Martes, 10 Decembro de 2024

O rueiro do Rosal terá nome de muller

Alumnado de 4º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier presentou un estudo sobre o mapa de rúas e propostas para incorporar os nomes de rosaleiras importantes

No Rosal, as mulleres tomarán as rúas… e o rueiro. O alumnado de 4º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier visitou o Concello cunha importante proposta baixo o brazo: que a igualdade chegue ao mapa de rúas do municipio. Tras facer o ano pasado un estudo sobre as rúas e edificios do Rosal, a rapazada detectou que sempre se usaban nomes masculinos, agás no caso de María Zambrano. Por iso, neste curso decidiron poñer en marcha unha iniciativa para visibilizar o importante papel das mulleres rosaleiras ao longo da historia e poñer no mapa novos referentes femininos.  

Para a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “é moi importante recoñecer o labor de todas aquelas mulleres dos barrios que coas súas accións dende o anonimato deron pasos cara á igualdade e cara ao avance social. E por suposto é un orgullo ver como as novas xeracións retoman ese testemuño e son capaces de levar a cabo un traballo de investigación extraordinario para conseguilo”. 

Este proxecto, que contou coa implicación activa do equipo docente e dos propios alumnos e alumnas, ten como obxectivo equilibrar a balanza da representación histórica nos espazos públicos do Rosal. O Concello levará esta iniciativa ao Grupo de Participación Infantil e Xuvenil para estudar as propostas realizadas e ver como transformar o traballo feito en nomes reais nas rúas do municipio.

Entre as mulleres propostas destacan figuras locais como María Concepción Fernández Delgado e María José Casares, mestras no CPI Manuel Suárez Marquier recordadas polo seu compromiso e dedicación; a profesora da escola unitaria de San Xoán de Tabagón Rocío García, que ensinaba a nenos e nenas das formas máis divertidas; ou Xulia Suárez, a matrona de Oia, defensora activa dos dereitos das mulleres durante o franquismo e acompañante de moitas nais rosaleiras no proceso de xestación e crianza dos seus fillos e fillas. 

Non podían faltar entre as propostas para formar parte do rueiro rosaleiro os nomes de Marcola González, unha das protagonistas do proxecto de patrimonio inmaterial do Concello ‘Memoria Viva’; Elda González, que realizou un importante labor social durante as épocas de maiores penurias económicas; á modista Domitila González, que ensinou a bordar a moitas mozas do Rosal; Rufina Domínguez, que loitou a favor da II República e escondeu na súa casa ao último alcalde republicano do Rosal ou Arminda Gómez, a primeira muller que en plena posguerra se atreveu a poñer pantalóns, revelándose contra o sistema establecido e polo que foi represaliada e estivo presa varios anos.

Como sinalou a alcaldesa, “este traballo é un exemplo de como a educación pode transformar a nosa sociedade. É un grande orgullo ver á mocidade do noso municipio traballando por un futuro máis xusto e igualitario”.