Venres, 13 Decembro de 2024

Romaric Forques e Natalia Castro, gañadores do IX Tríatlon Concello do Porriño

Os triatletas do Cidade de Lugo Fluviallograron levantar a banderola da meta cuns tempos de 0:55:56 e 1:03:44 respectivamente

As condicións meteorolóxicas, coa choiva ameazando con irromper e un vento que facía especialmente complicado o tramo no río, fixeron que este IX Tríatlon Concello do Porriño se convertera dunha das edicións máis dura ata o momento. 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo seu homólogo en Tui, Enrique Cabaleiro, e os concelleiros de deportes de ambos os dous concellos, foi o encargado de dar o bocinazo de saída, ao primeiro dos grupos na Comandancia Naval do Miño, ante un público entregado que animaba aos participantes. Tan só 10 minutos despois, saían as triatletas, que non tardaron en coller o ritmo dos seus compañeiros atopándose incluso nas augas do Miño. De seguido, o grupo popular que, como o resto dos participantes completaron os 750 m desta primeira etapa. 

En total foron 170 triatletas, que de seguido, colleron a bicicleta e encararon os 20.22 km que separan a transición de Tui coa do Porriño, onde deixaron as bicis para comezar a última etapa, a carreira a pé. 5 km ata a meta instalada na praza Arquitecto Antonio Palacios. 

O primeiro en cruzar a meta foi Romaric Forques, triatleta do Cidade de Lugo Fluvial, que se anotou un brillante triunfo. Chegou en cabeza seguido do seu compañeiro de club, David González, que rematou a proba 4s despois. O podio masculino absoluto completao Xoel Rodríguez, do Club Deportivo Delikia que conseguiu un tempo de 0:56:48. 

Na categoría feminina a vitoria foi para Natalia Castro, do Cidade de Lugo Flvial cun tempo de 1:03:44, seguida de Iria Fernández , do Club Tríatlon Vilalba, cun crono de 1:07:29 e Carla Guisande, de Club Tríatlon Diablillos en 1:08:41. 

A entrega de trofeos correu a cargo do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e concelleiros e concelleiras do equipo de goberno. Todos coincidiron en eloxiar o tremendo esforzo e traballo dos/as participantes, así como destacar o labor dos voluntarios e colaboradores como a Policía Local e Protección Civil do Porriño, Policía Local e Protección Civil de Tui, Comandancia Naval do Miño.