Luns, 10 Febreiro de 2025

A Fundación Juana de Vega organiza unhas xornadas sobre agromárketing na EFA A Cancela das Neves

Os próximos luns, 10 e martes, 11 de xuño, a Fundación Juana de Vega organiza as xornadas “Claves do agromárketing” na EFA A Cancela Centro de Formación Profesional das Neves (Pontevedra). Ademais das prazas para o alumnado, hai 10 vacantes dispoñibles para profesionais do sector agroalimentario e outras persoas interesadas na temática. A inscrición, de balde, faise neste formulario: https://juanadevega.org/xornadas_e_cursos/claves-do-agromarketing.

Durante dous días, a temática dos relatorios estará encamiñada a aumentar a competitividade das empresas agroalimentarias da contorna aplicando estratexias de comunicación e de márketing, de innovación en packaging ou a través de colaboracións con gastroinfluencers. Os relatores convidados o luns 10 son José Manuel Suárez, socio director da axencia iuni strategic marketers, Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce de Galicia, presidente-fundador de Markea e do Clúster da Comunicación de Galicia; Sofía Pérez, directora de negocio e crecemento de Mundo Healthy – Granxa avícola Campomayor. O martes 11, acudirán Rita Bello e Alba Mouriño, da axencia LAS-DOS Comunicación que entrevistarán ao blogueiro e influencer gastronómico pontevedrés, Alberto Ribas.

O segundo día tamén haberá unha mesa redonda con cooperativas do sector agroalimentario da contorna que producen fariña de millo nixtamalizada (usada para preparación de tortillas, tamales, arepas, etc.), requeixo das Neves, viño albariño e verduras e hortalizas en circuítos curtos. Así, os asistentes poderán compartir a experiencia das cooperativas A Milpa do Salnés da man dos socios Guillermo Rodríguez e Ofelia Gaitán; de Condado Paradanta, representada polo presidente, Alejandro Martínez; de Adega Eidosela, por parte de quen asistirá o presidente, Federico Pérez; e coa propietaria da hortícola Aloumiños da Terra, Rosa María Covelo.

Esta formación enmárcanse no programa de actuación 2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Pprograma completo das xornadas pódese descargar dende esta ligazón.