Luns, 10 Febreiro de 2025

A Cañiza estrea na Franqueira a nova sinaléctica da ‘Via Mariana de Peregrinación Luso Galaica’ que une Braga con Muxía

A poucos días de celebrarse a Romaxe das Pascuillas na Franqueira, (luns 20 de maio, festivo local na Cañiza)  o alcalde da Cañiza, Luis Piña acompañado do párroco Javier Alonso Docampo e a presidenta e o secretario da Asociación Via Mariana, María José Silva e Miguel Anxo Antón, respectivamente, achegouse ata a Franqueira para comprobar o emprazamento do cartel que anuncia a Etapa 7 da Vía Mariana que une Braga con Muxía. A nova sinalización, sufragada polo Concello cañicense, da continuidade á liña de colaboración entre o Concello e a Asociación da Vía Mariana.

O novo panel, diseñado pola Asociación co visto e prace do Concello, informa da chegada á séptima etapa da Via, que dende Parada de Achas ascende por sendas de montaña pasando polo ‘Neveiro dos Frades’ ata os 940 m de altitude do ‘Coto da Vella’, lugar destacado polas súas vistas infinitas. O trazado descende dende aí ata o Santuario da Franqueira polo Vía Crucis baixo a Gran Cruz da Paradanta. Esta etapa de gran beleza natural da paso a  Covelo, a través de Prado da Canda e a Lamosa.

A VÍA MARIANA: un

A Vía Mariana –importante proxecto turístico, cultural, relixioso, económico,  social e tamén altruista e ambicioso, feito coa suma de talentos e vontades– ten o seu ‘Km Cero’ no Santuario do Sameiro, Braga (Portugal), atravesa 5 cámaras portuguesas e entra en Galicia por Arbo ata chegar a Muxía recuperando do esquecemento estradas extraordinarias para xuntar santuarios –Goaes, Soajo, A Peneda, Melgaço–, así ata chegar ao Santuario da Franqueira. Dende aquí a vía segue en Santiago de Covelo, Santa María de Estacas, Santa María de Augasantas, Santa María de Sacos, Os Milagres de Amil, Valga, Iria Flavia, Santiago de Compostela, Negueira, Baiñas e Muxía, onde conclúe.

Cun percorrido de 400 km, programado en 18 etapas ten como principal obxectivo “crear sinerxias para favorecer as zonas rurais máis deprimidas coñecidas como deserto verde, fixar poboación, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e ponderar a nosa riqueza paisaxística e patrimonial. Esta vía tamén está concebida como un punto de encontro espiritual”.

Na actualidade conta con 70 promotores entre institucións públicas e privadas, asociacións, comunidades de montes e particulares. Para máis información sobre a Via Mariana, as persoas interesadas poden acceder a través desta ligazón.