. A partir das 12:30 h e como de costume chega a sesión vermú con música en directo, nesta ocasión a cargo das Retranqueiras de Barcia de Mera, Sons do Suído e Poker dos Barallocas. Ademais, as persoas asistentes poderán gozar da boa gastronomía da hostalaría local e do polbo á feira.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, convida a toda a cidadanía a participar desta xornada e aproveitar a súa estancia para coñecer o patrimonio histórico e etnográfico ou percorrer algún dos sendeiros que nos descobren a rica fauna e flora de Covelo. 

A Mostra de Produtos de Covelo conta co apoio da Deputación de Pontevedra.